xoves, 16 de marzo de 2017

Toponimia maior de Ortigueira



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello.
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.

É unha páxina viva: sería de axuda ter soporte e acceso a documentación medieval para poder contrastar cos nomes actuais.

-----------


ABASTEIRA, A (Espasante)
BASTEIRA, A (Senra)
O termo "abasteira" é equivalente a "basteira". Segundo Navaza, Basteira é probablemente un "derivado do adxectivo "basto", alusivo á vexetación basta ou mesta" (cf. G. Navaza, "Toponimia de Catoira").
Por outra banda, Moralejo interpretou os topónimos Basteira, Basteiro, Basteiriños como variantes de Besteira, Besteiro, Besteiriños, aludindo ao oficio de besteiros, soldados armados de béstas (cf. p. 306, A. Moralejo,  1977. "Toponimia Gallega y Leonesa").

ACEAS, AS (Insua)
Os apelativos "acea" e "aceña" proveñen do árabe. No dicionario "acea" é definida como "Muíño situado nunha ría, que aproveita para o seu funcionamento a auga acumulada durante a preamar".
As aceas non tiñan "rodicio" senón unha roda vertical similar a unha nora.
É un topónio relativamente frecuente, así temos outro "As Aceas" en Viveiro.

ACIVEIRAL, O (As Neves)
ACIVEIRO, O (Devesos)
ACIVIDO, O (Couzadoiro)
Os nomes "aciveiral", "acivedo", "acivido", indican un lugar onde abundan (abundaron) os acevos,  tamén chamados acivos ou acivros (Ilex aquifolium).
En canto ao topónimo "Aciveiro", tal como indica Navaza, pode remitir a unha soa árbore de acevo ou ben a un abundancial, indicando por tanto igualmente un lugar onde abundan (abundaron) os acevos.
No caso do Acivido de Couzadoiro, ese lugar está atestado en 1419 como "casal do Asevido" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V, aquí).

ADRO, O (Espasante)
Un adro, do latín atrium, tanto en galego como e portugués indica o espazo que hai diante das igrexas ou capelas.

AGUIEIRAS AS (Freires)
Alude a un lugar frecuentado polas aguias ou onde aniñan. Pode tratarse dunha referencia metafórica, aludindo á situación e orografía do lugar.

ALDAR (O Ermo)
Derivado de  (uilla) Alduarii, forma en xenitivo de Alduarius, remitindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Existe outro Casaldar (< Casa Alduarii) en Muras.

Este "Aldar" aparece atestado en 1095 como Elduare "per terminis de Martisi et Plapa Mala et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

ALTAMIRA (Devesos)
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e no resto da Península. Aínda que pareza ter un significado transparente, moi probablemente non ten nada que ver co verbo "mirar", senón que é un topónimo de orixe prerromana.
De feito, "mira" é un elemento presente en hidrónimos como Mirante (<*Mira-nt-i), Miranzo (<*Mira-nt-io), etc, que inclúen sufixos -nt- de orixe prerromana.
É interesante reparar tamén en Mirela, coa típico diminutivo do cauce alto dos ríos (e.g. o "Sarela"), que volve a confirmar o carácter hidronímico do elemento *mira. Da mesma raíz tamén derivarían outros hidrónimos como "Mera". Esta é a orixe plantexada por Rosa Pedrero, quen lle asigna unha orixe común aos elementos hidronímicos prerromanos  *mir- e *mer- (cf. R. Pedrero,1996. "El hidrónimo prerromano Mira").

En canto ao elemento inicial "alt-", podería corresponder coa raíz indoeuropea *al- 'elevar', o mesmo que o latín altus ou o celta alto.
Por outro lado, alternativamente, sería preciso confirmar que non ten relación ou orixe co viscondado de "Altamira".

ALVARIÑOS (San Claudio)
O termo "alvariño" ou "albariño" é un derivado do adxectivo latino albus 'albo, branco'. Dado que se pode aplicar en múltiplos contextos, é difícil de establecer neste caso o significado, aínda que podería vir de "(terreos) albariños", " terra albariña", definida no dicionario como "terra lixeira e de mala calidade" (cf. DdD). Por outro lado, Gonzalo Navaza interprétao similarmente, como diminutivo de "albar", "de cor tirando a branca", por exemplo de "uva albariña", ou "terra albariña" ("terra esbranquizada"). Alternativamente, podería referirse a unha familia de apelido "Alvariño", frecuente no veciño concello das Somozas.

AMENEIRAL, O (Barbos)
Lugar onde abundan os ameneiros ou amieiros. É curioso observar a existencia da variante "O Amieiro" e "Os Amieiros" no mesmo concello, en Mera de Arriba e en Cuíña respectivamente.

ANGARIAS AS (Insua)
O apelativos "angaria" non figura nos dicionarios de galego pero si no de portugues, coas acepcións de "requisição de bestas para serviço público" e "aluguer de bestas".
Viterbo clarifícao mellor: "en algúns forais áchanse estas 'angueiras' ou 'angarias', de bestas e bois, mais só co nome de 'servizo', que se debía prestar ao señorío" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
Xa que logo, interpretámolo como que nese lugar alugaban bestas ou bois, ou ben era onde lle prestaban o servizo de aluguer de bestas e bois aos señores do lugar.

ARMADA, A (O Ermo)
ARMADA DE ABAIXO, A (San Claudio)
ARMADA DE ARRIBA, A (San Claudio)
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

ARO, O (Céltigos)
Probablemente o significado de "Aro" estea relacionado co elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" de toda a comarca. En particular, estaría tamén presente no cercano "O Aroxo" de Loiba.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

Este nome de núcleo de poboación podería derivar de "Adro", aínda que non coñecemos da existencia de capela ou igrexa antigamente nese lugar, e ademais noutros lugares cercanos conservan o topónimo Adro. Por todo iso, esta orixe é moi improbable.

AROXO, O (Loiba)
A etimoloxía e significado de "Aroxo", tal como ocorre con Arroxo e Arroio,  así como os Rego do Aro, provén do elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" de toda a comarca. En particular, estaría tamén presente no cercano "O Aro" de Céltigos.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

AVICOÑA, A (Luía)
Os termos vicoña e bicoña non aparecen atestados en galego nin nas linguas latinas. Cremos que se trataría dunha forma de orixe prerromana, dada a terminación -oña, frecuente nas formas de orixe prerromana (en particular na hidronimia), e talvez proveña da mesma raíz que "bico".

Existe o topónimo "Becoña" en Boborás (Ourense) de igual orixe. Hai un Vicuña en Álava, descoñecemos se garda relación; figura xa atestado un "Hernando de Bicuña" no País Vasco, no ano 1500, polo que non ten relación algunha co quechua "vicunna" ou "wikuna".

AXILDE (San Claudio)
O topónimo remite a unha  uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval.
Puido ser unha*(uilla) Danagildi ou *(uilla) Anagildi, ou Agildi, formas en xenitivo que remiten ao posesor da uilla, fose DanagildoAnagildo ou Agildo,  respectivamente. 
Calquera dos tres nomes indicados son de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Alta Idade Media.
Na contorna figura documentado un "casal de Danagildo" en San Román (O Vicedo). Cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira".

BALDOMAR (Mera de Arriba)
De *(uilla) Baldemari, forma en xenitivo de Baldemarius, nome do antigo posuidor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Alta Idade Media.

BALEO, O (Ladrido)
Este lugar está xa atestado en 1384 como "lugar do Baleo" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V). Nese documento tamén menciona a doación do "paazo do Baleo". O Catastro de Ensenada para Ladrido (1752) atesta o "sitio de valeo" ao referir os límites desta parroquia, e o mesmo atesta o catastro para Mosteiro (1752) como "sitio delapuente de Baleo".

Sendo un lugar costeiro, podería estar relacionado coa pesca da balea, pero semella máis ben proceder dun alcume ou apelido, que remitiría ao antigo posesor ou fundador deste lugar. De feito, aparece un "Fernan Balea" nun documento de 1486, relativo a un foro  a un veciño de Valcarría (Viveiro), do muíño sito en Portocelo (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

Poderíase pensar se foi o Río Baleo o que deu nome a este topónimo. Parece máis ben que foi á  inversa: o río Baleo, polo menos na zona alta, onde se xunta co Rego do Foxo, denominábase antigamente Río Ouro ou Oiro, e de aí viría o nome Couzadoiro (ver COUZADOIRO para máis detalle).

BARBEITA (Ladrido)
De "(terra) barbeita", do latín vervacta. O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

Os topónimos Barbeito e Barbeita son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro Barbeita no veciño concello de Mañón.

BARBOS (Barbos)
Topónimo derivado dun xentilicio de orixe prerromana, como se verá de seguido.
Este topónimo  aparece atestado como Barbus, xa no ano 1111:
.."  sancte Mariae de Loya , cum duobus serbiçialibus integris; in Barbus.." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 
Son clarificadores os rexistros posteriores como Sancti Juliani de Baruaos en 1137, e "in Barbaus" en 1164 (cf. S. Montero, 1935. "La colección diplomática del Monasterio de Jubia") así como Sancti Iuliani de Baruaos sen data (cf. P. Loscertales, 1976. "Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes", Vol. I). Estes rexistros, así como outros máis tardíos nos que aparece como Barboos, apoian a hipótese de Bascuas de derivar dunha protoforma *Bharwanos, con sufixo átono de xentilicio, do que evolucionaría para *Báruanos > Bárboos > Barbos (cf. p. 77 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
Sería, xa que logo, un xentilicio que refemitiría a habitantes oriúndos dun lugar chamado Barbo, Barba ou similar. Este "Barba" proviría dun anterior Barva, a partir do radical *barw-, derivado da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial' (cf. p. 76 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

No século XVIII atopamos xa atestada como "Bárbos" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

BARCÓN (Devesos)
Posiblemente se trate dun aumentativo de "barco", no sentido metafórico da orografía do terreo. Tanto este "Barcós" como o de Cabanas (O Vicedo) son núcleos de poboación e están situados nun lombo entre encostas pronunciadas, polo que si semella ter sentido orográfico.

Por outra banda, Bascuas non descarta tampouco unha orixe hidronímica nunha forma *war-ko, a raíz indoeuropea *war- 'auga, húmido'. Así, este sufixo -ón sería de orixe prerromana, frecuente na hidronimia (cf. p. 167 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

Os topónimos Barco e Barcón son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro "Os Barcós" no veciño concello de Mañón.

BELUZ (Mera de Abaixo)
Topónimo de probable orixe prerromana.
A priori, poderíamos pensar nunha orixe en *Uilla Luci, forma en xenitivo de Lucius, nome de orixe latina. A evolución vilaluci > vilaluz > viluz > veluz sería probable en galego, incluíndo a haploloxía reducindo sílabas semellantes.
No entanto, non semella probable se reparamos no caso do topónimo Beluso (Bueu, Pontevedra), analizado por Bascuas, quen indica que figura atestado na Idade Media como Belucio (934) e Beluz (1108). En efecto, Bascuas postula para este topónimo unha orixe prerromana, sería un hidrónimo derivado da raíz indoeuropea wel- 'xirar, remuíño'. Cf. E. Bascuas, 1999. "Ulla, Veleia y otros derivados de la Raíz indoeuropea wel- "hacer girar" in "Veleia", Nº 16. 

BIDUAL (Insua)
BIDUÍDO (Couzadoiro)
Tanto biduído, beduedo como bidual remiten a un lugar onde abundan os bedueiros.

BRAELLE (San Salvador de Couzadoiro)
De *(uilla) Veranelli, forma en xenitivo de Veranellus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina tardía (cf. J. Piel, "Sobre o sufixo -ellus, -ella no onomástico tardio hispano-latino").

BRANDARIZ (Luama)
De *(uilla) Branderici, forma en xenitivo de Brandericus, nome do antigo posuidor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica, o cal non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, simplemente que eran nomes "de moda" na Alta Idade Media. 
O Nomenclator de Galicia tamén rexistra este topónimo en Agolada e en Vila de Cruces, así como a variante con seseo, Brandarís, no concello de Tordoia. 

BREA, A (Barbos)
Brea pode ter varias orixes e significados, na toponimia en xeral remite a unha"vrea" (verea, vereda).

BRIXELA, A (Céltigos)
Talvez poida interpretarse como diminutivo de "brexo" 'matorral, zona húmida' (tanto no galego como no portugués). O apelativo brexo foi estudado por E. Bascuas relacionou co tema céltico *bhreg-io. Nese estudo é mencionado este topónimo "A Brixela" (cf. p. 462 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Núm. 17).

Hai un "O Brixel" en Silán (Muras)  e outros máis pola xeografía galega,  que se acostuman explicar como derivados de "verxel", o cal provén do antigo occitano vergier, e este á súa vez do latín viridiarium (de verde, arboreda).  Gonzalo Navaza indica ademais a alternativa de relacionalo co  substantivo brixel existente en asturiano, definido no dicionario de Sanchez Vicente como «arbusto semejante al madroño» e tamén como sinónimo de «grosella» (cf. G. Navaza. "Toponimia de Catoira").

Finalmente, indicar que o dicionario define "brixel" como "unha clase de rede" (tanto no galego como no asturiano, para pescar troitas no caso asturiano), aínda que semella ter un encaixe difícil esta interpretación para un topónimo.

BUDEIROS DE ABAIXO (Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro)
BUDEIROS DE ARRIBA (Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro)
A orixe deste topónimo é incerta. A. Moralejo relacionao co latín buda 'espadana'. Por outro lado, Rivas Quintas e J. M. González derívano dunha raíz celta *bed-*bud- con sentido hidronímico, da que derivarían topónimos como Bueu e Budiño. Navaza inclúeo na súa obra de fitotoponimia, aínda que con reparos, recoñecendo que podería tratarse de hidrónimos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Seguindo, xa que logo, a Navaza, indico con reservas que "Budeiro" podería indicar un lugar onde abundan as espadanas, sen descartar a alternativa que se trate dun hidrónimo.

Hai tamén un núcleo de poboación "O Budeiro" en Ribadavia.

BURGO, O (Cuíña)
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín.
Na Idade Media, o apelativo "burgo" nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000).

BURREIROS (Loiba)
BURREIROS DE ABAIXO (Senra)
BURREIROS DE ARRIBA (Senra)
Topónimo con dous posibles significados: o directo de 'tratantes, compraventa de burros', e o de "borreiros", 'colmeeiros, compraventa de cera'.
Por outro lado, como indica Navaza, existe tamén a posibilidade de derivar de "borra", na acepción de 'pouso, sedimento', facendo relación á composición do terreo, ben por estar á beira do río e ser terra de aluvión ou ben residuo de queima para fertilizar o solo (cf. G. Navaza. "O nome dos lugares. Saiáns").

A primeira interpretación directa é plausible, dado que tamén existen na xeografía galega topónimos como múltiples Os Besteiros, así como Os Asneiros (Piñor), Asneiros (Rois) e Os Muleiros (Ramirás).

Canto á segunda interpretación, foneticamente sería posible dado que a pronuncia pechada do "o" átono fai que unhas veces sexa transcrito con "o" e outras moitas con "u". Semanticamente, os dicionarios de galego definen "borreiros" como "colmeeiros, comerciantes de cera en bruto" (cf. DdD), polo que podería tratarse deste caso sendo unha entidade de poboación, indicando o oficio dos seus habitantes.

