xoves, 16 de marzo de 2017

Toponimia maior de Ortigueira



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello.
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.

É unha páxina viva: sería de axuda ter soporte e acceso a documentación medieval para poder contrastar cos nomes actuais.

-----------


ABASTEIRA, A (Espasante)
BASTEIRA, A (Senra)
O termo "abasteira" é moi probablemente equivalente a "basteira".
Segundo Navaza, Basteira é probablemente un "derivado do adxectivo "basto", alusivo á vexetación basta ou mesta" (cf. G. Navaza, "Toponimia de Catoira").
Por outra banda, Moralejo interpretou os topónimos Basteira, Basteiro, Basteiriños como variantes de Besteira, Besteiro, Besteiriños (cf. p. 306, A. Moralejo,  1977. "Toponimia Gallega y Leonesa").

ACEAS, AS (Insua)
Os apelativos "acea" e "aceña" proveñen do árabe. No dicionario "acea" é definida como "Muíño situado nunha ría, que aproveita para o seu funcionamento a auga acumulada durante a preamar".
As aceas non tiñan "rodicio" senón unha roda vertical similar a unha nora.
É un topónio relativamente frecuente, así temos outro "As Aceas" en Viveiro.

ACIVEIRAL, O (As Neves)
ACIVEIRO, O (Devesos)
ACIVIDO, O (Couzadoiro)
Os nomes "aciveiral", "acivedo", "acivido", indican un lugar onde abundan  (abundaron) os acevos,  tamén chamados acivos ou acivros (Ilex aquifolium).

En canto a "Aciveiro", tal como indica Navaza, pode referir a unha soa árbore de acevo ou ben a un abundancial, indicando por tanto igualmente un lugar onde abundan (abundaron) os acevos.

No caso do Acivido de Couzadoiro, ese lugar está atestado en 1419 como "casal do Asevido" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).

ADRO, O (Espasante)
Un adro, do latín atrium, tanto en galego como e portugués indica o espazo que hai diante das igrexas ou capelas.

AGUIEIRAS AS (Freires)
Alude a un lugar frecuentado polas aguias ou onde aniñan. Pode tratarse dunha referencia metafórica, aludindo á situación e orografía do lugar.

ALDAR (O Ermo)
De (uilla) Elduarii, forma en xenitivo de Elduarius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola").
Existe outro Casaldar (< Casa Aldarii) en Muras.

Este "Aldar" sería probablemente o que aparece atestado en 1095 como Elduare "per terminis de Martisi et Plapa Mala et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

ALTAMIRA (Devesos)
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e no resto da Península. Aínda que pareza ter un significado transparente, moi probablemente non ten nada que ver co verbo "mirar", senón que é un topónimo de orixe prerromana.
De feito, "mira" é un elemento presente en hidrónimos como Mirante (<*Mira-nt-i), Miranzo (<*Mira-nt-io), etc, que inclúen sufixos -nt- de orixe prerromana.
É interesante reparar tamén en Mirela, coa típico diminutivo do cauce alto dos ríos (e.g. o "Sarela"), que volve a confirmar o carácter hidronímico do elemento *mira. Da mesma raíz tamén derivarían outros hidrónimos como "Mera". Esta é a orixe plantexada por Rosa Pedrero, quen lle asigna unha orixe común aos elementos hidronímicos prerromanos  *mir- e *mer-  (cf. R. Pedrero,1996. "El hidrónimo prerromano Mira").

En canto ao elemento inicial "alt-", podería corresponder coa raíz indoeuropea *al- 'elevar', o mesmo que o latín altus ou o celta alto.
Por outro lado, alternativamente, sería preciso confirmar que non ten relación ou orixe co viscondado de "Altamira".

ALVARIÑOS (San Claudio)
O termo "alvariño" ou "albariño" é un derivado do adxectivo latino albus 'albo, branco'. Dado que se pode aplicar en múltiples contextos, é difícil de establecer neste caso o significado, aínda que podería vir de "(terreos) albariños", " terra albariña", definida no dicionario como "terra lixeira e de mala calidade" (cf. DDD). Navaza interprétao similarmente, como diminutivo de "albar", "de cor tirando a branca", por exemplo de "uva albariña", ou "terra albariña" ("terra esbranquizada"). Alternativamente, podería referirse a unha familia de apelido "Alvariño", frecuente no veciño concello das Somozas.

AMENEIRAL, O (Barbos)
Lugar onde abundan os ameneiros ou amieiros. É curioso observar a existencia da variante "O Amieiro" e "Os Amieiros" no mesmo concello, en Mera de Arriba e en Cuíña respectivamente.

ANGARIAS AS (Insua)
O apelativos "angaria" non figura nos dicionarios de galego pero si no de portugues, coas acepcións de "requisição de bestas para serviço público" e "aluguer de bestas".
Viterbo clarifícao mellor: "en algúns forais áchanse estas 'angueiras' ou 'angarias', de bestas e bois, mais só co nome de 'servizo', que se debía prestar ao señorío" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
Xa que logo, interpretámolo como que nese lugar alugaban bestas ou bois, ou ben era onde lle prestaban o servizo de aluguer de bestas e bois aos señores do lugar.

ARMADA, A (O Ermo)
ARMADA DE ABAIXO, A (San Claudio)
ARMADA DE ARRIBA, A (San Claudio)
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

ARO, O (Céltigos)
Probablemente o significado de "Aro" estea relacionado co elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" de toda a comarca. En particular, estaría tamén presente no cercano "O Aroxo" de Loiba.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

Este nome de núcleo de poboación podería derivar de "Adro", aínda que non coñecemos da existencia de capela ou igrexa antigamente nese lugar, e ademáis noutros lugares cercanos conservan o topónimo Adro. Por todo iso esta orixe é moi improbable.

AROXO, O (Loiba)
Probablemente o significado de "Aroxo" estea relacionado co elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" de toda a comarca. En particular, estaría tamén presente no cercano "O Aro" de Céltigos.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

AVICOÑA, A (Luía)
Os termos vicoña e bicoña non aparecen atestados en galego nin nas linguas latinas. Cremos que se trataría dunha forma de orixe prerromana, dada a terminación -oña, frecuente nas formas de orixe prerromana (en particular na hidronimia), e talvez proveña da mesma raíz que "bico".

Existe o topónimo "Becoña" en Boborás (Ourense), probablemente de igual orixe. Hai un Vicuña en Álava, descoñecemos se garda relación; figura xa atestado un "Hernando de Bicuña" no País Vasco, no ano 1500, polo que non ten relación algunha co quechua "vicunna" ou "wikuna".

AXILDE (San Claudio)
De *(uilla) Agildi ou *(uilla) Anagildi, forma en xenitivo de Agildus ou Anagildus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Calquera dos dous posibles nomes indicados son de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Idade Media.

BALDOMAR (Mera de Arriba)
De *(uilla) Baldemari, forma en xenitivo de Baldemarius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Idade Media.

BALEO, O (Ladrido)
Este lugar está xa atestado en 1384 como " "lugar do Baleo" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).Nese documento tamén menciona a doación do "paazo do Baleo".
Sendo un lugar costeiro, talvez o topónimo estea relacionado coa pesca da balea.

A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII, cando se extinguiu a especie nas costas galegas.

Nos primeiros tempos, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente os baleeiros vascos. Cf. aquí.

Figura en 1349 un "Johan Peres baleeyro", en Pontedeume (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). Tamén figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares: "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor." (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

BARBEITA (Ladrido)
De "(terra) barbeita", do latín vervacta. O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

Os topónimos Barbeito e Barbeita son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro Barbeita no veciño concello de Mañón.

BARBOS (Barbos)
Topónimo probablemente derivado dun xentilicio de orixe prerromana, como se verá de seguido.
Está atestado como Sancti Juliani de Baruaos en 1137, e "in Barbaus" en 1164 (cf. S. Montero, 1935. "La colección diplomática del Monasterio de Jubia") así como Sancti Iuliani de Baruaos sen data (cf. P. Loscertales, 1976. "Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes", Vol. I).
Estes rexistros, así como outros máis tardíos onde aparece como Barboos, apoian a hipótese de Bascuas de derivar dunha protoforma *Bharwanos, con sufixo átono de xentilicio, do que derívaria para *Báruanos > Bárboos > Barbos (cf. p. 77 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
Sería, xa que logo, un xentilicio que referenciaría a habitantes procedentes dun lugar chamado Barba ou similar. Este "Barba" proviría dun anterior Barva, a partir do radical *barw-, derivado da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial' (cf. p. 76 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

No século XVIII atopamos xa atestada como "Bárbos" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

BARCÓN (Devesos)
Posiblemente se trate dun aumentativo de "barco", no sentido metafórico da orografía do terreo. Tanto este "Barcós" como o de Cabanas (O Vicedo) son núcleos de poboación e están situados nun lombo entre encostas pronunciadas, polo que si semella ter sentido orográfico.

Por outra banda, Bascuas non descarta tampouco unha orixe hidronímica nunha forma *war-ko, a raíz indoeuropea *war- 'auga, húmido'. Así, este sufixo -ón sería de orixe prerromana, frecuente na hidronimia (cf. p. 167 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

Os topónimos Barco e Barcón son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro "Os Barcós" no veciño concello de Mañón.

BELUZ (Mera de Abaixo)
Orixe incerta, talvez nun hidrónimo prerromano.
A priori, poderíamos pensar nunha orixe en *(uilla) Luci, forma en xenitivo de Lucius, nome de orixe latina. A evolución vilaluci > vilaluz > viluz > veluz sería probable en galego, incluíndo a haploloxía reducindo sílabas semellantes.
No entanto, non semella probable se reparamos no caso do topónimo Beluso (Pontevedra), atestado na Idade Media como Belus 1373 "...Iohan de Belus..", así como Beluzoo (en diminutivo) en 1289 ".. hereditate de Biade et de Riatelo et Beluzoo". Tendo en conta a forma Beluzoo, podemos pensar nun hidrónimo, onde Beluzoo derivaría da referencia á parte alta do río ou ao afluente, que en moitísimos casos se fai co diminutivo (Sorela, Sarela, Ulló, etc). Faría falla analizar os ríos presentes para comprobar a validez desta teoría.

BIDUAL (Insua)
BIDUÍDO (Couzadoiro)
Tanto biduído, beduedo como bidual indican un lugar onde abundan os bedueiros.

BRAELLE (San Salvador de Couzadoiro)
De *(uilla) Veranelli, forma en xenitivo de Veranellus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina tardía (cf. J. Piel, "Sobre o sufixo -ellus, -ella no onomástico tardio hispano-latino").

BRANDARIZ (Luama)
De *(uilla) Branderici, forma en xenitivo de Brandericus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Idade Media.

BREA, A (Barbos)
Brea pode ter varias orixes e significados, pero moi probablemente neste contexto signifique "vrea" (verea, vereda).

BRIXELA, A (Céltigos)
Talvez poida interpretarse como diminutivo de "brexo" 'matorral, humedal' (tanto no galego como no portugués). O apelativo brexo foi estudado por E. Bascuas relacionou co tema céltico *bhreg-io. Nese estudo é mencionado este topónimo "A Brixela" (cf. p. 462 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Núm. 17).

Hai un "O Brixel" en Silán (Muras)  eoutros máis pola xeografía galega, para os que se acostuman explicar como derivado de "verxel", o cal deriva do antigo occitano vergier, e este á súa vez do latín viridiarium (de verde, arboreda).  Gonzalo Navaza indica ademais a alternativa de relacionalo co  substantivo brixel existente en asturiano, definido no dicionario de Sanchez Vicente como «arbusto semejante al madroño» e tamén como sinónimo de «grosella» (cf. G. Navaza. "Toponimia de Catoira").

Finalmente, indicar que o dicionario define "brixel" como "unha clase de rede" (tanto no galego como no asturiano, para pescar troitas no caso asturiano), aínda que semella ter un encaixe difícil esta interpretación para un topónimo.

BUDEIROS DE ABAIXO (Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro)
BUDEIROS DE ARRIBA (Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro)
A orixe deste topónimo é incerta. A. Moralejo relacionao co latín buda 'espadana'. Por outro lado, Rivas Quintas e J. M. González derívano dunha raíz celta *bed-*bud- con sentido hidronímico, da que derivarían topónimos como Bueu e Budiño. Navaza inclúeo na súa obra de fitotoponimia, aínda que con reparos, recoñecendo que podería tratarse de hidrónimos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Seguindo, xa que logo, a Navaza, indico con reservas que "Budeiro" podería indicar un lugar onde abundan as espadanas, sen descartar a alternativa que se trate dun hidrónimo.

Hai tamén un núcleo de poboación "O Budeiro" en Ribadavia.

BURGO, O (Cuíña)
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín.
Na Idade Media, o apelativo "burgo" nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000).

BURREIROS (Loiba)
BURREIROS DE ABAIXO  (Senra)
BURREIROS DE ARRIBA (Senra)
Topónimo con dous posibles significados: o directo de 'tratantes, compraventa de burros', e o de "borreiros", 'colmeeiros, compraventa de cera'.

A primeira interpretación directa é plausible, dado que tamén existen na xeografía galega topónimos como múltiples "Os Besteiros", así como Os "Asneiros" (Piñor), Asneiros (Rois) e "Os Muleiros" (Ramirás).

Canto á segunda interpretación, foneticamente sería posible dado que a pronuncia pechada do "o" átono fai que unhas veces sexa transcrito con "o" e outras moitas con "u". Semanticamente, os dicionarios de galego definen "borreiros" como "colmeeiros, comerciantes de cera en bruto" (cf. DdD), polo que podería tratarse deste caso sendo unha entidade de poboación, indicando o oficio dos seus habitantes. De feito, a maioría dos "Borreiros" e "Burreiros" trátase de núcleos de poboación.

Por outro lado, como indica Navaza, existe tamén a posibilidade de derivar de "borra", na acepción de 'pouso, sedimento', facendo relación á composición do terreo, ben por estar á beira do río e ser terra de aluvión ou ben residuo de queima para fertilizar o solo (cf. G. Navaza. "O nome dos lugares. Saiáns").

Descoñecemos se neste caso a orografía e situación do lugar, nin tampouco se hai documentación antiga que recolla este oficio de borreiro relacionado con este lugar.

BUSTELO (Devesos)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.

Navaza indica que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor (cf. G. Navaza. "Toponimia de Catoira") . Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa e outros derivan bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea *gwōw- 'vaca' (cf. IEW: 482).

CABALAR (Luama)
O adxectivo "Cabalar" pode ser que refira a unha "(pedra) cabalar" ou cabaleira, unha pedra que monta sobre doutra (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"). Sería preciso confirmar ou descartar a existencia de tal penedo no lugar.
Alternativamente, pode tratarse dun zootopónimo, remitindo á presencia de cabalos, talvez selvaxes.

Nagúns casos, semella máis probable a alusión do adxectivo a unha"pena". Así, nas Somozas o Nomenclator rexistra "A Leira das Cabalares", e en Pobra de Trives "A Cabalar", ambos en femenino, polo que supoñemos que o nome destes topónimos elíptico foi "pedra" ou "pena". En Vigo (Po) atopamos un "A Cabalaria" e ao pé del "A Pedra Cabalaria", onde se conservou o suxeito, así como a forma culta.
Nas Pontes, nas Somozas, en Ourol e en Cerceda figuran igualmente outros"Cabalar", os catro igualmente entidades de poboación.

Este lugar de Luama debe corresponder co atestado en 1413, nun documento de Ortigueira onde se refire a un "frey Joaquin de Cabalar" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).

CABRADOIRO, O (Devesos)
Reinterpretación dun "O Crebadoiro", de "crebar", pola forma do terreo.
Así, Rivas Quintas rexistra "cabradoiro" como un "crebe no terreo" (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía").

CADAVAL, O (Loiba)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé" (cf. DdD).

CAIOGA, A (San Claudio)
Etimoloxía e significado incertos. Podería ter orixe céltica e estar relacionado co vocábulo galo cagio 'sebe', 'campo cercado'. En efeito, Matasovic identificou o protocéltico *kagyo- como 'curral, cercado' (cf. p. 184 de R. Matasovic, 2009. "Etymological Dictionary of Proto-Celtic").
Descoñecemos se garda relación etimolóxica con "Caión", no veciño Mañón.

CALLOBRE (Céltigos)
CALLOBRE VELLO (Espasante)
O topónimo "Callobre" ten sido estudado extensamente, dentro dos topónimos en -bre, que se consideran de orixe hispano-celta (cf. IEW 140), emparentada co termo celta briga ‘castro, monte, altura’.
Xa Menéndez Pidal tiña estudado os derivados toponímicos en -bre, notando a abundancia na provincia da Coruña, en canto que son escasos en Lugo e Pontevedra (cf. páx. 183 de R. Menéndez, 1968. "Toponimia prerrománica hispana").

Moralejo Laso reitera a procedencia céltica do termo -bre, derivado de *briga 'altura, monte' (cf. páx. 61 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa"). Deste modo, Callobre derivaría de Caliobriga, cun significado aproximado de 'poboado fortificado localizado nunha altura rochosa'.

Segundo Juan J. Moralejo, Callobre podería provir do proto-celta *kalyo- ‘pedra’ ou de *kalyo- ‘mancha’ (cf. p. 186 de Matasović, 2009. "Etymological Dictionary of Proto-Celtic"), ou ben do antropónimo Calius, aínda que se inclina por *kalyo- ‘pedra’ (cf. J. J. Moralejo. "Documentación medieval galaica: topónimos en -bre", 2010).

