xoves, 16 de marzo de 2017

Toponimia maior de Ortigueira



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello.

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, primeiramente omitimos todos aqueles topónimos con significado transparente, cuxa explicación sería de  pouco valor. Ademais,  dado que para este concello non están recollidos oficialmente os microtopónimos, esta páxina "soamente" recolle aqueles que figuran no "Nomenclator", que corresponden cos nomes de núcleos de poboación e freguesías.
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo e vaiamos tendo axuda. En particular sería de axuda ter soporte e acceso a documentación medieval que nos permitise contrastar os nomes actuais coa súa representación antiga.

-----------

A ABASTEIRA (Espasante)
Posiblemente o mesmo que "Basteira". Ver "A Basteira" para máis detalles.
Contodo, sería preciso documentación antiga para confirmar (ou rexeitar) esta hipótese.

A ARMADA (O Ermo), A ARMADA DE ABAIXO (San Claudio), A ARMADA DE ARRIBA (San Claudio)
Unha "armada" reférese a unha trampa para cazar animais.

A BASTEIRA (Senra)
Os topónimos "Besteiro(s)" e "Besteira(s)" (co primeiro "e" aberto) xa foron interpretados por Moralejo Laso (cf. Verba 4) como derivados de balestariu / balestaria, do mesmo modo que existe Escudeiro, Cabaleiro. En efecto, Moralejo cita a Leite de Basconcelos, que os interpreta desta maneira para os existentes en Portugal (cf. A. Moralejo, "Sobre la grafía y pronunciación de los topónimos gallegos", in Verba 4).

Por outro lado, como tamén indicaba Moralejo, "Besteiro" (e daí "Basteiro", Basteira) podería provir de "besta" 'egua, animal de carga', aínda que semella máis improbable para un topónimo e para unha poboación.

A BREA (Barbos)
Brea pode ter varias orixes e significados, pero moi probablemente neste contexto signifique "vrea" (verea, vereda).

A BRIXELA (Céltigos)
Probablemente poida interpretarse como diminutivo de "brexo" 'matorral, humedal' (tanto no galego como no portugués). O apelativo brexo foi estudado por E. Bascuas relacionou co tema céltico *bhreg-io. Nese estudo é mencionado este topónimo "A Brixela" (cf. p. 462 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Núm. 17).

Hai un "O Brixel" en Silán (Muras) que tamén interpretamos deste modo, se ben tamén puidera vir de "verxel", o cal deriva do antigo occitano vergier, e este á súa vez do latín viridiarium (de verde, arboreda).

Por outro lado, aínda que o dicionario defina "brixel" como "unha clase de rede" (tanto no galego como no asturiano, para pescar troitas no caso asturiano), semella ter un encaixe difícil esta interpretación para un topónimo, polo que non consideramos probable interpretar o topónimo como derivado desta acepción.

A CAIOGA (San Claudio)
Etimoloxía e significado incertos. Podería ter orixe céltica e estar relacionado co vocábulo galo cagio 'sebe', 'campo cercado'. En efeito, Matasovic identificou o protocéltico *kagyo- como 'curral, cercado' (cf. p. 184 de R. Matasovic, 2009. "Etymological Dictionary of Proto-Celtic").
Descoñecemos se garda relación etimolóxica con "Caión", no veciño Mañón.

A CALVELA (Espasante)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación.

Por outro lado, Nicandro Ares, indica que a orixe é nun antropónimo Calvus (cf. "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011). Porén, co máximo respecto para o ilustre Ares, semella moi improbábel, dada a frecuencia dos topónimos "calvo", "calvelo", calvela e calveira referidos a lugares sen vexetación. Ademais, o uso co artigo como é neste caso aínda lle resta máis posibilidades. A xustificación dunha orixe distinta precisa de evidencias, incluíndo documentación antiga ou con casuística similar.

A CAPELADA (Veiga)
Topónimo tan frecuente como opaco.
En efecto, "A Capela", como diminutivo de "capa", podería ter tido diferentes sentidos aplicados á toponimia, se ben podemos interpretalo como "capa de terreo" , ou tamén unha alusión á forma da capa de vestir, talvez pola forma de punta.

Atopamos A Capa en Pantón, O Capeirón en Xermade, A Capeleira en Abadín, O Capelo en Monfero, Capelos en Santiso.

A CATADOIRA (Veiga)
Podería ser "captatoria", posto de "observación" ou de "caza". Existen outras, por exemplo en Mañón, na Régoa (Cedeira), e Catadoiro en Vieiro.
Alternativamente de orixe prerromana, baseada na raíz *kat(t)-, ver esta entrada no blogue "Pena da Cataverna" para máis detalles e interpretacións.

A CATUXA (O Mosteiro)
Probablemente, referindo á antiga posesora do lugar, unha persoa chamada Catuxa (hipocorístico de Catarina).
Alternativamente, tampouco podemos descartar unha orixe prerromana deste topónimo, na coñecida raíz *kat(t)-, e que a similitude formal co nome de persoa sea simplemente casual. Para máis detalle sobre a raíz prerromana *kat-, ver esta entrada no blogue "Pena da Cataverna" para máis detalles e interpretacións.

A CONGOSTRA (Mera de Arriba)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". A palabra vén do latín congusta 'estreita'.

A COSTOIRA (Céltigos)
O termo "costoira" coido que provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe.
Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, ver esta entrada no blogue "Pena da Cataverna" para máis detalles e interpretacións.

A CRUZ DO NOVAL (Mera de Arriba)
Cruz situada no "Noval". O termo "noval" derivaría de "(agro) noval", que significa "terra nova para o cultivo" (cf. aquí).
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable".

A DORNA (Devesos)
O termo "dorna" probablemente teña orixe na hidronimia paleoeuropea, e derive da raíz indoeuropea *dheu- "fluír", frecuente en hidrónimos de orixe prerromana (cf. p. 52 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como río Doiro (< Durius).

Alternativamente, Corominas suxería unha orixe no céltico *durna, o que acepta a RAE no seu dicionario: “quizá del celta *dŭrno-, cierta medida de capacidad; cf. galés dwrn, puño, y bretón duorn, mano”.

Cabeza Quiles relaciónao cunha "valgada, depresión no terreo, na forma dunha caixa". No mesmo sentido, García Arias indica para o correspondente termo asturiano duerna como "‘artesa’, ha podido diversificarse semánticamente para aludir a terrenos más o menos envallados o aptos para recibir aguas" (cf. aquí).

Nunha liña similar, Gerhard Rohlfs asígnalle unha acepción de ‘foxo profundo nos ríos’ (cf. Rohlfs, 1985. "Diccionario dialectal del Pirineo aragonés").

Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado un "Fernan Diaz da Dorna", quen merca "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." - aquí).


A ERVELLA (San Salvador de Couzadoiro)
Ervella en galego indica varias leguminosas, principalmente as fabas e os chícharos. Estaríamos, xa que logo, nun fitotopónimo, tal como indica Navaza na súa obra de fitotoponimia (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Por outro lado, Navaza tamén nos indica a interpretación alternativa de orixe hidronímica prerromana, semella improbable esta orixe, xa que no mesmo concello atopamos os topónimos "Ervelleiro" e "Ervellaqueira".
Finalmente, indicar que a presenza do artigo neste topónimo descarta, neste caso, unha orixe antroponímica de nome de posesor.

A FIEIRA DE ABAIXO (Devesos), A FIEIRA DE ARRIBA (Devesos)
Tanto "fieira" como "feal", fan referencia a un herbal, un terreo que produce "feo". Este topónimo concreto é citado por Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

A FIEITEIRA (O Ermo)
Tanto "fieiteira" como "fenteira", así como "felgueira", "folgueira", todos eles fan referencia a un lugar onde abundan os fieitos, tamén chamados fentos ou felgos.

A GAIVA (Devesos)
O termo "gaiva" non aparece nos dicionarios de galego, pero si o fai "gabia" como "abertura longa e estreita que se fai nun terreo para levantar un valado, pór os cimentos, conducir a auga". Polo contrario, si aparece en portugué e en castelán, con significados similares, de "fenda escavada no solo polas augas da chuvia".

A GALIÑEIRA (Devesos)
Os topónimos "galo", "galiña" ou "galiñeiro", pese ao significado obvio de "ave", non parecen encaixar na maoiría dos dos casos, e moitas veces a súa localización está relacionada con formacións rochosas. Proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada.

A GÁNDARA (Senra)
O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

A GOLPILLEIRA (Ladrido)
Unha "golpilleira" ou "golpeira" fai referencia a un antigo covil de "golpes" (raposos).

A GRELA (Loiba)
Este topónimo non presenta maiores dúbidas: a grafía correcta sería "Agrela" 'pequena agra', do latín agrella(m).

A TINTEIRA (Insua)
Posiblemente teña orixe como derivado de "tinta", do latín tincta, participio de tingere 'tinxir'.
Este topónimo foi interpretado por Navaza deste modo, indicando que podería estar referido ben a uva tinta, tal como tamén indica Palacio, ou ben a outras especies botánicas, especialmente aquelas usadas para tinxir tecidos ou para obter tinta ou líquidos corantes. Indica ademais o caso recollido por Sarmiento, de chamar "tinta" á árbore Ligustrum germanicum, da cal se usaba o zume negro do froito (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

A GRAÑA (Céltigos, Insua)
O termo "graña" ven do latín granea, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

A MEDROSA (San Claudio)
Posiblemente de "a (terra) medrosa", indicando un terreo moi produtivo, onde medran con facilidade as plantas.

A MERA (Insua)
De orixe prerromana. Ver "Río Mera" para máis detalles.
É interesante notar a presenza do artigo, o cal nos indica que o apelativo prerromano "mera" conservouse en uso polo menos ata a primeira época da romanización.

A MONTEIRA (As Neves)
O dicionario define monteira como "Antiga peza de abrigo para a cabeza feita de pano ou la, xeralmente sen viseira". Non semella que sexa esta a orixe deste topónimo, senón máis ben unha adxectivación en referencia a monte ou tamén, igual que "monteiro", na acepción de "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza para onde se atopan os cazadores".

A PALLAREGA (O Mosteiro)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "casa pequena cuberta con palla", "palleiro", "restrebas" (cf. aquí).
Semella máis probable a acepción de "casa cuberta de palla", pois os topónimos "A Pallarega" e "As Pallaregas" referen xeralmente a núcleos de poboación (tal como tamén ocorre neste caso).

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos "A Pallarega" en Viveiro, Cervo e Muras, así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

A PANDA (As Neves), A PANDA DA SERRA (As Neves)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PARDIÑEIRA (Barbos, Mera de Abaixo)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. DDD). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.

Na toponimia galega abundan as "Pardiñeiras". En Mogor hai "As Pardiñeiras", en Riobarba (O Vicedo) e en Covas (Viveiro) hai "A Pardiñeira", en Celeiro (Viveiro) "Pardiñeiras".

A PENAOSEIRA (Cuíña)
Composto de Pena Oseira, indicando unha pena ou penedo onde que frecuentarían os osos, ou talvez cunha gorida de osos. Sería bon comprobar se existe unha cova nun penedo do lugar.

A PEROXA (Mera de Arriba)
Para os topónimos "Peroxa", relativamente frecuentes en Galiza, xa Sarmiento derivou do latín petrosa(m), a mesma logo que "pedrosa". Igualmente opinan  Rivas Quintas e Cabeza Quiles (cf. E. Rivas. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"; cf. F. Cabeza. "Os nomes da terra").

A PICHEIRA (Devesos, Os Freires)
O mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que os topónimos "Picheira", indican xeralmente algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (O Courel).
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.

O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o líquido das cubas de viño.

A PRADIA (Os Freires)
Lugar onde hai (houbo) pradairos. O termo "pradia" tén o mesmo significado que "pradairo", a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DDD). En efecto, Navaza recolle este topónimo, tamén existente no Valadouro, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

A PRETA (Cuíña)
Posiblemente de "A (terra) preta", indicando terra boa, de cor negra. Aínda que na actualidade o adxectivo "preto" non conserva o significado de negro, si o tiña na Idade Media (cf. DDGM), e aínda se conserva no portugués.
Alternativamente, podemos pensar nunha orixe nun posesor apelidado ou alcumado "Preto". Este apelido, actualmente castelanizado en "Prieto", ten presenza na área mindoniense (cf. aquí).

A QUEIRA (O Mosteiro)
Posiblemente o mesmo que "caeira", que ten dúas acepcións en galego: "ladeira, encosta, declive", e a de "caleira, forno de cal".
A falta de datos do lugar, calquera das dúas acepcións son posibles, aínda que a de "caleira" semelle máis atractiva toponimicamente.

A RAMALLEIRA (Veiga)
Topónimo transparente: tanto "ramallal", como "ramalleira" e "ramallosa" fan referencia a un lugar onde abundan os ramallos.

A REGA (Cuíña, Espasante, San Claudio, Senra)
Unha "rega" é definida como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."

É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea" *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego" (cf. E. Bascuas, 2000. "Verba" aquí).

A REGUEIRA (O Mosteiro), A REGUEIRA DE ABAIXO (San Salvador de Couzadoiro), A REGUEIRA DE ARRIBA (San Salvador de Couzadoiro)
Os dicionarios de galego definen regueira como "canle por onde baixa un rego de auga" (cf. RAG).

A RETORTA (Loiba, Mera de Arriba)
O dicionario de Eladio Rodríguez define regueira como "volta, revolta, curva que fan os camiños e os ríos polos accidentes do terreo que recorren (cf. DDD).

A ROCHA (Ladrido, San Claudio)
Tanto "rocha" como "roca" son sinónimos de "penedo". O apelativo "rocha" parece ter pouco uso na fala actual da comarca.

A RÚA (Barbos, Cuíña)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín", in Verba - Anexo 18).

A SEARA (Insua), A SENRA (Insua)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica *sénara.

É interesante reparar que na mesma parroquia de Insua conviven dous topónimos resultantes da mesma orixe. Temos tamén na parroquia de Ortigueira o mesmo topónimo "Senra".