Cremos máis probábel que Borreiros remita ao oficio dos antigos habitantes do lugar, que negociarían coa borra (do latín burra ‘la groseira’), ou tamén "colmeeiros, comerciantes de cera en bruto", o que encaixa coas acepcións recollida nos primeiros dicionarios de galego (cf. DdD). Esta opinión basámola no feito de que o Catastro de Ensenada, para varios lugares rexístraos con esta acepción. En efecto, no Catastro de Ensenada para As Pontes (1752) aínda veñen atestadas varias persoas co oficio de borreiros, comerciantes de cera. Igualmente, no Catastro de Ensenada, para Vilavella (1752) está atestado:
.."un lagar deestruxar Borras dezera"...
Tendo en conta o anterior, e o feito de a grandísima maioría dos "Borreiros" e "Burreiros" trátarense de núcleos de poboación, cremos menos probábel que remitisen a "borra" na acepción de 'pouso, sedimento'. 

Descoñecemos se neste caso a orografía e situación do lugar, nin tampouco se hai documentación antiga que recolla este oficio de borreiro relacionado con este lugar.

BUSTELO (Devesos)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.

Navaza indica que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor (cf. G. Navaza. "Toponimia de Catoira") . Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa e outros derivan bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea *gwōw- 'vaca' (cf. IEW: 482).

CABALAR (Luama)
Este lugar de Luama debe corresponder co atestado en 1413, nun documento de Ortigueira onde se refire a un "frey Joaquin de Cabalar" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).
O adxectivo "Cabalar" por veces remite a unha "(pedra) cabalar" ou cabaleira, unha pedra que monta sobre doutra (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"). Xa aparecen atestadas desde antigo:
 - ano 572: " ...Portelam de Angares veniens ad Petram Cavalar .." 
 - ano 1169 : " ... ad illam magnam petram nativam que est juxta portum cavalar .."

Tamén na toponimia actual, nagúns casos semella aludir a unha"pena". Así, nas Somozas o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra "A Leira das Cabalares", e en Pobra de Trives "A Cabalar", ambos en femenino, polo que encaixaría que o nome destes topónimos elíptico foi "pedra" ou "pena". En Vigo (Pontevedra) atopamos un "A Cabalaria" e ao pé del "A Pedra Cabalaria", onde se conservou o suxeito, así como a forma culta.

Sería preciso confirmar ou descartar a existencia de tal penedo para este lugar.
Alternativamente, pode tratarse dun zootopónimo, remitindo á presenza de cabalos, talvez selvaxes.

Nas Somozas, nas Pontes, en Ourol e en Cerceda figuran igualmente outros"Cabalar", os catro igualmente entidades de poboación.

CABALEIRO, O (Céltigos)
Topónimo que remite ao apelido ou oficio do antigo posesor ou fundador deste lugar.
O apelido Cabaleiro ten presenza aínda na actualidade en Ortigueira, co cal semella plausíbel que o topónimo remita ao apelido.

CABO ORTEGAL (Ortigueira)
O significado é transparente, tanto "ortigueira" (do latín Urticaria) como "ortegal" (do lat. Urticalem) remiten a lugar onde abundan as ortigas.
O termo "Ortegal" foi sempre usado para o cabo ata tempos máis recentes en que pasou tamén a denominar a comarca.

CABRADOIRO, O (Devesos)
Pode tratarse dun "O Crebadoiro", de "crebar", pola forma do terreo.
Así, Rivas Quintas rexistra "cabradoiro" como un "crebe no terreo" (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía").
Alternativamente, tamén supoñendo un "Crebadoiro" orixinario, pode aludir a actividades de regadío, tendo en conta a acepción que recollida no dicionario Estraviz de "Apertura lateral numa presa de regadio ou de moinho, frequentemente provida de comporta, para deixar sair a água." (cf. aquí).

Este topónimo ten certa frecuencia, así, existen outros "Cabradoiro" en Valcarría (Viveiro), en San Simón da Costa (Vilalba), e un "Cravadoiro" en Muras.

CADAVAL, O (Loiba)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé" (cf. DdD).

CADELA, A (O Ermo)
Topónimo que remite ao apelido ou alcume da antiga posesorea ou fundadora deste núcleo de poboación.
O apelido, castelanizado actualmente como Cadilla e Cadillo, non é frecuente nesta zona, mais puido selo ou puido ser un alcume, o cal foi orixe do apelido.
Xa figura atestado o  sobrenome "Cadela" en 1206:
".. in Dei nomine, ego Cadela de Melide, una cum filio meo Dominico Pelagii .." (cf. CODOLGA).

CAIOGA, A (San Claudio)
Topónimo que podería remitir ao apelido ou alcume da antiga posesorea ou fundadora deste núcleo de poboación.
A súa etimoloxía e significado son incertos. Podería ter orixe céltica e estar relacionado co vocábulo galo cagio 'sebe', 'campo cercado'. En efeito, Matasovic identificou o protocéltico *kagyo- como 'curral, cercado' (cf. p. 184 de R. Matasovic, 2009. "Etymological Dictionary of Proto-Celtic").
Como alcume, podería, de feito, gardar relación coa poboación de "Caión", no veciño Mañón, e referirse á orixe desta persoa.

CALLOBRE (Céltigos)
CALLOBRE VELLO (Espasante)
O Catastro de Ensenada para S. Salvador de Couzadoiro (1752) atesta o "sitio de Callobre" ao referir os límites da parroquia.
O topónimo "Callobre" ten sido estudado amplamente, no conxunto dos topónimos en -bre,  considerados de orixe hispano-celta (cf. IEW 140), emparentada co termo celta briga ‘castro, monte, altura’.
Xa Menéndez Pidal tiña estudado os derivados toponímicos en -bre, notando a abundancia na provincia da Coruña, en canto que son escasos en Lugo e Pontevedra (cf. páx. 183 de R. Menéndez, 1968. "Toponimia prerrománica hispana").

Moralejo Laso reitera a procedencia céltica do termo -bre, derivado de *briga 'altura, monte' (cf. páx. 61 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa"). Deste modo, Callobre derivaría de Caliobriga, cun significado aproximado de 'poboado fortificado localizado nunha altura rochosa'.

Segundo Juan J. Moralejo, Callobre podería provir do proto-celta *kalyo- ‘pedra’ ou de *kalyo- ‘mancha’ (cf. p. 186 de Matasović, 2009. "Etymological Dictionary of Proto-Celtic"), ou ben do antropónimo Calius, aínda que se inclina por *kalyo- ‘pedra’ (cf. J. J. Moralejo. "Documentación medieval galaica: topónimos en -bre", 2010).

O topónimo Callobre está xa atestado no ano 887 como Caliobre. Ademais destes Callobre de Céltigos e Espasante, existen outros en Miño, en Brión, en Oza-Cesures e na Estrada (Pontevedra), así como o Monte Callobre en Fene.

En resumo, debemos concluír que pouco se sabe sobre a  orixe e significado de "Callobre", máis aló de ter unha orixe moi antiga e de que a súa terminación ‑obre estea emparentada co termo celta briga ‘castro, monte, altura’.

Por outro lado, tamén podemos pensar na raíz prerromana *cal-. Relacionado ou non, Sanz Alonso rexistra na provincia de Valladolid a voz callón ‘arroyo, torrentera de agua llovida’, que talvez poidera ter relación etimolóxica (cf. B. Sanz, 1997. "Toponimia de la provincia de Valladolid. Las cuencas del Duero, Pisuerga y Esgueva").

CALVARIO, O (Loiba)
CALVARIO, O (Veiga)
CALVARIOS, OS (Devesos)
CALVARIOS, OS (Ladrido)
O topónimo "Calvario" refire xeralmente á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.
Na contorna o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén un microtopónimo deste nome en Sismundi (Cariño).

CALVELA (Espasante)
CALVO (Insua)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" remiten a un lugar sen vexetación.

CALZADAS, AS (Cuíña)
Topónimo transparente, aludindo a camiños empedrados que pasarían por este lugar.

CANAVÁS, OS (Senra)
Este topónimo remite a un lugar onde abundan as canas ou canaveiras.
Está atestado no Catastro de Ensenada dos Freires (1752) ao referir os límites da freguesía:
..."rio abajo dos Canabas al sitio de Ferreiroas"..

CANCELA, A (Barbos)
CANCELAS, AS (Ladrido)
O significado é transparente, unha "cancela", do latín tardío cancella. Na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.
En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
       " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."
Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a antiga crenza de se reuniren as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

CAPARELLE (Mera de Abaixo)
Podemos pensar nun *(uilla) Capparelli, forma en xenitivo de Capparellus, que correspondería co nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. Aínda que non atestado na Península, si o está en Italia no século XIV.

CAPELADA, A (Veiga)
O topónimo, remite metaforicamente a "capela", non no sentido de igrexa pequena, senón do antigo diminutivo de "capa", indicando a forma do monte, semellando a un sombreiro cónico. É o mesmo uso que se dá na "Pena Capeluda" de Alfoz.
Os dicionarios rexistran para "capela" a acepción de "coroza", que era a capa, con carapucho, feita de palla ou xuncos e que se usaba antigamente para se protexer da chuvia (cf. "capela", L. Carré Alvarellos (1928-1931), "Diccionario galego-castelán").
Esta metáfora non ocorre soamente na toponimia galega: no centro de Italia atópase una "Serra Cappella", cuxa motivación é igualmente interpretada  "nella forma tondeggiante del monte" ("forma redondeada do monte", cf. Davide Boccia, 2017. "La Toponomastica dell'Alta Val di Sangro").

É interesante reparar nunha interpretación alternativa basada na acepción de "capela" 'herba silvestre' que se preserva aínda no galego do Bierzo (cf. aquí). Unha "capelada" referiría, xa que logo, a un lugar que ten herba, sen mato e sen árbores. Neste caso encaixa ao ser no curuto de monte, onde sopra o vento. O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra varias "A Capelada", todas elas no curuto de monte ou preto del. Así, ademais da Serra da Capelada, atopamos "A Capelada" nas Somozas, en Muras e en Burela, así como "O Capelado Pequeno" na Lama (Po).

CARBALLÁS, OS (Devesos)
CARBALLEIRAS (Ladrido)
CARBALLOS, OS (San Salvador de Couzadoiro)
Os topónimos "Carballal" e "Carballeira" son sinónimos e remiten a lugares nos que abundan os carballos, as fragas de carballos.
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma "reboredo", co mesmo significado que "carballeda" e "carballal".

CARBALLO DE BOI (San Claudio)
Aínda que os nomes "Carballo" e "boi" semellen transparentes, non o é tanto a motivación que orixinou este topónimo.
O termo "boi" neste topónimo podería provir do significado obvio, pero alternativamente pode ter unha orixe moi distinta, dunha raíz prelatina *boi-, "rocha, pedra", co cal significaría "carballo situado preto do penedo".
Autores como J. M. Piel identifican os relativamente frecuentes topónimos "Boi" co animal do mesmo nome. No entanto, pode tratarse dunha homonimia, e tratarse dunha raíz prelatina; de feito, moitas veces na toponimia galega os topónimos boi son relacionados con penas e rochedos ou penas (A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi).
Dada esta homonimia, é dificil separar as alusións zoonímicas das litonímicas. Hai casos complexos de distinguir isoladamente, así  as "Pena dos Bois" existentes en Muras e nas Negradas poden tanto aludir á forma das penas, como tamén a unha tautoloxía na cal "Bois"  teña unha orixe litonímica.
Nalgúns casos, a alusión zoonímica é improbable, a non ser que fose metaforicamente pola forma dos penedos, como pode ser no caso do cantil do "Porto dos Bois" en Portocelo ou do con "Os Bois" en Foz, ou de puntas costeiras como "Os Bois" de Cariño.
Por outro lado, hai casos como "O Chao dos Bois" e "O Campo dos Bois" que semellan aludiren a un lugar onde se reunirían estes animais domésticos, para pastar ou para outras actividades.

CARBAL, O (San Claudio)
Remite a un lugar onde abundan as "carbas". O dicionario define "carba" como "especie de carballo, de folla miúda e mala calidade de madeira", tamén coa acepción de "carballo cerqueiro". Elixio Rivas recolle "carba" en Magazos (Viveiro) con esa acepción de carballo pequeno.
Non é mencionado explícitamente por Navaza no seu estudo fitotoponímico, aínda que si recolle o apelativo "carba" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Atopamos un "O Carabal" na Pedra (Cariño) que podería ter a mesma orixe.

CARBOEIRAL, O (Insua)
CARBOEIRO, O (San Salvador de Couzadoiro)
A produción de carbón vexetal, con combustión controlada (con pouco oxíxeno) de árbores e ramas, tivo importancia histórica, sendo usada para fines pre-industriais como uso nas forxas e ferrarías.
A motivación do topónimo "Carboeiral" sería a referencia a un lugar onde se produciu carbón.
No caso de "carboeiro", aparece nos dicionarios de galego coa acepción de ‘persoa que fai ou vende carbón’. Tamén o podemos interpretar como lugar onde se produce.
Carboeiral deriva do apelativo carbón (< latín carbōnem), con dobre sufixo abundancial -eiro máis -al. 

CARELLE (Ermo)
O Catastro de Ensenada do Ermo (1752) rexistra o "rego de Carelle" ao referir os límites da freguesía.

O termo "Carelle" derivaría de (uilla) Carellii, forma en xenitivo de Carellius, o nome dun antigo posuidor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval.
Para Joseph M. Piel viría de (uilla) Carilli, forma en xenitivo de Carillus (cf. J. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos". Biblos).
Atópase outros Carelle nas Pontes e en Muras, entre outros.

CARMONA, A (Luama, Senra)
Moralejo Lasso (1977: 122, 123) vincula estes topónimos con Carmoniño (lugar da parroquia de Maceira, Covelo, Pontevedra), con Fontecarmoa (lugar e parroquia de Vilagarcía, Pontevedra) e con Carmoega (parroquia de Agolada, Pontevedra).

Por outro lado, podemos pensar en que se trate dun topónimo "importado" da cidade andaluza deste nome, do mesmo modo que hai un "As Alpuxarras" nas Negradas (O Vicedo), Segovia no Corgo ou O Toledo en Castrelo de Miño. A motivación da "importación" do topónimo puido ser a de mouriscos que escaparon desa cidade ou dalgún personaxe destas zonas de Ortigueira que participou na conquista desta cidade en 1257. E, en efecto, esa data explicaría o mantemento do -n- intervocálico, pois daquela xa non estaba activo o proceso de nasalización e posterior perda deste fonema intervocálico. 
Porén, o "topónimo importado" explicaría estas Carmona, e mais Carmoniño, pero non explicaría o caso de Fontecarmoa ou o de Carmoega. É verdade que poden ser topónimos non relacionados, pero semella estraño. Caso non pechado.

CAROCEIROS , OS (As Neves)
O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "sitio de Carroceiros" (sic) ao referir os muíños desta parroquia.

O topónimo podería aludir a "lugares caroceiros", onde recollen "carozas", a parte dura que encerra o froito do piñeiro. As carozas eran usadas para facer o lume, pola sua boa combustión. Porén, co sufixo "-eiro" tamén pode apuntar para un tipo de árbore (e.g. "vieiteiro", "abruñeiro", "pereiro"), o que encaixaría coa información que achega Xabier Moure, que recolle no concello do Vicedo outro "Caroceiro", atestado como "Carruceiro" no Cadastro de Ensenada. Cf. blog Patrimonio do Vicedo.
Sería, portanto, a árbore que Sarmiento recolle co nome"carruceiro", unha clase de maciñeira selvaxe, cun froito ao que chaman "carozos". Gonzalo Navaza recolle o topónimo "Carroceiro" no seu estudo de fitotoponimia, citando a interpretación que fixo Piel para este topónimo, adscribínoo á planta chamada "carrizo". Menciona ademais que posteriormente J. L. Pensado, en base aos documentos do P. Sobreira confirman plenamente dita adscrición (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Tería evoluído de "carruceiro" para "caroceiro" por etimoloxía popular, por atracción do apelativo "caroza", común nesta zona.