O topónimo Callobre está xa atestado no ano 887 como Caliobre. Ademais destes Callobre de Céltigos e Espasante, existen outros en Miño, en Oza dos Ríos e na Estrada (Pontevedra).

En resumo, debemos concluír que pouco se sabe sobre a  orixe e significado de "Callobre", máis aló de ter unha orixe moi antiga e de que a súa terminación ‑obre estea emparentada co termo celta briga ‘castro, monte, altura’.

Por outro lado, tamén podemos pensar na raíz prerromana *cal-. Relacionado ou non, Sanz Alonso rexistra na provincia de Valladolid a voz callón ‘arroyo, torrentera de agua llovida’, que talvez poidera ter relación etimolóxica (cf. B. Sanz, 1997. "Toponimia de la provincia de Valladolid. Las cuencas del Duero, Pisuerga y Esgueva")

CALVARIO, O (Loiba)
CALVARIO, O (Veiga)
CALVARIOS, OS (Devesos)
CALVARIOS, OS (Ladrido)
O topónimo "Calvario" refire xeralmente á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

CALVELA (Espasante)
CALVO (Insua)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" refiren a un lugar sen vexetación.

CANAVÁS, OS (Senra)
Este topónimo remite a un lugar onde abundan as canas ou canaveiras.

CANCELA, A (Barbos)
CANCELAS AS (Ladrido)
O significado é transparente, unha "cancela", do latín tardío cancella. Na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.
En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
       " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."
Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a crenza de que antigamente se reunían as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

CAPARELLE (Mera de Abaixo)
Podemos pensar nun *(uilla) Capparelli, forma en xenitivo de Capparellus, que correspondería co nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). Aínda que non atestado na Península, si o está en Italia no século XIV.

CAPELADA, A (Veiga)
Probablemente estemos diante dun uso metafórico de "capela", non no sentido de igrexa pequena, senón de diminutivo de "capa", indicando metaforicamente a forma do monte, semellando a un sombreiro cónico.
Os dicionarios rexistran para "capela" a acepción de "coroza", que era a capa, con carapucho, feita de palla ou xuncos e que se usaba antigamente para se protexer da chuvia  (cf. "capela", L. Carré Alvarellos (1928-1931), "Diccionario galego-castelán").
O Nomenclator rexistra varias "A Capelada", todas elas no curuto de monte ou preto del.
Así, ademais da Serra da Capelada, atopamos ao leste "A Capelada" en Muras e en Burela, así como "O Capelado Pequeno" na Lama (Po).

CARBALLEIRAS (Ladrido)
Topónimo transparente, lugar onde abundan os carballos, as fragas de carballos.

CARBAL, O (San Claudio)
Probablemente indica un lugar onde abundan as "carbas". O dicionario define "carba" como "especie de carballo, de folla miúda e mala calidade de madeira", tamén coa acepción de "carballo cerqueiro". Elixio Rivas recolle "carba" en Magazos (Viveiro) con esa acepción de carballo pequeno.
Non é mencionado explícitamente por Navaza no seu estudo fitotoponímico, aínda que si recolle o apelativo "carba" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Atopamos un "O Carabal" na Pedra (Cariño) que podería ter a mesma orixe.

CARBOEIRAL, O (Insua)
Derivado do apelativo carbón (< latín carbōnem), con dobre sufixo abundancial -eiro máis -al. Sería unha variante de "carboeira", indicando 'lugar onde se prepara ou almacena o carbón'.

CARBOEIRO, O (San Salvador de Couzadoiro)
Derivado do apelativo carbón (< latín carbōnem) aquí o sufixo -eiro podería funcionar  como abundancial, e ser variante de "carboeira", indicando 'lugar onde se prepara ou almacena o carbón'. Alternativamente, o sufixo podería estar a usarse como indicador de axente, así os dicionarios definen "carboeiro" como ‘persoa que fai ou vende carbón’.
 Cremos máis probable a primeira variante, pois  parece confirmarse a partir do topónimo mencionado previamente (O Carboeiral)
En resumo, O Carboeiro tería sido un lugar onde se elaboraba carbón ou referirse unha persoas dedicadas a esta actividade,  o antigo posesor deste lugar.

CARELLE (Ermo)
O termo "Carelle" derivaría de (uilla) Carellii, forma en xenitivo de Carellius, o nome dun antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Para Joseph Piel viría de (uilla) Carilli, forma en xenitivo de Carillus (cf. J. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos". Biblos).
Atópase outros Carelle nas Pontes e en Muras, entre outros.

CAROCEIROS , OS (As Neves)
Podería vir de "lugares caroceiros", onde recollen "carozas", a parte dura que encerra o froito do piñeiro. As carozas eran usadas para facer o lume, pola sua boa combustión. Porén, co sufixo "-eiro" tamén pode apuntar para un tipo de árbore (e.g. "vieiteiro", "abruñeiro", "pereiro"), o que encaixaría coa información que achega Xabier Moure, que recolle no concello do Vicedo outro "Caroceiro", atestado como "Carruceiro" no Cadastro de Ensenada. Cf. aquí.

Sería, portanto, a árbore que Sarmiento recolle co nome"carruceiro", unha clase de maciñeira selvaxe, cun froito ao que chaman "carozos". Cf. aquí.

Tería evoluído de "carruceiro" para "caroceiro" por etimoloxía popular, por atracción do apelativo "caroza", común nesta zona.

CARREXO, O (O Monte)
A interpretación deste topónimo parece máis simple do que na realidade é. En principio, poderíamos pensar na acepción normal de "carrexo", sinónimo de "carrexa" que alude á "Acción e efecto de carretar" (cf. Dicionario RAG). No entanto, a motivación do topónimo non estaría moi clara neste caso.
Alternativamente, podemos interpretalo na acepción de "pequena carreira ou carreiro", na acepción orixinaria de camiño estreito de carro. Nicandro Ares interprétao similarmente na "Toponimia de Pantón" (cf. Lucensia núm. 41). Quédanos a dúbida en calquera caso.

En canto á etimoloxía, derivaría de carrum 'carro'. En concreto, viría de Carregio, similarmente ao que ocorre no caso do "Carrexa" asturiano que recolle X. L. Gª Arias, indicado que está atestado nun documento de 912, como “Sancte Marie de Carregia et Sancti Felicis” (cf. X. L. Gª Arias. "Toponimia Asturiana").

Temos un "As Carrexas" no concello do Vicedo (cf. Toponimia do Vicedo), que interpretamos de igual modo.

CASAL, O (As Neves)
CASAL, O (Loiba)
CASAL, O (Luama)
Do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

CASÁS, OS (San Salvador de Couzadoiro)
Plural de "casal", do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

 CASÓS, OS (Mera de Arriba)
Aumentativo plural de "casa"; posiblemente "casón" deba interpretarse como "casa grande", no sentido de "casa señorial".

CASCARLOS (Insua)
Topónimo transparente, de "Cas(a) Carlos", casa pertencente a un posesor así chamado.

CASÓN, O (Devesos)
CASÓN, O (Veiga)
CASÓN, O (O Mosteiro)
Aumentativo de "casa"; posiblemente "casón" deba interpretarse como "casa grande", no sentido de "casa señorial".
Temos tamén en plural "Os Casós" en Mera de Arriba.

CASTELO (Couzadoiro)
CASTELO, O (Os Freires)
CASTELO, O (Insua)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo
de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

CASTRILLÓN (Couzadoiro)
Derivado de "castro". Indicaría a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).

CATADOIRA, A (Veiga)
Podería ser "captatoria", posto de "observación" ou de "caza". Existen outras, por exemplo en Mañón, na Régoa (Cedeira), e Catadoiro en Vieiro.
Alternativamente de orixe prerromana, baseada na raíz *kat(t)-, ver esta entrada no blogue "Pena da Cataverna" para máis detalles e interpretacións.

CATUXA, A (O Mosteiro)
Probablemente, referindo á antiga posesora do lugar, unha persoa chamada Catuxa (hipocorístico de Catarina).
Aínda que improbable, tampouco podemos descartar unha orixe prerromana deste topónimo, na coñecida raíz *kat(t)-, e que a similitude formal co nome de persoa  veña dunha reinterpretación do topónimo. Para máis detalle sobre a raíz prerromana *kat-, ver esta entrada no blogue "Pena da Cataverna" para máis detalles e interpretacións.

CÉLTIGOS (Céltigos)
Nos finais do século XVI aparece atestada como "Celtegos": "La iglesia de S. Xillao de Celtegos" (cf. aquí).
Nos finais do século XVIII figura igualmente como "Céltegos" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
O nome Céltigos fai referencia á etnia ou tribo dos Célticos. Non é un caso aillado esta referencia dunha freguesía a unha tribo ou etnia prerromana, o mesmo ocorre con Bergantiños ('bregantinos') ou Nemancos: todos estes etnónimos, xunto con Céltigos, atestados nun documento do ano 830. Como exemplo cercano adicional de etnónimo, atópase tamén atestada, xa no século VI, a freguesía de Labacengos, que refire á antiga etnia dos "lapacengos" (cf. Parrochialem Suevum).

A respecto da posible etnia céltica, xa os autores clásicos gregos e latinos atestaron a presenza no occidente de Galiza dunhas xentes chamadas Célticos. O xeógrafo Pomponio Mela indicaba que ocupaban a maior parte da costa galega. Na costa norte, ata o río Navia, dicía que estaban os Ártabros, tamén célticos (cf. P. Mela, Século I. "Chorographia" III). No entanto, non é o propósito deste blog entrar nas discusións sobre celtismo, discusións históricas pero tamén actuais, onde se pasou da celtofilia romántica ao celtoescepticismo radical.

Volvendo ao topónimo que nos ocupa, é de notar que existen catro topónimos "Céltigos" en Galiza: esta freguesía de San Xulián de Céltigos no concello de Ortigueira, outra freguesía de San Xulián de Céltigos no concello de Frades (A Coruña), e o lugar de Céltigos en Sarria (Lugo). Célticos tamén se conserva como nome do arciprestado que ocupa un territorio arredor de Santa Comba, do curso medio-alto do Xallas ata o medio do Tambre. A Terra de Celtegos, atestada en 1125,  deu lugar a un comisso ou condado ("in comisso de celticos. ecclesia in aranton. ecclesia sce. eulalie in laginas..", atestado no ano 830, no documento en que se consignan 65 igrexas pertencentes á diócese de Iria, cf aquí), do cal deriva o topónimo "Vilar de Céltigos", lugar que aínda preserva o nome.
Tamén se atopan en Portugal os topónimos Santegãos e Santegões, que derivarían de *celticanos, o cal parece confirmar o rexistro medieval (cf. P. Martinez, en recensións sobre C. Quiles "A Toponimia Celta de Galicia").

CERNADA (Couzadoiro)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de "roza": facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Escribiu Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (V. Risco, "Terra de Melide").

CHAELO, O (San Claudio)
Os termos chaelo, chenlo e chelo proveñen do latín vulgar *planellu, diminutivo de planus 'chan'.
O profesor Pensado defíneo como "superficie plana e alongada que, como unha canle, queda entre dous ribazos" (cf. M. Sarmiento. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

COCHOVELLO, O (Mera de Arriba)
Composto "Cocho Vello".  O termo "cocho" ten unha acepción que encaixa para un topónimo: a de "cubil dos animais", "lugar secreto, pequeno refuxio dun animal" (cf. DdD).
Ten outra acepción de "trozo pequeno dun terreo labradío que se dedica a outro cultivo", aínda que esta orixe semella encaixar pior para un topónimo.

CONGOSTRA, A (Mera de Arriba)
CONGOSTRAS AS (Ladrido)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". A palabra vén do latín congusta 'estreita'.

CORTIÑADONA (Luama)
CORTIÑAS AS (Devesos)
Con respecto a "Cortiñadona", corresponde coa fusión de "Cortiña da dona", cortiña pertencente á señora, ou tamén á "monxa", xa que ás veces por "dona" hai casos que semella viren de "Freiras".
Morfoloxicamente, a preposición intermedia, por causa de disimilación tería desaparecido (haploloxía).

En canto a "Cortiña", as cortiñas son leiras, que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas. O nome orixinouse a partir do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’ e de aí cohortina ‘cortiña’ (así como cohorticulum‘cortello’).

Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’ derivou cohortina ‘cortiña’ (así como cohorticulum ‘cortello’).
As cortiñas son leiras, que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

CORUXO NOVO (San Salvador de Couzadoiro)
CORUXO VELLO (San Salvador de Couzadoiro)
Probablemente non referido á ave "coruxo" senón derivado do tema prelatino *kor-/*kar- "monte, altura".
Cabeza Quiles deriva estes topónimos do tema prerromano *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar", 1992).

CORVELLE DE ABAIXO (Couzadoiro)
CORVELLE DE ARRIBA (Couzadoiro)
O termo "Corvelle" derivaría de (uilla) Corvellii, forma en xenitivo de Corvellius, o nome dun antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

CORVITE (As Neves)
De (uilla) Corvitti, forma en xenitivo de *Corvittus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

COSTOIRA, A (Céltigos)
O termo "costoira" coido que provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "Costoura", da mesma orixe.
Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, ver esta entrada no blog "Pena da Cataverna".

COTÓN, O (Devesos)
Aumentativo de "coto", "coto alto". Ten a acepción relacionada de "montaña cónica" (cf. DdD).

COTORELO, O (Devesos)
Un "cotorelo" ou "cotarelo" é un pequeno outeiro ou coto (cf. DdD).

COUCE, O (Devesos)
O apelativo "couce" ten múltiples acepcións; nestes casos viría de calce "calcañar", e designa metaforicamente un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989).

COUCE DAS TAUGAS, O (Devesos)
Para "couce" ver "O Couce".
En canto a "taugas", o apelativo "tauga" é forma evoluída de táboa (táboa >tabua > tagua> tauga). É común esta forma en toda a zona, así hai un "A Tauga" en Mañón. Aínda se conserva esta forma na lingua da zona, incluíndo O Vicedo e a comarca.

COUCE MOSQUENTO, O (Devesos)
Para "couce" ver "O Couce".
En canto a "mosquento", indicaría a abundancia de moscas, que podían facer "moscar" (escapar) o gado.

COUSO, O (Insua)
Un "couso", do latín medieval causu, é un sitio coutado, para actividade específica, que moitas veces refería a un foxo para caza de alimarias (maiormente lobos). Esta é a acepción que mellor parece encaixar para o topónimo, a falta de información que o confirme ou o desminta.
O apelativo "couso" ten tamén as acepcions de "sitio para facer cacería, xustas", e a de "horta pequena", que igualmente encaixarían, aínda que non tan ben.

COUTADO, O (Couzadoiro)
O dicionario define "coutado" como "terreo cercado" (cf. DdD).

COUZADOIRO (Couzadoiro)
COUZADOIRO (San Salvador de Couzadoiro)
Este topónimo figura atestado no 1559 como "Coucedoiro" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).
Por outro lado, nos comezos do século XV como "Couçadoiro" (cf. revista Cátedra).
No 1789 xa figuran como "San Christóval de Couzadóiro" e "San Salvador de Couzadóiro"  (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

Este topónimo procede moi probablemente de "Couce de Oiro", referindose a un lugar situado no "couce" nun río ou regato chamado "Oiro".
A etimoloxía sería a mesma que a do "río Ouro" da Mariña Central, o cal está atestado na Idade Media como Aurio. A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana e estaría na raíz hidronímica indoeuropea *awer- "fluír" (para máis detalles sobre "Ouro", ver "Toponimia de Xove").

COVELO, O (San Salvador de Couzadoiro)
O termo covelo é o antigo diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

COVO, O (Mera de Arriba)
O topónimo indícanos a situación nunha depresión do terreo, concavidade orográfica. O significado literal é o transparente de "fondo, cóncavo", tal como vén recollido xa no dicionario de Pintos (cf. aquí).
É por tanto análogo aos topónimos "A Cova", que para moitos deles adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por Navaza (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").

CRIBEIROS, OS (Senra)
Os dicionarios refiren para "cribeiro" varias acepcións , que a falta de documentación antiga para este termo, tórnase imposible escoller unha (cf. aquí):
1) "o que fai ou vende cribas ou cribos".
2) "Individuo que antigamente se adicaba a cribar as areas do río".

Ao figurar en plural, semella probable que proceda do apelido de antigos posesores. O apelido "Cribeiro" é frecuente no Ortegal, así como no Vicedo e Viveiro.
En particular o apelido "Cribeiro" ten a maior frecuencia en Cedeira (cf. aquí), polo que poderíamos pensar nunha orixe ligada a unha familia provinte dalgún lugar da zona chamado Cribeiro; porén, tal lugar non existe, polo que esta interpretación semella descartable.

Hai outro "Cribeiro" en Ponteareas (Pontevedra), así como "A chousa da Cribeira" en Riobarba (O Vicedo).

CROAS, AS (Mera de Abaixo)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

CRUZ DO NOVAL, A (Mera de Arriba)
Cruz situada no "Noval". O termo "noval" derivaría de "(agro) noval", que significa "terra nova para o cultivo" (cf. aquí).
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable".