A TAIPA (Espasante, Senra)
Este topónimo está relacionado co apelativo "taipa", presente nalgúns dicionarios de galego como sinónimo de "tapia" 'muro alto co que se delimita e pecha un terreo'.

Para Coromines, a primitiva implantación xeográfica permite derivalo dunha orixe hispano-latina *tapia, "probablemente formado con tap!, onomatopeya del apisonamiento".

A metáteses tapia > taipa é un fenómeno común no galego, aínda que na toponimia soamente coñecemos estes dous casos de "Taipa", fronte ás ducias de Tapia existentes en Galiza.

No portugués, a forma estandar é precisamente "taipa"'parede feita com grade de madeira delgada e estreita, cujos vãos se enchem de argamassa" (cf. priberam).

A TELLEIRA (Senra)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar. A súa existenza parece que durou ata meados do século XX.

A VICOÑA (Luía)
Os termos vicoña e bicoña non aparecen atestados en galego nin nas linguas latinas. Cremos que se trataría dunha forma de orixe prerromana, dada a terminación -oña, frecuente nas formas de orixe prerromana (en particular na hidronimia), e talvez proveña da mesma raíz que "bico".

Existe o topónimo "Becoña" en Boborás (Ourense), probablemente de igual orixe. Hai un Vicuña en Álava, descoñecemos se garda relación; figura xa atestado un "Hernando de Bicuña" no País Vasco, no ano 1500, polo que non ten relación algunha co quechua "vicunna" ou "wikuna".

ALDAR (O Ermo)
De (uilla) Elduarii, forma en xenitivo de Elduarius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola").
Existe outro Casaldar (< Casa Aldarii) en Muras.

Este "Aldar" sería probablemente o que aparece atestado en 1095 como Elduare "per terminis de Martisi et Plapa Mala et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

ALTAMIRA (Devesos)
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e no resto da Península. Aínda que pareza ter un significado transparente, moi probablemente non ten nada que ver co verbo "mirar", senón que é un topónimo de orixe prerromana.
De feito, "mira" é un elemento presente en hidrónimos como Mirante (<*Mira-nt-i), Miranzo (<*Mira-nt-io), etc, que inclúen sufixos -nt- de orixe prerromana. É interesante reparar tamén en Mirela, coa típico diminutivo do cauce alto dos ríos (e.g. o "Sarela"), que volve a confirmar o carácter hidronímico do elemento *mira. Da mesma raíz tamén derivarían outros hidrónimos como "Mera".Esta é a orixe plantexada por Rosa Pedrero, quen lle asigna unha orixe común aos elementos hidronímicos prerromanos  *mir- e *mer-  (cf. R. Pedrero,1996. "El hidrónimo prerromano Mira").

En canto ao elemento inicial "al-t-", podería corresponder coa raíz indoeuropea *al- 'elevar', o mesmo que o latín altus ou o celta alto.
Por outro lado, alternativamente, sería preciso confirmar que non ten relación ou orixe co viscondado de "Altamira".

ALVARIÑOS (San Claudio)
O termo "alvariño" ou "albariño" é un derivado do adxectivo latino albus 'albo, branco'. Dado que se pode aplicar en múltiples contextos, é difícil de establecer neste caso o significado, aínda que podería vir de "(terreos) albariños", " terra albariña", definida no dicionario como "terra lixeira e de mala calidade" (cf. DDD). Navaza interprétao similarmente, como diminutivo de "albar", "de cor tirando a branca", por exemplo de "uva albariña", ou "terra albariña" ("terra esbranquizada"). Alternativamente, podería referirse a unha familia de apelido "Alvariño", frecuente no veciño concello das Somozas.

AS ACEAS (Insua)
Os apelativos "acea" e "aceña" proveñen do árabe. No dicionario "acea" é definida como "Muíño situado nunha ría, que aproveita para o seu funcionamento a auga acumulada durante a preamar".
As aceas non tiñan "rodicio" senón unha roda vertical similar a unha nora.
É un topónio relativamente frecuente, así temos outro "As Aceas" en Viveiro.

AS AGUIEIRAS (Freires)
Unha "aguieira" é un lugar frecuentado polas aguias.

AS ANGARIAS (Insua)
O apelativos "angaria" non figura nos dicionarios de galego pero si no de portugues, coas acepcións de "requisição de bestas para serviço público" e "aluguer de bestas".
Viterbo clarifícao mellor: "en algúns forais áchanse estas 'angueiras' ou 'angarias', de bestas e bois, mais só co nome de 'servizo', que se debía prestar ao señorío" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
Xa que logo, interpretámolo como que nese lugar alugaban bestas ou bois, ou ben era onde lle prestaban o servizo de aluguer de bestas e bois aos señores do lugar.

AS CONGOSTRAS (Ladrido)
Ver "A Congostra".

AS CORTIÑAS (Devesos)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’ derivou cohortina ‘cortiña’ (así como cohorticulum ‘cortello’).
As cortiñas son leiras, que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

AS CROAS (Mera de Aaixo)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

AS FORCADAS (Devesos)
Probablemente referindo a "(augas) forcadas", indicando unha bifurcación no río.
Os topónimos do tipo "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta" son relativamente frecuentes en Galiza, e son interpretadas como ", quer de río, de camiño ou de cordal. Esta frecuencia tamén permite descartar que fosen orixinados nunha referencia ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría coa dita frecuencia na toponimia.

AS GALIÑEIRAS (Mera de Arriba)
Ver "A Galiñeira" .

AS MESTAS (Couzadoiro)
O topónimo "Mestas" ven de (aquas) mixtas 'mesturadas', indicando unha confluencia de ríos ou regatos.
Outros "Mestas" nos arredores aparecen nas Grañas (Mañón), en Silán e na Curiscada (Muras).

AS NAVEIRAS (Veiga)
O dicionario define "naveira" como "herdade labrantía, na beira do río, con area de boa calidade, fácil de traballar e produtiva" (cf. DDD).

AS PAINCEIRAS (Céltigos)
Lugar onde abunda o paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo.
Existe outro "Painceiras" cercano en Mera de Abaixo.

AS PONTIGAS (Luía)
Diminutivo de "ponte", ponte pequena, de madeira, pedras ou laxes para cruzar un regato ou arroio.
Tanto "pontella" como "pontiga" derivan de *ponticula, ponte pequena.

AS RILLEIRAS (Céltigos)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. aquí.
No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe relacionada coa raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente na hidronimia europea.

AXILDE (San Claudio)
De *(uilla) Agildi ou *(uilla) Anagildi, forma en xenitivo de Agildus ou Anagildus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Calquera dos dous posibles nomes indicados son de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Idade Media.

BALDOMAR (Mera de Arriba)
De *(uilla) Baldemari, forma en xenitivo de Baldemarius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Idade Media.

BARBEITA (Ladrido)
De "(terra) barbeita". O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".
Os topónimos Barbeito e Barbeita son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro Barbeita no veciño concello de Mañón.

BARBOS (Barbos)
Topónimo probablemente derivado dun xentilicio de orixe prerromana, como se verá de seguido.
Está atestado como Sancti Juliani de Baruaos en 1137, e "in Barbaus" en 1164 (cf. S. Montero, 1935. "La colección diplomática del Monasterio de Jubia") así como Sancti Iuliani de Baruaos sen data (cf. P. Loscertales, 1976. "Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes", Vol. I).
Estes rexistros, así como outros máis tardíos onde aparece como Barboos, apoian a hipótese de Bascuas de derivar dunha protoforma *Bharwanos, con sufixo átono de xentilicio, do que derívaria para *Báruanos > Bárboos > Barbos (cf. p. 77 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
Sería, xa que logo, un xentilicio que referenciaría a habitantes procedentes dun lugar chamado Barba ou similar. Este "Barba" proviría dun anterior Barva, a partir do radical *barw-, derivado da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial' (cf. p. 76 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

BARCÓN (Devesos)
Posiblemente se trate dun aumentativo de "barco", no sentido metafórico da orografía do terreo. Tanto este "Barcós" como o de Cabanas (O Vicedo) son núcleos de poboación e están situados nun lombo entre encostas pronunciadas, polo que si semella ter sentido orográfico.

Por outra banda, Bascuas non descarta tampouco unha orixe hidronímica nunha forma *war-ko, a raíz indoeuropea *war- 'auga, húmido'. Así, este sufixó -ón sería de orixe prerromana, frecuente na hidronimia (cf. p. 167 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

Os topónimos Barco e Barcón son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro "Os Barcós" no veciño concello de Mañón.

BELUZ (Mera de Abaixo)
Aínda que sen documentación que o confirme, creo que provén de *(uilla) Luci, forma en xenitivo de Lucius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina.
A evolución vilaluci > vilaluz > viluz > veluz é conforme ao que sería de esperar, con haploloxía reducindo sílabas semellantes.

BIDUAL (Insua), BIDUÍDO (Couzadoiro)
Tanto biduído, beduedo como bidual indican un lugar onde abundan os bedueiros.

BRAELLE (San Salvador de Couzadoiro)
De *(uilla) Veranelli, forma en xenitivo de Veranellus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina tardía (cf. J. Piel, "Sobre o sufixo -ellus, -ella no onomástico tardio hispano-latino").

BRANDARIZ (Luama)
De *(uilla) Branderici, forma en xenitivo de Brandericus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Idade Media.

BUDEIROS DE ABAIXO, BUDEIROS DE ARRIBA (Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro)
A orixe deste topónimo é incerta. A. Moralejo relacionao co latín buda 'espadana'. Por outro lado, Rivas Quintas e J. M. González derívano dunha raíz celta *bed-, *bud- con sentido hidronímico, da que derivarían topónimos como Bueu e Budiño. Navaza inclúeo na súa obra de fitotoponimia, aínda que con reparos, recoñecendo que podería tratarse de hidrónimos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Seguindo, xa que logo, a Navaza, indico con reservas que "Budeiro" podería indicar un lugar onde abundan as espadanas, sen descartar a alternativa que se trate dun hidrónimo.

Hai tamén un núcleo de poboación "O Budeiro" en Ribadavia.

BURREIROS (Loiba), BURREIROS DE ABAIXO, BURREIROS DE ARRIBA (Senra)
Topónimo con dous posibles significados: o directo de 'tratantes, compraventa de burros', e o de "borreiros", 'colmeeiros, compraventa de cera'.

A primeira interpretación directa é plausible, dado que tamén existen na xeografía galega topónimos como múltiples "Os Besteiros", así como Os "Asneiros" (Piñor), Asneiros (Rois) e "Os Muleiros" (Ramirás).

Canto á segunda interpretación, foneticamente sería posible dado que a pronuncia pechada do "o" átono fai que unhas veces sexa transcrito con "o" e outras moitas con "u". Semanticamente, os dicionarios de galego definen "borreiros" como "colmeeiros, comerciantes de cera en bruto" (cf. DDD), polo que podería tratarse deste caso sendo unha entidade de poboación, indicando o oficio dos seus habitantes. De feito, a maioría dos "Borreiros" e "Burreiros" trátase de núcleos de poboación.

Por outro lado, como indica Navaza, existe tamén a posibilidade de derivar de "borra", na acepción de 'pouso, sedimento', facendo relación á composición do terreo, ben por estar á beira do río e ser terra de aluvión ou ben residuo de queima para fertilizar o solo (cf. G. Navaza. "O nome dos lugares. Saiáns").

Descoñecemos se neste caso a orografía e situación do lugar, nin tampouco se hai documentación antiga que recolla este oficio de borreiro relacionado con este lugar.

BUSTELO (Devesos)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.

Navaza indica que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor (cf. G. Navaza. "Toponimia de Catoira") . Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa e outros derivan bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea *gwōw- 'vaca' (cf. IEW: 482).

CABALAR (Luama)
Zoónimo indicando a presencia de cabalos (selvaxes?).
Máis improbable resulta interpretalo como derivado de "(pedra) cabalar" ou cabaleira, unha pedra que monta sobre doutra (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"). Sería preciso confirmar ou descartar a existencia de tal penedo no lugar.

Moi probablemente este lugar corresponde co atestado en 1413, nun documento de Ortigueira onde se refere a un "frey Joaquin de Cabalar" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí)

CALLOBRE (Céltigos), CALLOBRE VELLO (Espasante)
O topónimo "Callobre" ten sido estudado extensamente, dentro dos topónimos en -bre, que se consideran de orixe hispano-celta (cf. IEW 140).
Xa Menéndez Pidal tiña estudado os derivados toponímicos en -bre, notando a abundancia na provincia da Coruña, en canto que son escasos en Lugo e Pontevedra (cf. páx. 183 de R. Menéndez, 1968. "Toponimia prerrománica hispana").

Moralejo Laso reitera a procedencia céltica do termo -bre, derivado de *briga 'altura, monte' (cf. páx. 61 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa"). Deste modo, Callobre derivaría de Caliobriga, cun significado aproximado de 'poboado fortificado localizado nunha altura rochosa'.

O topónimo Callobre está xa atestado no ano 887 como Caliobre. Ademais dos Callobre de Céltigos e Espasante, existen outros en Miño, en Oza dos Ríos e na Estrada (Pontevedra).

Segundo Juan J. Moralejo, Callobre podería provir do proto-celta *kalyo- ‘pedra’ ou de *kalyo- ‘mancha’ (cf. páx. 186 de Matasović, 2009. "Etymological Dictionary of Proto-Celtic"), ou ben do antropónimo Calius, aínda que se inclina por *kalyo- ‘pedra’ (cf. J. J. Moralejo. "Documentación medieval galaica: topónimos en -bre", 2010).

CALVO (Insua)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación.

CAPARELLE (Mera de Abaixo)
Podemos pensar nun *(uilla) Capparelli, forma en xenitivo de Capparellus, que correspondería co nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). Aínda que non atestado na Península, si o está en Italia no século XIV.

CARBALLEIRAS (Ladrido)
Topónimo transparente, lugar onde abundan os carballos, as fragas de carballos.