CARREXO, O (O Mosteiro)
A interpretación deste topónimo parece máis simple do que na realidade é. En principio, poderíamos pensar na acepción normal de "carrexo", sinónimo de "carrexa" que alude á "Acción e efecto de carretar" (cf. Dicionario RAG). No entanto, a motivación do topónimo sería certamente estraña e pouco clara.
Alternativamente, podemos interpretalo na acepción de "pequena carreira ou carreiro", na acepción orixinaria de camiño estreito de carro. Nicandro Ares interprétao similarmente na "Toponimia de Pantón" (cf. Lucensia núm. 41). Quédanos a dúbida en calquera caso.
En canto á etimoloxía, derivaría de carrum 'carro'. En concreto, viría de Carregio, similarmente ao que ocorre no caso do "Carrexa" asturiano que recolle X. L. Gª Arias, indicado que está atestado nun documento de 912, como “Sancte Marie de Carregia et Sancti Felicis” (cf. X. L. Gª Arias. "Toponimia Asturiana").

Temos un "As Carrexas" no Concello do Vicedo, que interpretamos de igual modo.

CASAL, O (As Neves)
CASAL, O (Loiba)
CASAL, O (Luama)
CASÁS, OS (San Salvador de Couzadoiro)
A voz casal procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.
Para "Casás", a forma en plural, indica que tomou este nome na Idade Media, cando "casal" aínda tiña o significado inicial.

CASCARLOS (Insua)
Topónimo transparente, do sintagma  "Cas(a) Carlos", que nos remite ao antigo posesor do lugar.
O formato Cas+Nome é frecuente na toponimia galega.

CASILLA, A (Loiba)
O nome "casilla", é un castelanismo por "caseta", "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852. 
É un topónimo moi estendido en Galiza e, nalgúns dos casos, tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

CASÓN, O (Devesos)
CASÓN, O (Veiga)
CASÓN, O (O Mosteiro)
CASÓS, OS (Mera de Arriba)
Aumentativo de "casa"; posiblemente "casón" deba interpretarse como "casa grande", no sentido de "casa señorial".
Para o caso da forma en plural "Os Casós" en Mera de Arriba, non podemos descartar que remita ao lugar de procedencia dun antigo posesor.

CASTELO (Couzadoiro)
CASTELO, O (Os Freires)
CASTELO, O (Insua)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo
de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

CASTRILLÓN (Couzadoiro)
O Catastro de Ensenada para Couzadoiro (1752) atesta os "montes de Castrillón" ao referir os límites da parroquia.
Derivado de "castro". Indicaría a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).

CASTRO, O (Devesos)
CASTRO, O (Mera de Abaixo)
CASTRO, O (San Claudio)
CASTRO, O (Senra)
CASTROS, OS (Ladrido)
Do latín castrum 'castelo, fortaleza’'. En galego designa un tipo de asentamento prehistórico característico do Noroeste peninsular, aínda que tamén é usado na toponimia para se referir a outra clase de edificacións semellantes ou mesmo a unha elevación do terreo onde puidese ter existido un castro (cf. P. Martínez Lema, 2012. "Toponimia de Begonte e Rábade").

CATADOIRA, A (Veiga)
Podería ser "captatoria", posto de "observación" ou de "caza". Existen outras, por exemplo en Mañón, na Régoa (Cedeira), e Catadoiro en Vieiro.
Alternativamente de orixe prerromana, baseada na raíz *kat(t)-, ver entrada no blog Pena da Cataverna para máis detalles e interpretacións.

CATUXA, A (O Mosteiro)
Topónimo que remite á antiga posesora do lugar, unha persoa chamada Catuxa (hipocorístico de Catarina).
Aínda que improbable, tampouco podemos descartar unha orixe prerromana deste topónimo, na coñecida raíz *kat(t)-, e que a similitude formal co nome de persoa  veña dunha reinterpretación do topónimo. Para máis detalle sobre a raíz prerromana *kat-, ver entrada no blog Pena da Cataverna para máis detalles e interpretacións.

CÉLTIGOS (Céltigos)
No 1488 aparece atestada como "Celtegos" ("Sant Giliaao de Celtegos", cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"), e igualmente no final do século XVI: "La iglesia de S. Xillao de Celtegos" (cf. aquí). 
Dous séculos despois final do século XVIII volve aparecer "Céltegos" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

Do anterior deducimos que a forma "Céltigos" trátase dun semi-cultismo fronte á forma tradicional "Céltegos". 
O nome fai referencia á etnia ou tribo dos Célticos, e repítese na tamén freguesía de Céltigos de Frades (A Coruña), así como noutros lugares de Galiza.  A alusión do nome dunha parroquia a unha tribo ou etnia é un caso relativamante frecuente. Así,  nun documento do ano 830 atopamos atestados, xunto con Céltigos,  Bergantiños ('bregantinos') e a Nemancos. Como exemplo cercano adicional de etnónimo, atópase tamén atestada, xa no século VI, a freguesía de Labacengos, que remite á antiga etnia dos "lapacengos" (cf. Parrochialem Suevum).
De acordo coas fontes literarias antigas, os Celtici vivían ao longo de case toda a costa galega (nas Rías Baixas superiores, Medias e Altas occidentais). Tamén hai outro Céltigos (Santiago da Veiga) en Sarria, o cal parece indicar que algúns célticos se establecesen tamén no interior, aínda que semella que se trata dunha repoboación medieval (cf. C. Búa, "Toponimia prelatina de Galicia").

A respecto da posible etnia céltica, xa os autores clásicos gregos e latinos atestaron a presenza no occidente de Galiza dunhas xentes chamadas Célticos. O xeógrafo Pomponio Mela indicaba que ocupaban a maior parte da costa galega. Na costa norte, ata o río Navia, dicía que estaban os Ártabros, tamén célticos (cf. P. Mela, Século I. "Chorographia" III). No entanto, non é o propósito deste blog entrar nas discusións sobre celtismo, discusións históricas pero tamén actuais, onde se pasou da celtofilia romántica ao celtoescepticismo radical.

Volvendo ao topónimo que nos ocupa, tal como se indicou, existen varios topónimos "Céltigos" en Galiza: esta freguesía no concello de Ortigueira, outra freguesía de San Xulián de Céltigos no concello de Frades (A Coruña), e o lugar de Céltigos en Sarria. Ademais, Célticos tamén dá nome ao arciprestado que ocupa un territorio arredor de Santa Comba, do curso medio-alto do Xallas ata o medio do Tambre. A Terra de Celtegos, atestada en 1125,  deu lugar a un comisso ou condado ("in comisso de celticos. ecclesia in aranton. ecclesia sce. eulalie in laginas..", atestado no ano 830, no documento en que se consignan 65 igrexas pertencentes á diócese de Iria, cf aquí), do cal deriva o topónimo "Vilar de Céltigos", lugar que aínda preserva o nome.
É de notar que tamén se atopan en Portugal os topónimos Santegãos e Santegões, que derivarían de *celticanos, o cal parece confirmar o rexistro medieval (cf. P. Martinez, en recensións sobre C. Quiles "A Toponimia Celta de Galicia").

CERNADA (Couzadoiro)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DdD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de "roza": facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Escribiu Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (V. Risco, "Terra de Melide").

CHAELO, O (San Claudio)
Figura rexistrado no Catastro de Ensenada de San Claudio (1752) ao referir os límites da freguesía:
   .."ba al Coto de Punxás y lugar do Chaelo baxando a la Peña de Machuco"..
Os termos chaelo, chenlo e chelo proveñen do latín vulgar *planellu, diminutivo de planus 'chan'.
O profesor Pensado defíneo como "superficie plana e alongada que, como unha canle, queda entre dous ribazos" (cf. M. Sarmiento. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

COCHEIRA, A (Senra)
Unha "cocheira" fai referencia a un antigo covil de cochos bravos, lugar onde crían ou que frecuentan.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra na contorna un Cocheiro en Muras.

COCHOVELLO, O (Mera de Arriba)
Composto "Cocho Vello".  O termo "cocho" ten unha acepción que encaixa para un topónimo: a de "cubil dos animais", "lugar secreto, pequeno refuxio dun animal" (cf. DdD).
Ten outra acepción de "trozo pequeno dun terreo labradío que se dedica a outro cultivo", aínda que esta orixe semella encaixar pior para un topónimo.

CONGOSTRA, A (Mera de Arriba)
CONGOSTRAS, AS (Ladrido)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". A palabra vén do latín congusta 'estreita'.

CORNO DE INSUA, O (Insua)
O termo "corno" na toponimia remite metaforicamente á forma horizontal do lugar, rematando en esquina alongada, ou á forma vertical, rematando en pico montañoso.
Para o topónimo concreto que nos ocupa, que dá nome a un núcleo de poboación, a motivación do nome debe ser a forma do lugar, situado nun vale moi estreito e alongado.

CORTIÑADONA (Luama)
CORTIÑAS, AS (Devesos)
Unha cortiña designa unha leira que orixinariamente estaba pechada e situada preto da aldea, un eido ben traballado e estercado no que se planta legumes e hortalizas. O nome orixinouse a partir do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’ e de aí cohortina ‘cortiña’ (así como cohorticulum‘cortello’).
Con respecto a "Cortiñadona", corresponde coa fusión de "Cortiña da dona", cortiña pertencente á señora, ou tamén á "monxa", xa que ás veces por "dona" hai casos que semella viren de "Freiras".
Morfoloxicamente, a preposición intermedia, por causa de disimilación tería desaparecido (haploloxía).

CORUXO NOVO (San Salvador de Couzadoiro)
CORUXO VELLO (San Salvador de Couzadoiro)
Topónimo que non debe aludir á ave "coruxo" senón probabelmente faga referencia ao sobrenome dun antigo posesor. O apelido Coruxo xa figura atestado en Galiza no século XV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

Tampouco se pode descartar que se proveña do tema prelatino *kor-/*kar- "monte, altura". Cabeza Quiles deriva estes topónimos do tema prerromano *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar", 1992).

CORVELLE DE ABAIXO (Couzadoiro)
CORVELLE DE ARRIBA (Couzadoiro)
O termo "Corvelle" derivaría de (uilla) Corvellii, forma en xenitivo de Corvellius, o nome dun antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola),. É un nome de orixe latina.

CORVITE (As Neves)
O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "sitio de Corbite" ao referir os muíños desta parroquia.
O topónimo deriva dunha (uilla) Corvitti, forma en xenitivo de *Corvittus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina.

COSTOIRA, A (Céltigos)
O termo "costoira" provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "Costoura", da mesma orixe.
Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, ver entrada no blog "Pena da Cataverna".

COTÓN, O (Devesos)
Aumentativo de "coto", "coto alto". Ten a acepción relacionada de "montaña cónica" (cf. DdD).

COTORELO, O (Devesos)
A voz "cotorelo" ou "cotarelo" remite a un pequeno outeiro ou coto (cf. DdD).

COUCE, O (Devesos)
O apelativo "couce" ten múltiples acepcións; nestes casos viría de calce "calcañar", e designa metaforicamente un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989).

COUCE DAS TAUGAS, O (Devesos)
Para "couce" ver "O Couce".
En canto a "taugas", o apelativo "tauga" é forma evoluída de táboa (táboa >tabua > tagua> tauga). É común esta forma en toda a zona, así hai un "A Tauga" en Mañón. Aínda se conserva esta forma na lingua da zona, incluíndo O Vicedo e a comarca.

COUCE MOSQUENTO, O (Devesos)
Para "couce" ver "O COUCE".
En canto a "mosquento", indicaría a abundancia de moscas, que podían facer "moscar" (escapar) o gado.

COUSO, O (Insua)
O termo "couso" acostúmase a interpretar como "sitio coutado", para actividade específica,  xeralmente  remitindo a un foxo no monte para a caza de alimarias, maiormente lobos. Ten outras acepcións, como a de "sitio para facer cacería, xustas" e a de "horta pequena".
Xa Sarmiento indicaba no séc. XVIII que "nas montañas de Samos chaman [couso] ao buraco ou foxo que se fai para coller lobos".
Silveira fixo tamén esta interpretación, derivándoo do latín medieval caussu, da forma secundaria de participio do verbo caveo 'gardar, vigxiar’, xa recollida por Du Cange (cf. Revista Lusitana n. XXIV, p. 206). Corominas explica couso como resultado dun cruzamento de cosso (< cŭrsum) e couto (< cautum).
Para este topónimo concreto, a acepción xenérica de "sitio pechado, acoutado" tamén parece encaixar, pois corresponde cun pequeno núcleo de poboación, de forma redonda, situado nun estremo dun pequeno vale alongado.

É un topónimo moi frecuente en Galiza e na contorna, como no Valadouro, Muras, Alfoz. Nalgúns casos, como "O Couso dos Lobos" (Manzaneda) ou "O Couso do Foxo" (Triacastela), o significado é claramente o indicado.

COUTADO, O (Couzadoiro)
O dicionario define "coutado" como "terreo cercado" (cf. DdD).
Alternativamente, podemos interpretalo como en referencia ao apelido dun antigo posesor. O apelido Coutado xa figura atestado en Galiza no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

COUZADOIRO (Couzadoiro)
COUZADOIRO (San Salvador de Couzadoiro)
Este topónimo aparece atestado como Cauçadoiro, xa no ano 1111:
.." in Cauçadoiro, totam meam hereditatem et creationem; in villa de Spasande, serbiçialia.." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 
Figura atestado novamente no 1559 como "Coucedoiro" (cf. S. Daviña, 2009. "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).
Por outro lado, nos comezos do século XV figura como "Couçadoiro" (cf. revista Cátedra).
No 1789 xa figuran como "San Christóval de Couzadóiro" e "San Salvador de Couzadóiro" (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

Debe proceder de "Couce de Oiro", referindose a un lugar situado no "couce" (cóbado do río) nun río chamado "Oiro" ou "Ouro", que sería a denominación do que na actualidade se chama Río do Baleo ou a do Rego do Foxo, afluente do Río do Baleo.  É de notar a existencia do núcleo de poboación de Ourao, en Loiba, que debe remitir a antigos posesores provintes do vale deste antigo río Ouro. Ambos topónimos explícanse un ao outro. O topónimo Costaurá, na veciña freguesía de Mañón, tamén reforza esta hipótese, apuntando para oriúndos do vale do ntigo río Ouro. Igualmente ocorrería no caso de Auraos en San Sadurniño.

Considerando o anterior, a etimoloxía do dito Río Oiro sería a mesma que a do "río Ouro" da Mariña Central, o cal está atestado na Idade Media como Aurio. A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana e estaría na raíz hidronímica indoeuropea *awer- "fluír". 

A confirmación documental do nome Oiro referido ao val e a súa ligazón con Couzadoiro dánola o seguinte texto do ano 1127:
[...] et familias; in ripa de Sor Ecclesia de Sancta marina, et de Sancto Martino cum familiis; in Aurio ecclesia de Sancto Salvatore. In ortigaria Sancta Eolalia de Ladrido Sanctus Salvator de Iliobre Sanctus Stephanus de Cirquido Sanctus [...] (cf. CODOLGA, en base a V. Cañizares, Colección diplomática da Diocese de Lugo).

En efecto "in Aurio, ecclesia de Sancto Salvatore" non pode ser outra que a actual parroquia de S. Salvador de Couzadoiro, xa que precede a Ortigueira e manteñen certa orde xeográfica, pois as anteriores "in ripa de Sor Ecclesia de Sancta marina, et de Sancto Martino cum familiis" aludirían ás antigas capelas que houbo nas Negradas, a de Santa Mariña, correspondente coa actual capela de San Roque, atestada noutros documentos medievais ) e a de "Sancto Martino" debe ser a que tivo que haber na Insua de San Martiño, na que houbo un cenobio na Idade Media.