CUÍÑA (Cuíña)
Nicandro Ares interpreta os topónimos "Cuíña" como talvez 'lugar de coios ou de coles', e indica, igual ca outros autores, que se viñese do latín collis/collina daría **coliña.

Por outra banda, tamén Nicandro indica que está atestada unha Villa Colina nos anos 995, 1071, 1073, 1088, 1105, correspondente cunha Cuíña, cerca de Lugo. Por iso indica a posibilidade dunha orixe no nome de posesor Culinus.
Cita tamén Nicandro que J. Piel suxerira unha outra interpretación, como variante de Cuña, aínda que non está claro cal sería o valor topográfico. Cf. N. Ares. "Toponimia do concello da Fonsagrada" en Lucensia, n. 23.
No século XVIII atopamos xa atestada como "Cuiña" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

CURRO, O (San Claudio)
O termo "curro" é recollido nos dicionarios con diversas acepcións. Para un topónimo, a máis probable é a común, definida no dicionario de Eladio Rodríguez como "lugar descuberto e cercado onde se encerran as cabalarías que se crían no monte para marcalas". Cf. DdD.

CUTIMÁN, O (Espasante)
Significado opaco para min.
Antigamente debeu ser un apelativo común, ao levar artigo.
Podemos interpretalo en relación a "cutir" 'abatanar', e daí "cutián" 'batán'. Tamén podería ser derivado do apelativo "coto", de orixe prerromana. Atopamos unha "Cova de Cutimaña" en Ribadeo.

DESTROS, OS  (Devesos)
Este topónimo pode ser interpretado a partir do latín dextros ‘que están á dereita’. Podería estar referido a "igrexario", ás fincas parroquiais, a terra anexa e pertencente á casa do párroco. En efecto, Viterbo clarifícábo no século XVIII : "recinto, conchouo ou terra hortada xunto das igrexas parroquiais, que servia para hortas, pomares e logradouro aos párrocos e ministros do templo" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "passaes").
Aínda que non figura rexistrado no dicionarios galegos, si se atopa "destro" no dicionario portugués (cf. Priberam, s.v. destro, passal), como "dextro"  no de castelán (cf. RAG): "Espacio de terreno alrededor de una iglesia, dentro del cual se gozaba del derecho de asilo y de algunos otros privilegios".

No sur de Galiza son frecuentes os topónimos "Os Destros", incluíndo un "Os Destros do Cura" na Merca (Ourense).
 Para o topónimo que nos ocupa, precisamos de axuda documental para confirmar esta interpretación, aínda que a probabilidade é ben alta.

DEVESOS (Devesos)
Do  latín  defensu, referido ao estatus dun monte como 'coutado, resgardado, vedado', "terras cercadas", xeralmente un terreo arborado acoutado con certas restricións.
Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).
Probablemente este topónimo concreto aluda á existencia de tres montes devesos, de feito en 1859 aínda figuran atestadas tres "dehesa nacional" nos lugares de Acibeiro, Pieira e Portas, os tres plantados de carballos (cf. aquí).

Nos finais do século XVI aparece atestada como : "S. Sebastian dos Debesos" (cf. aquí).
No 1789 xa figura como "F[eligresía] de los Debésos" (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

DORNA, A (Devesos)
O termo "dorna" probablemente teña orixe na hidronimia paleoeuropea, e derive da raíz indoeuropea *dheu- "fluír", frecuente en hidrónimos de orixe prerromana (cf. p. 52 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como río Doiro (< Durius).

Alternativamente, Corominas suxería unha orixe no céltico *durna, o que acepta a RAE no seu dicionario: “quizá del celta *dŭrno-, cierta medida de capacidad; cf. galés dwrn, puño, y bretón duorn, mano”.

Cabeza Quiles relaciónao cunha "valgada, depresión no terreo, na forma dunha caixa". No mesmo sentido, García Arias indica para o correspondente termo asturiano duerna como "‘artesa’, ha podido diversificarse semánticamente para aludir a terrenos más o menos envallados o aptos para recibir aguas" (cf. aquí).

Nunha liña similar, Gerhard Rohlfs asígnalle unha acepción de ‘foxo profundo nos ríos’ (cf. Rohlfs, 1985. "Diccionario dialectal del Pirineo aragonés").

Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado un "Fernan Diaz da Dorna", quen merca "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." - aquí).

ENTORNACARROS (Céltigos)
Indicaría un "sitio nun camiño perigroso para envorcar un carro". Probablemente tomase o nome en sentido metafórico, indicando un lugar peado, en costa.
O verbo "entornar" deriva do latín tornare, procedente de tornus ‘torno’ (cf. DCECH, s.v. torno).

ENXERTOS (Mosteiro)
ENXERTOS (San Claudio)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente referido a castiñeiros, segundo indica, entre outros, Gonzalo Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

ERMO, O (O Ermo)
En galego "ermo", aplicado a un lugar, indica un sitio vougo, deshabitado e sen cultivar. Tamén indica un terreo baldío, ou mesmo "terra árida, inculta" (cf. DdD). Provén do latín eremus 'deserto, solitario, inculto'.
Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado un "Juan Brandeyro, vezino de la Fsía de San Giao do hermo", quen vende "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." aquí).
Nos finais do século XVI aparece atestada como  "La iglesia de S. Xillao de Hermo" (cf. aquí). No século XVIII figura coa forma castelanizada "Hiermo" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

ERVELLA, A (San Salvador de Couzadoiro)
Ervella en galego indica varias leguminosas, principalmente as fabas e os chícharos. Estaríamos, xa que logo, nun fitotopónimo, tal como indica Navaza na súa obra de fitotoponimia (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Por outro lado, Navaza tamén nos indica a interpretación alternativa de orixe hidronímica prerromana, semella improbable esta orixe, xa que no mesmo concello atopamos os topónimos "Ervelleiro" e "Ervellaqueira".
Finalmente, indicar que a presenza do artigo neste topónimo descarta, neste caso, unha orixe antroponímica de nome de posesor.

ERVELLAQUEIRA (Devesos)
Lugar onde abunda a "ervellaca" ou propicio para o seu cultivo. A "ervellaca" en galego designa a "vicia sativa", tamén coñecida como "herba da fame" e como "veza" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

ERVILLEIRO (Barbos)
Lugar onde abunda a "ervella" ou propicio para o seu cultivo. Ervella en galego indica varias leguminosas, principalmente as fabas e os chícharos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

ESCALO DE ABAIXO (O Ermo)
ESCALO DE ARRIBA (O Ermo)
O apelativo "escalo" denomina un peixe de río, similar á troita (cf. DDD). Neste caso, a única aplicación na toponimia sería como alcume. De feito, figura atestado como apelido na Idade Media, coa grafía esqualo, na secuencia Pedr'Esqualo (cf. Luz Méndez, 2015. "O tumbo das viñas de Ribadavia").

Podemos pensar mellor nunha orixe hidronímica prerromana, así compartillaría orixe co río Escalote (Soria),  co río Esca (Navarra, Zaragoza), e tamén con topónimos como "Escalante" (Santander, Albacete) que inclúe o sufixo -nt- típico da hidronimia prerromana.

Por outro lado, Rivas Quintas rexistra para "escalo" a acepción de "paso en un muro por medio de escalón, a una finca" (cf. DDD). Esta interpretación de "esqueira", aínda que ten clara aplicación toponímica, ten o problema de que esta acepción rexístraa en Beluso, bastante lonxe de Ortigueira, polo cal é incerta esta correspondencia e deixamolo só como unha posibilidade interpretativa, sen máis.

Finalmente, podería ter relación coa forma aragonesa "escalio" 'tierra baldía o campo sin cultivar', do latín squalidus ‘inculto’. Tamén neste sentido apuntou Manuel Lorenzo, co cal designaría un terreo ermo ou dificultoso de traballar (cf. M. Lorenzo "Toponimia de Dodro e de Laíño").

Non é, en calquer caso, topónimo frecuente en Galiza, aínda que si existen outros "Escalo" no viciño concello das Somozas, que non nos clarifican moito xa que os hai aplicados a entidades de poboación e tamén a un regato.

ESCORIAL, O (San Claudio)
ESCORIAL, O (Senra)
A falta de documentación que o probe ou dea outra orixe, interpretámolo como "escoiral", lugar onde abunda a "escoura".

ESPASANTE (Espasante)
De (uilla) Spasandi, indicando unha uilla (explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Spasandus, nome de orixe xermánica.
En efecto esta é a orixe que postula Nicandro Ares, que se basa en dous casos, un de Vilaspasantes (Cervantes) que na Idade Media está atestado como Vila Espasende en 1282 e outro Espasantes, en Pantón, atestado como (ecclesia de) Spasandi en 1244 . Cf. p. 1123, N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol II.

Nos finais do século XVI aparece atestada como "Espasande": "La iglesia de S. Juan Despasande" (cf. aquí). Xa no século XVIII figura como "Espasánte" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

ESPILLA (Devesos)
Topónimo de difícil interpretación sen documentación antiga.
Poderiamos pensar nunha orixe nunha familia de apelido "Espilla", aínda que é un apelido moi infrecuente en Galiza.
Os topónimos Espilla do País Vasco e de Cataluña non parecen ter relación con este.

ESTEVO (Barbos)
Orixinado a partir do mesmo nome de persoa, que indicaría o fundador ou un antigo posesor deste lugar.

FABÁS (Veiga)
Este topónimo é interpretado como plural de "fabal", 'terreo sementado de fabas' (cf. Dicionario RAG). Así interpreta Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega" aquí).

No entanto, tratándose dun núcleo de poboación, tampouco podemos desbotar que nalgún caso derive dun antropónimo., unha *(uilla) Fafilanis, forma en xenitivo xermánico de Fafila, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). De feito, está atestado "Fafianis" como topónimo ("Iohannem Muniz de Fafianis") "nun documento de 1231 no Tombo de Sobrado (cf. p. 224 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
É de notar que a evolución do -f- intervocálico latino para -v- é regular en galego (cf. Estephanus > Estevo, defensa > devesa, ..).

A maioría dos "Fabás" existentes na xeografía galega estar referidos a nomes de poboación, rexistrándose "Fabás" en Vilalba, "Os Fabás" en Viveiro, no Vicedo, en Vilalba, Cambre, "O Fabás" en Vigo, "Muíño de Fabás" en Xove e en Vilalba).

FAXÍN (San Claudio)
De (uilla) Fagini, forma en xenitivo do nome Faginus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica. Está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 228 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

FEO, O (San Salvador de Couzadoiro)
Fitotopónimo, indicando un herbal, un lugar onde abunda o feo (probablemente o silvestre, Deschampsia flexuosa) ou propicio para o seu cultivo.

FECELLIDO, O (Loiba)
Topónimo de significado incerto, talvez sinónimo de "Escourido", tal como veremos de seguido.
É claro a presenza do sufixo colectivo -ido, polo xeral aplicado a conxunto de árbores, pero tamén usado para outros elementos como pedras (Pedrido) ou escoura (Escourido).
Estaría, xa que logo, relacionado co topónimo "As Fecellas", en Parada de Sil (Ourense), significando algo como "lugar onde abondan as fecellas". Existen tamén os topónimos "Feces de Abaixo" e "Feces de Cima" en Ourense, posiblemente tamén relacionados tal como indicamos máis embaixo.

Podemos interpretar o topónimo como presentando dobre sufixo -ello máis -ido, sobre unha base fez. O termo fez (<fece < do latín faex 'borras, residuo, sedimento'), ademais do significado de 'excremento', pouco axeitado para un topónimo, ten o sentido máis xeral de 'residuo, sedimento' (cf DDD).  Aínda que os dicionarios de galego non rexistren outras acepcións, o de portugués si que rexistra a acepción de "escória dos metais" (cf. Priberam). Se isto fose aplicable, o cal parece probable, trataríase dun topónimo indicando un "lugar onde abunda a escoura ou escoria", xa que logo, un sinónimo de "Escourido", topónimo frecuente na xeografía galega.

FERRADÁS (Loiba)
Plural de "ferradal".
Este topónimo alude á abundancia de augas ferruxinosas, as cales xa en latín eran referidas como "ferratae aquae".
Para máis detalles, ver entrada de blog "O Ferradal e os Ferradás".

Os topónimos "Ferradal" e "Ferradás" abundan en Galiza, atopamos máis de medio cento de referencias (Nomenclator). Na zona da Mariña e o Ortegal atopámolo desde Ortigueira ata Foz.
Hai outros "Ferradás" en Foz e en Alfoz.

FERREIROAS (Os Freires)
O termo "ferreiroa" é o diminutivo (do latín *ferrariola) de "ferreira", do latín ferraria 'mina'. Descoñecemos a existencia de mina antiga neste lugar, aínda non puidemos recoller información local ao respecto.

FERROL VELLO (Mera de Abaixo)
De (uilla) Ferreoli, de Ferreolus, nome do posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Descoñecemos a historia local para podermos interpretar a adxectivación de "Vello".
Habería, contodo, outras hipóteses, asumindo unha orixe do nome deste núcleo de poboación igual á cidade de Ferrol. Para máis detalle de hipóteses, incluíndo hipóteses "orixinais", ver o artigo aquí.
Hai outros "Ferrol" en Xove, en Barreiros, en Alfoz, etc.

FIEIRA DE ABAIXO, A (Devesos)
FIEIRA DE ARRIBA, A (Devesos)
Tanto "fieira" como "feal", fan referencia a un herbal, un terreo que produce "feo". Este topónimo concreto é citado por Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

FIEITEIRA, A (O Ermo)
Tanto "fieiteira" como "fenteira", así como "felgueira", "folgueira", todos eles fan referencia a un lugar onde abundan os fieitos, tamén chamados fentos ou felgos.

FOLGOSO (Senra)
Tanto "folgoso" como "felgueira", "folgueira", "fieiteira", todos eles frecuentes na toponimia en referencia a lugares onde abundan (abundaron) os felgos , tamén chamados fentos ou fieitos.

FORCADAS, AS (Devesos)
Probablemente referindo a "(augas) forcadas", indicando unha bifurcación no río.
En efecto, a  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ( "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Noutros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

A mesma interpretación dáa Coromines na toponimia catalá, con alta frecuencia dos correspondentes "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, a unha bifurcación nun camiñoo, río, val ou barranco.

É de notar que, dada a súa frecuencia en Galiza, podemos descartar  que estes topónimos aludan directamente a un aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non se darían con tal frecuencia.

FORMARIZ (Espasante)
De (uilla) Fromarici, forma en xenitivo do nome Fromaricus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica (do gótico *fruma 'o primeiro' e *rikaz 'poderoso'). Está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 207 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

FRÁDEGA (Ladrido)
Unha "frádiga" é unha "casa de frades, convento". Tería pertencido este lugar, xa que logo, a un convento.

FRANCÉS DE ABAIXO (San Claudio)
FRANCÉS DE ARRIBA (San Claudio)
Este topónimo ten a súa orixe evidente no xentilicio "francés", orixinario de Francia, e aludiría por tanto á presenza no lugar de xentes desa procedencia. Tamén podería referirse a un tramo
da ruta xacobea costeira.
Atópase o mesmo topónimo noutros concellos de Galiza, como en Begonte , así como "O Francés" en Abegondo, Cambre, A Estrada, Paderne e Vedra.

FREIXIDO DE ABAIXO (As Neves)
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan as árbores chamadas "freixos".

FOXO, O (Couzadoiro, Insua, Mera de Arriba)
FOXO, O (Insua)
FOXO, O (Mera de Arriba)
FOXO CATIVO, O (O Ermo)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo" con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

GABIÁN (Devesos)
Topónimo de orixe incerta.
Piel indicou para os toponimos equivalentes portugueses Gavião que na maioría dos casos podería provir do nome da ave de rapina.  Noutros casos, difíciles de diferenciar, tería unha orixe nun nome de persoa, nunha (uilla) Gabillani, forma en xenitivo do nome Gabila ou Gabilo, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica (cf. páx. 376 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).

Neste caso, ao tratarse dun núcleo de poboación, é maior a probabilidade de que se trate do caso do nome de posesor. Máis aínda: se confrontamos a presencia dos topónimos "O Gabián" fronte ás de "Gabián" sen artigo, vemos que as formas sen artigo corresponden maioritariamente con núcleos de poboación; isto semella reforzar a interpretación no caso que nos ocupa como nome de posesor.

GAIVA, A (Devesos)
O termo "gaiva" non aparece nos dicionarios de galego, pero si o fai "gabia" como "abertura longa e estreita que se fai nun terreo para levantar un valado, pór os cimentos, conducir a auga". Polo contrario, si aparece en portugué e en castelán, con significados similares, de "fenda escavada no solo polas augas da chuvia".

GALIÑEIRA, A (Devesos)
GALIÑEIRAS, AS (Mera de Arriba)
Os topónimos "galo", "galiña" ou "galiñeiro", pese ao significado obvio de "ave", non parecen encaixar na maoiría dos dos casos, e moitas veces a súa localización está relacionada con formacións rochosas. Proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada.

GÁNDARA (Senra)
O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

GANDAREIRO , O (Espasante)
Abundancial de "gándara", indicando un terreo de "gándara". O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

GANDARÓN, O (O Ermo)
Aumentativo de "gándara". O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

GOCENDE (Devesos)
GOSENDE (As Neves)
Estes dous topónimos terían unha mesma orixe, en (uilla) Godesindi, indicando unha uilla (explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Godesindus, nome de orixe xermánica. Cf.: P. Martínez. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens". 2012.
É curioso que se rexistren as dúas variantes evolutivas no mesmo concello.