CARELLE (Ermo)
O termo "Carelle" derivaría de (uilla) Carellii, forma en xenitivo de Carellius, o nome dun antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Para Joseph Piel viría de (uilla) Carilli, forma en xenitivo de Carillus (cf. J. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos". Biblos).
Atópase outros Carelle nas Pontes e en Muras, entre outros.

CASCARLOS (Insua)
Topónimo transparente, de "Cas(a) Carlos", casa pertencente a un posesor así chamado.

CASTRILLÓN (Couzadoiro)
Derivado de "castro". Indicaría, a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refere simplemente a un lugar elevado na paisaxe. Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DDD).

CÉLTIGOS (Céltigos)
O nome Céltigos fai referencia á etnia ou tribo dos Célticos. Non é un caso aillado esta referencia dunha freguesía a unha tribo ou etnia prerromana, o mesmo ocorre con Bergantiños ('bregantinos') ou Nemancos, todos estes etnónimos , xunto con Céltigos, atestados nun documento do ano 830). Como exemplo cercano adicional de etnónimo, atópase tamén atestada, xa no século VI, a freguesía de Labacengos, que refere á antiga etnia dos "lapacengos" (cf. Parrochialem Suevum).

A respecto da posible etnia céltica, xa os autores clásicos gregos e latinos atestaron a presenza no occidente de Galiza dunhas xentes chamadas Célticos. O xeógrafo Pomponio Mela indicaba que ocupaban a maior parte da costa galega. Na costa norte, ata o río Navia, dicía que estaban os Ártabros, tamén célticos (cf. P. Mela, Século I. "Chorographia" III).

É de notar que existen catro topónimos "Céltigos" en Galiza: esta freguesía de San Xulián de Céltigos no concello de Ortigueira, outra freguesía de San Xulián de Céltigos no concello de Frades (A Coruña), e o lugar de Céltigos en Sarria (Lugo). Célticos tamén se chamaban os habitantes dunha área que cubriría o oeste da actual provincia da Coruña, unha Terra de Celtegos, atestada en 1125. Esa área deu lugar a un comisso ou condado ("in comisso de celticos. ecclesia in aranton. ecclesia sce. eulalie in laginas..", atestado no ano 830, no documento en que se consignan 65 igrexas pertencentes a diocese de Iria, cf aquí), do cal deriva o topónimo "Vilar de Céltigos", lugar que aínda preserva o nome.

CERNADA (Couzadoiro)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de "roza": facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Escribiu Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (V. Risco, "Terra de Melide").

CORTIÑADONA (Luama)
Probablemente de "Cortiña da dona", cortiña pertencente á señora. A preposición intermedia, por causa de disimilación tería desaparecido (haploloxía).

En canto a "Cortiña", as cortiñas son leiras, que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas. O nome orixinouse a partir do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’ e daí cohortina ‘cortiña’ (así como cohorticulum ‘cortello’).

CORUXO NOVO, CORUXO VELLO (San Salvador de Couzadoiro)
Probablemente non referido á ave "coruxo" senón derivado do tema prelatino *kor-/*kar- "monte, altura".
Cabeza Quiles deriva estes topónimos do tema prerromano *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar", 1992).

CORVELLE DE ABAIXO, CORVELLE DE ARRIBA (Couzadoiro)
O termo "Corvelle" derivaría de (uilla) Corvellii, forma en xenitivo de Corvellius, o nome dun antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

CORVITE (As Neves)
De (uilla) Corvitti, forma en xenitivo de *Corvittus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

COUZADOIRO (Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro)
Este topónimo xa figura atestado nos comezos do século XV como "Couçadoiro" (cf. revista Cátedra), o cal reflexa unha pronuncia xa próxima á actual.
A orixe deste topónimo é incerta. Podería provir dun deverbal de couzar, do mesmo modo que lavadoiro de lavar ou fervedoiro de ferver. Alternativamente, podería proceder de "Couce de Oiro", referindo a un "couce" nun río ou regato chamado "Oiro". Porén, non atopamos atestación antiga de tal regato. Se for esta a interpretación correcta, posiblemente tería similar orixe etimolóxica que o "río Ouro" da Mariña Central, o cal está atestado na Idade Media como Aurio. A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana e estaría na raíz hidronímica indoeuropea *awer- "fluír" (para máis detalles sobre "Ouro", ver "Toponimia de Xove").

CUÍÑA (Cuíña)
Orixe incerta. Nicandro Ares interprétaa como talvez 'lugar de coios ou de coles', e indica, igual ca outros autores, que se viñese do latín collis/collina daría **coliña.

Por outra banda, tamén Nicandro indica que está atestada unha Villa Colina, que nos anos 995, 1071, 1073, 1088, 1105, correspondente cunha Cuíña, cerca de Lugo,. Por iso indica a posibilidade dunha orixe no nome de posesor Culinus.
Cita tamén Nicandro que J. Piel suxerira unha outra interpretación, como variante de Cuña, aínda que non está claro cal sería o valor topográfico. Cf. N. Ares. "Toponimia do concello da Fonsagrada" en Lucensia, n. 23.

ENTORNACARROS (Céltigos)
Indicaría un "sitio nun camiño perigroso para envorcar un carro". Pode ser en sentido metafórico e indicar un lugar peado, en encosta.
O verbo "entornar" deriva do latín tornare, procedente de tornus ‘torno’ (DCECH, s.v. torno).

ENXERTOS (Mosteiro, San Claudio)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente referido a castiñeiros, segundo indica, entre outros, Gonzalo Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

ERVELLAQUEIRA (Devesos)
Lugar onde abunda a "ervellaca" ou propicio para o seu cultivo. A "ervellaca" en galego designa a "vicia sativa", tamén coñecida como "herba da fame" e como "veza" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

ERVILLEIRO (Barbos)
Lugar onde abunda a "ervella" ou propicio para o seu cultivo. Ervella en galego indica varias leguminosas, principalmente as fabas e os chícharos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

ESCALO DE ABAIXO, ESCALO DE ARRIBA (O Ermo)
O apelativo "escalo" denomina un peixe de río, similar á troita (cf. DDD), o cal ten pouca aplicación na toponimia e non semella que neste caso a teña tampouco.

Por outro lado, Rivas Quintas rexistra para "escalo" a acepción de "Paso en un muro por medio de escalón, a una finca" (cf. DDD). Esta interpretación de "esqueira", aínda que ten clara aplicación toponímica, ten o problema de que esta acepción rexístraa en Beluso, bastante lonxe de Ortigueira, polo cal é incerta esta correspondencia e deixamolo só como unha posibilidade interpretativa, sen máis.

Por outro lado, podería ter relación coa forma aragonesa "escalio" 'tierra baldía o campo sin cultivar', do latín squalidus ‘inculto’. Tamén neste sentido apuntou Manuel Lorenzo, co cal designaría un terreo ermo ou dificultoso de traballar (cf. M. Lorenzo "Toponimia de Dodro e de Laíño").

Finalmente, podemos pensar nunha orixe prerromana, en relación con topónimos como "Escalante" (Santander, Albacete), co sufixo -nt- típico da hidronimia prerromana, ou o río Escalote (Soria).

Non é, en calquer caso, topónimo frecuente en Galiza, aínda que si existen outros "Escalo" no viciño concello das Somozas.

ESPASANTE (Espasante)
De (uilla) Spasandi, indicando unha uilla (explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Spasandus, nome de orixe xermánica.
En efecto esta é a orixe que postula Nicandro Ares, que se basa en dous casos, un de Vilaspasantes (Cervantes) que na Idade Media está atestado como Vila Espasende en 1282 e outro Espasantes, en Pantón, atestado como (ecclesia de) Spasandi en 1244 . Cf. p. 1123, N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol II.

ESPILLA (Devesos)
Topónimo de difícil interpretación sen documentación antiga.
Poderiamos pensar nunha orixe nunha familia de apelido "Espilla", aínda que é un apelido moi infrecuente en Galiza.
Os topónimos Espilla do País Vasco e de Cataluña non parecen ter relación con este.

ESTEVO (Barbos)
Orixinado a partir do mesmo nome de persoa, que indicaría o fundador ou un antigo posesor deste lugar.

FABÁS (Veiga)
Este topónimo é interpretado como plural de "fabal", 'terreo sementado de fabas' (cf. Dicionario RAG). Así interpreta Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega" aquí).

No entanto, tratándose dun núcleo de poboación, tampouco podemos desbotar a correspondencia cun antropónimo. Deste modo, podemos interpretalo cunha orixe en *(uilla) Fafilanis, forma en xenitivo xermánico de Fafila, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). De feito, está atestado "Fafianis" como topónimo ("Iohannem Muniz de Fafianis") "nun documento de 1231 no Tombo de Sobrado (cf. p. 224 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). É de notar que a evolución do -f- intervocálico latino para -v- é regular en galego (cf. Estephanus > Estevo, defensa > devesa, ..).

A maioría dos "Fabás" existentes na xeografía galega estar referidos a nomes de poboación, rexistrándose "Fabás" en Vilalba, "Os Fabás" en Viveiro, no Vicedo, en Vilalba, Cambre, "O Fabás" en Vigo, "Muíño de Fabás" en Xove e en Vilalba).

FAXÍN (San Claudio)
De (uilla) Fagini, forma en xenitivo do nome Faginus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica. Está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 228 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

FERRADÁS (Loiba)
Plural de "ferradal". O topónimo "Ferradal" é frecuente na toponimia galega, así como tamén "Ferradás", aínda que con significado incerto. Podería ser un derivado de "ferrado", unidade de medida de superficie e de capacidade. Alternativamente, podería derivar de "ferrar", o cal tamén encaixaría, dado que a maioría dos "Ferradal" e "Ferradás" corresponden con núcleos de poboación.

Hai outros "Ferradás" en Foz e en Alfoz.

FERREIROAS (Os Freires)
O termo "ferreiroa" é o diminutivo (do latín *ferrariola) de "ferreira", do latín ferraria 'mina'. Descoñecemos a existencia de mina antiga neste lugar, aínda non puidemos recoller información local ao respecto.

FERROL VELLO (Mera de Abaixo)
De (uilla) Ferreoli, de Ferreolus, nome do posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Descoñecemos a historia local para podermos interpretar a adxectivación de "Vello".
Habería, contodo, outras hipóteses, asumindo unha orixe do nome deste núcleo de poboación igual á cidade de Ferrol. Para máis detalle de hipóteses, incluíndo hipóteses "orixinais", ver o artigo aquí.
Hai outros "Ferrol" en Xove, en Barreiros, en Alfoz, etc.

FOLGOSO (Senra)
Tanto "folgoso" como "felgueira", "folgueira", "fieiteira", todos eles frecuentes na toponimia en referencia a lugares onde abundan (abundaron) os felgos , tamén chamados fentos ou fieitos.

FORMARIZ (Espasante)
De (uilla) Fromarici, forma en xenitivo do nome Fromaricus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica (do gótico *fruma 'o primeiro' e *rikaz 'poderoso'). Está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 207 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

FRÁDEGA (Ladrido)
Unha "frádiga" é unha "casa de frades, convento". Tería pertencido este lugar, xa que logo, a un convento.

FREIXIDO DE ABAIXO (As Neves)
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan as árbores chamadas "freixos".

GABIÁN (Devesos)
Tal como dicía Piel para os toponimos Gavião, o equivalentes en portugués, na maioría dos casos podería provir do nome da ave de rapina. Noutros casos, difíciles de diferenciar, tería unha orixe nun nome de persoa, nunha (uilla) Gabillani, forma en xenitivo do nome Gabila ou Gabilo, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica (cf. páx. 376 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).

Neste caso, ao tratarse dun núcleo de poboación, é maior a probabilidade de que se trate do caso do nome de posesor. Máis aínda: se confrontamos a presencia dos topónimos "O Gabián" frente ás de "Gabián" sen artigo, vemos que as formas sen artigo corresponden maioritariamente con núcleos de poboación; isto semella reforzar a interpretación no caso que nos ocupa como nome de posesor.

GOCENDE (Devesos), GOSENDE (As Neves)
Estes dous topónimos terían unha mesma orixe, en (uilla) Godesindi, indicando unha uilla (explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Godesindus, nome de orixe xermánica. Cf.: P. Martínez. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens". 2012.
É curioso que se rexistren as dúas variantes evolutivas no mesmo concello.

GOIMEL (San Claudio)
De (uilla) Guimiri, forma en xenitivo do nome Guimirus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica, a partir da raíz Gogi- (a orixe concreta desta raíz é controversa, talvez de gauja ou de gaudi) e da terminación -mirus (> gótico *mereis 'famoso').
O nome Guimirus está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 254 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

GONZALVO (As Neves)
Indicaría o nome dun antigo posesor ou fundador do lugar. É interesante ver a preservación da forma antiga.

HEDROSA (Espasante)
Topónimo transparente, sitio onde abundan as hedras (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).

INSUA (Insua)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, existen as variantes "illa" e "insua". O apelativo "insua" xeralmente refere a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.
Este topónimo está atestado como "Sayone d-Ynsoa" no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

INSUELA (San Claudio)
Diminutivo antigo de "insua". Ver "Insua" para máis detalles.

LADRIDO (Ladrido)
Esta freguesía xa figura atestada no ano 897 como "sante eolalie de Ladrido" (cf. CODOLGA).
Considerando a terminación -ido, trataríase dun abundancial e, xa que logo, dun lugar onde abundan as "ladras". No entanto, o termo "ladra" é unha forma opaca, da que descoñecemos un significado aplicado a este topónimo. Tal como interpretamos para algúns topónimos "Ladra" da Mariña, trataríase dun hidrónimo, derivado do tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou paleoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *lat- "pántano, lameiro, lama". Sería o mesmo que no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008).