É de notar que a vaciación Our-/Oir- ocorre tamén no río Ouro da Mariña, que ten ao lado o lugar das Oiras (Alfoz), procedente da mesma raíz.


Ver "OURAO" para máis detalles.

COVELO, O (San Salvador de Couzadoiro)
O termo covelo é o antigo diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

COVO, O (Mera de Arriba)
O topónimo indícanos a situación nunha depresión do terreo, concavidade orográfica. O significado literal é o transparente de "fondo, cóncavo", tal como vén recollido xa no dicionario de Pintos (cf. DdD).
É por tanto análogo aos topónimos "A Cova", que para moitos deles adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por Navaza (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").

CRIBEIROS, OS (Senra)
Topónimo que remite ao apelido dos antigos posesores ou fundadores deste núcleo de poboación. É o máis probable, sendo frecuente o apelido "Cribeiro" no Ortegal. Concretamente, a maior frecuencia dáse en Cedeira (cf. CAG),  polo que semella plausíbel pensar que o apelido tivo a orixe nese concello.
A orixe do apelido sería na referencia ao alcume ou profesión do primeiro portador. Os dicionarios refiren para "cribeiro" varias acepcións, sendo a máis común a de "o que fai ou vende cribas ou cribos" (cf. DdD). Tamén figura a acepción máis puntual de "Individuo que antigamente se adicaba a cribar as areas do río".
As formacións de topónimo co apelido ou alcume de posesor é frecuente neste concello, así atopamos Os Gomes, Os Pardos, Os Furoces, Os Netos, Os Sandes, Os Vilalbas, así como probablemente tamén sexa o caso d'Os Rubidos e de Mouriños, entre outros.

O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outro "Cribeiro" en Ponteareas (Pontevedra), así como "A chousa da Cribeira" en Riobarba (O Vicedo).

CROAS, AS (Mera de Abaixo)
O termo "croa" vén de "coroa", metaforicamente remitindo a unha cima de monte redondeada, moitas das veces aludindo á parte alta dun castro.

CRUZ DO NOVAL, A (Mera de Arriba)
Cruz situada no "Noval". O termo "noval" derivaría de "(agro) noval", que significa "terra nova para o cultivo" (cf. DdD).
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable".

CUÍÑA (Cuíña)
Esta freguesía xa aparece atestada como Loya, xa no ano 1111:
.." Ortiguaria, ecclesian sancti Iacobi de Cooinna .." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 
Por volta do século XVIII aparece como "Cuiña" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
Outros topónimos Cuíña xa aparecen atestados na Idade Media, incluíndo unha Uilla Colina, que corresponde con outra Cuíña actual.
Hai controversia na interpretación dos abundantes topónimos galegos "Cuíña", que comparten orixe etimolóxica cos Cuña e os seus equivalentes portugueses Cunha:
Por unha banda, autores do prestixio de Martínez Lema interprétana como correspondente co apelativo "cuíña" 'pequena elevación do terreo'. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba" (cf. DdD).
Aínda que se podería pensar na voz patrimonial equivalente a "colina 'outeiro', a voz colina co sentido orográfico trátase dun italianismo introducido no séc. XVII (cf. Corominas, DCECH). Ademais, se viñese do latín collis/collina daría **coliña, non coíña/cuíña.

Por outra banda, se derivan da forma medieval "colina" (tal como figura atestado no caso dunha Uilla Colina), os rexistros medievais desta voz non parecen remitir a colinas orográficas senón a elementos moito máis definidos e delimitados na paisaxe (cf. CODOLGA):
(800) - Floriano,DiplomáticaAstur (800):
" .. et vadit ad illo pino, deinde ad colina et vadit ad via Angustina .." 
Floriano,DiplomáticaAstur (831):
" .. seneras uel quidquid ibidem est; et ad Bellenia colina et horreum, binia de Armentari ..."
Andrade,CelanovaTbo (885):
[...] integra vinea, pumares, ceresales, perales, ipsa colina medietate, et de ipso lagare de tercia medietate integra [...]
SáezE,CelanovaCD (935):
[...] , et alia uinea que comparauimus de Tano, et colina integra, et de alias mazanarias et ceresales  [...]
Andrade,Celanova (1009):
[...] vinea ad casa de Gundemaro, levat se de illa colina et vai per succo de Daniel [...]
Lucas,SamosTbo (1026):
[...] suo germano Stevano et de sua suprina pumare super illa colina ; [...]
Lucas,SamosTbo (1052) :
[...] et que vendivit domno Fredenandiz ad illa colina sua tercia in illo ortale [...]
Andrade,CelanovaTbo (1075):
[...] integra in vineas, in pumares, ceresales, ipsa colina media et ipso lagare de tercia medietate  [...]

Esta interpretación tampouco encaixa para o topónimo O Cuiñal (Celanova, Ou), pois un abundancial de outeiros non tería sentido. Tampouco encaixaría para A Cuiñeira Grande (O Grove, Po) por razóns similares.
Nicandro Ares interpretou os topónimos "Cuíña" como talvez 'lugar de coios ou de coles'.

CURRÁS, OS (Cuíña)
O apelativo Curral defíneo o dicionario como "sitio contiguo á casa, pechado para recoller o gado e curtir esterco". No caso dest topónimo, ao caracterizar ao nome da poboación, debe aludir, por tanto, á súa orixe como lugar onde se gardaba o gado. Semella, xa que logo, que era un lugar suficientemente lonxe dos núcleos poboacionais como para crearse alí un novo núcleo.

Hai moitas teorías para explicar a etimoloxía deste topónimo. Así, Corominas afirma que deriva de *currale («circo de carreiras»), á súa vez de currus 'carro'. Outros defenden que procede do latín currere 'correr'. Autores como Rivas Quintas relaciónano coas formas célticas cor-, corr- 'construción circular, curvo'.

CURRO, O (San Claudio)
O termo "curro" é recollido nos dicionarios con diversas acepcións. Para un topónimo, remitirá a "lugar descuberto e cercado onde se encerran as cabalarías que se crían no monte para marcalas". Cf. DdD.

CUTIMÁN, O (Espasante)
Debe derivar de (uilla) *Cuttimani, remitindo ao posesor *Cuttimanus dunha uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) situada neste lugar. O nome Cuttimanus é de orixe xermánica.
Atopamos unha "Cova de Cutimaña" en Ribadeo.

DESTROS, OS (Devesos)
Este topónimo debe remitir ao "igrexario", ás fincas parroquiais, a terra anexa e pertencente á casa do párroco. En efecto, Viterbo clarifícábao no século XVIII : "recinto, conchouso ou terra hortada xunto das igrexas parroquiais, que servia para hortas, pomares e logradouro aos párrocos e ministros do templo" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "passaes"). 
Etimoloxicamente, proviría do latín dextros ‘que están á dereita’. 
Aínda que non figura rexistrado no dicionarios galegos, si se atopa "destro" no dicionario portugués (cf. Priberam, s.v. destro, passal), e tamén "dextro"  no de castelán (cf. RAG): "Espacio de terreno alrededor de una iglesia, dentro del cual se gozaba del derecho de asilo y de algunos otros privilegios".
No sur de Galiza son frecuentes os topónimos "Os Destros", incluíndo un "Os Destros do Cura" na Merca (Ourense).

DEVESOS (Devesos)
Do  latín  defensu, referido ao estatus dun monte como 'coutado, resgardado, vedado', "terras cercadas", xeralmente un terreo arborado acoutado con certas restricións.
Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).
É proable que este topónimo concreto aluda á existencia de tres montes devesos, de feito en 1859 aínda figuran atestadas tres "dehesa nacional" nos lugares de Acibeiro, Pieira e Portas, os tres plantados de carballos (cf. aquí).

No final do século XVI aparece atestada como : "S. Sebastian dos Debesos" (cf. aquí).
No 1789 xa figura como "F[eligresía] de los Debésos" (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

DORNA, A (Devesos)
O termo "dorna" probablemente teña orixe na hidronimia paleoeuropea, e derive da raíz indoeuropea *dheu- "fluír", frecuente en hidrónimos de orixe prerromana (cf. p. 52 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como río Doiro (< Durius).
Alternativamente, Corominas suxería unha orixe no céltico *durna, o que acepta a RAE no seu dicionario: “quizá del celta *dŭrno-, cierta medida de capacidad; cf. galés dwrn, puño, y bretón duorn, mano”.
Cabeza Quiles relaciónao cunha "valgada, depresión no terreo, na forma dunha caixa". No mesmo sentido, García Arias indica para o correspondente termo asturiano duerna como "‘artesa’, ha podido diversificarse semánticamente para aludir a terrenos más o menos envallados o aptos para recibir aguas" (cf. aquí).
Nunha liña similar, Gerhard Rohlfs asígnalle unha acepción de ‘foxo profundo nos ríos’ (cf. Rohlfs, 1985. "Diccionario dialectal del Pirineo aragonés").

Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado un "Fernan Diaz da Dorna", quen merca "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." - aquí).
O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "sitio de dornas" ao referir os límites desta parroquia. O Catastro de Ensenada para Senra (1752) atesta o "sitio Dadorna" ao referir os límites desta parroquia.

ENCRUCELADA, A (Cuíña)
Topónimo transparente, sinónimo de "Encrucillada" e de "Crucelada", e que alude a un cruce ou confluenza de camiños.
Os cruces de camiños tiñan gran carga simbólica, mítica e relixiosa, xa desde os romanos polo menos. Neles enterrábanse aos que morrían sen batizar, e neles detíñanse os enterros para rezar. Tiñan lugar ritos máxico-relixiosos como os de colocar pucheiros, con moedas ou con outros obxectos. Semella tamén que se daban neles rituais de fecundación ou a cura do "ollo-mao".
Canto ao topónimo, segundo o Proxecto Toponimia de Galicia, a variante "Encrucelada" dáse maiormente na área Mindoniense, maiormente no oeste desta área, de Ferrol ata Cervo. Non é, con todo, exclusivo desta área, así por exemplo recólleo Xabier Moure no Concello de Pedrafita.

ENTORNACARROS (Céltigos)
Indicaría un "sitio nun camiño perigroso para envorcar un carro". Debeu tomar este nome en sentido metafórico, indicando un lugar peado, en costa.
O verbo "entornar" deriva do latín tornare, procedente de tornus ‘torno’ (cf. DCECH, s.v. torno).

Por outro lado, aínda que semelle improbábel para este caso, tampouco podemos excluír que se trate dunha reinterpretación dun dun antigo "Torna-carros", rexistrado en Pantón, para o cal o interpretou A. Palacios como " lugar con certa amplitude nun camiño estreitoo, no que é posible tornar '(mudar de dirección) os carros. 

ENTRAMBAS MERAS (Insua)
Lugar xa desaparecido.
O Catastro de Ensenada de Insua (1752) rexistra o "sitio dentrambas Meras" ao referir os muíños da freguesía.
Remite a un lugar situado entre os dous brazos do río Mera. Ver "MERA" para a etimoloxía.

ENXERTOS (Mosteiro)
ENXERTOS (San Claudio)
Topónimo que alude a un lugar con árbores enxertadas, probablemente referido a castiñeiros, segundo indica, entre outros, Gonzalo Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
De feito, no galego das Médulas (León)  consérvase como adxectivo, en "castaños inxertos" (cf. aquí).

ERMO, O (O Ermo)
En galego "ermo", aplicado a un lugar, indica un sitio vougo, deshabitado e sen cultivar. Tamén indica un terreo baldío, ou mesmo "terra árida, inculta" (cf. DdD). Provén do latín eremus 'deserto, solitario, inculto'.
Este topónimo está atestado de antigo, así por exemplo en 1545 está documentado un "Juan Brandeyro, vezino de la Fsía de San Giao do hermo", quen vende "corenta e dous castiñeiros con sus postas e terratorio que son sitos en la dha fsía de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." aquí).
Nos finais do século XVI aparece atestada como  "La iglesia de S. Xillao de Hermo" (cf. aquí). No século XVIII figura coa forma castelanizada "Hiermo" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

ERVELLA, A (San Salvador de Couzadoiro)
Aínda que o significado da voz ervella sexa transparente, a motivación para o topónimo non é clara.
Por un lado, a voz ervella en galego indica varias leguminosas, principalmente as fabas e os chícharos. Estaríamos, xa que logo, nun fitotopónimo, tal como indica Navaza na súa obra de fitotoponimia (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006). Navaza  tamén indica a alternativa dunha orixe hidronímica prerromana.
No entanto, o uso en singular é estraño para un topónimo, polo que parece encaixar mellor que proveña dun alcume referido a un antigo posesor do lugar. De feito, o alcume Ervella xa figura rexistrado no séc. XIII : "..  Petrus Pelagii dictus Eruelia .." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). 
Finalmente, tratándose dun núcleo de poboación, tampouco se pode descartar totalmente que proveña un antigo Ervelle, derivado dunha (uilla) Aruildi, a partir do nome Aruildus, de orixe xermánica, xa atestado a comezos do século IX (c.f. A. C. Floriano Cumbreño (1949-1951). "Diplomática española del período astur. Estudio de las fuentes documentales del reino de Asturias (718-910)". No entanto, semella descartable para este topónimo en concreto, xa que neste mesmo concello atopamos os topónimos "Ervelleiro" e "Ervellaqueira". 

ERVELLAQUEIRA (Devesos)
Lugar onde abunda a "ervellaca" ou propicio para o seu cultivo. A "ervellaca" en galego designa a "vicia sativa", tamén coñecida como "herba da fame" e como "veza" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Neste mesmo concello atopamos os topónimos "Ervilleiro" e "Ervella".

ERVILLEIRO (Barbos)
Lugar onde abunda a "ervella" ou propicio para o seu cultivo. Ervella en galego indica varias leguminosas, principalmente as fabas e os chícharos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Neste mesmo concello atopamos os topónimos "Ervillaqueira" e "Ervella".

ESCALO DE ABAIXO (O Ermo)
ESCALO DE ARRIBA (O Ermo)
O apelativo "escalo" denomina un peixe de río, similar á troita (cf. DdD). Neste caso, a única aplicación na toponimia sería como alcume. De feito, figura atestado como apelido na Idade Media, coa grafía esqualo, na secuencia Pedr'Esqualo (cf. Luz Méndez, 2015. "O tumbo das viñas de Ribadavia").

Podemos pensar mellor nunha orixe hidronímica prerromana, así compartillaría orixe co río Escalote (Soria),  co río Esca (Navarra, Zaragoza), e tamén con topónimos como "Escalante" (Santander, Albacete) que inclúe o sufixo -nt- típico da hidronimia prerromana.

Por outro lado, Rivas Quintas rexistra para "escalo" a acepción de "paso en un muro por medio de escalón, a una finca" (cf. DdD). Esta interpretación de "esqueira", aínda que ten clara aplicación toponímica, ten o problema de que esta acepción rexístraa en Beluso, bastante lonxe de Ortigueira, polo cal é incerta esta correspondencia e deixamolo só como unha posibilidade interpretativa, sen máis.

Finalmente, podería ter relación coa forma aragonesa "escalio" 'tierra baldía o campo sin cultivar', do latín squalidus ‘inculto’. Tamén neste sentido apuntou Manuel Lorenzo, co cal designaría un terreo ermo ou dificultoso de traballar (cf. M. Lorenzo "Toponimia de Dodro e de Laíño").

Non é, en calquer caso, topónimo frecuente en Galiza, aínda que si existen outros "Escalo" no viciño concello das Somozas, que non nos clarifican moito xa que os hai aplicados a entidades de poboación e tamén a un regato.