GOIMEL (San Claudio)
De (uilla) Guimiri, forma en xenitivo do nome Guimirus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica, a partir da raíz Gogi- (a orixe concreta desta raíz é controversa, talvez de gauja ou de gaudi) e da terminación -mirus (> gótico *mereis 'famoso').
O nome Guimirus está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 254 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

GOLPILLEIRA, A (Ladrido)
Unha "golpilleira" ou "golpeira" fai referencia a un antigo covil de "golpes" (raposos).

GOMES, OS (Luama)
Este topónimo indícanos que o lugar tería pertencido a unha familia de apelido Gomes. A pronuncia para os apelidos da terminación "-es" parece que foi a xeral ata non hai moito tempo na zona do Ortegal e na Mariña Occidental.

GONZALVO (As Neves)
Indicaría o nome dun antigo posesor ou fundador do lugar. É interesante reparar na preservación da forma antiga.

GRAÑEIRO, O (San Claudio)
Probablemente indicando lugar fundado por un oriúndo da Graña, fose A Graña de Céltigos ou a de Insua ou, menos probable, algún dos outros topónimos Graña ou Grañas existentes en Galiza (como por exemplo a parroquia das Grañas do Sor, en Mañón).

GREGORIO, O (A Insua)
Hai cadanseu "O Gregorio", ademais deste, nas Somozas e xa máis lonxe en Riós (Ourense). Atopamos tamén o topónimo "A Gorgoria" en San Román (O Vicedo) e mais en Foz. Todos eles poderíamos interpretalos como referencias a antigos propietarios de dito nome e, sen atestamento histórico que probe o contrario, é imposible rexeitar tal interpretación.
Porén, tal como detallamos no blog "A Pena da Cataverna", o máis probable é que teña orixe hidronímica, derivado do tema paleoeuropeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar" (cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

Para máis detalles, ver entrada  "O Gregorio e A Gorgoria" no blog "A Pena da Cataverna".

GRELA, A (Loiba)
Este topónimo non presenta maiores dúbidas: a grafía correcta sería "Agrela" 'pequena agra', do latín agrella(m).

GRAÑA, A (Céltigos)
GRAÑA, A (Insua)
O termo "graña" ven do latín granea, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

HEDROSA (Espasante)
Topónimo transparente, sitio onde abundan as hedras (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).

INSUA (Insua)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, existen as variantes "illa" e "insua". O apelativo "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.

Este topónimo está atestado como "Sayone d-Ynsoa" no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). No século XVIII atopámola xa atestada como "Ínsua" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

INSUELA (San Claudio)
Diminutivo antigo de "insua". Ver "Insua" para máis detalles.

LADRIDO (Ladrido)
Esta freguesía xa figura atestada no ano 897 como "sante eolalie de Ladrido" (cf. CODOLGA). No século XVIII aparece atestada como "Ladrído" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

Probablemente se trata dun hidrónimo, derivado do tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou paleoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *lat- "pantano, lameiro, lama". Sería o mesmo que no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008). Indicaría, por tanto, un lameiro ou algo similar.

O topónimo "Ladrido" é frecuente na toponimia, así atopámolo en Samos, Meis, Barreiros, Ponteceso, e tamén "O Ladrido" en Arteixo e en Brión; ademais, aparece un "muíño de Ladrido" en Foz en un "O lastrón de Ladrido" en Ferrol. Atopamos tamén coa forma "Ladride" en Foz, Baleira, Palas de Rei e Santiso. Así mesmo, aparecen Ladredo e Ladroíl (afluente do río Parga). Outros topónimos cercanos similares son "O Campo da Ladra" nas Ribeiras (Mañón), "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "A Ladrela" en Xermade, co uso común do antigo diminutivo -ela para indicar que é afluente (do Ladra).

Considerando o abundancial a que remite a terminación -ido, este topónimo aludiría, xa que logo, a un lugar onde abunda a lama.

Por outro lado,  aínda Navaza indica que os topónimos Ladrido, Ladredo, poderían indicar abundancial de ladairos (latín vulgar latanariu), a documentación antiga indicada axuda a descartalo, dado que no ano 897 debería manter o "n" intervogálico.

LAGAR, O (Cuíña)
LAGAR, O (Loiba)
LAGAR, O (Mera)
LAGAR, O (San Claudio)
LAGAR NOVO, O (San Claudio)
LAGARES (Luama)
LAGARES, OS (Senra)
Topónimo transparente, lugar de pisado da uva para a produción de viño.
A produción de viño na zona debeu ser elevada, segundo os rexistros existentes. Na toponimia quedaron os reflexos dos "lagares", das "viñas", dos "bacelares", etc.
A mediados do século XIX os viñedos sufriron a praga do oidium, que apareceu en 1852, e que acabaría en moi pouco tempo coas viñas. Dous anos despois xa non se recolleu en toda a comarca nin un só barril de viño e comezaron a arrincar as viñas, das que xa soamente quedaría os topónimos.

LALE (Luía)
De (uilla) Lalli, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Lallus, nome de orixe etrusca (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

LANDIDO (Insua)
A interpretación máis plausible para "landido" é a de un fitotopónimo, un abundancial de "landra", o 'froito do carballo e doutras árbores glandíferas'. Esta é a interpretación pola que se inclina tamén Navaza (cf. p. 306 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega"). De feito, na toponimia galega aparecen tamén os sinónimos Landedo, Landal, Landeira. No mesmo sentido, no dicionario de figura "landeira" como 'encinar' (cf. X. Filgueira et al., 1926. DdD).
O apelativo landra deriva do latín glande (cf. Corominas, DCECH III).

Non parecen posibles outras orixes que a priori parecerían encaixar, como o nome de posesor *Nanthitus, de orixe xermánicaou tamén, tal como  indica Rivas Quintas, derivar da forma céltica nant- 'val' (e.g. en Nantes). Nestas dúas hipóteses tería acontecido unha disimilación de dobre nasal (cf. E. Rivas, 1994. "Lingua galega, niveis primitivos"), tal como ocorre noutros moitos casos (ver o caso "Landín" a continuación). Porén, pódense rexeitar xa que, como indica Navaza, ao existiren tamén en asturiano as formas paralelas en Ll-, demostran que a forma orixinaria non foi en N-, e por tanto fan descartar esta interpretación de Rivas, así como a de Nanthitus.

LANDÍN (O Mosteiro)
De (uilla) Nandini, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Nandinus. O paso de N- para L-, por disimilación de dobre nasal, ocorre en outros moitos casos, tal como en Landoi (Cerdido), atestado na Idade Media como Nandoi.
Está atestado como apelido no século XVIII: "Roque Nandín", veciño de Santa Marta, o cal parece confirmar esta interpretación e, por tanto,  fai descartar a interpretación de Piel, quen postulou unha orixe en (uilla) Landini (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).

LAMACIDO (Ortigueira)
Topónimo de significado transparente: lugar onde abunda a lama, lodeiro.

LASTIGUEIRA (San Claudio)
Probablemente de "lestigueira", relacionado coa planta chamada lesta. Con todo, é soamente unha posibilidade, e Navaza non o incluíu na sua "Fitotoponimia galega".
As "lesta", é unha planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum. Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia desta planta en Galiza: "Noté que hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada".

Hai outra "Lastigueira" en Cabanas (O Vicedo) e varios "Lestegueira" e "Listegueira" en Muras.

LATIDAL DE ABAIXO , O (Devesos)
LATIDAL DE ARRIBA, O  (Devesos)
Posiblemente estemos ante un abundancial de "lata", do mesmo modo que existe Teixidal como abundancial de "teixo" ou Louridal de loureiro, ou Seixidal de "seixo".
En canto a "lata", os dicionarios rexistran as acepcións de "pau longo e delgado" que podería encaixar, xa que logo, significando "latidal" un lugar poboado de árbores delgadas, de varas.
Tamén "lata" ten a acepción no dicionario de "parcela de monte cerrada" e "parcela de monte estreita". De aí, "latidal" indicaría un conxunto de parcelas de monte.
Existe un "O Latadal" en Castroverde (Lugo) que podería ter orixe semellante.

É de notar que a acepción dialectal portuguesa "lata" como ‘campo de forma alongada’, posiblemente unha matáfora a partir da analoxía  entre unha vara e un terreo en forma de tira, non me parece aplicable aquí, dado que os sufixos –ido e -al que inclúen este topónimo refírense maiormente a abundanciais, especialmente de vexetais.

LAXÁS (Luía)
Moi probablemente corresponda coa forma en plural de "laxal" 'lugar onde abundan as laxes'. Non sería caso estraño, así atopamos topónimos "O Laxal" en Bande (Ourense) e na Lama (Pontevedra), así como múltiples "Laxido" e "Laxedo".

LIÑARES (Espasante)
Fitotopónimo, indicando a presenza de lugares plantados de liño.

LIXOA, A  (San Salvador de Couzadoiro)
Forma en diminutivo. Aínda que a priori poderíamos pensar nun diminutivo de "lixo", cremos máis ben que tería orixe en *lagenola 'laxe pequena'. Dun modo parecido, Navaza asígnalle ao topónimo "Lixós"  unha orixe nun diminutivo de laxe, correspondente co latín lagenŏlas (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").
Existe tamén un lugar chamado Lixuás no concello de Pol (Lugo), que tería a mesma orixe, coa diferencia de estar en plural e ter dialectalmente unha diferente pronuncia do diminutivo (-uá vs. -oa).

LOIBA (Loiba)
A orixe dos topónimos "Loiba" é incerta. Para A. Moralejo sería unha variante de "lobia", cunha orixe no proto-xermánico *laubjo 'paseo, pavillón, emparrado'. Porén, os dicionarios de galego rexistran soamente "lobio", e non o femenino "lobia".

Alternativamente, pode interpretarse como hidrónimo de orixe prerromana, posiblemente da raíz indoeuropea *(s)leub- 'deslizar'. En efeito, Krahe indicaba unha forma básica *lup- presente en hidrónimos ibéricos e europeos. Do mesmo modo, D. Kremer, derívao dun paleoeuropeo *lupia, tal como fai para a gravura atestada no distrito de Braga. Cf. aquí.

Este topónimo concreto aparece atestado en 1095 en baixo latín como Lovia "e ecclesia sancti Iuliani de Lovia" , e xa coa fonética actual en 1453 como Loyua "da dita iglesia de Loyua ", e en 1473 como Loyba "cura da dita iglesia de Loyba" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

É de notar que o cambio de "San Xiao" a "San Xulián" por influencia do castelán. No 1467  é referida como "San Giao":
" .. arrendamos a vos Johan do Porto clerigo cura de San Giao de Loyua .." (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

LOMBAO, O (Devesos)
LOMBAO DE ABAIXO (Os Freires)
LOMBAO DE ARRIBA (Os Freires)
Adxectivo derivado do latín lombus 'lombo', indicando un terreo combado ou en costa.

LUAMA (Luama)
Este topónimo é de orixe prerromana, e significado incerto. É interesante reparar na existencia do conxunto de topónimos Luía, Luaña, Luaces, Luou, Luarca, Luanco, Luarte, e posiblemente tamén incluíndo Lueiro, As Lueiras, Luáns, Río de Lúa, etc. Todos estes topónimos terían a mesma raíz prerromana. De feito, as terminacións que observamos en moitos deles son propias da hidronimia prerromana, como -aña, -anco, -arca. Este conxunto de topónimos, xa que logo, reforzan esta hipótese prerromana, probablemente hidronímica.

Aínda non habendo dúbida da súa orixe prerromana, a raíz concreta da que provirían é incerta, e non atopamos documentación suficientemente antiga que nos aporte datos sobre a súa etimoloxía. Podería provir dunha forma indoeuropea *lou- 'lavar', ou de *leu- 'suxo, (lama)', ou aínda *leu-, 'pedra'. Dada a situación, próximo á desembocadura, semella encaixar a raíz *leu-, no sentido de 'lama, lodo' (cf. páx. 106 de H. Krahe. "Unsere ältesten Flussnamen").

A relación con "lama" non sería estraño, así temos por exemplo o caso do lugar de Lama en San Fiz (Mañón), próximo a lamóns no río, ou máis preto o caso de "Lamacido". Esta interpretación sería similar á que fai J. Moralejo para o caso de Lúa", afluente do Eo (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008). Nesa mesma liña, se consideramos o topónimo Lueda (Pontevedra, actualmente so se conserva como apelido), indícanos unha abundancia de *lúa ou lúo, iso encaixaría tamén na interpretación dun antigo lúa como "lama".
Porén, se nos fixamos no caso da praia de "Luaña", en Cantabria, non atopamos a "lama", senón máis ben pedreiras, polo que apuntaría máis á mencionada orixe en *leu-, 'pedra'.

No caso de Luama, o hiato procedería dunha antiga presenza dunha consoante intermedia, talvez -g-, aínda que é incerta, e non atopamos atestamentos suficientemente antigos.

O topónimo orixinario incluiría o sufixo átono -ăma, de carácter superlativo ou intensivo, presente nas linguas indoeuropeas, tal como no latín en minimusinfimus,   postumus, ou no galego en "páramo". Do punto de vista fonético, o desprazamento do acento (*lúama>luama) é bastante común,  en moitos outros casos ocorreu cando  o seguinte elemento vocálico é máis aberto: así sénara > *séara > seara, ou mulíere > muller.

O topónimo Luama atopámolo xa con este nome no 1235, "Judicibus Abberce de Luama" (cf. ITG).
Nos finais do século XVI aparece atestada como : "La iglesia de S. Martino de Lauma" (cf. aquí). 
Para Luou , atopámolo xa en 1204, "ecclesia Sanete Marie de Luou", e en 1232 como "ecclesie Sanete Marie de Luoe", aínda reflexando na escrita os remanentes da nasal.
No caso de Luaña, figura atestado en 1207 como "Sancti Juliani de Luanya" (cf. aquí), e en 1223 como "usque ad algaram de Luania" (cf. GMH).
Para Luaces, en 1494 atopamos un "Pero de Luaçes" (cf. "Pergamiños soltos do mosteiro de Caaveiro", in Cátedra).

LUÍA (Luía)
Este topónimo é de orixe prerromana, e significado incerto. Probablemente pertenza á mesma raíz que o conxunto de topónimos Luama, Luaña, Luaces, Luou, Luarca, Luanco, Luarte, Lueiro, Luáns, Río de Lúa, etc.
Ver a entrada "Luama" para máis detalles sobre a posible etimoloxía.

No caso de Luía, o hiato semella indicar unha antiga presenza de consoante intermedia, talvez -g-, aínda que é incerta, e non atopamos atestamentos suficientemente antigos.
Canto ao sufixo -ía, é relativamente común en topónimos de orixe prerromana, como por exemplo en "Ambía".

O topónimo Luía aparece como Loya ("Santa Maria de Loya") no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"), e igualmente noutro documento sen data "mea porcione integra de Luama et de Quintana et de Loya" (cf. CODOLGA).
Nos finais do século XVI aparece atestada como "Loya": "La iglesia de Sta. Maria de Loya" (cf. aquí).
No 1789  figura como "Luhia"  (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

Ver as notas de "Luama" para os casos de Luama, Luou, Luaña e Luaces.

MALLO, O (O Ermo)
MALLÓ, O (Devesos)
O topónimo "O mallo" probablemente deriva de "leira do mallo", lugar onde se mallaban á man os cereais, usando o mallo, un trebello que consta de dous paos suxeitos por unhas correas de coiro.

Xa Sarmiento definira o mallo como "sistema con que en las eras majan el maiz, etc. Compónese del mango, que es el palo más largo, y del pértego, que es el palo menor con que se bate” (cf. M. Sarmiento, 1973. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega". Ed. de J. L. Pensado).

En canto a O Malló", o termo malló é unha forma en diminutivo de "mallo", polo que aplica igualmente o xa comentado nesta entrada.

MANDÍN (Céltigos)
Este topónimo tería unha orixe en *(uilla) Amandini, forma en xenitivo de Amandinus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina, derivado de Amandus.
Reforza esta hipótse o feito de o nome Mandino estar atestado na Idade Media,  probablemente derivado de Amandinus- Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

MARTIÑÁN (Couzadoiro)
De *(uilla) Martiniani, forma en xenitivo de Martinianus, nome do antigo posesor da uilla("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina, derivado de Martinus (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).
Antes de se chamar Martiñán, chamouse "Artuxo". En efecto: nun documento que é copia doutro de 1416, ao referirse ao lugar de Martiñán, di :
                 "huertas y heredades del lugar de Artuxo, [h]oi Martiñán"  (cf. aquí)

MEDROSA (San Claudio)
Posiblemente de "a (terra) medrosa", indicando un terreo moi produtivo, onde medran con facilidade as plantas.
Aínda que máis improbable, tampouco podemos desbotar que estemos ante unha forma composta /amedrosa/, incluíndo o adxectivo "hedrosa" como segundo termo (moi presente na toponimia) e como primeiro outro para o que non temos orixe clara.

MEIXIDO (Os Freires)
Formado de "ameixido", lugar onde abundan as ameixeiras.