Por outro lado, o topónimo "Ladrido" é frecuente na toponimia, así atopámolo en Samos, Meis, Barreiros, Ponteceso, e tamén "O Ladrido" en Arteixo e en Brión; ademais, aparece un "muíño de Ladrido" en Foz en un "O lastrón de Ladrido" en Ferrol. Atopamos tamén coa forma "Ladride" en Foz, Baleira, Palas de Rei e Santiso. Así mesmo, aparecen Ladredo e Ladroíl (afluente do río Parga).Outros topónimos cercanos similares son "O Campo da Ladra" nas Ribeiras (Mañón), "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "A Ladrela" en Xermade.

LAGARES (Luama)
Ver "O Lagar".

LALE (Luía)
De (uilla) Lalli, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Lallus, nome de orixe etrusca (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

LANDIDO (Insua)
A interpretación máis plausible para "landido" é a de un fitotopónimo, un abundancial de "landra", o 'froito do carballo e doutras árbores glandíferas'. Esta é a interpretación pola que se inclina tamén Navaza (cf. p. 306 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006). De feito, na toponimia galega aparecen tamén os sinónimos Landedo, Landal, Landeira. No mesmo sentido, no dicionario de figura "landeira" como 'encinar' (cf. X. Filgueira et al., 1926. DdD).
O apelativo landra deriva do latín glande (cf. Corominas, DCECH III).

Non parecen posibles outras orixes que a priori parecerían encaixar, como no nome de posesor *Nanthitus, de orixe xermánica (ver o caso "Landín" a continuación), ou tamén tal como  indica Rivas Quintas derivar da forma céltica nant- 'val' (e.g. en Nantes), coa coñecida disimilación do "n" (cf. E. Rivas, 1994. "Lingua galega, niveis primitivos"): como indica Navaza, ao existiren tamén en asturiano as formas paralelas en ll-, fan descartar esta interpretación de Rivas, así como a de Nanthitus.

LANDÍN (O Mosteiro)
De (uilla) Nandini, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Nandinus. O paso de N- para L-, por disimilación de dobre nasal, ocorre en outros moitos casos, tal como en Landoi (Cerdido), atestado na Idade Media como Nandoi.
Está atestado como apelido no século XVIII: "Roque Nandín", veciño de Santa Marta, o cal parece confirmar esta interpretación.

Este rexistro do apelido Nandín fai descartar practicamente a interpretación de Piel, quen postulou unha orixe en (uilla) Landini, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Landinus (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).

LAMACIDO (Ortigueira)
Topónimo de significado transparente: lugar onde abunda a lama, lodeiro.

LASTIGUEIRA (San Claudio)
Probablemente de "lestigueira", relacionado coa planta chamada lesta. Con todo, é soamente unha posibilidade, e Navaza non o incluíu na sua "Fitotoponimia galega".
As "lesta", é unha planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum. Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia desta planta en Galiza: "Noté que hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada".

Hai outra "Lastigueira" en Cabanas (O Vicedo) e varios "Lestegueira" e "Listegueira" en Muras.

LAXÁS (Luía)
Moi probablemente corresponda coa forma en plural de "laxal" 'lugar onde abundan as laxes'. Non sería caso extraño, así atopamos topónimos "O Laxal" en Bande (Ourense) e na Lama (Pontevedra), así como múltiples "Laxido" e "Laxedo".

LIÑARES (Espasante)
Fitotopónimo, indicando a presenza de lugares plantados de liño.

LOIBA (Loiba)
A orixe dos topónimos "Loiba" é incerta. Para A. Moralejo sería unha variante de "lobia", cunha orixe no proto-xermánico *laubjo 'paseo, pavillón, emparrado'. Porén, os dicionarios de galego rexistran soamente "lobio", e non o femenino "lobia".

Alternativamente, pode interpretarse como hidrónimo de orixe prerromana, posiblemente da raíz indoeuropea *(s)leub- 'deslizar'. En efeito, Krahe indicaba unha forma básica *lup- presente en hidrónimos ibéricos e europeos. Do mesmo modo, D. Kremer, derívao dun paleoeuropeo *lupia, tal como fai para a gravura atestada no distrito de Braga. Cf. aquí.

Este topónimo concreto aparece atestado en 1095 en baixo latín como Lovia "e ecclesia sancti Iuliani de Lovia" , e xa coa fonética actual en 1453 como Loyua "da dita iglesia de Loyua ", e en 1473 como Loyba "cura da dita iglesia de Loyba" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

LOMBAO DE ABAIXO, LOMBAO DE ARRIBA (Os Freires)
Do latín lombus 'lombo', indicando un terreo combado ou en encosta.

LUAMA (Luama)
Este topónimo é de orixe prerromana, e significado incerto. Tería a mesma raíz que o conxunto de topónimos Luaña, Luaces, Luou, Luarca, Luanco, etc.

No entanto, a raíz da que provirían é incerta, e non atopamos documentación suficientemente antiga que nos permita adiviñar a orixe etimolóxica. Podería provir dunha forma indoeuropea *lou- 'lavar', ou de *leu- 'suxo, (lama)', ou aínda *leu-, 'pedra'. Dada a situación, próximo á desembocadura, semella encaixar a raíz *leu-, no sentido de 'lama, lodo' (cf. páx. 106 de H. Krahe. "Unsere ältesten Flussnamen"). Non sería extraño, así temos por exemplo o caso do lugar de Lama en San Fiz (Mañón), próximo a lamóns no río, ou o máis cercano caso de "Lamacido". Esta interpretación sería similar á que fai J. Moralejo para o caso de Lúa", afluente do Eo (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008)

No caso de Luama, o hiato proceda dunha antiga presenza dunha consoante intermedia, talvez -g-, aínda que é incerta, e non atopamos atestamentos suficientemente antigos. Canto á documentación antiga, recollemos de seguido algúns exemplos.
O topónimo orixinario incluiría o sufixo átono -ăma, de carácter superlativo ou intensivo, presente nas linguas indoeuropeas, tal como no latín en minimusinfimus,   postumus, ou no galego en páramo. Do punto de vista fonético, o desprazamento do acento non sería extraño: en moitos outros casos ocorreu o mesmo cando  o seguinte elemento vocálico é máis aberto: así sénara > *séara > seara, ou mulíere > muller.

O topónimo Luama atopámolo xa con este nome no 1235, "Judicibus Abberce de Luama" (cf. ITG).
Para Luou , atopámolo xa en 1204, "ecclesia Sanete Marie de Luou", e en 1232 como "ecclesie Sanete Marie de Luoe", aínda reflexando na escrita os remanentes da nasal.
No caso de Luaña, figura atestado en 1207 como "Sancti Juliani de Luanya" (cf. aquí), e en 1223 como "usque ad algaram de Luania" (cf. GMH).
Para Luaces, en 1494 atopamos un "Pero de Luaçes" (cf. "Pergamiños soltos do mosteiro de Caaveiro", in Cátedra).

LUÍA (Luía)
Este topónimo é de orixe prerromana, e significado incerto. Probablemente pertenza á mesma raíz que o conxunto de topónimos Luama, Luaña, Luaces, Luou, Luarca, Luanco, Lueiro, etc.

No entanto, a raíz da que provirían é incerta, e non atopamos documentación suficientemente antiga que apunte para unha etimoloxía concreta. Podería provir dunha forma indoeuropea *lou- 'lavar', ou de *leu- 'suxo, (lama)', ou aínda *leu-, 'pedra'. Dada a situación, próximo á desembocadura, semella encaixar a raíz *leu-, no sentido de 'lama, lodo' (cf. páx. 106 de H. Krahe. "Unsere ältesten Flussnamen"). Non sería extraño, así temos por exemplo o caso do lugar de Lama en San Fiz (Mañón), próximo aos lamóns no río, ou o máis cercano caso de "Lamacido". Esta interpretación sería similar á que fai J. Moralejo para o caso de Lúa", afluente do Eo (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008)

No caso de Luía, o hiato semella indicar unha antiga presenza de consoante intermedia, talvez -g-, aínda que é incerta, e non atopamos atestamentos suficientemente antigos. Canto á documentación antiga, recollemos de seguido algúns exemplos.

Canto ao sufixo -ía, é relativamente común en topónimos de orixe prerromana, como por exemplo en "Ambía".

O topónimo Luía aparece como Loya ("Santa Maria de Loya") no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"), e igualmente noutro documento sen data "mea porcione integra de Luama et de Quintana et de Loya" (cf. CODOLGA).

Ver as notas de "Luama" para os casos de Luama, Luou, Luaña e Luaces.

MANDÍN (Céltigos)
Este topónimo tería unha orixe en *(uilla) Amandini, forma en xenitivo de Amandinus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina, derivado de Amandus.
O nome Mandino está atestado na Idade Media, e probablemente derive de Amandinus (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

MARTIÑÁN (Couzadoiro)
De *(uilla) Martiniani, forma en xenitivo de Martinianus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina, derivado de Martinus (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

MEIXIDO (Os Freires)
Formado de "ameixido", lugar onde abundan as ameixeiras.

MEIXONFRÍO (Couzadoiro)
Do latín mansio frigidus, unha pousada de estrada deshabitada. Podería indicar, por tanto, o paso dunha antiga vía romana.

Rexístranse varios lugares e parroquias en Galiza co nome "Meixonfrío": no concello lugués de Taboada, en Carballedo, en Coirós, en Lousame, en Ordes, en Taboada. En Vieiro existe "Meixofrío" e no Vicedo Manxofrío. Tamén en Portugal atopamos lugares coa denominacion "Mejamfrio", e igual teoría de orixe; así o albergue instituído na "Carta de Couto e Foral de S. Pedro de Osseloa", en Novembro de 1117, é chamada de Mejamfrio (cf. nota p. 9 de A. C. do Amaral, "Memória V. Para a História da legislação e Costumes de Portugal", ed. da livraria Civilização), e Miguel de Oliveira informa (cf. p. 26 do artigo citado) que Albergaria-o-Velha era chamada en antigos documentos Albergarie veteris de Meigonfrio (neste caso, o "g" indica o son fricativo, similar ao do "j" no portugués actual).

É importante indicar que os romanos distinguían, en canto a pousadas nas estradas, entre as mansiones 'albergues', as mutationes 'mudas, postas' e as stationes 'estacións', alén dos apeadeiros e dos marcos miliarios.

Convén tamén notar a regularidade da evolución de mansionem > *masione : o mesmo ocorreu en moitos outros casos de nasal diante de "s", así mensa>mesa, mensis>mes, mensura > mesura, etc.

MERA DE ABAIX(Mera de Abaixo), MERA DE ARRIBA (Mera de Arriba)
Ver "Río Mera".

MIÑÁN (Senra)
De (uilla) Miniani, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Minianus, nome erivado de Minius, de orixe latina (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

MONTEDÓNIGO (Loiba)
Derivaría do latín vulgar monte dominico, 'monte do señor'.

MONTECALVELO (Couzadoiro)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación.
Neste caso, xa que logo, indicaría que o monte en cuestión ten (ou tivo) vexetación escasa ou rasa.

MONTECELO (Veiga)
Do latín monticellum, diminutivo de "monte", pequeno monte, montículo.

MONTEMEAO (Cuíña)
De "Monte Meao". O termo "meao" era a forma medieval por 'mediano', 'do medio'. Xa que logo, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación entre dous determinados lugares.

MONTOÁN (Veiga)
Probablemente derive de "Monte(m) Teodani", sendo Teodani a forma en xenitivo de Teodanus, nome de orixe xermánica, a partir do gótico thiuda 'pobo'. En efecto, unha poboación (uilla) Teodani está atestada en Galiza na Idade Media, no Tombo de Sobrado (cf. eg. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
A evolución "Monte Teodani" > Montoán sería a normal en galego, con haploloxía das sílabas -te-t(e)o-.

MOURAMA (Loiba)
Interesante topónimo, polas posibles indicacións históricas que puidese implicar.
Podemos facer dúas interpretacións distintas, unha darlle unha orixe medieval, en relación aos mouros, e outra unha orixe prerromana, en relación á raíz prelatina *mor- / *mur-. Como en moitos outros casos, se tivermos documentación suficientemente antiga, poderíanos facilitar a correcta interpretación.

O termo "mourama" está definido como  tanto  como no dicionario de galego de J. M Pintos como "os mouros", como sinónimo de mourindade (cf. DdD). Igualmente nos dicionarios de portugués como "os mouros" e "terra de muçumanos (cf. Priberam).  Sería un uso similar ao do termo castelán "moraima", rexistrado como topónimo, tamén usado con valor colectivo.
Podería, xa que logo, este topónimo ter nacido en alusión a un lugar  "(re)poboado por mouros", talvez referindo a un grupo de mouriscos na época da Reconquista, que terían escapados para o norte cristián e fundado este núcleo de poboación. Esta potencial indicación de migración mourisca non sería un caso illado: así por exemplo en Ambosores (Muras) atopamos o lugar "O Mouriscón", ou "Mouriscos" en Fazouro (Foz).

Alternativamente, podemos interpretar este topónimo como orixinado a partir do radical prelatino *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa', 'cor escura', do cal os investigadores adoitan derivar substantivos  como morea 'montón, acumulación de cousas', morouzo 'morea de pedras', morouza e  morreira 'acumulación de pedras', así como o portugués  morouço 'monte pequeno' e marra 'valo, marco', ou tamén morro 'promontorio, elevación', presente tamén en castelán.
O topónimo orixinario incluiría o sufixo átono -ăma, de carácter superlativo ou intensivo, presente nas linguas indoeuropeas, tal como no latín en minimus, infimus,   postumus, ou no galego en páramo. Do punto de vista fonético, o desprazamento do acento non sería extraño: en moitos outros casos ocorreu o mesmo cando  o seguinte elemento vocálico é máis aberto: así sénara > *séara > seara, ou mulíere > muller.
En canto á secuencia inicial mour-, podería ser resultado da refacción da base etimolóxica prelatina *mor- , por interferencia co lexema "mouro". De feito, os derivados toponímicos da raíz prelatina
*mor- / *mur- foron con frecuencia reinterpretados polos falantes romances como derivados doutros lexemas máis transparentes, tales como o fitónimo "mora" e o etnónimo maurus (> galego mouro). Esta  asociación etimolóxica tería ocorrido neste caso, e daí o paso de *mor- para *mour-.
Se for esta segunda hipótese a certa, este topónimo tería un significado na lingua orixinal similar a "a (terra) máis moura", ou tamén "lugar moi pedregoso", "lugar alto, con moita pendente ou desnivel".