ESCORIAL, O (San Claudio)
ESCORIAL, O (Senra)
A falta de documentación que o probe ou dea outra orixe, interpretámolo como "escoiral", lugar onde abunda a "escoura".

ESPASANTE (Espasante)
De (uilla) Spasandi, indicando unha uilla (granxa, explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Spasandus, nome de orixe xermánica.
En efecto esta é a orixe que postula Nicandro Ares, que se basa en dous casos, un de Vilaspasantes (Cervantes) que na Idade Media está atestado como Vila Espasende en 1282 e outro Espasantes, en Pantón, atestado como (ecclesia de) Spasandi en 1244 . Cf. p. 1123, N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol II.

Este topónimo aparece atestado como Spasande, xa no ano 1111:
.." in Cauçadoiro, totam meam hereditatem et creationem; in villa de Spasande, serbiçialia.." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 
No final do século XVI aparece atestado novamente, como "Espasande": "La iglesia de S. Juan Despasande" (cf. aquí). Xa no século XVIII figura como "Espasánte" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

ESPILLA (Devesos)
Topónimo de difícil interpretación sen documentación antiga.
Poderiamos pensar nunha orixe nunha familia de apelido "Espilla", aínda que é un apelido moi infrecuente en Galiza.
Os topónimos Espilla do País Vasco e de Cataluña non parecen ter relación con este.

ESTEVO (Barbos)
Orixinado a partir do mesmo nome de persoa, que remite ao fundador ou antigo posesor deste lugar.

FABÁS (Veiga)
Este topónimo é interpretado como plural de "fabal", 'terreo sementado de fabas' (cf. Dicionario RAG). Así interpreta Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza.2006. "Fitotoponimia galega").

No entanto, tratándose dun núcleo de poboación, tampouco podemos desbotar que nalgún caso derive dun antropónimo, unha *(uilla) Fafilanis, forma en xenitivo xermánico de Fafila, indicando o nome do antigo posuidor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. De feito, está atestado "Fafianis" como topónimo ("Iohannem Muniz de Fafianis") "nun documento de 1231 no Tombo de Sobrado (cf. p. 224 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
É de notar que a evolución do -f- intervocálico latino para -v- é regular en galego (cf. Estephanus > Estevo, defensa > devesa, ..).

A maioría dos "Fabás" existentes na xeografía galega estar referidos a nomes de poboación, rexistrándose "Fabás" en Vilalba, "Os Fabás" en Viveiro, no Vicedo, en Vilalba, Cambre, "O Fabás" en Vigo, "Muíño de Fabás" en Xove e en Vilalba).

FABEIRO, O (Cuíña, Espasante)
Sinónimo de "fabal", 'terreo sementado de fabas'. Así interpreta Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza.2006. "Fitotoponimia galega").
Por outro lado, aínda que non se pode descartar que Fabeiro aluda ao apelido ou alcume dun antigo posesor do lugar, é improbable, xa que como apelido está extendido maiormente polas Rías Baixas (cf. CAG

FAXÍN (San Claudio)
O Catastro de Ensenada de S. Claudio (1752) rexistra os "montes de Fajin" ao referir os límites da freguesía.
O topónimo provén dunha (uilla) Fagini, forma en xenitivo de Faginus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica. Está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 228 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

FEO, O (San Salvador de Couzadoiro)
Fitotopónimo, indicando un herbal, un lugar onde abunda o feo (probablemente o silvestre, Deschampsia flexuosa) ou propicio para o seu cultivo.

FECELLIDO, O (Loiba)
Topónimo de significado incerto, talvez sinónimo de "Escourido", tal como veremos de seguido.
É clara a presenza do sufixo colectivo -ido, polo xeral aplicado a conxunto de árbores, pero tamén usado para outros elementos como pedras (Pedrido) ou escoura (Escourido).
Estaría, xa que logo, relacionado co topónimo "As Fecellas", en Parada de Sil (Ourense), significando algo como "lugar onde abondan as fecellas". Existen tamén os topónimos "Feces de Abaixo" e "Feces de Cima" en Ourense, posiblemente tamén relacionados tal como indicamos máis embaixo.

Podemos interpretar o topónimo como presentando dobre sufixo -ello máis -ido, sobre unha base fez. O termo fez (<fece < do latín faex 'borras, residuo, sedimento, depósito'), ademais do significado de 'excremento', pouco axeitado para un topónimo, ten o sentido máis xeral de 'residuo, sedimento' (cf DdD).  Aínda que os dicionarios de galego non rexistren outras acepcións, o de portugués si que rexistra a acepción de "escória dos metais" (cf. Priberam). 
En resumo, o topónimo remite a un "lugar no que abunda a escoura ou escoria". É, xa que logo, un sinónimo de "Escourido", topónimo frecuente na xeografía galega.

FERRADÁS (Loiba)
Plural de "ferradal".
Este topónimo alude á abundancia de augas ferruxinosas, as cales xa en latín eran referidas como "ferratae aquae".
Para máis detalles, ver entrada de blog "O Ferradal e os Ferradás".
Os topónimos "Ferradal" e "Ferradás" abundan en Galiza, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra máis de medio cento de referencias. Na zona da Mariña e do Ortegal atopámolo desde Ortigueira ata Foz.
Hai outros "Ferradás" en Foz e en Alfoz.

FERREIROAS (Os Freires)
O Catastro de Ensenada dos Freires (1752) rexistra o "sitio de Ferreiroas" ao referir os límites da freguesía.
O termo "ferreiroa" é o diminutivo (do latín *ferrariola) de "ferreira", do latín ferraria 'mina'. Descoñecemos a existencia de mina antiga neste lugar,.

FERROL VELLO (Mera de Abaixo)
De (uilla) Ferreoli, de Ferreolus, nome do posuidor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval.
Descoñecemos a historia local para podermos interpretar a adxectivación de "Vello".
É un topónimo frecuente, o Nomenclator rexistra outros "Ferrol" en Xove, en Barreiros, en Alfoz, etc.

FERVENZA, A (Loiba)
Significado transparente, que remite a un "cachón", augas que caen en cascada.

FIEIRA DE ABAIXO, A (Devesos)
FIEIRA DE ARRIBA, A (Devesos)
Tanto "fieira" como "feal", fan referencia a un herbal, un terreo que produce "feo". Este topónimo concreto é citado por Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

FIEITEIRA, A (O Ermo)
FOLGOSO (Senra)
Tanto "fieiteira" como "folgoso",  así como "fenteira", "felgueira", "folgueira", todos eles fan referencia a un lugar onde abundan os fieitos, tamén chamados fentos ou felgos.
É interesante reparar en que nunha das parroquias usaba "fieito" e na outra "felgo".

O Catastro de Ensenada para Senra (1752) atesta o "lugar de folgoso" ao referir os muíños desta parroquia.
Ademais destes dous lugares, o Catastro de Ensenada para O Mosteiro (1752) atesta o "sitio da filgueira", xa desaparecido na actualidade, ao referir os muíños desta parroquia.

FONTELA (Loiba)
FONTELA DE ABAIXO (Senra)
FONTELA DE ARRIBA (Senra)
Topónimo que remite a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -ela. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do latín fontanella(m). Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenla".

FORCADAS, AS (Devesos)
Topónimo que alude a "(augas) forcadas", indicando unha bifurcación no río.
En efecto, a  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ("Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Noutros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.
A mesma interpretación dáa Coromines na toponimia catalá, con alta frecuencia dos correspondentes "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, a unha bifurcación nun camiñoo, río, val ou barranco.

FORMARIZ (Espasante)
De (uilla) Fromarici, forma en xenitivo do nome Fromaricus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica (do gótico *fruma 'o primeiro' e *rikaz 'poderoso'). Está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 207 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

FORNO (Espasante)
FORNO, O (Meira de Abaixo)
Aínda que o significado da voz "forno" sexa transparente, non o é a motivación para asignarlle este topónimo ao núcleo de poboación ao que fai referencia.
Por un lado, pode remitir á existencia dun forno do pan, nun tempo en que non sería común telos en cada casa. Tamén puido aludir a fornos de tella ou de oleiros. Por outro lado, tamén encaixaría un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Lembremos o exemplo do "Forno dos Mouros" en Mañón.

FRÁDEGA (Ladrido)
O dicionario de Rivas Quintas recolle "frádiga" coa acepción de "casa de frades, convento". Tería pertencido este lugar, xa que logo.
Por outro lado, tamén se interpreta Frádegas como remitindo ao étimo latino fabrĭca ‘arte do ferreiro’, ‘forxa’, derivado de faber ‘ferreiro’, ‘artesán’. De feito, na freguesía do Castro de Amarante (Antas de Ulla) hai un  Frádegas que aparece citado no 1077 como Fabricas (cf. CODOLGA).
O nome (A/As) Frádega(s) consta noutras 6 poboacións galegas (cf. NG). 

FRANCÉS DE ABAIXO (San Claudio)
FRANCÉS DE ARRIBA (San Claudio)
Este topónimo ten a súa orixe evidente no xentilicio "francés", orixinario de Francia, e aludiría por tanto á presenza no lugar de xentes desa procedencia. Tamén podería referirse a un tramo
da ruta xacobea costeira.
Atópase o mesmo topónimo noutros concellos de Galiza, como en Begonte , así como "O Francés" en Abegondo, Cambre, A Estrada, Paderne e Vedra.

FREIXIDO DE ABAIXO (As Neves)
O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "sitio de Freijido" ao referir os límites desta parroquia, e tamén ao detallar os muíños o de "Freixido de arriba".
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan as árbores chamadas "freixos".

FOXO, O (Couzadoiro, Insua, Mera de Arriba)
FOXO, O (Insua)
FOXO, O (Mera de Arriba)
FOXO CATIVO, O (O Ermo)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo" con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

FUROCES, OS (Céltigos)
Este topónimo debe remitir ao apelido ou alcume dos antigos posesores do lugar, tal como acontece cos lugares deste concello como Os Gomes, Os Pardos,Os Netos, Os Sandes, Os Vilalbas, así como probablemente tamén sexa o caso d'Os Rubidos e de Mouriños, entre outros.

Canto ao apelido concreto, podemos especular con Froiz > Os Froices > Os Furoces.
Aínda que alguén podería pensar nunha deturpación de "Feroces", semella improbábel a evolución, maiormente cando o adxectivo "feroz" tivo e ten vixencia.

GABIÁN (Devesos)
Neste caso, ao tratarse dun núcleo de poboación, debe facer referencia ao apelido dun antigo posesor. O apelido Gabián xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Ademais, se confrontamos a presenza dos topónimos "O Gabián" fronte ás de "Gabián" sen artigo, vemos que as formas sen artigo corresponden maioritariamente con núcleos de poboación; isto semella reforzar a interpretación indicada.
Por outro lado, Joseph Piel indicou para os toponimos equivalentes portugueses Gavião que na maioría dos casos podería provir do nome da ave de rapina.  Noutros casos, difíciles de diferenciar, tería unha orixe nun nome de persoa, nunha (uilla) Gabilani, forma en xenitivo do nome Gabila ou Gabilo, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica (cf. páx. 376 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).

GAIVA, A (Devesos)
 O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "Rego da Gaiba" ao referir os límites desta parroquia.
O termo "gaiva" non aparece nos dicionarios de galego, pero atopamos a forma equivalente "gabia" 'abertura longa e estreita que se fai nun terreo para levantar un valado, pór os cimentos, conducir a auga'. 
A evolución gavia > gaiva é comun no galego e portugués, de feito si aparece en portugués gaiva 'fenda escavada no solo pelas águas da chuva'.

GALIÑEIRA, A (Devesos)
GALIÑEIRAS, AS (Mera de Arriba)
Os topónimos "galo", "galiña" ou "galiñeiro", pese ao significado obvio de "ave", non parecen encaixar na maoiría dos dos casos, e moitas veces a súa localización está relacionada con formacións rochosas. Proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver o blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada.

GÁNDARA (Senra)
O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

GANDAREIRO , O (Espasante)
Abundancial de "gándara", indicando un terreo de "gándara".  Ver "GÁNDARA"

GANDARÓN, O (O Ermo)
Aumentativo de "gándara". Ver "GÁNDARA"

GOCENDE (Devesos)
GOSENDE (As Neves)
O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "sitio de Gosende" ao referir os muíños desta parroquia. Correspondería co actual sitio de Gosende das Neves.
Estes dous topónimos terían unha mesma orixe, en (uilla) Godesindi, indicando unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval dun posesor chamado Godesindus, nome de orixe xermánica. Cf.: P. Martínez, 2012. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens".
É curioso que se rexistren as dúas variantes evolutivas tan preto, no mesmo concello.

GOIMEL (San Claudio)
De (uilla) Guimiri, forma en xenitivo de Guimirus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. 
É un antropónimo de orixe xermánica, a partir da raíz Gogi- (a orixe concreta desta raíz é controversa, talvez de gauja ou de gaudi) ou Gaudi e da terminación -mirus (do gótico *mereis 'famoso').
O nome Guimirus está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 254 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

GOLPILLEIRA, A (Ladrido)
Unha "golpilleira" ou "golpeira" fai referencia a un antigo covil de golpes (raposos).
O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'golpe' (raposo).
É un topónimo frecuente en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Tamén se atopa Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

GOMES, OS (Luama)
Este topónimo indícanos que o lugar tería pertencido a unha familia de apelido Gomes.
As formacións de topónimo co apelido ou alcume de posesor é frecuente neste concello, así atopamos Os Gomes, Os Pardos, Os Furoces, Os Netos, Os Sandes, Os Vilalbas, así como probablemente tamén sexa o caso d'Os Rubidos e de Mouriños, entre outros.
É interesante observar que mantén a pronuncia que, para os apelidos da terminación "-es", parece que foi a xeral ata non hai moito tempo na zona do Ortegal e na Mariña Occidental, habendo aínda testemuñas orais.

GONZALVO (As Neves)
Indicaría o nome dun antigo posesor ou fundador do lugar. É interesante reparar na preservación da forma antiga.

GRAÑEIRO, O (San Claudio)
Probablemente aludindo a que o lugar fundado por un oriúndo da Graña, fose A Graña de Céltigos ou a de Insua ou, menos probable, algún dos outros topónimos Graña ou Grañas existentes en Galiza (como por exemplo a parroquia das Grañas do Sor, en Mañón).

GREGORIO, O (A Insua)
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra "O Gregorio", ademais deste, nas Somozas e xa máis lonxe en Riós (Ourense). Atopamos tamén o topónimo "A Gorgoria" en San Román (O Vicedo) e mais en Foz. Todos eles poderíamos interpretalos como referencias a antigos propietarios de dito nome, e semella ser a interpretación máis plausíbel.
Porén, tal como detallamos no blog "A Pena da Cataverna", non é descartable que algún deles teña orixe hidronímica, derivado do tema paleoeuropeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar" (cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Para máis detalles, ver entrada  "O Gregorio e A Gorgoria" no blog "A Pena da Cataverna".

GRELA, A (Loiba)
Este topónimo remite a unha Agrela 'pequena agra', do latín agrella(m).
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.
Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

GRAÑA, A (Céltigos)
GRAÑA, A (Insua)
O termo "graña" ven do latín granea, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

HEDROSA (Espasante)
Topónimo transparente, sitio onde abundan as hedras (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).

INSUA (Insua)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, existen as variantes "illa" e "insua". O apelativo "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.

Esta freguesía está atestada como "Sayone d-Ynsoa" no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). No século XVIII atopámola xa atestada como "Ínsua" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

INSUELA (San Claudio)
Diminutivo antigo de "insua". Ver "INSUA" para máis detalles.