O MEIXÓN, O (Cuíña)
O nome "meixón" pode ser unha deturpación de "o ameixón", derivado do verbo ameixoar 'xuntar as ovellas, as galiñas'; de feito, o portugués conserva ameijoada 'lugar onde o gado passa a noite'. Neste sentido, xa Piel postulaba a orixe no latín mansione, no sentido de "lugar onde se xunta e recolle o gado". Navaza concorda igualmente con esta interretación (cf. p. 51 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).

Alternativamente, podería indicar a abundancia do "meixón" (a cría da anguía).
Existen outros "Meixón", por exemplo o de Alfoz.

MEIXONFRÍO (Couzadoiro)
Do latín mansio frigidus, unha pousada de estrada deshabitada. Podería indicar, por tanto, o paso dunha antiga vía romana.

Rexístranse varios lugares e parroquias en Galiza co nome "Meixonfrío": no concello lugués de Taboada, en Carballedo, en Coirós, en Lousame, en Ordes, en Taboada. En Vieiro existe "Meixofrío" e no Vicedo Manxofrío. Tamén en Portugal atopamos lugares coa denominacion "Mejamfrio", e igual teoría de orixe; así o albergue instituído na "Carta de Couto e Foral de S. Pedro de Osseloa", en Novembro de 1117, é chamada de Mejamfrio (cf. nota p. 9 de A. C. do Amaral, "Memória V. Para a História da legislação e Costumes de Portugal", ed. da livraria Civilização), e Miguel de Oliveira informa (cf. p. 26 do artigo citado) que Albergaria-o-Velha era chamada en antigos documentos Albergarie veteris de Meigonfrio (neste caso, o "g" indica o son fricativo, similar ao do "j" no portugués actual).

É importante indicar que os romanos distinguían, en canto a pousadas nas estradas, entre as mansiones 'albergues', as mutationes 'mudas, postas' e as stationes 'estacións', alén dos apeadeiros e dos marcos miliarios.

Convén tamén notar a regularidade da evolución de mansionem > *masione : o mesmo ocorreu en moitos outros casos de nasal diante de "s", así mensa>mesa, mensis>mes, mensura > mesura, etc.

MERA, A  (Insua)
MERA DE ABAIX(Mera de Abaixo)
MERA DE ARRIBA (Mera de Arriba)
O topónimo "Mera" é orixe prerromana, referido a ríos e correntes de auga. Ver "Río Mera" para máis detalles.
É interesante notar a presenza do artigo en "a mera", o cal podería indicar que o apelativo prerromano "mera" conservouse en uso polo menos ata a primeira época da romanización.

Nos finais do século XVI, Mera de Arriba aínda aparece atestada como "Mera de suso":  "La iglesia de Santiago de Mera de suso" (cf. aquí). Lembremos que esta forma antiga "suso" quedou fosilizada na toponimia doutros lugares como "Vilasuso" (vila de arriba).
No século XVIII aparecen atestadas Santiago de Mera e mais Santa Mª de Mera como "Méra" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

MESTAS AS (Couzadoiro)
O topónimo "Mestas" ven de (aquas) mixtas 'mesturadas', indicando unha confluencia de ríos ou regatos.
Outros "Mestas" nos arredores aparecen nas Grañas (Mañón), en Silán e na Curiscada (Muras).

MIÑÁN (Senra)
MIÑAÑO (Luama)
MIÑEIXA (Veiga)
Se soamente atopásemos no concello un destes tres topónimos poderíamos darlle varias interpretacións,  posiblemente de orixe antroponímica e deixar o conto aí. Pero queda a cuestión da pouco explicable coincidencia dos tres topónimos de raíz semellante nunha zona xeográfica restrinxida, o cal tería mellor explicación a través de formas derivadas do mesmo hidrónimo.

Considerando todo o anterior cremos  plausible pensar nunha orixe nun tema prerromano *mini- relativo a hidrónimos , presente tamén no coñecido río Miño. Para Krahe (1964: 98), Minho está no conxunto de derivados da raiz *min-, no grao cero, o cal inclúe Minija (Lituania), Mnina (Polonia) e Mignone (Lacio, Italia) - cf. H. Krahe. 1964. "Unsere ältesten Flussnamen".
De forma similar, Moralejo Laso  indicaba que topónimos como Miñán, Miñao, Miñata, Miñide, Miño, Miñón, Miñote,  poderían pertencer á "una raíz * mini-, que no escasea ciertamente en la toponimia gallega con diversas terminaciones. Suponiendo que sean de la misma" (cf. p. 123, A. Moralejo,  1977. "Toponimia Gallega y Leonesa").
J. J. Moralejo, o dito tema *mini- podería remontar a orixe á raíz indoeuropea *mei- "marchar, camiñar", talvez nun sentido de pouca corrente (cf. J. J. Moralejo, "Hidronimia prerromana de Gallaecia").

Por outro lado, hai topónimos como "Miñor" que se lle atribúe unha orixe nun nome persoal *Miniolus. Así, para "Miñán" podemos supoñer unha orixe en (uilla) Miniani, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Minianus, nome erivado de Minius, de orixe latina (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23). De feito, o Nomencator rexistra un Vilamiñao no concello de Lugo (aínda que por alí pasa o Miño ..)

Para Miñeixa, tamén pode ter unha orixe potencial no antropónimo Minasius,  de orixe latina, tamén recollido por Solin. A evolución, é explicable para o galego, e sería (uilla) Minasii > *minasie > *mineixe > mîeixe > miñeixe > miñeixa. O paso -e > -a non é tampouco infrecuente na toponimia galega.

No caso de "Miñaño", está atestado o antropónimo Minianus pero non *Minianius. E o problema obvio é que  en galego Minianu daría Miñao, pero non Miñaño.
Alternativamente, podemos aventurar a orixe en Magnianius, de orixe latina e recollido por Solin (cf. H. Solin e O. Salomies, "Repertorium nominum gentilium et cognominum Latinorum". 1988).
A evolución sería Magnianiu > *Mañaño > Miñaño. A  palatalización da vogal átona /a/ por disimilación ou pola presenza de fonema palatal non é estraña (castañeiro > castiñeiro, foxó > fixó, folloa> filloa, etc., ver o caso de Tixoso para máis detalles).
Vemos que cabe unha explicación antroponómica para os tres, aínda que a coincidencia na mesma zona déixanos coa dúbida.

MONTEDÓNIGO (Loiba)
Derivaría do latín vulgar monte dominico, 'monte do señor'.
É interesante reparar que Almeida (DTP, p. 247; p. 449) sinala que o termo "donego" chegou a ser usado nos finais da Idade Media como sinónimo de ‘vilán ennobrecido’. En efecto, menciona numerosos topónimos medievais nos que  donegos alude a unha finca cuxos propietarios pertencen ao escalón inferior da nobreza: senra domnica (963), palacio domingo (1013), ratio donniga (1032), terra domnica (1071), larea doniga (570), pomar donego (1258), etc (cf. A. Almeida, 1999. "Toponímia portuguesa. Exame a um Dicionário"9.

MONTECALVELO (Couzadoiro)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" refiren a un lugar sen vexetación.
Neste caso, xa que logo, indicaría que o monte en cuestión ten (ou tivo) vexetación escasa ou rasa.

MONTECELO (Veiga)
Do latín monticellum, diminutivo de "monte", pequeno monte, montículo.

MONTEIRA, A (As Neves)
O dicionario define monteira como "Antiga peza de abrigo para a cabeza feita de pano ou la, xeralmente sen viseira". Non semella que sexa esta a orixe deste topónimo, senón máis ben unha adxectivación en referencia a monte ou tamén, igual que "monteiro", na acepción de "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza para onde se atopan os cazadores".

MONTEMEAO (Cuíña)
De "Monte Meao". O termo "meao" era a forma medieval por 'mediano', 'do medio'. Xa que logo, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación entre dous determinados lugares.

MONTOÁN (Veiga)
Probablemente derive de "Monte(m) Teodani", sendo Teodani a forma en xenitivo de Teodanus, nome de orixe xermánica, a partir do gótico thiuda 'pobo'. En efecto, unha poboación (uilla) Teodani está atestada en Galiza na Idade Media, no Tombo de Sobrado (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
A evolución "Monte Teodani" > Montoán sería a normal en galego, con haploloxía das sílabas -te-t(e)o-.

MOREIRAS (Loiba)
Este topónimo ten varias interpretacións, ningunha delas concluínte, aínda que a referencia a "conxunto de moreiras" sexa a máis probable.
En efecto, segundo Navaza, "Morás" trataríase dun fitotopónimo, o plural de "moral", lugar onde abundan as moras. O mesmo indica para "Moreiras" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

Aínda que menos probable, outra hipótese é a da orixe na raíz hidronímica indoeuropea  *mar- / *mor- 'auga detida', ou tamén a raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", de orixe talvez preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea".  De feito o  propio Navaza recoñece que non pode garantir que todos estes topónimos teñan valor fitonímico.
É un topónimo relativamente frecuente, atopamos un na veciña Vila de Bares, así como outra entidade de poboación deste nome no Vicedo e outra en Foz.

MOROUZOS, PRAIA DE
Os dicionarios rexistran o apelativo morouzo 'morea de pedras miúdas'. Tamén hai o equivalente no portugués  morouço 'monte pequeno'.
 Sería orixinado a partir do radical prelatino *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa', 'cor escura', do cal os investigadores adoitan derivar substantivos  como morea 'montón, acumulación de cousas', morouzo, morouza e  morreira 'acumulación de pedras', así como o portugués  morouço 'monte pequeno' e marra 'valo, marco', ou tamén morro 'promontorio, elevación', presente tamén en castelán.

MOURAMA (Loiba)
Interesante topónimo, polas posibles indicacións históricas que puidese implicar.
Podemos facer dúas interpretacións distintas: unha darlle unha orixe medieval, en relación aos mouriscos, e outra unha orixe prerromana, en relación á raíz prelatina *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa'. Como en moitos outros casos, se tivermos documentación antiga dabondo, poderíanos facilitar a correcta interpretación.

O termo "mourama" está definido como  tanto  como no dicionario de galego de J. M Pintos como "os mouros", como sinónimo de mourindade (cf. DdD). Igualmente nos dicionarios de portugués como "os mouros" e "terra de muçulmanos" (cf. Priberam).  Sería un uso similar ao do termo castelán "moraima", rexistrado como topónimo, tamén usado con valor colectivo.
Podería, xa que logo, este topónimo ter nacido en alusión a un lugar  "(re)poboado por mouros", talvez referindo a un grupo de mouriscos na época da Reconquista, que terían escapados para o norte cristián e fundado este núcleo de poboación. Esta potencial indicación de migración mourisca non sería un caso illado: así por exemplo en Ambosores (Muras) atopamos o lugar "O Mouriscón", ou "Mouriscos" en Fazouro (Foz).

Alternativamente, poderíamos interpretar este topónimo como orixinado a partir do radical prelatino *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa', 'cor escura', do cal os investigadores adoitan derivar substantivos  como morea 'montón, acumulación de cousas', morouzo 'morea de pedras', morouza e  morreira 'acumulación de pedras', así como o portugués  morouço 'monte pequeno' e marra 'valo, marco', ou tamén morro 'promontorio, elevación', presente tamén en castelán.
O topónimo orixinario incluiría o sufixo átono -ăma, de carácter superlativo ou intensivo, presente nas linguas indoeuropeas, tal como no latín en minimusinfimus,   postumus, ou no galego en páramo.
Esta raíz oronímica *mor- / *mur-, é de feito a que defende Martínez Lema para "Mourama" e para "A Moureira" (cf. Martínez Lema, 2010. "A toponomástica como auxiliar da lexicografía
histórica: os exemplos de Moraime e Fornís") .

Consecuentemente, se for esta segunda hipótese a certa, este topónimo tería un significado orixinal de  "lugar alto, con moita pendente ou desnivel" ou "lugar moi pedregoso". Dada a situación nun sitio elevado, ao pé dun antigo castro, parecería encaixar esta interpretación.

 Do punto de vista fonético, o desprazamento do acento (*mórama > morama) non sería estraño: en moitos outros casos ocorreu o mesmo cando  o seguinte elemento vocálico é máis aberto: así sénara > *séara > seara, ou mulíere > muller.
En canto á secuencia inicial mour-, podería ser resultado da refacción da base etimolóxica prelatina *mor- , por interferencia co lexema "mouro". De feito, os derivados toponímicos da raíz prelatina
*mor- / *mur- foron con frecuencia reinterpretados polos falantes romances como derivados doutros lexemas máis transparentes, tales como o fitónimo "mora" e o etnónimo maurus (> galego mouro). Esta  asociación etimolóxica tería ocorrido neste caso, e daí o paso de *mor- para *mour-.

Porén, se reparamos na existencia en Ferrol e en Cambre  de "A Mourama", a presenza do artigo indícanos que foi unha palabra do léxico común ben despois da romanización, polo que a primeira hipótese é a máis probable.

MOURIÑOS (San Claudio)
Este topónimo podería ter unha orixe étnica , cunha orixe medieval,  en alusión a un lugar  "(re)poboado por mouros",  referindo a un grupo de mouriscos na época da Reconquista, que terían escapados para o norte cristián e fundado este núcleo de poboación. Esta potencial indicación de migración mourisca non sería un caso illado: así por exemplo en Ambosores (Muras) atopamos o lugar "O Mouriscón", ou "Mouriscos" en Fazouro (Foz).

Igualmente podemos pensar que se referiría ao alcume ou ao apelido dos seus poboadores iniciais. Se alcume, referiríase á cor escura da pel ou do cabelo. Tamén pode referirse ao apelido, do mesmo que atopamos lugares chamados "Os Gomes" ou "Os Vilalbas".

A filóloga Boullón Agrelo admite ambas hipóteses, a étnica e mais a da cor de pel/cabelo (cf. A. Boullón, "A toponimia galega en branco e negro", 2019).

MUCRÍN (San Salvador de Couzadoiro)
Aínda que sen dúbida se trata dun nome de posesor, o nome concreto é difícil de interpretar, a falta de documentación antiga.
O máis probable semella unha orixe en (uilla) Mercurini, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Mercurinus, nome derivado de Mercurius, de orixe latina. Está atestado un "Mercorinu presbyter" no ano 931 no mosteiro de Celanova (cf. "Hispano-romanisches Namenbuch").
A evolución tería sido Mercurini > Mercurín > Murcrín > Mucrín, complexa pero axeitada, con haploloxía do primeiro -r-.

MURO DO VASCO (As Neves)
Topónimo que fai referencia a un muro que tería sido propiedade dunha persoa de nome "Vasco". Este antropónimo, da mesma orixe que o castelán "Velasco", parece que foi importado doutras partes da Península, sendo frecuente na Idade Media en Galiza.
Non fai, por tanto, referencia a unha persoa de etnia vasca.

NAVALLO DE ABAIXO, O (Senra)
NAVALLO DE ARRIBA, O (Senra)
O termo "navallo" deriva de "nava", 'chaeira rodeada de montes', do mesmo modo que o topónimo "Os Covallos" deriva de "cova". Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é un "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. aquí), tamén o salmantino navazo "valle pantanoso" e o aragonés navajo "balsa para el ganado".

É un topónimo frecuente en Galiza, así hai outro "O Navallo" en Mañón e en Barreiros, e "Os Navallos" no Vicedo.

NAVEIRAS AS(Veiga)
O dicionario define "naveira" como "herdade labrantía, na beira do río, con area de boa calidade, fácil de traballar e produtiva" (cf. DdD).

NICOLAO (O Mosteiro)
O antropónimo Nicolao deriva do latín Nicolaus, á súa vez procedente do grego Nikoláos ‘vencedor entre o pobo’. En galego, ademais de Nicolao, contamos coas variantes Nicolás e  mais o hipocorístico Culás.
O topónimo alude, por tanto, ao antigo posesor deste lugar ou casal.

OLDAR (Céltigos)
De (uilla) Uldarii, forma en xenitivo de Uldarius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

Este topónimo de Céltigos foi citado xa por Piel, que o deriva da raíz gótica *hulþaz 'amable, clemente' (cf. p. 277 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V).

ORXADO, O (San Claudio)
A priori podería interpretarse como sinónimo de "orxal" e de "orxeira": un terreo plantado de "orxo" (cebada) ou que produce abundante orxo. Porén, tanto Navaza como xa fixera Moralejo, analizaron este topónimo de San Claudio e póñeno con interrogante, polo infrecuente do sufixo para un abundancial (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Esta mesma dúbida surxiunos ao interpretar a "Pena do Orxal" en Nois (cf. aquí), que ao tratarse dunha pequena illa rochosa, batida polo mar e sin terreo dispoñible, é improbable a existencia de cultivo de cebada. Por iso consideramos que, alternativamente, este topónimo pode ser interpretado como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', talvez derivado dunha forma *or-w-i-, tal como postula E. Bascuas para o caso de "Oroxo" (cf. p. 119 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), ou talvez dunha forma *or-d-, derivada da mesma raíz indoeuropea *er- .

OURAO (Loiba)
Probablemente se trate dun hidrónimo prerromano, con orixe sería na raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír', a mesma orixe que para o río Ouro, atestado na Idade Media como Aurio, para o que Bascuas postulou xa esta orixe (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do "río Ourubio" (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea.

Tampouco descartaríamos que se refira a un etnónimo, un posesor ou fundador que tería sido oriúndo dun sitio chamado "Ouro" ou similar.