MUCRÍN (San Salvador de Couzadoiro)
Aínda que sen dúbida se trata dun nome de posesor, o nome concreto é difícil de interpretar, a falta de documentación antiga.

O máis probable semella unha orixe en (uilla) Mercurini, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Mercurinus, nome derivado de Mercurius, de orixe latina. Está atestado un "Mercorinu presbyter" no ano 931 no mosteiro de Celanova (cf. "Hispano-romanisches Namenbuch").
A evolución tería sido Mercurini > Mercurín > Murcrín > Mucrín, complexa pero axeitada, con haploloxía do primeiro -r-.

O ADRO (Espasante)
Un adro, do latín atrium, tanto en galego como e portugués indica o espazo que hai diante das igrexas ou capelas.

O ACIVEIRAL (As Neves), O ACIVEIRO (Devesos), O ACIVIDO (Couzadoiro)
Os nomes "aciveiral", "acivedo", "acivido", indican un lugar onde abundan  (abundaron) os acevos,  tamén chamados acivos ou acivros (Ilex aquifolium).

En canto a "Aciveiro", tal como indica Navaza, pode referir a unha soa árbore de acevo ou ben a un abundancial, indicando por tanto igualmente un lugar onde abundan (abundaron) os acevos.

No caso do Acivido de Couzadoiro, ese lugar está atestado en 1419 como "casal do Asevido" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).


O AMENEIRAL (Barbos)
Lugar onde abundan os ameneiros ou amieiros. É curioso observar a existencia da variante "O Amieiro" e "Os Amieiros" no mesmo concello, en Mera de Arriba e en Cuíña respectivamente.

O ARO (Céltigos)
Probablemente o significado de "Aro" estea relacionado co elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" de toda a comarca. En particular, estaría tamén presente no cercano "O Aroxo" de Loiba.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

Este nome de núcleo de poboación podería derivar de "Adro", aínda que non coñecemos da existencia de capela ou igrexa antigamente nese lugar, e ademáis noutros lugares cercanos conservan o topónimo Adro. Por todo iso esta orixe é moi improbable.

O AROXO (Loiba)
Probablemente o significado de "Aroxo" estea relacionado co elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" de toda a comarca. En particular, estaría tamén presente no cercano "O Aro" de Céltigos.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O BALEO (Ladrido)
Este lugar está xa atestado en 1384 como " "lugar do Baleo" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).Nese documento tamén menciona a doación do "paazo do Baleo".
Sendo un lugar costeiro, talvez o topónimo estea relacionado coa pesca da balea.

A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII, cando se extinguiu a especie nas costas galegas.

Nos primeiros tempos, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente os baleeiros vascos. Cf. aquí.

Figura en 1349 un "Johan Peres baleeyro", en Pontedeume (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). Tamén figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares: "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor." (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

O BURGO (Cuíña)
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín.
Na Idade Media, o apelativo "burgo" nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000).

O CABRADOIRO (Devesos)
Reinterpretación dun "O Crebadoiro", de "crebar", pola forma do terreo.
Así, Rivas Quintas rexistra "cabradoiro" como un "crebe no terreo" (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía").

O CADAVAL (Loiba)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé" (cf. DdD).

O CALVARIO (Loiba, Veiga), OS CALVARIOS (Devesos, Ladrido)
O topónimo "Calvario" refere xeralmente á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CARBAL (San Claudio)
Posiblemente, lugar onde abundan as "carbas". O dicionario define "carba" como "especie de roble, de folla miúda e mala calidade de madeira", tamén coa acepción de "carballo cerqueiro".

O CARBOEIRAL (Insua)
Derivado do apelativo carbón (< latín carbōnem), con dobre sufixo abundancial -eiro máis -al. Sería unha variante de "carboeira", indicando 'lugar onde se prepara ou almacena o carbón'.

O CARBOEIRO (San Salvador de Couzadoiro)
Derivado do apelativo carbón (< latín carbōnem) aquí o sufixo -eiro podería funcionar  como abundancial, e ser variante de "carboeira", indicando 'lugar onde se prepara ou almacena o carbón'. Alternativamente, o sufixo podería estar a usarse como indicador de axente, así os dicionarios definen "carboeiro" como ‘persoa que fai ou vende carbón’.
 Cremos máis probable a primeira variante, pois  parece confirmarse a partir do topónimo mencionado previamente (O Carboeiral)
En resumo, O Carboeiro tería sido un lugar onde se elaboraba carbón ou referirse unha persoas dedicadas a esta actividade,  o antigo posesor deste lugar.

O CASAL (As Neves, Loiba, Luama)
Do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASÓN (Devesos, Veiga, O Mosteiro)
Aumentativo de "casa"; posiblemente "casón" deba interpretarse como "casa grande", no senso de "casa señorial".
Temos tamén en plural "Os Casós" en Mera de Arriba.

O CHAELO (San Claudio)
Os termos chaelo, chenlo e chelo proveñen do latín vulgar *planellu, diminutivo de planus 'chan'.
O profesor Pensado defíneo como "superficie plana e alongada que, como unha canle, queda entre dous ribazos" (cf. M. Sarmiento. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O COCHOVELLO (Mera de Arriba)
Composto "Cocho Vello".  O termo "cocho" ten unha acepción que encaixa para un topónimo: a de "cubil dos animais", "lugar secreto, pequeno refuxio dun animal" (cf. DdD).
Ten outra acepción de "trozo pequeno dun terreo labradío que se dedica a outro cultivo", aínda que esta orixe semella encaixar pior para un topónimo.

O COTÓN (Devesos)
Aumentativo de "coto", "coto alto". Ten a acepción relacionada de "montaña cónica" (cf. DdD).

O COTORELO (Devesos)
Un "cotorelo" ou "cotarelo" é un pequeno outeiro ou coto (cf. DdD).

O COUCE (Devesos)
O apelativo "couce" ten múltiples acepcións; nestes casos viría de calce "calcañar", e designa un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989).

O COUCE DAS TAUGAS (Devesos)
Para "couce" ver "O Couce".
En canto a "taugas", o apelativo "tauga" é forma evoluída de táboa (táboa >tabua > tagua> tauga). É común esta forma en toda a zona, así hai un "A Tauga" en Mañón. Aínda se conserva esta forma na lingua da zona, incluíndo O Vicedo e a comarca.

O COUCE MOSQUENTO (Devesos)
Para "couce" ver "O Couce".
En canto a "mosquento", indicaría a abundancia de moscas, que podían facer "moscar" (escapar) o gado.

O COUSO (Insua)
Un "couso", do latín medieval causu, é un sitio coutado, para actividade específica, que moitas veces refería a un foxo para caza de alimarias (maiormente lobos). Esta é a acepción que mellor parece encaixar para o topónimo, a falta de información que o confirme ou o desminta.

O apelativo "couso" ten tamén as acepcions de "sitio para facer cacería, xustas", e a de "horta pequena", que igualmente encaixarían, aínda que non tan ben.

O COUTADO (Couzadoiro)
O dicionario define "coutado" como "terreo cercado" (cf. DdD).

O COVELO (San Salvador de Couzadoiro)
O termo covelo é o antigo diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

O CUTIMÁN (Espasante)
Significado opaco para min. Antigamente debeu ser un apelativo común, ao levar artigo.
Podemos interpretalo en relación a "cutir" 'abatanar', e daí "cutián" 'batán'. Tamén podería ser derivado do apelativo "coto", de orixe prerromana.

O ERMO (O Ermo)
En galego "ermo", aplicado a un lugar, indica un sitio vougo, deshabitado e sen cultivar. Tamén indica un terreo baldío, ou mesmo "terra árida, inculta" (cf. DDD). Provén do latín eremus 'deserto, solitario, inculto'.

Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado un "Juan Brandeyro, vezino de la Fsía de San Giao do hermo", quen vende "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." aquí).

O ESCORIAL (San Claudio, Senra)
A falta de documentación que o probe ou dea outra orixe, interpretámolo como "escoiral", lugar onde abunda a "escoura".

O FEO (San Salvador de Couzadoiro)
Fitotopónimo, indicando un herbal, un lugar onde abunda o feo ou propicio para o seu cultivo.

O FECELLIDO (Loiba)
Topónimo de significado incerto, talvez sinónimo de "Escourido", tal como veremos de seguido.
É claro a presenza do sufixo colectivo -ido, polo xeral aplicado a conxunto de árbores, pero tamén usado para outros elementos como pedras (Pedrido) ou escoura (Escourido).
Estaría, xa que logo, relacionado co topónimo "As Fecellas", en Parada de Sil (Ourense), significando algo como "lugar onde abondan as fecellas". Existen tamén os topónimos "Feces de Abaixo" e "Feces de Cima" en Ourense, posiblemente tamén relacionados tal como indicamos máis embaixo.

Podemos interpretar o topónimo como presentando dobre sufixo -ello máis -ido, sobre unha base fez. O termo fez (<fece < do latín faex 'borras, residuo, sedimento'), ademais do significado de 'excremento', pouco axeitado para un topónimo, ten o sentido máis xeral de 'residuo, sedimento' (cf DDD).  Aínda que os dicionarios de galego non rexistren outras acepcións, o de portugués si que rexistra a acepción de "escória dos metais" (cf. Priberam). Se isto fose aplicable, o cal parece probable, trataríase dun topónimo indicando un "lugar onde abunda a escoura ou escoria", xa que logo, un sinónimo de "Escourido", topónimo frecuente na xeografía galega.

O FOXO (Couzadoiro, Insua, Mera de Arriba), O FOXO CATIVO (O Ermo)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo" con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

O GANDAREIRO (Espasante)
Abundancial de "gándara", indicando un terreo de "gándara". O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

O GANDARÓN (O Ermo)
Aumentativo de "gándara". O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

O GRAÑEIRO (San Claudio)
Probablemente indicando lugar fundado por un oriúndo da Graña, fose A Graña de Céltigos ou a de Insua ou, menos probable, algún dos outros topónimos Graña ou Grañas existentes en Galiza (como por exemplo a parroquia das Grañas do Sor, en Mañón).

O LAGAR (Cuíña, Loiba, Mera, San Claudio), O LAGAR NOVO (San Claudio)
Topónimo transparente, lugar de pisado da uva para a produción de viño.

A produción de viño na zona debeu ser elevada, segundo os rexistros existentes. Na toponimia quedaron os reflexos dos "lagares", das "viñas", dos "bacelares", etc.
A mediados do século XIX os viñedos sufriron a praga do oidium, que apareceu en 1852, e que acabaría en moi pouco tempo coas viñas. Dous anos despois xa non se recolleu en toda a comarca nin un só barril de viño e comezaron a arrincar as viñas, das que xa soamente quedaría os topónimos.

O LATIDAL DE ABAIXO (Devesos), O LATIDAL DE ARRIBA (Devesos)
Posiblemente estemos ante un abundancial de "lata", do mesmo modo que existe Teixidal como abundancial de "teixo" ou Louridal de loureiro, ou Seixidal de "seixo".
En canto a "lata", os dicionarios rexistran as acepcións de "pau longo e delgado" que podería encaixar, xa que logo, significando "latidal" un lugar poboado de árbores delgadas, de varas.
Tamén "lata" ten a acepción no dicionario de "parcela de monte cerrada" e "parcela de monte estreita". Daí, "latidal" indicaría un conxunto de parcelas de monte.
Existe un "O Latadal" en Castroverde (Lugo) que podería ter orixe semellante.

O LOMBAO (Devesos)
Adxectivo derivado do latín lombus 'lombo', indicando un terreo combado ou en encosta.

O MALLO (O Ermo), O MALLÓ (Devesos)
O topónimo "O mallo" probablemente deriva de "leira do mallo", lugar onde se mallaban á man os cereais, usando o mallo, un trebello que consta de dous paos suxeitos por unhas correas de coiro.

Xa Sarmiento definira o mallo como "sistema con que en las eras majan el maiz, etc. Compónese del mango, que es el palo más largo, y del pértego, que es el palo menor con que se bate” (cf. M. Sarmiento, 1973. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega". Ed. de J. L. Pensado).

En canto a O Malló", o termo malló é unha forma en diminutivo de "mallo", polo que aplica igualmente o xa comentado nesta entrada.

O MEIXÓN (Cuíña)
O nome "meixón" pode ser unha deturpación de "o ameixón", derivado do verbo ameixoar 'xuntar as ovellas, as galiñas'; de feito, o portugués conserva ameijoada 'lugar onde o gado passa a noite'. Neste sentido, xa Piel postulaba a orixe no latín mansione, no sentido de "lugar onde se xunta e recolle o gado". Navaza concorda igualmente con esta interretación (cf. p. 51 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).

Alternativamente, podería indicar a abundancia do "meixón" (a cría da anguía).
Existen outros "Meixón", por exemplo o de Alfoz.

O NAVALLO DE ABAIXO, O NAVALLO DE ARRIBA (Senra)
O termo "navallo" deriva de "nava", 'chaeira rodeada de montes', do mesmo modo que o topónimo "Os Covallos" deriva de "cova". Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é un "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. aquí), tamén o salmantino navazo "valle pantanoso" e o aragonés navajo "balsa para el ganado".

É un topónimo frecuente en Galiza, así hai outro "O Navallo" en Mañón e en Barreiros, e "Os Navallos" no Vicedo.