LADEIRO (Loiba)
Topónimo que remite ás características de pendente da orografía do lugar, indicando a súa situación nunha ladeira.
Nalgunhas zonas, "ladeiro" é de feito sinónimo de ladeira, tal como se rexistra en Hermisende (Zamora).

LADRIDO (Ladrido)
Esta freguesía xa figura atestada no ano 747 "territorio Sancte Eolalie de Latrito" e no 897 como "sante eolalie de Ladrido" (cf. CODOLGA). No século XVIII aparece xa atestada como "Ladrído" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, tanto na forma Ladrido (en Ourol, en Barreiros, en Samos, en Meis, Ponteceso) e un "O lastrón de Ladrido" en Ferrol, así como Ladredo(s) (en Parada de Sil, en Calvos de Randín, en Carballedo, en Muíños, en Manzaneda, en Celanova), Ladride (en Fazouro, en Palas de Rei, en Santiso, no Pino) e Ladreda (en Chantada, en Santiso, ..). Outros topónimos próximos similares son "O Campo da Ladra" nas Ribeiras (Mañón), "Pena Ladra" na Balsa (Muras). 

Debe tratarse dun hidrónimo, derivado do tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou antigoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *lat- "pantano, lameiro, lama". Sería o mesmo que no caso do "río Ladra" (e o seu afluente "A Ladrela" en Xermade),  documentado no ano 572 como Latra (cf. CODOLGA). Indicaría, por tanto, un lameiro ou algo similar.
Na Alta Idade Media aínda "ladredo" era unha voz de uso común, polo menos na zona de León, así se refiren:
"... qui sunt subtus mea casa, in illo latreto .." (ano 897, cf. CDOLGA).

Por outro lado,  González-Quevedo (cf. R. González-Quevedo, 2001. "La Fala de Palacios del Sil"), interpreta o lugar de L.ladréu (Palacios del Sil, León) como referencia á faldra do monte, derivándoo de latus, -eris ‘costado, lateral’. Similarmente, suxire ‘declive de un terreno’ Álvarez Maurín  para os topónimos Latreto, Latruero, Laterario (cf. M. Pilar Álvarez Maurín, 1994. "Diplomática asturleonesa. Terminología toponímica"). Isto encaixa coas ´voces galegas ladreal, ladrairo, que dan nome ás cainzas laterais do carro (cf. DdD).
Finalmente,  Navaza indicou que os topónimos Ladrido, Ladredo, poderían indicar abundancial de ladairos (latín vulgar latanariu); no entanto, tendo en conta a documentación antiga indicada, debemos descartalo, dado que no ano 897 debería manter o "n" intervogálico.

LAGAR, O (Cuíña)
LAGAR, O (Loiba)
LAGAR, O (Mera)
LAGAR, O (San Claudio)
LAGAR NOVO, O (San Claudio)
LAGARES (Luama)
LAGARES, OS (Senra)
Topónimo que xeralmente remite ao lugar de pisado da uva para a produción de viño.
A produción de viño na zona debeu ser elevada, segundo os rexistros existentes. Na toponimia quedaron os reflexos dos "lagares", das "viñas", dos "bacelares", etc.
A mediados do século XIX os viñedos sufriron a praga do oidium, que apareceu en 1852, e que acabaría en moi pouco tempo coas viñas. Dous anos despois xa non se recolleu en toda a comarca nin un só barril de viño e comezaron a arrincar as viñas, das que xa soamente quedaría os topónimos.
No entanto, é de notar que podería haber algún topoónimo destes que remita a un lagar no sentido de abundancial de laga, a un lugar enlagado.

LALE (Luía)
De (uilla) Lalli, referindo a unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval dun posesor chamado Lallus, nome latino de orixe etrusca (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

LANDIDO (Insua)
 O Catastro de Ensenada do Ermo (1752) rexistra a "sito de Landido" ao referir os muíños da freguesía.

A interpretación máis plausible para "landido" é a de un fitotopónimo, un abundancial de "landra", o 'froito do carballo e doutras árbores glandíferas'. Esta é a interpretación pola que se inclina Navaza (cf. p. 306 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega"). De feito, na toponimia galega aparecen tamén os sinónimos Landedo, Landal, Landeira. No mesmo sentido, no dicionario de figura "landeira" como 'encinar' (cf. X. Filgueira et al., 1926. DdD).
O apelativo landra deriva do latín glande (cf. Corominas, DCECH III).

Non parecen posibles outras orixes que a priori parecerían encaixar, como o nome de posesor *Nanthitus, de orixe xermánica nin tampouco derivar da forma céltica nant- 'val' (e.g. en Nantes). Nestas dúas hipóteses tería acontecido unha disimilación de dobre nasal (cf. E. Rivas, 1994. "Lingua galega, niveis primitivos"), tal como ocorre noutros moitos casos (ver o caso "Landín" a continuación). Porén, pódense rexeitar xa que, como indica Navaza, ao existiren tamén en asturiano as formas paralelas en Ll-, demostran que a forma orixinaria non foi en N-, e por tanto fan descartar esta interpretación de Rivas, así como a de Nanthitus.

LANDÍN (O Mosteiro)
De (uilla) Nandini, referindo a unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) dun posesor chamado Nandinus. O paso de N- para L-, por disimilación de dobre nasal é un fenómeno normal en galego, que ocorre en outros moitos casos, tal como en Landoi (Cariño), que figura en documentos medievais como Nandoi.
Está atestado como apelido no século XVIII: "Roque Nandín", veciño de Santa Marta, o cal parece confirmar esta interpretación e, por tanto,  fai descartar a interpretación de Piel, quen postulou unha orixe en (uilla) Landini (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).

LAMACIDO (Ortigueira)
Topónimo de significado transparente: lugar onde abunda a lama, lodeiro.
O Catastro de Ensenada para Loiba (1752) atesta tamén un "sitio de Lamacide" en Loiba ao referir os muíños da parroquia.

LASTIGUEIRA (San Claudio)
Topónimo que remite a unha "lestigueira", lugar no que abundaría a planta chamada lesta. Con todo, é soamente unha posibilidade, e Navaza non o incluíu na sua "Fitotoponimia galega".
As "lesta", é unha planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum. Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia desta planta en Galiza: "Noté que hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada".
O Catastro de Ensenada para Mera de Abaixo (1752) atesta a "Lestigueira das Cascas". Para Arriba rexistra o "marco en el sitio que llaman a lestegueira dos carros" ao referir os límites da freguesía. O  correspondente para de San Claudio (1752) rexistra a "Coroa de Lestás" ao referir os límites da freguesía coa de Sta. Mª de Mera. 
Hai outra "Lastigueira" en Cabanas (O Vicedo) e varios "Lestegueira" e "Listegueira" en Muras.

LATIDAL DE ABAIXO , O (Devesos)
LATIDAL DE ARRIBA, O (Devesos)
Alusión a un abundancial de "lata", do mesmo modo que existe Teixidal como abundancial de "teixo" ou Louridal de loureiro, ou Seixidal de "seixo".
En canto a "lata", os dicionarios rexistran as acepcións de "pau longo e delgado" que podería encaixar, xa que logo, significando "latidal" un lugar poboado de árbores delgadas, de varas.
Tamén "lata" ten a acepción no dicionario de "parcela de monte cerrada" e "parcela de monte estreita". De aí, "latidal" indicaría un conxunto de parcelas de monte.
Existe un O Latadal en Castroverde (Lugo) que podería ter orixe semellante.

É de notar a acepción dialectal portuguesa de lata como ‘campo de forma alongada’, posiblemente unha metáfora a partir da analoxía  entre unha vara e un terreo en forma de tira, non parece aplicable aquí, dado que os sufixos –ido e -al que inclúen este topónimo refírense maiormente a abundanciais, especialmente de vexetais.

LAXÁS (Luía)
Forma en plural de "laxal" 'lugar onde abundan as laxes'. Tamén atopamos "O Laxal" en Bande (Ourense) e na Lama (Pontevedra), así como múltiplos "Laxido" e "Laxedo".

LIÑARES (Espasante)
Fitotopónimo transparente, remitindo a antigos lugares plantados de liño ou propicios para o seu cultivo.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

LIXOA, A (San Salvador de Couzadoiro)
Forma en diminutivo. Aínda que a priori poderíamos pensar nun diminutivo de "lixo", máis ben debe ter orixe no latín *lagenola 'laxe pequena'. 
A evolución *Laxoa > Lixoa é normal, con palatalización da vogal átona diante de consoante palatal, tal como acontece por exemplo cos topónimos Fixoa < Foxoa e Tixoso < Toxoso, así como con filloa (<folloa). Non é un proceso que ocorre sempre, de feito temos preto o topónimo Laxás (Luía) que mantivo o "a" pretónico.
Tal como indica Carolina Perez, sería análogo ao caso de "Lixós", para o cal  Navaza asígnalle igual orixe,  lagenŏlas (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira"). 
Existe tamén un lugar chamado Lixuás no concello de Pol (Lugo), que tería a mesma orixe, coa diferencia de estar en plural e ter dialectalmente unha diferente pronuncia do diminutivo (-uá vs. -oa).

LOBEIROS (Barbos)
O termo "lobeiro" ten dúas acepcións segundo os dicionarios,  a de "lobeira" 'gorida de lobos' e a de "cazador de lobos". Por outro lado, na Idade Media figura atestado Lobeiro tamén como antropónimo, polo que alternativamente podería remitir ao nome do antigo posesor do lugar (o mesmo que hai "Os Luíses"). Calquera das tres acepcións, xa que logo, encaixaría para o topónimo.

LOIBA (Loiba)
A orixe dos topónimos "Loiba" é incerta. Para A. Moralejo sería unha variante de "lobia", cunha orixe no proto-xermánico *laubjo 'paseo, pavillón, emparrado'. Porén, os dicionarios de galego rexistran soamente "lobio", e non o femenino "lobia".

Alternativamente, pode interpretarse como hidrónimo de orixe prerromana, posiblemente da raíz indoeuropea *(s)leub- 'deslizar'. En efeito, Krahe indicaba unha forma básica *lup- presente en hidrónimos ibéricos e europeos. Do mesmo modo, D. Kremer, derívao dun paleoeuropeo *lupia, tal como fai para a gravura atestada no distrito de Braga. Cf. aquí.

Este topónimo concreto aparece atestado en 1095 en baixo latín como Lovia "e ecclesia sancti Iuliani de Lovia" , e xa coa fonética actual en 1453 como Loyua "da dita iglesia de Loyua ", e en 1473 como Loyba "cura da dita iglesia de Loyba" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

É de notar que o cambio de "San Xiao" a "San Xulián" por influencia do castelán. No 1467  é referida como "San Giao":
" .. arrendamos a vos Johan do Porto clerigo cura de San Giao de Loyua .." (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

LOMBAO, O (Devesos)
LOMBAO DE ABAIXO (Os Freires)
LOMBAO DE ARRIBA (Os Freires)
Adxectivo derivado do latín lombus 'lombo', indicando un terreo combado ou en costa.

LUAMA (Luama)
Este topónimo, xunto co veciño Luía, son de orixe prelatina, e significado incerto. É interesante reparar na existencia do conxunto de topónimos Luama, Luía, Luaña, Luaces, Luou, Luarca, Luanco, Luarte, Loenzo, Loentia e posiblemente tamén incluíndo Lueiro, As Lueiras, Luáns, Río de Lúa, etc. Todos estes topónimos terían a mesma raíz prelatina. De feito, as terminacións que observamos en moitos deles son propias da hidronimia preprelatina, como -aña, -anco, -arca, formas chamadas antigoeuropeas. 

Aínda non habendo dúbida da súa orixe prerromana, a raíz concreta da que provirían é incerta, e non atopamos documentación suficientemente antiga que nos aporte datos sobre a súa etimoloxía. Podería provir dunha forma indoeuropea *lou- 'lavar', ou de *leu- 'suxo, (lama)', ou aínda *leu-, 'pedra'. Dada a situación, próximo á desembocadura, semella encaixar a raíz *leu-, no sentido de 'lama, lodo' (cf. páx. 106 de H. Krahe. "Unsere ältesten Flussnamen").

O topónimo orixinario incluiría o sufixo átono -ăma, de carácter superlativo ou intensivo, presente nas linguas indoeuropeas, tal como no latín en minimusinfimus,   postumus, ou no galego en "páramo". Do punto de vista fonético, o desprazamento do acento (*lúama>luama) é bastante común,  en moitos outros casos ocorreu cando  o seguinte elemento vocálico é máis aberto: así sénara > *séara > seara, ou mulíere > muller.

A relación semántica con "lama" non sería estraño, así temos por exemplo o caso do lugar de Lama en San Fiz (Mañón), próximo a lamóns no río, ou máis preto o caso de "Lamacido". Esta interpretación sería similar á que fai J. Moralejo para o caso de Lúa", afluente do Eo (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008). Nesa mesma liña, se consideramos os topónimos Lueiro (Negreira) ou  Lueda (Pontevedra, actualmente só se conserva como apelido), indícanos unha abundancia de *lúa ou lúo, iso encaixaría tamén na interpretación dun antigo lúa como "lama".
Porén, se nos fixamos no caso da praia de "Luaña", en Cantabria, non atopamos a "lama", senón máis ben pedreiras, polo que apuntaría máis á mencionada orixe en *leu-, 'pedra'.

Na raíz de Luama (e posiblemente de todo o conxunto indicado), o hiato podería proceder dunha antiga presenza dunha consoante intermedia, talvez -g-, aínda que é incerta, e non atopamos atestamentos suficientemente antigos.


Este topónimo aparece atestado xa con este nome no ano 1111:
.." in villa de Spasande, serbiçialia; in Luama, aliam.." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 
Volve a apareceer no 1235, "Judicibus Abberce de Luama" (cf. ITG).
No final do século XVI aparece como : "La iglesia de S. Martino de Lauma" (cf. aquí). 
Para  Loentia atopámola n 1031 como Luentena, Luou , atopámolo en 1204, "ecclesia Sanete Marie de Luou", e en 1232 como "ecclesie Sanete Marie de Luoe", aínda reflexando na escrita os remanentes da nasal. No caso de Luaña, figura atestado en 1207 como "Sancti Juliani de Luanya" (cf. aquí), e en 1223 como "usque ad algaram de Luania" (cf. GMH).
Para Luaces, en 1494 atopamos un "Pero de Luaçes" (cf. "Pergamiños soltos do mosteiro de Caaveiro", in Cátedra).

LUÍA (Luía)
Este topónimo é de orixe prerromana, e significado incerto. Debe vir da mesma raíz que o conxunto de topónimos Luama, Luaña, Luaces, Luou, Luarca, Luanco, Luarte, Lueiro, Lueira, Luáns, Río de Lúa, Loenzo, Loentia, etc. Ver a entrada "LUAMA" para máis detalles sobre a posible etimoloxía.
Na raíz de Luía (e posiblemente de todo o conxunto indicado), o hiato debe indicar unha antiga presenza de consoante intermedia, talvez -g-, aínda que é incerta, e non atopamos atestamentos suficientemente antigos.
Canto ao sufixo -ía, é relativamente común en topónimos de orixe prerromana, como por exemplo en "Ambía".
O topónimo Luía aparece atestado como Loya, xa no ano 1111:
.." ecclesia sancte Mariae de Loya , cum duobus serbiçialibus integris; in Barbus.." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 
Igualmente "Santa Maria de Loya"no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"), e igualmente noutro documento sen data "mea porcione integra de Luama et de Quintana et de Loya" (cf. CODOLGA).
Nos final do século XVI segue a aparecer atestada como "Loya": "La iglesia de Sta. Maria de Loya" (cf. aquí).
No 1789  figura como "Luhia" (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

MAIORDOMO (Mera de Arriba)
O topónimo remitiría ás responsabilidades ou oficio do antigo posesor ou fundador deste lugar.
Os  termos "maiordomo" e "mordomo" na maioría dos casos remitirían a oficiais do concello, aínda que tamén por veces tiñan a acepción de 'criado principal que ten ó seu cargo o goberno económico dunha casa ou facenda, dun señor, mosteiro. Cf. M. C. Barreiro (1995): A documentación notarial do concello de Noia (ss. XIV-XVI).