Non semella probábel a interpretación de "ourao" como adxectivo relativo a ouro, indicando "(agro) moi bon" (cf. A. Llamazares, p. 151 aquí). Igualmente, F. Villar relacionou tal topónimo co latín aureum 'de ouro, dourado' (cf. aquí), aínda que por outra banda, Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos.

Alternativamente, Nicandro Ares relacionou Ourao co nome personal Aurianus (cf. "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011). Derivaría, por tanto, do acusativo Aurianum. No entanto, co maior respecto para N. Ares, o feito de existir un "O Ourao" en Viveiro, levando o artigo, tórnao improbable como antropónimo, e aínda pior se temos en conta a existencia (tamén en Viveiro) do topónimo "Ouraos", en plural, para o que xa non encaixaría facilmente a hipótese do antropónimo.

Ademais do río Ouro xa comentado, existe outro Ourao e tamén un Ouraos en Viveiro, así como "Aurá". Hai un "Costaaurá" en Mañón.

PADORNELO, O (O Ermo)
O termo "padornelo" é unha forma en diminutivo de "padrón". Os dicionarios galegos definen "padrón" como "marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L. Carré, dicionario). O mesmo significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Os topónimos "(O) Padrón", "Padronelo" e similares foron tamén analizados por J. Moralejo coa mesma conclusión (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina").

Por outro lado, como unha acepción para "pedrón", Eladio Rodríguez indica que "llaman también así nuestros campesinos al menhir". Con todo, Filgueira Valverde indica que “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural” (cf. X. Filgueira e A. García. "Inventario de monumentos megalíticos. ..", 1977).

O termo petronus está tamén rexistrado no latín medieval por Du Cange co significado de "acervus lapidum" 'morea de pedras' (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatisaquí).

Finalmente, mencionar a existencia doutros topónimos cercanos da mesma etimoloxía: "Padronelo" en Vilalba, e "Padrón" en Viveiro.

PAINCEIRAS (Mera de Abaixo)
PAINCEIRAS, AS (Céltigos)
Lugar onde abunda o paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo.
Existe outro "Painceiras" cercano en Mera de Abaixo.

PALLAREGA, A (O Mosteiro)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "casa pequena cuberta con palla", "palleiro", "restrebas" (cf. aquí).
Probablemente este topónimo aludise a unha zona que cultivou trigo ou centeo, e que presumiblemente era propicia para iso.O sufixo relacional -ega  está ligado na toponimia moitas veces ao cultivo dos cereais, así atopamos tamén "aviega" (avea), "millarega" (millo miúdo) ou a "escanarega" (escanla).  Tamén Liñarega ou Fabega.
Tampouco podemos descartar totalmente que aludisen a "(casa) pallarega".
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos "A Pallarega" en Viveiro, Cervo e Muras, así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

PALMARIOS, OS  (San Claudio)
Orixe incerta. Sen documentación antiga que o ateste ou desminta, podemos interpretalo como forma culta por "palmeiros", no antigo sentido que rexistrara Viterbo "de peregrino ou estrangeiro"  (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798), e tamén Du Cange recollera para Palmarius, e explicaba que tomaron o nome de "palmeiros" por traerem unha rama de palma de Terra Santa (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatisaquí).

PANDA, A (As Neves)
PANDA DA SERRA, A (As Neves)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

PARDIÑAS (Mera de Arriba)
O nome "pardiña" (do latín parietina) significa "devesa" ou "chousa" (cf. dicionario).
Na toponimia galega abundan as "Pardiñas", "Pardiñás", "Pardiñeira".

PARDIÑEIRA, A (Barbos)
PARDIÑEIRA, A (Mera de Abaixo)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. DDD). En portugués existe co mesmo significado, coa forma pardieiro.
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.

Na toponimia galega abundan as "Pardiñeiras". En Mogor hai "As Pardiñeiras", en Riobarba (O Vicedo) e en Covas (Viveiro) hai "A Pardiñeira", en Celeiro (Viveiro) "Pardiñeiras".

PAUFITO (Devesos)
A falta de coñecermos documentación antiga que o afirme ou desmenta, aventuramos unha orixe en "palu fictu" 'pau chantado', É apenas unha das posibles interpretacións.

PEAGO, O (Veiga)
Un "piago" ou "peago", do latín pelagus 'pozo', é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio" (cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945).

PEDRE (Devesos)
De (uillam) Petri, unha uilla (explotación agrícola) medieval pertencente a Petrus (Pedro).
Existe outro "Pedre" no veciño Cerdido.

PEDRIDO, O (Céltigos)
Significado transparente: os termos "pedrido" e "pedragal" designan un "lugar onde abundan as pedras".

PEGUEIRO, O (Devesos)
Os dicionarios recollen para "pegueiro" as acepcións de "o que extrae dos piñeiros ou vende a pez" e tamén a de "pastor de ovellas", derivando este do baixo latín pecuariu (cf. DdD).
Faría referencia, xa que logo, á dedicación dun antigo posesor deste lugar.

PENAL, O (Cuíña)
Indica un lugar onde abundan as penas, un rochedo.

PENAOSEIRA, A (Cuíña)
Composto de Pena Oseira, indicando unha pena ou penedo onde que frecuentarían os osos, ou talvez cunha gorida de osos. Sería bon comprobar se existe unha cova nun penedo do lugar.

PENAVIDE (Devesos)
De Pinnam Aviti (ou Pinna Vitus), unha pena pertencente a Avitus (ou Vitus).
Este nome Avitus derivou do latín avitus 'do avó ou dos devanceiros'. Está atestada unha uilla de Abitus no Tombo de Samos, nun documento do 1098 (cf. p.62 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Tamén é igualmente probable a mesma hipótese pero de Pinna Viti, sendo Vitus un nome frecuente na Idade Media.

Existe tamén un "Garavide" no Vicedo, probablemente tamén de orixe análoga (cf. aquí).

PENEIRO, O (Insua)
A falta de coñecermos documentación que o clarifiquen, pode ter varias interpretacións. Cremos que, ao tratarse dun topónimo, "peneiro" referiria a lugar onde abundan as penas, a un rochedo. Fáltanos a comprobación no terreo de tal existencia.
Alternativamente, aínda que improbable, tamén podería ser unha forma derivada de "peneirar", talvez un alcume dun antigo posesor do lugar.

PENSO, O (As Neves)
Este é un topónimo relativamente frecuente en Galiza; probablemente deriva do latín pensum, participio de pendere, indicando un "terreo en pendente".

PEREIRO (O Ermo)
A orixe do topónimos "Pereiro(s)" pode estar relacionada con pirariu, a árbore que dá peros, aínda que tamén pode vir de petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'. Complexo demais para optar por unha delas sen documentación antiga.

PEROXA, A (Mera de Arriba)
Para os topónimos "Peroxa", relativamente frecuentes en Galiza, xa Sarmiento derivou do latín petrosa(m), a mesma logo que "pedrosa". Igualmente opinan  Rivas Quintas e Cabeza Quiles (cf. E. Rivas. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"; cf. F. Cabeza. "Os nomes da terra").

PETAÑOS, OS (Barbos)
Etimoloxía e significado incertos, posiblemente derivado de "peto". Considerando o sufixo -año, é probable que estemos diante dun antigo apelativo de orixe prerromana, coa controvertida raíz *pett-. Aínda que probable, sigue sendo apenas unha hipótese, non todos os apelativos rematados en -año teñen orixe prerromana.
Existe un topónimo "Petaño" en Moeche.

PICHEIRA, A (Devesos)
PICHEIRA, A (Os Freires)
O mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que os topónimos "Picheira", indican xeralmente algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (O Courel).
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.

O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o líquido das cubas de viño.

PICÓN, O (Loiba)
A orixe do nome deste lugar estaría na praia homónima, que á súa vez recibiu ese nome por unha pedra mariña rematada nun gran pico, e situada nunha estrema da dita praia (cf. F. Cabeza, "Toponimia de Galicia").
Atopamos outro con chamado Picón en Ribadeo, así como tamén un illote.

PIMPÍN (Insua)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber lugares ou fontes "Pimpín" en toda a comarca, así nas Ribeiras do Sor, en Mañón, nas Negradas, en Celeiro, etc, parece confirmar esta hipótese. Máis aínda se observamos que en asturiano o termo pimpana designa unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

PIÑEIRO (Couzadoiro)
PIÑEIRO (Os Freires)
PIÑEIRO (Loiba)
PIÑEIRO (Senra)
O nome destes núcleos de poboación é transparente, ndicando a existencia da árbore deste nome. Aínda que figure en singular, probablemente se refira a un piñeiral, non a unha única árbore.

PLANTÍO, O (Espasante)
PLANTÍO, O (Mera de Arriba)
PLANTÍO, O (San Claudio)
PLANTÍO DE ABAIXO, O (San Claudio)
PLANTÍO DE ARRIBA, O (San Claudio)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
É interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). Talvez fose tamén o caso nestes topónimos.

POL DE ABAIXO (Senra)
POL DE ARRIBA (Senra)
De (uilla) Pauli, referindo a unha uilla (explotación agrícola) medieval dun posesor chamado Paulus.

PONTELLAS (Devesos)
Diminutivo de "ponte", ponte pequena, de madeira, pedras ou laxes para cruzar un regato ou arroio.
Tanto "pontella" como "pontiga" derivan de *ponticula, ponte pequena.

PONTIGAS AS (Luía)
Diminutivo de "ponte", ponte pequena, de madeira, pedras ou laxes para cruzar un regato ou arroio.
Tanto "pontella" como "pontiga" derivan de *ponticula, ponte pequena.

PORMADEIRA (Ladrido)
Significado e interpretación incertos, dado que hai varias hipóteses plausibles e non temos documentación antiga que as confirme ou desmenta.

Moi probablemente proveña de  "Porto Madeira", referido á existencia dun "porto de madeira", como ocorre con "O Pormellor" (Porto Mellor), en Cuíña.
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Alternativamente, aínda que máis podería vir de "pomardeira", lugar onde hai pomares.

PORMELLOR, O (Cuíña)
A falta de coñecermos documentación antiga que o afirme ou desmenta, derivaría de "Porto Mellor", o máis doado, comparativamente a outro "porto".
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

PORTO DE INSUA (Couzadoiro)
Topónimo transparente, referido á existencia dun "porto" de río, para paso a unha insua.
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Por outra banda,aínda que non semella sexa este o caso, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos" (cf. E. Ferreira, 1988. "Los caminos medievales de Galicia").

Para o termo "insua", ver "A Insua".

PORTOBÓ (Os Freires)
Topónimo transparente, referido á existencia dun "porto bon", comparativamente a outro porto, como ocorre con "O Pormellor" (Porto Mellor), en Cuíña.

En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

POUTA DO LOBO (Espasante)
Este curioso topónimo semella relacionado coa presenza do lobo no lugar ou ben coa abundancia da planta chamada "pouta de lobo", de nome científico Ranunculus repens, que ten efectivamente a folla en forma dunha pouta ('gadoupa').

POUSADOIRO, O (O Mosteiro)
POUSADOIRO DE ABAIXO(Mera de Arriba)
POUSADOIRO DE ARRIBA, O (Mera de Arriba)
O "pousadoiro" designa "sitio de descanso", "lugar do camiño, por veces un poio, onde se pára para pousar a carga transportada nas costas ou na cabeza (cf. DDD). Semella máis axeitada e concreta a definición antiga dada por Viterbo: "lugar que ficaba no fin e termo de algunha subida, onde naturalmente depón o seu peso e descarga o camiñante, o xornaleiro" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
No caso do lugar de Mera, figura xa no dicionario de Madoz (séc. XIX) como "POUSADOIRO".

PRADIA, A (Os Freires)
Lugar onde hai (houbo) pradairos. O termo "pradia" tén o mesmo significado que "pradairo", a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DDD). En efecto, Navaza recolle este topónimo, tamén existente no Valadouro, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

PREGUIZA, A  (Ortigueira)
Poderíamos interpretar "preguiza" no sentido do apelativo que os dicionarios definen como " Falta de vontade para traballar",
No entanto, é interesante notar a relativa frecuencia de topónimos "Preguiza" e relacionados na toponimia galega. É verdade o valor na cultura tradicional galega que lle é dado ao traballo. Pero aída así, debería ser un topónimo extraordinariamente raro se se tratase do sentido indicado pola voz comúm "preguiza".

Parece que na realidade a significación do topónimo é ben diferente. Cabeza Quiles indica para o caso d"O Preguecido" da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona este topónimo estradense coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (c.f F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").

O Padre Sarmiento xa falaba dela:
           “Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”.
Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de
pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).

Considerando todo o anterior, podemos pensar que moitos dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza".

En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" se referirían a unha "pereira preguiza".

PREGUNTOIRO, O (Couzadoiro)
O nome deriva do latín medieval præcuntorium, sinónimo de promontorio' (cf. Du Cange).
 Os varios topónimos Preguntoiro  existentes na xeografía galega aludirían á situación do lugar nun saínte entre augas, sexa unha zona entre ríos, ou para os costeiros un promontorio. No caso que nos ocupa, corresponde claramente a un saliente, un estilo de promontorio, a punta que entra na ría, entre os rios centiño e Masma.
No caso que nos ocupa, está situado preto da confluencia do río do Foxo cuns regueiros.
Ver artigo blog A Pena da Cataverna sobre "Preguntoiro" para máis detalles.
Temos non lonxe  na Capela "Os Preguntoiros", preto da confluencia entre o río Teixido e o Eume.

Houbo tamén outro "Preguntoiro" na ría de Ortigueira para o que descoñecemos o lugar concreto. Esá atestado en 1430: "que todo ome que andare en barco, ou en dorna, ou batel, ou en algún navío que non pase nen tome frete de pasage desde Priguntorio asta Pereira albar sin licencia do dito mosteyro" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).

PRETA, A (Cuíña)
Posiblemente de "A (terra) preta", indicando terra boa, de cor negra. Aínda que na actualidade o adxectivo "preto" non conserva o significado de negro, si o tiña na Idade Media (cf. DDGM), e aínda se conserva no portugués.
Alternativamente, podemos pensar nunha orixe nun posesor apelidado ou alcumado "Preto". Este apelido, actualmente castelanizado en "Prieto", ten presenza na área mindoniense (cf. aquí).

PROMADELOS (San Claudio)
De "pomardelos", forma en plural do diminutivo de "pomar", referindo a "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras".

PUMARES, OS (Céltigos)
PUMARIÑO (Mera de Abaixo)
PUMARIÑO (Mera de Arriba)
O dicionario define "pumar" como "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras".

Canto a "Pumariño", é como ben sabemos o diminutivo de "pumar".

QUEIRA, A (O Mosteiro)
Posiblemente o mesmo que "caeira", que ten dúas acepcións en galego: "ladeira, encosta, declive", e a de "caleira, forno de cal".
A falta de datos do lugar, calquera das dúas acepcións son posibles, aínda que a de "caleira" semelle máis atractiva toponimicamente.

QUELLE (Loiba)
O mesmo que "cale" ou "canle", tanto no sentido de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
Noutras zonas chámase "quella" (con grafía quelha en portugués), así como as correspondentes formas nas que a nasal evoluíu para "n", dando "quenlle" e "quenlla".

Tamén podería proceder do apelido dun antigo posesor. O apelido Quelle abunda na mariña Occidental, tendo a maior frecuencia no concello de Xove.

Existe outro Quelle en Riobarba (O Vicedo).

QUINTÁ (Luía)
QUINTÁ (O Ermo)
QUINTÁ (Veiga)
Do latín tardío quintana 'finca alugada pola que se entrega ao dono a quinta parte dos froitos'.

Algúns autores teñen proposto unha orixe en (uilla) quintana 'uilla medieval pertencente a Quintus ou Quintanus. Non o considero posible, primeiro pola grande abundancia de topónimos "Quintá" e "A Quintá", implicaría que foi un nome estremadamente frecuente. Segundo porque moitos deles levan o artigo "A Quintá", improbable en xeral e case imposible dada a abundancia. Terceiramente porque a gran maioría non corresponde con núcleos de poboación.

RAMALLAL, O (O Ermo)
RAMALLEIRA, A (Veiga)
Topónimo transparente: tanto "ramallal", como "ramalleira" e "ramallosa" fan referencia a un lugar onde abundan os ramallos.

RAMIL (O Ermo)
De (uilla) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamirus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

RAMOS, OS  (Loiba)
O apelativo "ramo", do latín ramu 'póla". Os numerosos topónimos galegos "Os Ramos" son recollidos por G. Navaza, que o interpreta neste contexto como "lugar frondoso", ou tamén "lugar no que se aproveita a derrama das árbores para leña" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

RANDAMIL (Couzadoiro)
De (uilla) Randemiri, forma en xenitivo de Randemirus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Atopamos non moi lonxe outro Randamil en Magazos (Viveiro).

RANDE (Couzadoiro)
De (uilla) Randi, forma en xenitivo de Randus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica, formado a partir do xermánico *rand- 'beira de escudo' (cf. p. 385 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)")

RAXEIRO (Mera de Arriba)
Significado e orixe incerta.
Os dicionarios de galego defínen o apelativo "raxeira" como "lugar onde dá ben o sol" e como "toxeira, toxal" (cf. DdD). Calquera desas dúas acepcións valería para un toónimo. No caso que nos ocupa, o feito de ser en masculino, "raxeiro",  non variaría o resultado, do mesmo modo que hai "toxeira" e "toxeiro", e o mesmo para moitos fitotopónimos.
Cabeza Quiles inclínase pola hipótese de "toxeira" (cf. F. Cabeza, "Toponimia de Galicia"), e recolle a etimoloxía proposta por Prof. Pensado, interpretando "raxeira" como unha forma palatalizada de "raseira", terreo raso, sen vexetación.