O ORXADO (San Claudio)
A priori podería interpretarse como sinónimo de "orxal" e de "orxeira": un terreo plantado de "orxo" (cebada) ou que produce abundante orxo. Porén, tanto Navaza como xa fixera Moralejo, analizaron este topónimo de San Claudio e póñeno con interrogante, polo infrecuente do sufixo para un abundancial (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Esta mesma dúbida surxiunos ao interpretar a "Pena do Orxal" en Nois (cf. aquí), que ao tratarse dunha pequena illa rochosa, batida polo mar e sin terreo dispoñible, é improbable a existencia de cultivo de cebada. Por iso consideramos que, alternativamente, este topónimo pode ser interpretado como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', talvez derivado dunha forma *or-w-i-, tal como postula E. Bascuas para o caso de "Oroxo" (cf. p. 119 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), ou talvez dunha forma *or-d-, derivada da mesma raíz indoeuropea *er- .

O PADORNELO (O Ermo)
O termo "padornelo" é unha forma en diminutivo de "padrón". Os dicionarios galegos definen "padrón" como "marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L. Carré, dicionario). O mesmo significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Os topónimos "(O) Padrón", "Padronelo" e similares foron tamén analizados por J. Moralejo coa mesma conclusión (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina").

Por outro lado, como unha acepción para "pedrón", Eladio Rodríguez indica que "llaman también así nuestros campesinos al menhir". Con todo, Filgueira Valverde indica que “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural” (cf. X. Filgueira e A. García. "Inventario de monumentos megalíticos. ..", 1977).

O termo petronus está tamén rexistrado no latín medieval por Du Cange co significado de "acervus lapidum" 'morea de pedras' (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatis" aquí).

Finalmente, mencionar a existencia doutros topónimos cercanos da mesma etimoloxía: "Padronelo" en Vilalba, e "Padrón" en Viveiro.

O PEAGO (Veiga)
Un "piago" ou "peago", do latín pelagus 'pozo', é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio" (cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945).

O PEDRIDO (Céltigos)
Significado transparente: os termos "pedrido" e "pedragal" designan un "lugar onde abundan as pedras".

O PENAL (Cuíña)
Indica un lugar onde abundan as penas, un rochedo.

O PEGUEIRO (Devesos)
Os dicionarios recollen para "pegueiro" as acepcións de "o que extrae dos piñeiros ou vende a pez" e tamén a de "pastor de ovellas", derivando este do baixo latín pecuariu (cf. DdD).
Faría referencia, xa que logo, á dedicación dun antigo posesor deste lugar.

O PENEIRO (Insua)
A falta de coñecermos documentación que o clarifiquen, pode ter varias interpretacións. Cremos que, ao tratarse dun topónimo, "peneiro" referiria a lugar onde abundan as penas, a un rochedo. Fáltanos a comprobación no terreo de tal existencia.
Alternativamente, aínda que improbable, tamén podería ser unha forma derivada de "peneirar", talvez un alcume dun antigo posesor do lugar.

O PENSO (As Neves)
Este é un topónimo relativamente frecuente en Galiza; probablemente deriva do latín pensum, participio de pendere, indicando un "terreo en pendente".

O PEREIRO (O Ermo)
A orixe do topónimos "Pereiro(s)" pode estar relacionada con pirariu, a árbore que dá peros, aínda que tamén pode vir de petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'. Complexo demais para optar por unha delas sen documentación antiga.

O PIMPÍN (Insua)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber lugares ou fontes "Pimpín" en toda a comarca, así nas Ribeiras do Sor, en Mañón, nas Negradas, en Celeiro, etc, parece confirmar esta hipótese. Máis aínda se observamos que en asturiano o termo pimpana designa unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

O PLANTÍO (Espasante, Merra de ArribaSan Claudio), O PLANTÍO DE ABAIXO (San Claudio), O PLANTÍO DE ARRIBA (San Claudio)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
É interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). Talvez fose tamén o caso nestes topónimos.

O PORMELLOR (Cuíña)
A falta de coñecermos documentación antiga que o afirme ou desmenta, derivaría de "Porto Mellor", o máis doado, comparativamente a outro "porto".

En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

O POUSADOIRO (O Mosteiro), O POUSADOIRO DE ABAIXOO POUSADOIRO DE ARRIBA (Mera de Arriba)
O "pousadoiro" designa "sitio de descanso", "lugar do camiño, por veces un poio, onde se pára para pousar a carga transportada nas costas ou na cabeza (cf. DDD). Semella máis axeitada e concreta a definición antiga dada por Viterbo: "lugar que ficaba no fin e termo de algunha subida, onde naturalmente depón o seu peso e descarga o camiñante, o xornaleiro" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

O PREGUNTOIRO (Couzadoiro)
O termo "Preguntoiro" é de probable orixe prerromana, cun significado posiblemente similar á de orixe latina "Promontoiro". Ver detalles nesta >>entrada de blogue específica.

Este "Preguntoiro" concreto está atestado en 1430: "que todo ome que andare en barco, ou en dorna, ou batel, ou en algún navío que non pase nen tome frete de pasage desde Priguntorio asta Pereira albar sin licencia do dito mosteyro" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).

O RAMALLAL (O Ermo)
Topónimo transparente: tanto "ramallal", como "ramalleira" e "ramallosa" fan referencia a un lugar onde abundan os ramallos.

O SILVAO (Insua)
De (uilla de) Silvanu, indicando unha uilla (explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Silvanus, nome de orixe latina. Este nome está atestado en Galiza, no Tombo de Samos (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"), e tamén noutros lugares da Hispania (cf. J. M. Abascal, 1994. "Los nombres personales en las inscripciones latinas de Hispania").

A presenza do artigo, aínda que extraña, non sería excepcional. Podería deberse á influenza do apelativo común "silva", e interpretado como adxectivo.

Aínda que sen descartar que sexa un fitotopónimo, non semella que sexa este o caso; de feito, Navaza interprétao como nome de posesor (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

O SISTO (San Claudio, Senra)
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria.
Outra interpretación é como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados (cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos"). Porén, os varios topónimos "Sistelos", "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.

Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva (cf. I. Millán, 1987. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz").

O SOUTO DE POL (Senra)
Ver a entrada "Pol de Abaixo".

O SUPENIDO (O Ermo)
De Sub-Penido, lugar situado ao pé dun penedo ou penido.

O TELLADO (San Salvador de Couzadoiro)
O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu. O topónimo probablemente deriva do obvio significado de "lugar tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza".
No entanto, "Tellado" é interpretado na toponimia en xeral como "lugar abandonado e repoboado"; xa os romanos, chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. p. 635 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).

O TESOURO (Devesos)
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, frecuente de máis para referirse a un feito anecdótico dun achádego de tesouro ou similar. Por veces, as arcas en Galiza son chamadas "tesouros" ou "forno" (dos mouros), entre outros capela, casa, forno (dos mouros) (cf. J. S. Crespo, 1972. "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..." Vol. I).

O TORNO (Ladrido)
Os topónimos "Torna", "Torno" e "Retorno" serían, polo xeral, de orixe prerromana, hidrónimos cun significado de "chorro de auga", derivados da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue "Pena da Cataverna" aquí para máis detalles.

O TORNEIRO (Senra)
O dicionario define "torneiro" como persoa que traballa co torno. Podemos interpretar o topónimo neste sentido, sendo o lugar pertencente a unha persoa con tal oficio.
Por outro lado, tamén temos a acepción para torneiro e torneira de "lugar no que se desvía a auga dunha acequia" (cf. aquí).
Temos tamén un "Os Torneiros" en Insua.

O TRABADO (Couzadoiro)
Posiblemente derivado do latín tabulatu(m), "taboado", nun senso metafórico de "terreo de superficie achaiada, terreo chan". En galego, táboa é tamén un ‘pebideiro’, un ‘tallo’ ou ‘tallón’.

Este topónimo foi tratado por varios autores, en particular por Marqués Valea, quen indica que "Trabada" está xa atestada desde o século VIII, e indica que a lingua da agricultura usaba"tabla" no senso de ‘cadro de viña’, ‘cadro de terreo’, e que este sentido permanece nos derivados peninsulares tablada, tabuada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada").

Álvarez Maurín (1994: 317) recolle este uso metafórico do termo tablada na orografía e na hidronimia: “En Babia y Laciana tablada designa el “trozo del río que lleva agua mansa” (cf. M. P. Álvarez, 1994. "Diplomática asturleonesa. Terminología toponímica").

Fernández Morales definira a tablada como “pedazo llano y corto de terreno dispuesto para plantar o plantado de hortalizas” (cf. A. Fernández, 1861. "Ensayos poéticos en dialecto berciano").

Ebeling-Kruger incorporaran outros valores: “partes de un castañal repartidas entre los vecinos: tabladas en el concejo de Cangas de Tineo; cp. tablada ‘porción de terreno destinada al cultivo y principalmente a huerta’ en El Bierzo (García Rey), ‘cada uno de los espacios en que se divide una huerta para su riego’ en la provincia de Palencia (Dicc. Ac. Esp.). Encontramos "tabla" y sus derivados con acepciones semejantes en el Alentejo (tabuada ‘canteiro nas hortas’), en cat. taula, taulada….” (cf. W. Ebeling e F. Krüger, 1952. "La castaña en el noroeste de la Península Ibérica. Estudio etnográfico lexicológico", in "Anales del Instituto de Lingüística").

No entanto, hai dúbidas importantes, tal como comentamos para o topónimo "Trabazón", e lévannos a crer máis plausible a interpretación dada por Edelmiro Bascuas, derivando a serie "Traba", "Trabado" (e tamén o apelativo "trave") dunha forma hidronímica *traw- , a partir da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar' (cf. E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

O VILAR (Couzadoiro, Devesos, Insua, Mera de Abaixo, Mera de Arriba, San Salvador de Couzadoiro)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia (cf. p. 221 de Baliñas Pérez. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").
É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.

Por outra banda, na actualidade os dicionarios referen "vilar" a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito" (cf. DdD).

Finalmente, é interesante notar o feito de non existir ningún topónimo "Vilarelo" e si existiren moitos "Vilariño". Isto apunta a que o apelativo "vilar" non existía neste senso na Alta Idade Media. Con todo, si figura atestado un "Vilariño" no 1258 (cf. DDDGM)

O VISO (Céltigos)
Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado" (cf. DdD).

O XESTAL (Insua, San Claudio)
Topónimo transparente, lugar onde abundan as xestas.

OLDAR (Céltigos)
De (uilla) Uldarii, forma en xenitivo de Uldarius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

Este topónimo de Céltigos foi citado xa por Piel, que o deriva da raíz gótica *hulþaz 'amable, clemente' (cf. p. 277 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V).

OS CAROCEIROS (As Neves)
Podería vir de "lugares caroceiros", onde recollen "carozas", a parte dura que encerra o froito do piñeiro. As carozas eran usadas para facer o lume, pola sua boa combustión. Porén, co sufixo "-eiro" tamén pode apuntar para un tipo de árbore (e.g. "vieiteiro", "abruñeiro", "pereiro"), o que encaixaría coa información que achega Xabier Moure, que recolle no concello do Vicedo outro "Caroceiro", atestado como "Carruceiro" no Cadastro de Ensenada. Cf. aquí.

Sería, portanto, a árbore que Sarmiento recolle co nome"carruceiro", unha clase de maciñeira selvaxe, cun froito ao que chaman "carozos". Cf. aquí.

Tería evoluído de "carruceiro" para "caroceiro" por etimoloxía popular, por atracción do apelativo "caroza", común nesta zona.

OS CASÁS (San Salvador de Couzadoiro)
Plural de "casal", do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

OS CASÓS (Mera de Arriba)
Aumentativo plural de "casa"; posiblemente "casón" deba interpretarse como "casa grande", no senso de "casa señorial".

OS CRIBEIROS (Senra)
Os dicionarios referen para "cribeiro" varias acepcións , que a falta de documentación antiga para este termo, tórnase imposible escoller unha (cf. aquí):
1) "o que fai ou vende cribas ou cribos".
2) "Individuo que antigamente se adicaba a cribar as areas do río".

Por outro lado, sen documentación antiga ou información que o rexeite, tampouco podemos descartar que proceda do apelido de antigos posesores. O apelido "Cribeiro" é frecuente no Ortegal, así como no Vicedo e Viveiro.
En particular o apelido "Cribeiro" ten a maior frecuencia en Cedeira (cf. aquí), polo que poderíamos pensar nunha orixe ligada a unha familia provinte dalgún lugar da zona chamado Cribeiro; porén, tal lugar non existe, polo que esta interpretación semella descartable.

Hai outro "Cribeiro" en Ponteareas (Pontevedra), así como "A chousa da Cribeira" en Riobarba (O Vicedo).

OS GOMES (Luama)
Este topónimo indícanos que o lugar tería pertencido a unha familia de apelido Gomes. A pronuncia para os apelidos da terminación "-es" parece que foi a xeral ata non hai moito tempo na zona do Ortegal e na Mariña Occidental.

OS LAGARES (Senra)
Ver "O Lagar".

OS PALMARIOS (San Claudio)
Orixe incerta. Sen documentación antiga que o ateste ou desminta, podemos interpretalo como forma culta por "palmeiros", no antigo sentido que rexistrara Viterbo "de peregrino ou estrangeiro"  (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798), e tamén Du Cange recollera para Palmarius, e explicaba que tomaron o nome de "palmeiros" por traerem unha rama de palma de Terra Santa (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatisaquí).

OS PETAÑOS (Barbos)
Etimoloxía e significado incertos. Con todo, considerando o sufixo -año, é probable que estemos diante dun antigo apelativo de orixe prerromana, coa controvertida raíz *pett-. Aínda que probable, sigue sendo apenas unha hipótese, non todos os apelativos rematados en -año teñen orixe prerromana.
Existe un topónimo "Petaño" en Moeche.

OS PUMARES (Céltigos)
O dicionario define "pumar" como "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras".

OS RUBIDOS (Ladrido)
Posiblemente tería orixe nun xentilicio, referindo a unha familia provinte dun lugar de "Rubido", ou un patronímico, dunha familia de apelido Rubido, do mesmo modo que ocorreu no caso do lugar de "Os Gomes" e no d' "Os Sandes".
Alternativamente, menos probable, podemos pensar na mesma orixe que o indicado para "Rubido".