MALLO, O (O Ermo)
MALLÓ, O (Devesos)
O topónimo "O MALLO"  derivaría de "leira do mallo", lugar onde se mallaban á man os cereais, usando o mallo, un trebello que consta de dous paos suxeitos por unhas correas de coiro.
En canto a O MALLÓ", é unha forma en diminutivo antigo de "mallo" (< lat. malleolus), polo que aplica igualmente o xa comentado.
Xa Sarmiento definira o mallo como "sistema con que en las eras majan el maiz, etc. Compónese del mango, que es el palo más largo, y del pértego, que es el palo menor con que se bate” (cf. M. Sarmiento, 1973. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega". Ed. de J. L. Pensado).

MANDÍN (Céltigos)
Este núcleo de poboación xa aparece  atestado no 1099, nunha doazón ao Mosteiro da Coalleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la isla de la Colleira"). 
Este topónimo tería unha orixe en *(uilla) Amandini, forma en xenitivo de Amandinus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina, derivado de Amandus.
O nome Mandino está atestado na Idade Media,  probablemente derivado de Amandinus- Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

MARTIÑÁN (Couzadoiro)
De *(uilla) Martiniani, forma en xenitivo de Martinianus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina, derivado de Martinus (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).
Antes de se chamar Martiñán, chamouse "Artuxo". En efecto: nun documento que é copia doutro de 1416, ao referirse ao lugar de Martiñán, di :
                 " .. huertas y heredades del lugar de Artuxo, [h]oi Martiñán" (cf. S. Daviña aquí)

MEDROSA (San Claudio)
Posiblemente de "a (terra) medrosa", indicando un terreo moi produtivo, onde medran con facilidade as plantas.
Aínda que máis improbable, tampouco podemos desbotar que estemos ante unha forma composta /amedrosa/, incluíndo o adxectivo "hedrosa" como segundo termo (moi presente na toponimia) e como primeiro outro para o que non temos orixe clara.

MEIXIDO (Os Freires)
Formado a partir de "ameixido", remitindo a un lugar no que abundan as ameixeiras.

MEIXÓN, O (Cuíña)
O nome "meixón" pode ser unha deturpación de "o ameixón", derivado do verbo ameixoar 'xuntar as ovellas, as galiñas'; de feito, o portugués conserva ameijoada 'lugar onde o gado passa a noite'. Neste sentido, xa Piel postulaba a orixe no latín mansione, no sentido de "lugar onde se xunta e recolle o gado". Navaza concorda igualmente con esta interretación (cf. p. 51 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, podería indicar a abundancia do "meixón" (a cría da anguía).
Existen outros "Meixón", por exemplo o de Alfoz.

MEIXONFRÍO (Couzadoiro)
Do latín mansio frigidus, unha pousada de estrada deshabitada. Podería indicar, por tanto, o paso dunha antiga vía romana.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza: O Catastro de Ensenada de Cuíña (1752) rexistra o "Meixonfrio" ao referir os límites da freguesía coa de Mosteiro. O Nomenclator rexistra Meixonfrío no concello lugués de Taboada, en Carballedo, en Coirós, en Lousame, en Ordes, en Taboada. En Vieiro existe Meixofrío e no Vicedo Manxofrío. Tamén en Portugal atopamos lugares coa denominacion "Mejamfrio", e igual teoría de orixe; así o albergue instituído na "Carta de Couto e Foral de S. Pedro de Osseloa", en Novembro de 1117, é chamada de Mejamfrio (cf. nota p. 9 de A. C. do Amaral, "Memória V. Para a História da legislação e Costumes de Portugal", ed. da livraria Civilização), e Miguel de Oliveira informa (cf. p. 26 do artigo citado) que Albergaria-o-Velha era chamada en antigos documentos Albergarie veteris de Meigonfrio (neste caso, o "g" indica o son fricativo, similar ao do "j" no portugués actual).

É importante indicar que os romanos distinguían, en canto a pousadas nas estradas, entre as mansiones 'albergues', as mutationes 'mudas, postas' e as stationes 'estacións', alén dos apeadeiros e dos marcos miliarios.

Convén tamén notar a regularidade da evolución de mansionem > *masione : o mesmo ocorreu en moitos outros casos de nasal diante de "s", así mensa>mesa, mensis>mes, mensura > mesura, etc.

MERA, A (Insua)
MERA DE ABAIX(Mera de Abaixo)
MERA DE ARRIBA (Mera de Arriba)
O topónimo "Mera" é orixe prerromana, referido a ríos e correntes de auga. Ver "Río Mera" para máis detalles.
É interesante notar a presenza do artigo en "A Mera", o cal pode indicar que o apelativo prerromano "mera" conservouse en uso polo menos ata a primeira época da romanización.
Por outro lado, o dicionario de Franco Grande (1972) recolle a voz "mera" como “suerte comunal que le toca a cada vecino; suerte que le toca a uno por los padres”. Tamén recollen o significado de ‘néboa’ (Carré Alvarellos 1951).

No final do século XVI, Mera de Arriba aínda aparece atestada como "Mera de Suso":  "La iglesia de Santiago de Mera de suso" (cf. aquí). Lembremos que esta forma antiga suso 'arriba' quedou fosilizada na toponimia doutros lugares como "Vilasuso" (="vila de arriba").
No século XVIII aparecen atestadas Santiago de Mera e mais Santa Mª de Mera como "Méra" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

MESTAS, AS (Couzadoiro)
O Catastro de Ensenada dos Freires (1752) rexistra o "rio das Mestas" ao referir os límites da freguesía.
O topónimo "Mestas" ven de (aquas) mixtas 'mesturadas', indicando unha confluencia de ríos ou regatos.
Outros "Mestas" nos arredores aparecen nas Grañas (Mañón), en Silán e na Curiscada (Muras).

MIÑÁN (Senra)
MIÑAÑO (Luama)
MIÑEIXA (Veiga)
Resulta curiosa a coincidencia dos tres topónimos de raíz semellante nunha zona xeográfica restrinxida. 
Porén Miñán queda relativamente lonxe de Miñaño e de Miñeixa, e ademais non está localizado preto de correntes de auga. Polo contrario, Miñeixa si que está localizado ao pé do río que actualmente se chama Rego do Casón (o cal toma o nome da poboación do Casón).
Podemos pensar que algúns deles teñan orixe no tema prerromano *mini- relativo a hidrónimos, presente tamén no coñecido río Miño. Para Krahe, o hidrónimo Minho pertence ao conxunto de derivados da raiz *min-, no grao cero, o cal inclúe Minija (Lituania), Mnina (Polonia) e Mignone (Lacio, Italia) - cf. p. 98 de H. Krahe. 1964. "Unsere ältesten Flussnamen".
De forma similar, Moralejo Laso  indicaba que topónimos como Miñán, Miñao, Miñata, Miñide, Miño, Miñón, Miñote,  poderían pertencer a "una raíz * mini-, que no escasea ciertamente en la toponimia gallega con diversas terminaciones. Suponiendo que sean de la misma" (cf. p. 123, A. Moralejo,  1977. "Toponimia Gallega y Leonesa").
Para J. J. Moralejo, este tema *mini- remontaría á raíz indoeuropea *mei- "marchar, camiñar", talvez nun sentido de pouca corrente (cf. J. J. Moralejo, "Hidronimia prerromana de Gallaecia").

Por outro lado, hai topónimos como "Miñor" que se lle atribúe unha orixe nun nome persoal *Miniolus. Así, para "Miñán" podemos supoñer unha orixe en (uilla) Miniani, referindo a unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) dun posesor chamado Minianus, nome derivado de Minius, de orixe latina (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23). De feito, o Nomenclator rexistra un Vilamiñao no concello de Lugo (aínda que por alí pasa o Miño, polo que tamén encaixa un miñao referido a oriúndo do val do Miño).

Para Miñeixa, é de notar que 'eixo', segundo Bascuas,  pode ter por veces orixe hidronímica, nunha forma prerromana indoeuropea *aps- 'auga' (cf. E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Tendo en conta iso, podemos especular nun composto Miñ-eixa, cun significado do estilo de 'corrente suave'. Tamén pode ter unha orixe no antropónimo Minasius,  de orixe latina,  recollido por Solin. A evolución, é explicable para o galego, e sería (uilla) Minasii > *minasie > *mineixe > mîeixe > miñeixe > miñeixa. O paso -e > -a non é tampouco infrecuente na toponimia galega.

No caso de "Miñaño", está atestado o antropónimo Minianus pero non *Minianius., co que o problema obvio é que  en galego Minianu daría Miñao, pero non Miñaño.
Alternativamente, podemos aventurar a orixe en Magnianius, de orixe latina e recollido por Solin (cf. H. Solin e O. Salomies, "Repertorium nominum gentilium et cognominum Latinorum". 1988).
A evolución sería Magnianiu > *Mañaño > Miñaño. A  palatalización da vogal átona /a/ por disimilación ou pola presenza de fonema palatal non é estraña (castañeiro > castiñeiro, foxó > fixó, folloa> filloa, etc., ver o caso de Tixoso para máis detalles).
Vemos que cabe certa explicación antroponómica para os tres, aínda que a coincidencia na mesma zona déixanos coa dúbida.

MIUDELOS (Cuíña)
Este lugar aparece xa atestado con este nome no 1547 (cf. "Tumbo del convento dominico de la villa de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures tomo IV, 2007). Dada a presenza do diminutivo en -elo, a súa orixe debe remontarse como mínimo ao século XII.
É probable que se trate simplemente do diminutivo plural do adxectivo "miúdo". A motivación para este nome puido ser, ao estar en plural, un alcume aplicado antigamente aos habitantes dese lugar, ou alternativamente, unha alusión, o mesmo que "miudallo", a un conxunto de cousas pequenas, en particular a "refugallo, restos ou partes miúdas que quedan dunha partida de carbón, etc" (cf. Estraviz).

Por outro lado, podémolo interpretar como compartindo etimoloxía co Río Miodelo, afluente do Mendo. Ambos terían, igual ca o Miño, orixe na hidronimia prelatina, a partir da raíz indoeuropea *mei- ‘camiñar, ir’ (Pokorny IEW, 710.3), moi presente na hidronimia europea e tamén relativamente abundante na galega (Miñor, Miñotelo, Miñarzo). Esta é en efecto a interpretación de Bascuas para o Río Mendo e o seu afluente Miodelo, como derivados de *Minēto-, co mesmo sufixo -ēto- que Lueda e que Mondoñedo (cf. E. Bascuas, 2008. "La hidronimia de Galicia. Tres estratos: paleoeuropeo, celta y latino", in Estudios Mindonienses n. 24). 

No entanto, na nosa opinión, dado que esta poboación non queda a rentes de ningún río ou afluente e, alén diso, que figura en plural, semella un xentilicio, que podería remitir a poboadores oriúndos do río Mendo, antigo Minuete.

Por outro lado, J. J. Moralejo, aínda que interpreta tamén en clave prerromana o Miodelo, afluente do Mendo, para este Miudelos de Ortigueira, ao ter -u-, interprétao como de orixe latina, a partir do indicado minutellu. (cf.  J. J. Moralejo, 2006. «Documentación prelatina»). No entanto, a vacilación en galego entre o/u nas sílabas átonas é un feito común que non creo permita fundamentar estas distincións.
Finalmente, non podemos descartar que se trate dun xentilicio, remitindo a oriúndos da bacía do río Mendo.

MONTE DO ASTURAO (microtopónimo de Devesos)
 O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) xa atesta o "monte do Asturao" ao referir os límites desta parroquia.
O etnónimo "asturao" é a forma patrimonial en galego do actual "asturiano", remitindo, xa que logo, a un posesor oriúndo de Asturias.

MONTEDÓNIGO (Loiba)
Derivaría do latín vulgar monte dominico, 'monte domnicado', 'monte do señor'.
Almeida Fernandes, en base a múltiplos exemplos documentais medievais galegos e do norte de Portugal, interpreta as formas dónega e dónego (coas variantes dóniga/dónigo, donga), como indicativos dun estado da propiedade que se consideraba  «terra domnica». Cando estas terras eran adquiridas, mantiñan unha reserva señorial, considerada a «ratio domnico». Nas súas propias palabras:
      Esses numerosos casos toponímicos exemplificam, pois, a existência de um estado da propriedade que se considerava, e certamente mesmo se denominava, «terra domnica» (1071, DC 497), cuja origem, pelo menos em muitos casos, pode estar numa fração de livranças novas em terras dominiais por solarengos, que as adquiriam com uma reserva senhorial, considerada a «ratio domnico» (1034, DC 274). E essa fração, conforme o tipo do prédio, tomaria designações específicas: o casal e o agro, a «villa» e a «quintã», «valle», bem como os acidentes de prédios – a leira, a várzea, a vinha, o souto, o paul, o pomar, o pomeiro, o talho, a entrada, e ainda o suco, a fonte, a eira, o valo, e mesmo o paço ou a «pena». Todos eles dominicatos e por isso denominados domnicos (cf. A. Fernandes, 1981. "A Nobreza na Época Vimarano-portugalense").

Na mesma obra, Fernandes postula que a fixación dos topónimos Dónigo/Dónego aconteceu nos séculos IX a XI, en base á súa existencia en Portugal na zona correspondente á extensión da conquista cristiá nesas alturas.

É importante remarcar que dóniga/dónega (e tamén coa forma "donga") non indicaban a "pertenza a unha dona" como teñen interpretado algúns autores, senón que funcionaban como meros adxectivos concordantes co nome.  Así, o CODOLGA rexistra unhas ocorrencias de "dónego" entre os séc. XII e XIV, todas concordando con Casal, Pomar, Monte, Aucterio, etc. Igualmente rexistra un "Palatios donegos" en 1163. Tamén rexistra 32 donega, asociadas a quintana, senra, vila, fonte, bouza, hereditate; todas en concordancia de xénero e número, sen excepción. Por tanto, é probado que "dónega" non significa "da señora" como interpretaron algúns autores.
Pola mesmas razóns, aínda que existiu o nome femenino Onega, puido ser a orixe dalgún topónimo, pero sería unha minoría, pois soamente aparece Dónega/Dóniga con palabras femeninas (herdade, senra, quintá, vila, etc).

Tamén é bon reparar que Almeida Fernandes (DTP, p. 247; p. 449) diferencia entre dónego/a e donego/a, onde o termo "dónego/a" refire a predios con certa ligazón co "domnium" (señor), en canto "donego/a" chegaría a ser usado nos finais da Idade Media como sinónimo de ‘vilán ennobrecido’. En efecto, menciona numerosos topónimos medievais nos que donegos alude a unha finca cuxos propietarios pertencen ao escalón inferior da nobreza: senra domnica (963), palacio domingo (1013), ratio donniga (1032), terra domnica (1071), larea doniga (570), pomar donego (1258), etc (cf. p. 247 e p. 449, A. Almeida, 1999. "Toponímia portuguesa. Exame a um Dicionário".

MONTECALVELO (Couzadoiro)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" refiren a un lugar sen vexetación.
Neste caso, xa que logo, indicaría que o monte en cuestión ten (ou tivo) vexetación escasa ou rasa.