Este topónimo figura xa dicionario de Madoz (séc. XIX) como "RAGEIRO".

REBOREDO (Devesos)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto que o sinónimo “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

REDONDA, A (Senra)
REDONDAS, AS (Mera de Arriba)
O termo "redonda", alén do seu significado obvio, Martínez Lema indica o uso adicional en galego co significado "zona ou territorio delimitado, que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros (cf. P. Martínez (2010) aquí).

E. Rivas rexistra o seu significado como"zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".

En definitiva, os termos "redondo" e "redonda", como topónimo, indicarían ben a forma do terreo ou ben a súa condición de cercado ou valado, ou constituínte dun couto.

REGA, A (Cuíña)
REGA, A (Espasante)
REGA, A (San Claudio)
REGA, A (Senra)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso".
Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego,

É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", (cf. E. Bascuas, 2000. "Verba" aquí).

REGUEIRA, A (O Mosteiro)
REGUEIRA DE ABAIXO, A (San Salvador de Couzadoiro)
REGUEIRA DE ARRIBA, A (San Salvador de Couzadoiro)
Os dicionarios de galego definen regueira como "canle por onde baixa un rego de auga" (cf. RAG).
A Regueira do Mosteiro figura no dionario de Madoz (séc. XIX) como "REGUEIRA".

REÑALDE (Cuíña)
De (uilla) Ragnaldi, forma en xenitivo de Ragnaldus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

REPARADA (Loiba)
Aínda que descoñecemos documentación antiga que o confirme ou desmenta, cremos que é moi probable que teña unha mesma orixe (uilla) Reparati, forma en xenitivo de Reparatus, nome de orixe latina. Este tería sido un antigo posuidor da uilla (explotación agrícola). O nome Reparatus está atestado en Galiza e ten orixe latino-cristián (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

Canto á evolución, sería Reparati > Reparade > Reparada. O paso de -e para -a non sería estraño, estando atestado en moitos topónimos, probablemente nunha reinterpretación do -e como un -a relaxado: aparte dos Martínez Lema refire a exemplos como Comparade > Comparada, que estaría moi próximo ao do topónimo que estamos a analizar (cf. P. Martínez. "Toponomástica, documentación medieval y fenomenología lingüística: contribución para una gramática histórica de la lengua gallega", in "Actes ICOS XXIV).

REQUEIXO ( Ortigueira)
REQUEIXO (San Salvador de Couzadoiro)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD) ou tamén lugar apartado, nun recanto.

Segundo E. Bascuas , viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo" (cf. E. Bascuas, in Verba, 2000).

O "Requeixo"  de Ortigueira, apúntame Xosé M. Torres, está onde o cemiterio, falándose da “punta de Requeixo”, aínda que agora a antigua península xa non exista polos recheos e pola construción do peirao.

RETORTA, A (Loiba)
RETORTA, A (Mera de Arriba)
O dicionario de Eladio Rodríguez define "retorta" como "volta, revolta, curva que fan os camiños e os ríos polos accidentes do terreo que recorren (cf. DdD).

RIBADOS (San Claudio)
O dicionario define ribado como sinónimo de ribada e noiro "superficie de terreo moi inclinada ou case vertical nun desnivel". O dicionario de Aníbal Otero define ribado como "corte ou ribazo vertical entre dúas terras de nivel desigual" (cf. DdD).Este río dá nome as poboacións de Mera de Abaixo e Mera de Arriba, así como a Trambasmeras nas Pontes, situado entre este río Mera e un afluente, que proviría de "Entre ambas Meras", similar ao caso de Trambosores (Ambosores).
Trátase dun hidrónimo relativamente frecuente, así atopamos outro Mera afluente do Tambre, e xa na provincia de Lugo un afluente do Miño que nace en Santalla de Bóveda de Mera; en Pontevedra temos Barcia de Mera, e un Mera afluente do Tea. Xa en Portugal aparece outro Mera en Peso da Regua. Xa fóra do ámbito galego-portugués atopamos varios Miera en Asturias e Cantabria.

RILLEIRAS, AS (Céltigos)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. aquí.
No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe relacionada coa raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente na hidronimia europea.

RÍO MERA
Talvez corresponda co río Mearos que menciona Ptolomeo, e que situaría entre o cabo Ortegal e o río Navia (1).
O  Vale de Mera xa está atestado con ese nome no ano 966, nun documento do bispo Sisnando (2).
O nome ten probablemente unha orixe hidronímica paleoeuropea, tal como indica Bascuas (3), que comenta a coñecida serie de hidrónimos peninsulares Mira, Mera, Mero, Mieres, etc. Aínda que son varias as raíces *mer- que identifica Pokorny coas cales podería corresponder, podemos supor a raíz indoeuropea *mar- /mor- ‘auga detida’, relacionada así mesmo, entre outros, co nome de lugar Meira (< maria).
Esta é a orixe plantexada por Rosa Pedrero, que asigna esta raíz para os elementos hidronímicos prerromanos  *mir- e *mer- (4). Similarmente, J. J. Moralejo apunta para as raíces indoeuropea *mer- 'brillar' ou *mer- 'escuro, mancha' (5).
Rivas asígnalle a orixe na raíz *m'r- 'auga' (6).
É interesante notar que o galego preservou o apelativo "mera" 'néboa moi húmida' (7), que probablemente teña igual orixe indoeuropea.

Notas:
(1) - cf. Ptolomeo, II.6.4; identificación que realiza Schulten (cf. p. 93, "Geografía y Etnografía Antiguas de la Península Ibérica").
(2) - cf. Tombo de Sobrado.
(3) - cf. p. 123 de E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
(4) - cf. R. Pedrero,1996. "El hidrónimo prerromano Mira".
(5)  - cf. p. 67 de J. J. Moralejo, 2008. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II".
(6) - cf. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín".
(7) - Di o dicionario de Eladio Rodríguez “Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” .

ROCHA, A (Ladrido)
ROCHA, A (San Claudio)
Tanto "rocha" como "roca" son sinónimos de "penedo". O apelativo "rocha" parece ter pouco uso na fala actual da comarca.
A Rocha de S. Claudio figura no dionario de Madoz (séc. XIX) como "ROCHA".

RODELA (Devesos)
Diminutivo de "roda", posiblemente metaforicamente referíndose á forma redonda e cha dun monte.
Nicandro Ares tamén apunta a alternativa de derivar dun nome de posesor Rutella ou Rutilla (cf. p. 518 de "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011).

ROIBÁS (San Claudio)
ROIBÁS (Senra)
Plural de "Roibal", adxectivo que se refire a unha cor "tirando a roiba".  Os topónimos "Rubiás", "Roibás", "Rubás" son relativamente frecuentes, incluíndo as variantes Rubiás, Rubial, Rubela.
A orixe sería en relación ao adxectivo "roibo" (latín rubeus), aplicado á cor das terras. Así, Roibás pode ser interpretado como "(terras) roibás", "terras de cor tirando a roiba" (ruba, encarnada, vermella), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas.
Este tipo de adxectivación é común na toponimia, lembremos os Verdeás, Verdeal referidos á cor verde, ou os Albar, Albarello referidos á cor branca.

Para o topónimo Roibás, tamén o podemos interpretar en relación ao topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Tampouco podemos descartar que sexa orixinado en "lugar dos Roibás", pertencentes a unha familia co apelido "Roibal" ou procedente dun lugar así chamado.

Por outro lado, Joseph Piel relacionou "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha". É improbable, e xa na Idade Media se relacionaban con "rubeus" e non con "rupes", de aí que figura atestado "Rubito" (ver Rubido).

RÚA, A (Barbos)
RÚA, A (Cuíña)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" ‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín", in Verba - Anexo 18).

RUBIDO (Loiba)
Os topónimo "Rubido", "Roibal"e "Rubal" son interpretados xeralmente como "(agro) rubido, (terra) rubal", "de cor que tira a ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas.

Este "Rubido" aparece atestado en 1095 transcrito como Rubito (latinización do escriba) "per terminis de Martisi et Plapa Mala et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). Deste modo, semella máis probable a interpretación tradicional de (agro) rubido, agro roibo.

Por outro lado, Joseph Piel relacionou "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha". É improbable, e xa na Idade Media se relacionaban con "rubeus" e non con "rupes", de aí que figura atestado "Rubito" (ver Rubido).

RUBIDOS, OS (Ladrido)
Ver "O Rubido". Neste caso, podería ter o mesmo significado ou tamén podería "Os Rubidos" referir un xentilicio, a unha familia provinte do lugar de "Rubido", ou incluso referir a unha familia de apelido Rubido, do mesmo modo que ocorreu no caso do lugar de "Os Gomes" e no d' "Os Sandes".

SA (Senra, Veiga)
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.

Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", in "Historia de la lengua española". 2004).

Por outro lado, outros autores como Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. E. Roberts e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996).

SAN CLAUDIO (San Claudio)
Haxiotopónimo. O nome tradicional desta poboación foi "San Cloyo" e máis tarde "San Croio". Así, por exemplo, figura como "Santa Maria de San Croyo" no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). No ano 1631, xa en castelán , aínda aparece como "San Cloyo" - realmente figura como San Eloyo, pero é erro evidente de transcrición (cf. Censo de la Sal)
Descoñecemos o momento no que se castelanizou o nome. No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "San Cláudio" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

SANDES, OS (Ladrido)
Posiblemente tería orixe nun xentilicio, referindo a unha familia provinte dun lugar de "Sande", ou un patronímico de apelido Sande, do mesmo modo que ocorreu no caso do lugar de "Os Gomes".

Canto a Sande, proviría dunha (uilla) Sandi, forma en xenitivo de Sando, nome do antigo posuidor, nome de orixe xermánica, formado a partir da raíz gótica santh 'verdadeiro' (cf. p. 334, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).

SANGUIÑEDO (Cuíña)
SANGUIÑEDO (O Ermo)
Os termos "sanguiñedo" e "sanguiñal" indican un sitio onde abundan os sanguiños, o arbusto cornus sanguinea, que ao lle pelar a casca, queda con cor vermella, semellante ao sangue.
É un topónimo frecuente na zona. Temos un "O Sanguiñal" en Mañón.

SANTABALLA DE ABAIXO (Couzadoiro)
SANTABALLA DE ARRIBA (Couzadoiro)
A forma Santaballa é unha das posíbeis evolucións  do latín "Sancta Eulalia" para o
galego. Refírese ao nome dunha mártir cristiá dos finais do século III .
Alén desta forma, na toponimia galega tamén atopamos as formas alternativas Santaia e Santoalla.

SEARA, A (Insua)
SENRA, A (Insua)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma *sénara. Corominas asígnalle unha posible orixe celta, talvez de sena ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).

Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que na mesma parroquia de Insua conviven dous topónimos resultantes da mesma orixe. Temos tamén na parroquia de Ortigueira o mesmo topónimo "Senra".

No século XVIII atopamos Senra xa atestada como "Sénrra" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

SEIXIDAL (Devesos)
O mesmo significado de “seixal” e “seixido”, indicando un lugar onde abundan os seixos.

SENRA (Ortigueira)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.
Temos tamén na parroquia de Insua os topónimos "A Senra" e "A Seara", da mesma orixe.

Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado a freguesía de "San Giao de senrra", nunha venta de "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." - aquí).

SEOANE (O Mosteiro)
SEOANE (Senra)
O termo Seoane é un haxiotopónimo, forma evoluída de Sanctus Iohannes 'San Xoán'. Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluíu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

SERANTES (Veiga)
Este lugar está atestado no 1488: "Pedro Ares de Galdo et Fernando de Serantes, moradores enna vila de Santa Marta dOrtigueira" (cf. Corpus Xelmírez: MSPT 49).

Este topónimo, relativamente frecuente en Galiza e Asturias, ten moi probablemente unha orixe prerromana, concretamente un hidrónimo de orixe paleoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo', e daí, *ser-anti 'fluínte, corrente'.

Esta orixe élle atribuída por varios autores, incluíndo o estudo de G. Hermo, onde aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- (Sarandeses, Sarandín, Sarandón e Sarandós) e Serant- (Serantellos e Serantes). Cf. aquí.

Boullón Agrelo, aínda que na mesma liña, achega a orixe na correspondente base celta *sar- 'auga', presente no nome dos ríos Sar e Sarela, ou no topónimo "Sarria"; a terminación compártea con outros topónimos como Arantes, Barbantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes. Indica ademais a posible relación con nomes étnicos prerromanos. Significaría, xa que logo, 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa' (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Na miña opinión, tendo en conta casos como o de Serantes do Vicedo, lonxe de ríos e regatos, "Serantes" referiríase máis ben a "poboadores oriúndos da veiga dun río Sar". Unha posibilidade sería o río Sar chamado máis frecuentemente río Esteiro, en Mogor (Mañón), aínda que é apenas unha posibilidade.

Ver "Un novo Sar para interpretar Serantes, Barbantes e Ourantes" para máis detalles.

SIBIL (Devesos)
Derivado de (uilla) Severii, xenitivo de Severius. Indica, xa que logo, a existencia dunha uilla (explotación agrícola) pertencente a un posesor chamado Severius, nome de orixe latina (cf. J. Piel, 1950. "Os nomes dos santos tradicionais hispânicos na toponímia peninsular").
Nicandro Ares refire a existencia deste mesmo topónimo, coa grafía "Sivil", en Estraxiz (Samos), atestado no ano 978 como “villa de Severi”, no 1175 como “Sevir”, e no 1195 como "Sevil” (cf. p. 1184, N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol II).

Podería tamén vir de (uilla) Sibilii, de Sibilius, aínda que máis improbable do o caso anterior.

No entanto, e aínda que improbable, tampouco podemos descartar, a falta de documentación antiga, unha orixe nun posesor do lugar de apelido Sivil, Rivas Quintas recolle este apelido desde o século XIV (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do Noroeste hispánico").

SILVAO, O (Insua)
De (uilla de) Silvanu, indicando unha uilla (explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Silvanus, nome de orixe latina. Este nome está atestado en Galiza, no Tombo de Samos (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"), e tamén noutros lugares da Hispania (cf. J. M. Abascal, 1994. "Los nombres personales en las inscripciones latinas de Hispania").

A presenza do artigo, aínda que estraña, non sería excepcional. Podería deberse á influenza do apelativo común "silva", e interpretado como adxectivo.

Aínda que sen descartar que sexa un fitotopónimo, non semella que sexa este o caso; de feito, Navaza interprétao como nome de posesor (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

SISTO, O (San Claudio)
SISTO, O (Senra)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto.

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus:dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.

Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que semella rexeitable.

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOBRADO DE ABAIXO (Barbos)
SOBRADO DE ARRIBA (Barbos)
O apelativo "sobrado" refire no galego actual ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira".
Na toponimia alude á existencia dunha (casa de) sobrado, ou sexa, de dous pisos.
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, concluíndo que se refire a un tipo de construción enteira, caracterizada por posuír dous pisos, en oposición ás "casas terreas" que soamente posúen un (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

Igualmente, vemos que no norte de Portugal tiña o mesmo uso, inclusive no S. XVI, diferenciando "casas de sobrado" son diferenciadas coas "casas terreiras", dun só piso. Na documentación antiga do norte portugués atopamos textos como:
 *  "Item huma caza de sobrado telhada com sua varanda pera o poente  .."
 *  "Item huma caza de sobrado colmassa .."
 (cf. Tombo da Igrexa de S. Miguel de Lousada de 1542)

Xa J. M. Piel interpretara "sobrado" dun modo similar, aínda que coa diferencia de a ver como casa de certo lustre, "residencia máis ou menos fidalgas", pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala). Cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953).
Tradicionalmente foi interpretado como derivado de superatum, ou superadditum 'engadido por riba', no sentido de 'sitio alto, eminente, que sobresae'. Así, I. Millán defíneo como "terra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987).
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de suberatum, tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

SOBORRIBAS (Cuíña)
Topónimo transparente: composto de "Sobor Ribas", sobre das ribas, sobre da ribeira.

SÓÑARA (San Salvador de Couzadoiro)
Topónimo de orixe prerromana, co sufixo átono -ara, xeralmente en palabras desa orixe, tais como gándara, Támara, Láncara.
J. Moralejo apunta para Sóñara unha orixe na raíz indoeuropea *seu- 'húmedo' ou *seu- 'dobrar, virar' (cf. J. J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008).

Na toponimia galega atopamos varios Sóñara, Sóñora, Soñar, Soñeiro e Soñariño. De feito, atopamos nun documento de 1271 un "Soniar" correspondente co actual Sóñora, preto do río do mesmo nome (cf. GMH. "Testamentum domni Johannes Marini ultimi").

SOÑÍN (Veiga)
Este topónimo tería a orixe en (uilla) Sun(n)ini, ou similar, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor de nome Suninus ou Sunninus. En efecto, Piel fai referencia ao topónimo portugués análogo Sonhim, e indica que podería ser derivado dun xenitivo dunha forma en -inus derivado do xermánico sunja 'verdade' (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI). Porén, a raíz da que se formou é incerta, tal vez podería ter derivado de *sona 'reparación, expiación', ou de *sunjo 'verdade'.