OS SANDES (Ladrido)
Posiblemente tería orixe nun xentilicio, referindo a unha familia provinte dun lugar de "Sande", ou un patronímico de apelido Sande, do mesmo modo que ocorreu no caso do lugar de "Os Gomes".

Canto a Sande, proviría dunha (uilla) Sandi, forma en xenitivo de Sando, nome do antigo posuidor, nome de orixe xermánica, formado a partir da raíz gótica santh 'verdadeiro' (cf. p. 334, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).

OS TORNEIROS (Insua)
O dicionario define "torneiro" como persoa que traballa co torno. Podemos interpretar o topónimo neste sentido, sendo o lugar pertencente a unha familia con tal oficio.
Por outro lado, tamén figura a acepción para torneiro e torneira de "lugar no que se desvía a auga dunha acequia" (cf. aquí).

Temos tamén un "O Torneiro" en Senra.

OS VILALBAS (San Salvador de Couzadoiro)
Posiblemente tería orixe nun xentilicio, referindo a unha familia provinte de Vilalba, do mesmo modo que temos o lugar d' "Os Sandes". Tamén se pode tratar dun patronímico, dunha familia apelidada Vilalba, apelido aínda frecuente na actualidade en Ortigueira.

OURAO (Loiba)
Probablemente se trate dun hidrónimo prerromano, con orixe sería na raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír', a mesma orixe que para o río Ouro, atestado na Idade Media como Aurio, para o que Bascuas postulou xa esta orixe (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do "río Ourubio" (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea.

Tampouco descartaríamos que se refira a un etnónimo, un posesor ou fundador que tería sido oriúndo dun sitio chamado "Ouro" ou similar.

Non semella probábel a interpretación de "ourao" como adxectivo relativo a ouro, indicando "(agro) moi bon" (cf. A. Llamazares, p. 151 aquí). Igualmente, F. Villar relacionou tal topónimo co latín aureum 'de ouro, dourado' (cf. aquí), aínda que por outra banda, Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos.

Alternativamente, Nicandro Ares relacionou Ourao co nome personal Aurianus (cf. "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011). Derivaría, por tanto, do acusativo Aurianum. No entanto, co maior respecto para N. Ares, o feito de existir un "O Ourao" en Viveiro, levando o artigo, tórnao improbable como antropónimo, e aínda pior se temos en conta a existencia (tamén en Viveiro) do topónimo "Ouraos", en plural, para o que xa non encaixaría facilmente a hipótese do antropónimo.

Ademais do río Ouro xa comentado, existe outro Ourao e tamén un Ouraos en Viveiro, así como "Aurá". Hai un "Costaaurá" en Mañón.

PAINCEIRAS (Mera de Abaixo)
Lugar onde abunda o paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo.
En Céltigos existe tamén un"As Painceiras".

PARDIÑAS (Mera de Arriba)
O nome "pardiña" (do latín parietina) significa "devesa" ou "chousa" (cf. dicionario).
Na toponimia galega abundan as "Pardiñas", "Pardiñás", "Pardiñeira".

PAUFITO (Devesos)
A falta de coñecermos documentación antiga que o afirme ou desmenta, aventuramos unha orixe en "palu fictu" 'pau chantado', É apenas unha das posibles interpretacións.

PEDRE (Devesos)
De (uillam) Petri, unha uilla (explotación agrícola) medieval pertencente a Petrus (Pedro).
Existe outro "Pedre" no veciño Cerdido.

PENAVIDE (Devesos)
De Pinnam Aviti (ou Pinna Vitus), unha pena pertencente a Avitus (ou Vitus).
Este nome Avitus derivou do latín avitus 'do avó ou dos devanceiros'. Está atestada unha uilla de Abitus no Tombo de Samos, nun documento do 1098 (cf. p.62 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Tamén é igualmente probable a mesma hipótese pero de Pinna Viti, sendo Vitus un nome frecuente na Idade Media.

Existe tamén un "Garavide" no Vicedo, probablemente tamén de orixe análoga (cf. aquí).

POL DE ABAIXO, POL DE ARRIBA (Senra)
De (uilla) Pauli, referindo a unha uilla (explotación agrícola) medieval dun posesor chamado Paulus.

PONTELLAS (Devesos)
Diminutivo de "ponte", ponte pequena, de madeira, pedras ou laxes para cruzar un regato ou arroio.
Tanto "pontella" como "pontiga" derivan de *ponticula, ponte pequena.

PORMADEIRA (Ladrido)
Significado e interpretación incertos, dado que hai varias hipóteses plausibles e non temos documentación antiga que as confirme ou desmenta.

Moi probablemente proveña de  "Porto Madeira", referido á existencia dun "porto de madeira", como ocorre con "O Pormellor" (Porto Mellor), en Cuíña.
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Alternativamente, aínda que máis podería vir de "pomardeira", lugar onde hai pomares.

PORTO DE INSUA (Couzadoiro)
Topónimo transparente, referido á existencia dun "porto" de río, para paso a unha insua.
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Por outra banda,aínda que non semella sexa este o caso, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos" (cf. E. Ferreira, 1988. "Los caminos medievales de Galicia").

Para o termo "insua", ver "A Insua".

PORTOBÓ (Os Freires)
Topónimo transparente, referido á existencia dun "porto bon", comparativamente a outro porto, como ocorre con "O Pormellor" (Porto Mellor), en Cuíña.

En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

POUTA DO LOBO (Espasante)
Este curioso topónimo semella relacionado coa presenza do lobo no lugar ou ben coa abundancia da planta chamada "pouta de lobo", de nome científico Ranunculus repens, que ten efectivamente a folla en forma dunha pouta ('gadoupa').

PROMADELOS (San Claudio)
De "pomardelos", forma en plural do diminutivo de "pomar", referindo a "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras".

PUMARIÑO (Mera de Abaixo, Mera de Arriba)
Diminutivo de "pumar", referindo a "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras".

QUELLE (Loiba)
O mesmo que "cale" ou "canle", tanto no senso de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
Noutras zonas chámase "quella" (con grafía quelha en portugués), así como as correspondentes formas nas que a nasal evoluíu para "n", dando "quenlle" e "quenlla".

Tamén podería proceder do apelido dun antigo posesor. O apelido Quelle abunda na mariña Occidental, tendo a maior frecuencia no concello de Xove.

Existe outro Quelle en Riobarba (O Vicedo).

QUINTÁ (Luía, O Ermo, Veiga)
Do latín tardío quintana 'finca alugada pola que se entrega ao dono a quinta parte dos froitos'.

Algúns autores teñen proposto unha orixe en (uilla) quintana 'uilla medieval pertencente a Quintus ou Quintanus. Non o considero posible, primeiro pola grande abundancia de topónimos "Quintá" e "A Quintá", implicaría que foi un nome extremadamente frecuente. Segundo porque moitos deles levan o artigo "A Quintá", improbable en xeral e case imposible dada a abundancia. Terceiramente porque a gran maioría non corresponde con núcleos de poboación.

RAMIL (O Ermo)
De (uilla) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamirus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

RANDAMIL (Couzadoiro)
De (uilla) Randemiri, forma en xenitivo de Randemirus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Atopamos non moi lonxe outro Randamil en Magazos (Viveiro).

RANDE (Couzadoiro)
De (uilla) Randi, forma en xenitivo de Randus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica, formado a partir do xermánico *rand- 'beira de escudo' (cf. p. 385 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)")

REBOREDO (Devesos)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto que o sinónimo “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

REÑALDE (Cuíña)
De (uilla) Ragnaldi, forma en xenitivo de Ragnaldus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

REPARADA (Loiba)
Aínda que descoñecemos documentación antiga que o confirme ou desmenta, cremos que é moi probable que teña unha mesma orixe (uilla) Reparati, forma en xenitivo de Reparatus, nome de orixe latina. Este tería sido un antigo posuidor da uilla (explotación agrícola). O nome Reparatus está atestado en Galiza e ten orixe latino-cristián (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

Canto á evolución, sería Reparati > Reparade > Reparada. O paso de -e para -a non sería extraño, estando atestado en moitos topónimos, probablemente nunha reinterpretación do -e como un -a relaxado: aparte dos Martínez Lema refere a exemplos como Comparade > Comparada, que estaría moi próximo ao do topónimo que estamos a analizar (cf. P. Martínez. "Toponomástica, documentación medieval y fenomenología lingüística: contribución para una gramática histórica de la lengua gallega", in "Actes ICOS XXIV).

REQUEIXO (San Salvador de Couzadoiro, Ortigueira)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DDD) ou tamén lugar apartado, nun recanto.

Segundo E. Bascuas , viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo" (cf. E. Bascuas, in Verba, 2000).

O "Requeixo"  de Ortigueira, apúntame Xosé M. Torres, está onde o cemiterio, falándose da “punta de Requeixo”, aínda que agora a antigua península xa non exista polos recheos e pola construción do peirao.

RIBADOS (San Claudio)
O dicionario define ribado como sinónimo de ribada e noiro "superficie de terreo moi inclinada ou case vertical nun desnivel". O dicionario de Aníbal Otero define ribado como "corte ou ribazo vertical entre dúas terras de nivel desigual" (cf. DDD).Este río dá nome as poboacións de Mera de Abaixo e Mera de Arriba, así como a Trambasmeras nas Pontes, situado entre este río Mera e un afluente, que proviría de "Entre ambas Meras", similar ao caso de Trambosores (Ambosores).
Trátase dun hidrónimo relativamente frecuente, así atopamos outro Mera afluente do Tambre, e xa na provincia de Lugo un afluente do Miño que nace en Santalla de Bóveda de Mera; en Pontevedra temos Barcia de Mera, e un Mera afluente do Tea. Xa en Portugal aparece outro Mera en Peso da Regua. Xa fóra do ámbito galego-portugués atopamos varios Miera en Asturias e Cantabria.

RÍO MERA
Moi probablemente corresponda co río Mearos que menciona Ptolomeo, e que situaría entre o cabo Ortegal e o río Navia (1).
Tamén o  Vale de Mera xa está atestado con ese nome no ano 966, nun documento do bispo Sisnando (2).
O nome ten probablemente unha orixe hidronímica paleoeuropea (3). Aínda que son varias as raíces *mer- que identifica Pokorny coas cales podería corresponder, podemos supor a raíz indoeuropea *mar- /mor- ‘auga detida’, relacionada así mesmo, entre outros, co nome de lugar Meira.
Esta é a orixe plantexada por Rosa Pedrero, quen lle asigna esta raíz para os elementos hidronímicos prerromanos  *mir- e *mer- (4). Similarmente Rivas asígnalle a orixe na raíz *m'r- 'auga' (5).
É interesante notar que o galego preservou o apelativo "mera" 'néboa moi húmida' (6), que probablemente teña igual orixe indoeuropea.

Notas:
(1) - cf. Ptolomeo, II.6.4; identificación que realiza Schulten (cf. p. 93, "Geografía y Etnografía Antiguas de la Península Ibérica").
(2) - cf. Tombo de Sobrado.
(3) - cf. p. 123 de E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
(4) - cf. R. Pedrero,1996. "El hidrónimo prerromano Mira".
(5) - cf. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín".
(6) - Di o dicionario de Eladio Rodríguez “Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” .


RODELA (Devesos)
Diminutivo de "roda", posiblemente metaforicamente referíndose á forma redonda e cha dun monte.
Nicandro Ares tamén apunta a alternativa de derivar dun nome de posesor Rutella ou Rutilla (cf. p. 518 de "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011).

ROIBÁS (San Claudio, Senra)
Plural de "Roibal". Os topónimos "Rubiás", "Roibás", "Rubás" teñen orixe controversa, posiblemente distintas orixes segundo o caso.
En xeral, é interpretado como "(terras) rubás", "terras de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas.

Alternativamente, "Roibal" podería ser similar á de "Rubido", que podería vir de Reborido do latín reboretum, lugar onde abundan os carballos. Ver o indicado para "Rubido".

Alternativamente, está atestado o topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Por outro lado, Joseph Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

Tampouco podemos descartar que sexa orixinado en "lugar dos Roibás", pertencentes a unha familia co apelido "Roibal" ou procedente dun lugar así chamado.

RUBIDO (Loiba)
Os topónimos "Rubido", "Rubal", "Rubás" e similares teñen orixe controversa, posiblemente distintas orixes segundo o caso.

Os topónimo "Rubido", "Roibal"e "Rubal" son interpretados xeralmente como "(agro) rubido, (terra) rubal", "de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas.
Alternativamente, Joseph Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

Por outro lado, aínda que máis improbable, tendo en conta a existencia de topónimos Rubal, Rubido e Robedo, podemos interpretar Rubido e Robedo como formas evoluídas de robredo, do latín roburetum, que tamén deu Reboredo. O paso de robrido > robrido non sería extraño, por disimilación con haploloxía do "r", tal como ocorreu de aratru > arado, ou rostro > rosto.

É interesante, de cara a establecer a orixe, reparar en que este "Rubido" aparece atestado en 1095 transcrito como Rubito (latinización do escriba) "per terminis de Martisi et Plapa Mala et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). Deste modo, semella máis probable a interpretación tradicional de (agro) rubido, agro roibo.

SA (Senra, Veiga)
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.

Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", in "Historia de la lengua española". 2004).

Por outro lado, outros autores como Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. E. Roberts e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996).

SAN CLAUDIO (San Claudio)
Haxiotopónimo. O nome tradicional desta poboación era "San Cloyo" e máis tarde "San Croio". Así, por exemplo, figura como "Santa Maria de San Croyo" no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").
Descoñecemos o momento no que se castelanizou ou ben (sendo optimistas) recuperou unha denominación cultista.

SANGUIÑEDO (Cuíña, O Ermo)
Os termos "sanguiñedo" e "sanguiñal" indican un sitio onde abundan os sanguiños (planta).
Temos un "O Sanguiñal" en Mañón.

SEIXIDAL (Devesos)
O mesmo significado de “seixal” e “seixido”, indicando un lugar onde abundan os seixos.

SENRA (Ortigueira)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.
Temos tamén na parroquia de Insua os topónimos "A Senra" e "A Seara", da mesma orixe.

Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado a freguesía de "San Giao de senrra", nunha venta de "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." - aquí).

SEOANE (O Mosteiro, Senra)
O termo Seoane é un haxiotopónimo, forma evoluída de Sanctus Iohannes 'San Xoán'. Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluíu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

SERANTES (Veiga)
Este topónimo, relativamente frecuente en Galiza e Asturias, ten moi probablemente unha orixe prerromana.
A primeira interpretación é a derivalo dun hidrónimo de orixe paleoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo', e daí, *ser-anti 'fluínte, corrente'.
Esta orixe élle atribuída por varios autores, incluíndo o estudo de G. Hermo, onde aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- (Sarandeses, Sarandín, Sarandón e Sarandós) e Serant- (Serantellos e Serantes). Cf. aquí.

Segundo Boullón Agrelo, tería unha "orixe na base celta *sar- 'auga', presente no nome dos ríos Sar e Sarela, ou no topónimo "Sarria"; a terminación compártea con outros topónimos como Arantes, Barbantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes. Indica ademais a posible relación con nomes étnicos prerromanos. Significaría, xa que logo, 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa' (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Segundo M. Costa, o étimo destes topónimos podería ser *serh3-nt-, p. presente do verbo indoeuropeo *serh3- "moverse, saír (violentamente, con hostilidade)". En consecuencia, "Serantes" referenciaría as cualidades guerreiras dos seus habitantes, algo así como "onde os asaltantes". Cf. aquí. M. Costa tamén refire á epigrafía, que rexistra na Gallaecia unha inscrición que recolle xa o nome de Serante, que confirma este sufixo coletivo: TRIDIAE MODESTI F. SEURRA TRANSM(INIENSE) 'C' SERANTE (co 'C' indicando un simbolo "C" invertido, cun significado probablemente relacionado cun castro ou poboación).

SIBIL (Devesos)
Derivado de (uilla) Severii, xenitivo de Severius. Indica, xa que logo, a existencia dunha uilla (explotación agrícola) pertencente a un posesor chamado Severius, nome de orixe latina (cf. J. Piel, 1950. "Os nomes dos santos tradicionais hispânicos na toponímia peninsular").
Nicandro Ares refere a existencia deste mesmo topónimo, coa grafía "Sivil", en Estraxiz (Samos), atestado no ano 978 como “villa de Severi”, no 1175 como “Sevir”, e no 1195 como "Sevil” (cf. p. 1184, N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol II).

Podería tamén vir de (uilla) Sibilii, de Sibilius, aínda que máis improbable do o caso anterior.

No entanto, e aínda que improbable, tampouco podemos descartar, a falta de documentación antiga, unha orixe nun posesor do lugar de apelido Sivil, Rivas Quintas recolle este apelido desde o século XIV (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do Noroeste hispánico").

SOBRADO DE ABAIXO, SOBRADO DE ARRIBA (Barbos)
O apelativo "sobrado" refere en galego ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". Xeralmente, é interpretado como derivado de superatum, pero no senso de 'sitio alto, eminente'. Así, I. Millán defíneo como "terra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Isto encaixaría por exemplo no caso do "Monte Sobrado" en Xove.

Por outro lado, J. Piel interpretou "sobrado" como pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala), as tres denominando "residencias máis ou menos fidalgas" (cf. J. Piel en "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953). Aplicaríase, xa que logo, no senso de casa de certo lustre ao ter varios andares.

Tanto Piel como outros autores rexeitan a orixe en "suberatum", tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

SOBORRIBAS (Cuíña)
Topónimo transparente: composto de "Sobor Ribas", sobre das ribas, sobre da ribeira.

SÓÑARA (San Salvador de Couzadoiro)
Topónimo de orixe prerromana, co sufixo átono -ara, xeralmente en palabras desa orixe, tais como gándara, Támara, Láncara.
J. Moralejo apunta para Sóñara unha orixe na raíz indoeuropea *seu- 'húmedo' ou *seu- 'dobrar, virar' (cf. J. J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008).

Na toponimia galega atopamos varios Sóñara, Sóñora, Soñar e Soñariño. De feito, atopamos nun documento de 1271 un "Soniar" correspondente co actual Sóñora, preto do río do mesmo nome (cf. GMH. "Testamentum domni Johannes Marini ultimi").

SOÑÍN (Veiga)
Este topónimo tería a orixe en (uilla) Sun(n)ini, ou similar, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor de nome Suninus ou Sunninus. En efecto, Piel fai referencia ao topónimo portugués análogo Sonhim, e indica que podería ser derivado dun xenitivo dunha forma en -inus derivado do xermánico sunja 'verdade' (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI). Porén, a raíz da que se formou é incerta, tal vez podería ter derivado de *sona 'reparación, expiación', ou de *sunjo 'verdade'.

SOUTOMOR (Loiba)
Composto de "Souto Mor". Aínda que sen documentación antiga que o confirme, podemos pensar derivado de Saltu Maiore 'souto maior'. Na Idade media era común o uso do adxectivo "mor", que posteriormente caíu en desuso polo cultismo "maior".
Alternativamente, de Saltu Mauri, souto pertencente a unha persoa de nome Mauru(s).

É curiosa a súa castelanización como "Soutomoro".

SOUTRANDÉ (San Claudio)
Este topónimo tería a orixe en "Souto André", un souto pertencente a un antigo posesor chamado André. O desprazamento do -r- á sílaba anterior non é infrecuente no galego.

SUAPENA (Insua)
De "sub a riba", lugar situado ao pé dunha " pena".

SUARRIBA (O Ermo)
De "sub a riba", lugar situado ao pé dunha " riba". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente é referido á marxe dun río.

SUSAÍDO (Os Freires, Mera de Arriba)
Orixe e etimoloxía incerta.
A falta de coñecermos documentación antiga que o probe ou rexeite, podemos interpretalo como derivado do adxectivo susán ou susano, do latín sursum 'de arriba". Indicaría, por tanto, un lugar situado nun alto, en relación a outro lugar.

Alternativamente, aínda que improbable, podemos pensar nun "Su-Saído", lugar situado ao pé dun "Saído". Porén, ningún dos significados de "saído" encaixa nun topónimo correspondente cun núcleo de poboación: amais do significado común de participio do verbo saír, "saliente", os dicionarios de galego dan os significados de "Terreo adxacente a unha casa, especialmente entre labradores", así como o de "pasillo muy amplio que había en las casas antiguas" (cf. DDD).

TALLÓN (Luía)
O dicionarios definen "tallón" como "pequena extensión de terreo destinado ao cultivo de legumes". Por outro lado, Sarmiento recollía a acepción de "cuadrado de viña".

TRABAZÓN (Insua)
Probablemente forma relacionada con "Traba" e "Trabazo(s)". Estes topónimos, frecuentes na xeografía galega, teñen interpretacións controversas.

O topónimo "Traba" é polo xeral relacionado co latín tabula, e por tanto cognado da forma galega normativa "táboa", nun senso metafórico de "peza rectangular e cha de terreo". Ver "O Trabado" para máis comentarios. No entanto, "Trabazón" tería unha interpretación máis difícil neste contexto.
Xurde un primeiro problema con esta interpretación se temos en conta que a forma común para táboa na comarca é "tauga" e non "traba". É verdade que se puidera ter imposto esta forma máis tarde, e conservado a forma "traba" na toponimia, pero semella dificil que fose maioritaria nun tempo a forma "traba", con topónimos derivados como Trabazo(s), Trabazón, Trabanco(s), e que non existan **Taboazón, **Taboanco(s), etc. Se a isto sumamos que as formas indicadas teñen sufixos comúns na hidronimia prerromana. En efecto, hai na toponimia un conxunto de formas Trabazo, Trabazón, Trabanco(s) análogo a outras formacións hidronímicas tales como Vara, Varazo, Varazón, e ao Deza, Dezón.

Por todo o anterior, cremos que a interpretación máis probable e a dada por Edelmiro Bascuas, derivando a serie "Traba", "Trabado" (e tamén o apelativo "trave") dunha forma hidronímica *traw- , a partir da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar' (cf. E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

TRESTEMIL (San Claudio)
Tamén chamado Tristimil. Provén de (uilla) Trastemiri, forma en xenitivo de Trastemirus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica (de *thrafstiz 'confort' e *merjaz 'famoso'). Trastemirus figura nun documento do ano 818,  no Tombo de Sobrado (cf. p. 435 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)")

Este lugar está atestado en 1413 como "casar de Trastemil" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).
Hai tamén un Trastemil en Vilalva, da mesma orixe.

VALELLA (Barbos), VALELLA DE ABAIXO (Cuíña), VALELLA DE ARRIBA (Cuíña)
Diminutivo de "val", co sufixo -ella. É de notar a antiguidade do topónimo, pois aquí "vale" aínda conserva o orixinario xénero femenino que tiña no latín.

VALESCURA (Cuíña)
Topónimo transparentede "vale escura". É de notar a antiguidade do topónimo, pois aquí "vale" aínda conserva o orixinario xénero femenino que tiña no latín.

VILABADE (Barbos)
Orixe incerta. Unha hipótese sería Uilla abbati, "uilla (=granxa) do abade". Tamén podemos interpretar Abbati como nome personal, tal como propón J. Piel para outro topónimo "Vilabade". Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", Verba 11 (1984).

Alternativamente, podemos tamén pensar nunha orixe en Uilla Aviati, derivado do nome persoal latino Aviatus, recollido por Solin (cf. H. Solin e O. Salomies, "Repertorium nominum gentilium et cognominum Latinorum". 1988).

Outra hipótese sería a de "abade" estar relacionado coa raíz hidronímica prerromana, tipo *ap-, *au-, moi diversificada co pasar do tempo. Non cremos que sexa este o caso, máxime tratándose dunha "uilla".

VILACOVA (Barbos)
Composto de "Vila Cova". Neste caso, "cova" actúa como adxectivo, nun senso metafórico, indicando que o lugar está localizado no fondo dunha pequena valgueira. Este é o caso, por exemplo de "A Cova" en Riobarba.
É verdade que o dicionario non rexistra esta acepción para "cova" (senón que a define como "caverna, cavidade natural ou artificial no terreo"). Precisamos axuda local.

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos núcleos de poboación con este nome en Santiago, Palas de Rei, Abegondo, Lousame, etc.

VILAR (Mera de Arriba), VILARNOVO (O Ermo)
Ver "O Vilar".

VILARIÑO (As Neves, Mera de Abaixo), VILARIÑO DE ABAIXO (Insua), VILARIÑO DE ARRIBA (Insua)
Diminutivo de "vilar". É interesante notar o feito de levar o sufixo -iño e non o sufixo -elo, indícanos que non ten a antiguidade que tería un termo con sufixo -elo; de feito, non atopamos ningún topónimo Vilarelo e si moitos "Vilariño". Isto apunta a que o apelativo "vilar" non existía neste senso na Alta Idade Media. Con todo, si figura xa atestado un "Vilariño" no 1258 (cf. DDDGM)

Ver "O Vilar" para máis detalles.

VILARMOR (O Ermo)
Composto de "Vilar Mor", derivado de "Vilar Maior". Na Idade media era común o uso do adxectivo "mor" (tamén como nome de persoa), que posteriormente caíu en desuso polo cultismo "maior". O mesmo adxectivo está presente tamén en Soutomor.
Para o termo "vilar", ver "O Vilar".

VIÑÁN (Insua)
Aínda que sen dúbida se trata dun nome de posesor, o nome concreto é difícil de interpretar, a falta de documentación antiga.

O máis probable semella unha orixe en (uilla) Aviniani, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado *Avinianus. Aínda que este nome persoal non estexa atestado, figura atestado no ano 964 un notario do mosteiro de Sobrado chamado Auinius  (cf. P. Loscertales, 1976. "Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes", Vol. I). A partir de Auinius, co sufixo latino -anus, teríase formado Auinianus.

VIXILDO (Insua)
Este topónimo ten a orixe en (uilla de) Vigildu, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor de nome Vigildus . En efecto, Piel fai referencia a este topónimo concreto de Insua, derivándoo "claramente" dese nome Vigildus (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VII).

XEDRIZ (Espasante)
De (uilla) Seserici, forma en xenitivo de Sesericus, nome de orixe xermánica. Este tería sido un antigo posuidor da uilla (explotación agrícola).
En efecto, esta é tamén a orixe postulada para Xerdiz (Ourol), que figura atestado como Seserit nun documento do século XII (cf. cf. Flórez, "España Sagrada" aquí). Esta grafía "-t" en Seserit indicaría a pronuncia medieval que deu na actualidade a pronuncia "-z".

Están atestadas, así mesmo, as formas intermedias Xederiz no "Censo de Pecheros" de 1528, e un século despois xa case coa fonética actual, como Jerdis, no "Censo de la Sal" de 1631.

XILFONXE (Ladrido)
Probablemente proveña de (uilla) Gildefonsi, forma en xenitivo de Gildefonsus, nome de orixe xermánica. Este tería sido un antigo posuidor da uilla ('explotación agrícola').
Aínda que o nome Gildefonsus non o atopamos na documentación medieval galega, está documentado fóra da Península e é unha formación válida dacordo á onomástica xermánica, e derivaría de gild- (protoxermánico *geldan 'tributo, recompensa') e máis -fonsus (protoxermánico *funsaz 'ansioso, preparado') .
Este lugar estaría atestado en 1413 como "casal de Xilfonxe" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).

XILOI (Loiba)
Topónimo orixinado nun nome de posesor duna uilla (explotación agrícola) altomedieval. Porén, é complicado establecer un nome de posesor específico, máis aínda descoñecendo documentación antiga deste topónimo. Podemos aventurar un (uilla) Gilloni, forma en xenitivo de Gillonus, nome de orixe xermánica, ou igualmente un (uilla) Gilloi, aínda que nin Gillonus nin Gilloi están atestados na península.