SORTELLA, A (Senra)
Probablemente "sortella" se refira ao diminutivo de "sorte". Unha "sorte" sería unha propiedade resultante dun reparto ou fraccionamento dunha terra maior adquirida, ben de forma permanente ou ben temporal, rotando entre os veciños. Puido ter tamén en galego unha acepción derivada similar á recollida en portugués de "Faixa de terreno não murado, mas limitado por marcos. = LEIRA" .

Aínda na actualidade, montes pertencentes a unha comunidade de veciños, para usos gandeiros ou agrícolas, pode acordarse un aproveitamento temporal individual mediante a distribución  entre os veciños de lotes, sortes ou parcelas.
Igualmente, en Portugal os topónimos "Sortes" e Sortelha foron interpretados como 'divisões da propriedade rústica'. Cf. "sorte", p. 1365, J. P. Machado, 1993. "Dicionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa". Cf "Sortelha", p. 556, A. Almeida, 1999. "Toponímia portuguesa. Exame a um Dicionário").

É derivado do latín sors, sortis ‘sorte ou capital de investimento’, que pasaron ao romance cun sentido de ‘parcela de terra’. En Cataluña son tamén abundantes os topónimos Sorts, Sortanella.

SOUTO DE POL, O (Senra)
Ver a entrada "Pol de Abaixo".

SOUTOMOR (Loiba)
Composto de "Souto Mor". Aínda que sen documentación antiga que o confirme, podemos pensar derivado de Saltu Maiore 'souto maior'. Na Idade media era común o uso do adxectivo "mor", que posteriormente caíu en desuso polo cultismo "maior".
Alternativamente, de Saltu Mauri, souto pertencente a unha persoa de nome Mauru(s).
É curiosa a súa deturpación como "Soutomoro". Así,  no 1888 aparece como "Sotomor", o mesmo que aínda no 1943, tamén atestado nun mapa co nome  como "Sotomor", castelanizado pero sen o engadido "o" final.

SOUTRANDÉ (San Claudio)
Este topónimo tería a orixe en "Souto André", un souto pertencente a un antigo posesor chamado André. O desprazamento do -r- á sílaba anterior non é infrecuente no galego.

SUAPENA (Insua)
De "sub a riba", lugar situado ao pé dunha " pena".

SUARRIBA (O Ermo)
De "sub a riba", lugar situado ao pé dunha " riba". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente é referido á marxe dun río.

SUPENIDO, O (O Ermo)
De Sub-Penido, lugar situado ao pé dun penedo ou penido.

SUSAÍDO (Os Freires, Mera de Arriba)
Orixe e etimoloxía incerta.
A falta de coñecermos documentación antiga que o probe ou rexeite, podemos interpretalo como derivado do adxectivo susán ou susano, do latín sursum 'de arriba". Indicaría, por tanto, un lugar situado nun alto, en relación a outro lugar.

Alternativamente, aínda que improbable, podemos pensar nun "Su-Saído", lugar situado ao pé dun "Saído". Porén, ningún dos significados de "saído" encaixa nun topónimo correspondente cun núcleo de poboación: amais do significado común de participio do verbo saír, "saliente", os dicionarios de galego dan os significados de "Terreo adxacente a unha casa, especialmente entre labradores", así como o de "pasillo muy amplio que había en las casas antiguas" (cf. DdD).

TAIPA, A (Espasante)
TAIPA, A (Senra)
Este topónimo está relacionado co apelativo "taipa", presente nalgúns dicionarios de galego como sinónimo de "tapia" 'muro alto co que se delimita e pecha un terreo'.

Para Coromines, a primitiva implantación xeográfica permite derivalo dunha orixe hispano-latina *tapia, "probablemente formado con tap!, onomatopeya del apisonamiento".

A metáteses tapia > taipa é un fenómeno común no galego, aínda que na toponimia soamente coñecemos estes dous casos de "Taipa", fronte ás ducias de Tapia existentes en Galiza.

No portugués, a forma estandar é precisamente "taipa"'parede feita com grade de madeira delgada e estreita, cujos vãos se enchem de argamassa" (cf. priberam).

TALLÓN (Luía)
O dicionarios definen "tallón" como "pequena extensión de terreo destinado ao cultivo de legumes". Por outro lado, Sarmiento recollía a acepción de "cuadrado de viña".

TEIXOEIRAS ,AS (San Claudio)
TEIXOEIRAS DE ABAIXO, AS (Os Freires)
TEIXOEIRAS DE ARRIBA, AS (Os Freires)
Este apelativo tén dúas acepcións. A primeira, talvez máis probable, é a de lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos". Alternativamente, é tamén un sinónimo de teixido, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata') (cf. DdD).

TELLADO, O (San Salvador de Couzadoiro)
O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu. O topónimo  deriva do obvio significado de "(casa de) tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A (casa) Lousada" ou "A (casa) Pallaza".
Por outro lado, "Tellado" é interpretado na toponimia en xeral como "lugar abandonado e repoboado"; xa os romanos, chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. p. 635 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).

TELLEIRA, A (Senra)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar. A súa existenza parece que durou ata meados do século XX.

TESOURO, O (Devesos)
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, frecuente de máis para referirse a un feito anecdótico dun achádego de tesouro ou similar. Por veces, as arcas en Galiza son chamadas "tesouros" ou "forno" (dos mouros), entre outros capela, casa, forno (dos mouros) (cf. J. S. Crespo, 1972. "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..." Vol. I).

TINTEIRA, A  (Insua)
Posiblemente teña orixe como derivado de "tinta", do latín tincta, participio de tingere 'tinxir'.
Seguindo a interpretación que fai Navaza, a  motivación do topónimo  podería estar referido ben a uva tinta, tal como tamén indica Palacio.  Alternativamente, podería tamén aludir a outras especies botánicas, especialmente aquelas usadas para tinxir tecidos ou para obter tinta ou líquidos corantes. Indica ademais Navaza o caso recollido por Sarmiento, de chamar "tinta" á árbore Ligustrum germanicum, da cal se usaba o zume negro do froito (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

TORNO, O (Ladrido)
Os topónimos "Torna", "Torno" e "Retorno" serían, polo xeral, de orixe prerromana, hidrónimos cun significado de "chorro de auga", derivados da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue "Pena da Cataverna" aquí para máis detalles.

TORNEIRO, O (Senra)
TORNEIROS, OS (Insua)
O dicionario define "torneiro" como persoa que traballa co torno. Podemos interpretar o topónimo neste sentido, sendo o lugar pertencente a unha persoa con tal oficio.
Por outro lado, tamén temos a acepción para torneiro e torneira de "lugar no que se desvía a auga dunha acequia" (cf. aquí).

TRABADO, O (Couzadoiro)
Posiblemente derivado do latín tabulatu(m), "taboado", nun sentido metafórico de "terreo de superficie achaiada, terreo chan". En galego, táboa é tamén un ‘pebideiro’, un ‘tallo’ ou ‘tallón’.

Este topónimo foi tratado por varios autores, en particular por Marqués Valea, quen indica que "Trabada" está xa atestada desde o século VIII, e indica que a lingua da agricultura usaba"tabla" no sentido de ‘cadro de viña’, ‘cadro de terreo’, e que este sentido permanece nos derivados peninsulares tablada, tabuada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada").

Álvarez Maurín (1994: 317) recolle este uso metafórico do termo tablada na orografía e na hidronimia: “En Babia y Laciana tablada designa el “trozo del río que lleva agua mansa” (cf. M. P. Álvarez, 1994. "Diplomática asturleonesa. Terminología toponímica").

Fernández Morales definira a tablada como “pedazo llano y corto de terreno dispuesto para plantar o plantado de hortalizas” (cf. A. Fernández, 1861. "Ensayos poéticos en dialecto berciano").

Ebeling-Kruger incorporaran outros valores: “partes de un castañal repartidas entre los vecinos: tabladas en el concejo de Cangas de Tineo; cp. tablada ‘porción de terreno destinada al cultivo y principalmente a huerta’ en El Bierzo (García Rey), ‘cada uno de los espacios en que se divide una huerta para su riego’ en la provincia de Palencia (Dicc. Ac. Esp.). Encontramos "tabla" y sus derivados con acepciones semejantes en el Alentejo (tabuada ‘canteiro nas hortas’), en cat. taula, taulada….” (cf. W. Ebeling e F. Krüger, 1952. "La castaña en el noroeste de la Península Ibérica. Estudio etnográfico lexicológico", in "Anales del Instituto de Lingüística").

No entanto, hai dúbidas importantes, tal como comentamos para o topónimo "Trabazón", e lévannos a crer máis plausible a interpretación dada por Edelmiro Bascuas, derivando a serie "Traba", "Trabado" (e tamén o apelativo "trave") dunha forma hidronímica *traw- , a partir da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar' (cf. E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

TRABAZÓN (Insua)
Probablemente forma relacionada con "Traba" e "Trabazo(s)". Estes topónimos, frecuentes na xeografía galega, teñen interpretacións controversas.

O topónimo "Traba" é polo xeral relacionado co latín tabula, e por tanto cognado da forma galega normativa "táboa", nun sentido metafórico de "peza rectangular e cha de terreo". Ver "O Trabado" para máis comentarios. No entanto, "Trabazón" tería unha interpretación máis difícil neste contexto.
Xurde un primeiro problema con esta interpretación se temos en conta que a forma común para táboa na comarca é "tauga" e non "traba". É verdade que se puidera ter imposto esta forma máis tarde, e conservado a forma "traba" na toponimia, pero semella dificil que fose maioritaria nun tempo a forma "traba", con topónimos derivados como Trabazo(s), Trabazón, Trabanco(s), e que non existan **Taboazón, **Taboanco(s), etc. Se a isto sumamos que as formas indicadas teñen sufixos comúns na hidronimia prerromana. En efecto, hai na toponimia un conxunto de formas Trabazo, Trabazón, Trabanco(s) análogo a outras formacións hidronímicas tales como Vara, Varazo, Varazón, e ao Deza, Dezón.

Por todo o anterior, cremos que a interpretación máis probable e a dada por Edelmiro Bascuas, derivando a serie "Traba", "Trabado" (e tamén o apelativo "trave") dunha forma hidronímica *traw- , a partir da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar' (cf. E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

TRESTEMIL (San Claudio)
Tamén chamado Tristimil. Provén de (uilla) Trastemiri, forma en xenitivo de Trastemirus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica (de *thrafstiz 'confort' e *merjaz 'famoso'). Trastemirus figura nun documento do ano 818,  no Tombo de Sobrado (cf. p. 435 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)")

Este lugar está atestado en 1413 como "casar de Trastemil" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).
Hai tamén un Trastemil en Vilalba, da mesma orixe.

TRONQUEIRA, A  (San Claudio)
Referido a un lugar onde abundan os troncos. Este topónimo figura recollido por Navaza na súa obra de fitotoponimia. Navaza interpreta tronco, na toponimia, como árbore que é aproveitable para madeira (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

VALELLA (Barbos)
VALELLA DE ABAIXO (Cuíña)
VALELLA DE ARRIBA (Cuíña)
Diminutivo de "val", co sufixo -ella. É de notar a antiguidade do topónimo, pois aquí "vale" aínda conserva o orixinario xénero femenino que tiña no latín.

VENDA, A (Devesos)
VENDA, A (Luía)
VENDA, A (O Mosteiro)
VENDA, A (San Claudio)
O topónimo destes núcleos de poboación deriva do latín ‘vendita’, referido a unha antiga venda (pousada), as cais se situaban á beira das estradas.

VALESCURA (Cuíña)
Topónimo transparentede "vale escura". É de notar a antiguidade do topónimo, pois aquí "val" aínda conserva o orixinario xénero femenino que tiña no latín.

VILABADE (Barbos)
De Uilla abbati, "uilla (=granxa) dun abade", ou tamén "uilla Abbati", con Abbati como nome personal, tal como propón J. Piel para outro topónimo "Vilabade". Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", Verba 11 (1984).

VILACOVA (Barbos)
Composto de "Vila Cova". Neste caso, "cova" actúa como adxectivo, nun sentido metafórico, indicando que o lugar está localizado no fondo dunha pequena valgueira. Este é o caso, por exemplo de "A Cova" en Riobarba.
O dicionario non rexistra esta acepción para "cova" (senón que a define como "caverna, cavidade natural ou artificial no terreo").

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos núcleos de poboación con este nome en Santiago, Palas de Rei, Abegondo, Lousame, etc.

VILALBAS, OS (San Salvador de Couzadoiro)
Topónimo que ten a orixe nun xentilicio, aludindo a unha familia oriúnda de Vilalba, do mesmo modo que temos o lugar d' "Os Sandes". Tamén se pode tratar dun patronímico, dunha familia apelidada Vilalba, apelido aínda frecuente na actualidade en Ortigueira.

VILAR (Mera de Arriba)
VILAR, O (Couzadoiro)
VILAR, O (Devesos)
VILAR, O (Insua,)
VILAR, O (Mera de Abaixo)
VILAR, O (Mera de Arriba)
VILAR, O (S. Salvador de Couzadoiro)
VILARNOVO (O Ermo)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia (cf. p. 221 de Baliñas Pérez. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").
É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.
Viterbo interpreta as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal"  (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").

Por outra banda, na actualidade os dicionarios refiren "vilar" a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito" (cf. DdD).

Finalmente, é interesante notar o feito de non existir ningún topónimo "Vilarelo" e si existiren moitos "Vilariño". Isto apunta a que o apelativo "vilar" non existía neste sentido na Alta Idade Media. Con todo, si figura atestado un "Vilariño" no 1258 (cf. DDDGM)

VILARIÑO (As Neves)
VILARIÑO (Mera de Abaixo)
VILARIÑO DE ABAIXO (Insua)
VILARIÑO DE ARRIBA (Insua)
Diminutivo de "vilar".
Viterbo interpreta as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal"  (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").

É interesante notar o feito de levar o sufixo -iño e non o sufixo -elo, indícanos que non ten a antiguidade que tería un termo con sufixo -elo; de feito, non atopamos ningún topónimo Vilarelo e si moitos "Vilariño". Isto apunta a que o apelativo "vilar" non existía neste sentido na Alta Idade Media. Si figura xa atestado un "Vilariño" no 1258 (cf. DDDGM)

Ver "O Vilar" para máis detalles.

VILARMOR (O Ermo)
Composto de "Vilar Mor", derivado de "Vilar Maior". Na Idade media era común o uso do adxectivo "mor" (tamén como nome de persoa), que posteriormente caíu en desuso polo cultismo "maior". O mesmo adxectivo está presente tamén en Soutomor.
Para o termo "vilar", ver "O Vilar".

VIÑÁN (Insua)
Aínda que sen dúbida se trata dun nome de posesor, o nome concreto é difícil de interpretar, a falta de documentación antiga.
O máis probable semella unha orixe en (uilla) Aviniani, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado *Avinianus. Aínda que este nome persoal non estexa atestado, figura atestado no ano 964 un notario do mosteiro de Sobrado chamado Auinius  (cf. P. Loscertales, 1976. "Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes", Vol. I). A partir de Auinius, co sufixo latino -anus, teríase formado Auinianus.

VISO, O (Céltigos)
Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado" (cf. DdD).

VIXILDO (Insua)
Este topónimo ten a orixe en (uilla de) Vigildu, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor de nome Vigildus . En efecto, Piel fai referencia a este topónimo concreto de Insua, derivándoo "claramente" dese nome Vigildus (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VII).

XEDRIZ (Espasante)
Topónimo que remite ao nome do posesor dunha uilla altomedieval (granxa, casal). Pode provir dun (uilla) Geterici, forma en xenitivo de Getericus, nome de orixe xermánica.
Máis improbable sería dun *(uilla) Seserici, xenitivo de Sesericus (a orixe postulada de Xerdiz - Ourol, que figura atestado como Seserit nun documento do século XII).

XESTAL, O (Insua)
XESTAL, O (San Claudio)
Topónimo transparente, referindo a un lugar onde abundan as xestas, que denomina varias especies arbustivas, xeralmente a de nome científico Cytisus scoparius.

XILFONXE (Ladrido)
Topónimo orixinado nun nome de posesor duna uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval. Aínda que semella segura a orixe no nome dunha uilla altomedieval, é complicado establecer un nome de posesor específico. Posiblemente proveña de (uilla) Gillfonsi, forma en xenitivo de Gillfonsus, ou alternativamente de (uilla) Gildefonsi, de Gildefonsus, ambos os dous nome de orixe xermánica.

Aínda que o nome Gildefonsus non o atopamos na documentación medieval galega, está documentado fóra da Península e é unha formación válida dacordo á onomástica xermánica, e derivaría de gild- (protoxermánico *geldan 'tributo, recompensa') e máis -fonsus (protoxermánico *funsaz 'ansioso, preparado') .
Este lugar estaría atestado en 1413 como "casal de Xilfonxe" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).

XILOI (Loiba)
Tamén se trata dun topónimo orixinado nun nome de posesor duna uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval. Porén, é complicado establecer un nome de posesor específico.
Podemos pensar  (uilla) Gilloni, xenitivo de Gillonus,  ou igualmente un (uilla) Gilloi. Son nomes tamén de orixe xermánica,aínda que nin Gillonus nin Gilloi están atestados na península.