MONTECELO (Veiga)
Do latín monticellum, diminutivo de monte, remitindo por tanto a un pequeno monte, montículo.

MONTEIRA, A (As Neves)
O dicionario define monteira como "Antiga peza de abrigo para a cabeza feita de pano ou la, xeralmente sen viseira". Non semella que sexa esta a orixe deste topónimo, senón máis ben unha adxectivación en referencia a monte ou tamén, igual que "monteiro", na acepción de "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza para onde se atopan os cazadores".

MONTEMEAO (Cuíña)
De "Monte Meao". O termo "meao" era a forma medieval por 'mediano', 'do medio'. Xa que logo, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación entre dous determinados lugares.

MONTOÁN (Veiga)
Probablemente derive de "Monte(m) Teodani", sendo Teodani a forma en xenitivo de Teodanus, nome de orixe xermánica, a partir do gótico thiuda 'pobo'. En efecto, unha poboación (uilla) Teodani está atestada en Galiza na Idade Media, no Tombo de Sobrado (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
A evolución "Montem Teodani" > Montoán sería a normal en galego, con haploloxía das sílabas -te-t(e)o-.

MOREIRAS (Loiba)
Probablemente remita a un "conxunto de moreiras". En efecto, segundo Navaza, tanto "Moreiras" como "Morás" se tratarían de fitotopónimos que remiten a un lugar no que abundan as moras (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

Outra hipótese, menos probable, é a da orixe na raíz hidronímica indoeuropea  *mar- / *mor- 'auga detida', ou tamén a raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", de orixe talvez preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea".  De feito o  propio Navaza recoñece que non pode garantir que todos estes topónimos teñan valor fitonímico.
É un topónimo relativamente frecuente, atopamos un na veciña Vila de Bares, así como outra entidade de poboación deste nome no Vicedo e outra en Foz.

MOROUZOS, PRAIA DE
Os dicionarios rexistran o apelativo morouzo 'morea de pedras miúdas', e tamén 'mata de toxos, silvas etc.'.  Tamén rexistran "morouza" como 'aglomeración de piedras menudas en parte de un terreno dedicado a cultivo'.
No portugués temos tamén o cognado  morouço 'monte pequeno'. Xa fóra da Penfnsula, atopamos no francés dialectal "moraine" co significado de 'morea de terra o pedras'.  
Sería orixinado a partir do radical prerromano *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa', 'cor escura', do cal os investigadores adoitan derivar substantivos  como morea 'montón, acumulación de cousas', morouzo, morouza e  morreira 'acumulación de pedras', así como o portugués  morouço 'monte pequeno' e marra 'valo, marco', ou tamén morro 'promontorio, elevación', presente tamén en castelán.

Este topónimo é relativamente frcuente en Galiza, así está rexistrado no Proxecto Toponimia de Galicia nas catro provincias, en Vedra (A Coruña), en Oia e Meaño (Pontevedra), en Palas e Rei (Lugo), ou en Celanova e Verea (Ourense). Leite de Vasconcelos xa mencionara o cognado Morouço na toponimia portuguesa, xunto cos coñecidos Penouço, Pedrouço, Barrouças, Picouço.

MOURAMA (Loiba)
Interesante topónimo, polas posibles indicacións históricas que puidese implicar. Podemos interpretalo como de orixe medieval, en relación aos mouriscos, aínda que tamén podería tratarse dunha homonimia e ter orixe prerromana, en relación á raíz prelatina *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa'. 

O termo "mourama" está definido como  tanto  como no dicionario de galego de J. M Pintos como "os mouros", como sinónimo de mourindade (cf. DdD). Igualmente nos dicionarios de portugués como "os mouros" e "terra de muçulmanos" (cf. Priberam).  Sería un uso similar ao do termo castelán "moraima", tamén rexistrado como topónimo.
Podería, xa que logo, aludir a un lugar  "(re)poboado por mouros",  referindo a un grupo de mouriscos na época da Reconquista, fuxidos ou trasladados  para o norte cristián. Esta indicación de migración mourisca non sería un caso illado: así por exemplo en Ambosores (Muras) atopamos o lugar "O Mouriscón", ou "Mouriscos" en Fazouro (Foz),  unhas terras Mourisca en Vilaestrofe (concello de Cervo, que debe estar relacionada co lugar que no Catastro de Ensenada se rexistra a Fonte Mourisca), As Mouriscas en Mondoñedo, e O Mouriscal en Valdoviño. De volta no concello, atopamos Mouriños en San Claudio.

Aínda que menos probable, poderíamos alternativamente interpretar este topónimo como orixinado a partir do radical prelatino *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa', 'cor escura', do cal os investigadores adoitan derivar substantivos  como morea 'montón, acumulación de cousas', morouzo 'morea de pedras', morouza e  morreira 'acumulación de pedras', así como o portugués  morouço 'monte pequeno' e marra 'valo, marco', ou tamén morro 'promontorio, elevación', presente tamén en castelán.
O topónimo orixinario incluiría o sufixo átono -ăma, de carácter superlativo ou intensivo, presente nas linguas indoeuropeas, tal como no no galego en páramo, ou os correspondentes en latín minimusinfimus,   postumus.
Se for esta segunda hipótese a certa, este topónimo tería un significado orixinal de  "lugar alto, con moita pendente ou desnivel" ou "lugar moi pedregoso". Dada a situación nun sitio elevado, ao pé dun antigo castro, parecería encaixar esta interpretación.

Porén, se reparamos na existencia en Ferrol e en Cambre  de "A Mourama", a presenza do artigo indícanos que foi unha palabra do léxico común ben despois da romanización, polo que a primeira hipótese semella a máis probable.

MOURIÑOS (San Claudio)
Este topónimo pode remitir ao alcume dos antigos poboadores deste lugar, pola cor escura da pel ou do cabelo. Podería tratarse do apelido, de igual modo que atopamos lugares chamados "Os Gomes" ou "Os Vilalbas", mais é improbable, dado que nesta zona o apelido "Mouriño" non é común.
Alternativamente, podería ter unha orixe étnica, con orixe medieval en alusión a un lugar (re)poboado por "mouros",  remitindo a un grupo de mouriscos na época da Reconquista. Esta indicación de migración mourisca non é un caso illado: así por exemplo temos Mourama en Loiba, e en Ambosores (Muras) atopamos o lugar "O Mouriscón", ou "Mouriscos" en Fazouro (Foz), "Os Mouros" nas Pontes.

A filóloga Boullón Agrelo admite ambas hipóteses, a étnica e mais a da cor de pel/cabelo (cf. A. Boullón, "A toponimia galega en branco e negro", 2019).

MUCRÍN (San Salvador de Couzadoiro)
Remitinndo a unha (uilla) Mercurini, forma en xenitivo de Mercurinus, o posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) orixe deste núcleo de poboación. É un nome derivado de Mercurius, de orixe latina. Está atestado un "Mercorinu presbyter" no ano 931 no mosteiro de Celanova (cf. "Hispano-romanisches Namenbuch").
A evolución tería sido Mercurini > Mercurín > Murcrín > Mucrín, complexa pero axeitada, con haploloxía do primeiro -r-.

MURO DO VASCO (As Neves)
Topónimo que fai referencia a un muro que tería sido propiedade dunha persoa de nome "Vasco". Este antropónimo, da mesma orixe que o castelán "Velasco", parece que foi importado doutras partes da Península, sendo frecuente na Idade Media en Galiza.
Non fai, por tanto, referencia a unha persoa de etnia vasca.
A referencia a "muro" é relativamente frecuente na toponimia, así a vila de Muros, ou máis próximo o lugar do Muronovo, nas Negradas (O Vicedo)

NAVALLO DE ABAIXO, O (Senra)
NAVALLO DE ARRIBA, O (Senra)
O termo "navallo" deriva de "nava", 'chaeira rodeada de montes', do mesmo modo que o topónimo "Os Covallos" deriva de "cova". Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é un "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. aquí), tamén o salmantino navazo "valle pantanoso" e o aragonés navajo "balsa para el ganado".
É un topónimo frecuente en Galiza, así o Nomenclator rexistra "O Navallo" en Mañón e en Barreiros, e "Os Navallos" no Vicedo.

NAVEIRAS, AS (Veiga)
O dicionario define "naveira" como "herdade labrantía, na beira do río, con area de boa calidade, fácil de traballar e produtiva" (cf. DdD).

NETOS, OS (Mera de Arriba)
Topónimo que remite ao apelido ou ao alcume dos antigos poboadores, talvez os fundadores do lugar. O alcume dá testemuño da importancia que debeu ter o avó referenciado.
As formacións de topónimo co apelido ou alcume de posesor é frecuente neste concello, así atopamos Os Gomes, Os Pardos, Os Furoces, Os Netos, Os Sandes, Os Vilalbas, así como probablemente tamén sexa o caso d'Os Rubidos e de Mouriños, entre outros.

NICOLAO (O Mosteiro)
O topónimo alude ao nome dun antigo posesor deste lugar ou casal.
O antropónimo Nicolao deriva do latín Nicolaus, á súa vez procedente do grego Nikoláos ‘vencedor entre o pobo’. En galego, ademais de Nicolao, contamos coas variantes Nicolás e mais o hipocorístico Culás.

NOGUEIRIDO (Couzadoiro, Cuíña, Senra)
Este topónimo é transparente, aludindo a un lugar no que abundaban as nogueiras.
A poboación de Nogueirido (Couzadoiro) chamouse previamente Sandomil (cf. S. Daviña, 2007. "Tumbo del convento dominico de la villa de Santa Marta de Ortigueira (Parte I)" in Nalgures IV).

OLDAR (Céltigos)
Este topónimo está atestado por primeira vez nun documento de 1095 :
" et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").
No Catastro de Ensenada para Céltigos (1752) aparece como "sitio de Oldar" ao referir os muíños desa parroquia.

Remite a unha (uilla) Uldarii, forma en xenitivo de Uldarius, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Este topónimo de Céltigos foi citado xa por Piel, que o deriva da raíz gótica *hulþaz 'amable, clemente' (cf. p. 277 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V).

ORTIGUEIRA (Ortigueira)
O significado é transparente, tanto "ortigueira" (do latín Urticaria) como "ortegal" (do lat. Urticalem) remiten a lugar onde abundan as ortigas.
Xa figura atestada como Ortigaria no ano 572:
" ... et venit per illa serra de Cervicollo dividens inter Lamacengos et Ortigaria finiturque in litore maris" (cf. CODOLGA).

ORXADO, O (San Claudio)
A priori podería interpretarse como sinónimo de "orxal" e de "orxeira": un terreo plantado de "orxo" (cebada) ou que produce abundante orxo. Porén, tanto Navaza como xa fixera Moralejo, analizaron este topónimo de San Claudio e póñeno con interrogante, polo infrecuente deste sufixo para un abundancial (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Esta mesma dúbida surxe ao interpretar a "Pena do Orxal" en Nois (cf. Toponimia Foz), que ao tratarse dunha pequena illa rochosa, batida polo mar e sin terreo dispoñible, é improbable a existencia de cultivo de cebada. Por iso consideramos que, alternativamente, este topónimo pode ser interpretado como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', talvez derivado dunha forma *or-w-i-, tal como postula E. Bascuas para o caso de "Oroxo" (cf. p. 119 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), ou talvez dunha forma *or-d-, derivada da mesma raíz indoeuropea *er- .

OURAO (Loiba)
Este topónimo é un etnónimo, adxectivo que fai referencia ao lugar de orixe do antigo posesor deste lugar. Concretamente, indicará que o antigo posesor ou fundador do lugar era oriúndo do vale dun Río Ouro ou Oiro. Se for Ouro, pode ser o rio da Mariña, mais o máis probable é que se trate do val do río Oiro que debeu dar nome á  veciña freguesía de Couzadoiro, a cal postulamos unha orixe nun "Couce de Oiro" (ver COUZADOIRO).
Tanto este topónimo como os microtopónimos Os Ouraos e O Ourao de Cedeira e Auraos de San Sadurniño deben ter idéntica motivación. Igualmente os microtopónimos "Aurau" de Cariño, así como o Costaurá de Mañón.

É, por tanto, un caso idéntico aos seus cognados de Viveiro, as poboacións de Ourao, Os Ouraos e Aurá (esta última provinte de A Ourá, en femenino), todos remitindo a oriúndos dos ríos Oiro, no caso das deste concello e, no caso dos de Viveiro, ou ben deste Oiro ou do río Ouro mariñao (de onde procede "Valadouro" e As Oiras. Para comentarios detallados sobre "Ouro", ver  "Estudo de toponimia de Foz" para máis detalles).

Os hidrónimos Ouro e Oiro foron estudados, entre outros, por Bascuas (cf. p. 190 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"), derivándoos da raíz indoeuropea *awr-, relativa a correntes de auga.

É de notar que se podería pensar en que estes microtopónimos derivan directamente do antigo apelativo aura, mais non encaixaría moito, e aínda menos se reparamos en que estes (micro)topónimos só están rexistrados, e con alta frecuencia, arredor dos dous supostos vales de ríos Aurio, o de Couzadoiro e o de Foz, co cal sería coincidencia demais.

PADORNELO, O (O Ermo)
O Catastro de Ensenada do Ermo (1752) rexistra a "pasada do Padornelo" ao referir os límites da freguesía.

O termo "padornelo" é unha forma en diminutivo de "padrón". Os dicionarios galegos definen "padrón" como "marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L. Carré, dicionario). O mesmo significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
Os topónimos "(O) Padrón", "Padronelo" e similares foron tamén analizados por J. J. Moralejo coa mesma conclusión (cf. J. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina").

Por outro lado, como unha acepción para "pedrón", Eladio Rodríguez indica que "llaman también así nuestros campesinos al menhir". Con todo, Filgueira Valverde indica que “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural” (cf. X. Filgueira e A. García. "Inventario de monumentos megalíticos. ..", 1977).
O termo petronus figura tamén rexistrado no latín medieval por Du Cange co significado de "acervus lapidum" 'morea de pedras' (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatis").

Finalmente, mencionar a existencia doutros topónimos cercanos da mesma etimoloxía: "Padronelo" en Vilalba, e "Padrón" en Viveiro.

PAINCEIRAS (Mera de Abaixo)
PAINCEIRAS, AS (Céltigos)
Lugar onde abunda o paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo.

PALLAREGA, A (O Mosteiro)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "casa pequena cuberta con palla", "palleiro", "restrebas" (cf. DdD).
Este topónimo alude a unha zona onde se cultivaba trigo ou centeo, e que era propicia para iso. O sufixo relacional -ega  está ligado na toponimia moitas veces ao cultivo dos cereais, así atopamos tamén "aviega" (avea), "millarega" (millo miúdo) ou a "escanarega" (escanla).  Tamén Liñarega ou Fabega.
Tampouco podemos descartar totalmente que aludisen a "(casa) pallarega".
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos "A Pallarega" en Viveiro, Cervo e Muras, así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), e mais en Covas (Viveiro).

PALMARIOS, OS (San Claudio)
Este topónimo debe remitir ao alcume dun antigo posesor ou fundador do lugar.
Sen documentación antiga que o ateste ou desminta, podemos interpretalo como forma culta por "palmeiros", no antigo sentido que rexistrara Viterbo "de peregrino ou estrangeiro" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798), e tamén Du Cange recollera para Palmarius, e explicaba que tomaron o nome de "palmeiros" por traeren unha rama de palma da Terra Santa (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatis").

PANDA, A (As Neves)
PANDA DA SERRA, A (As Neves)
O topónimo "panda" remite a un terreo combado ("pandado").

PAREDES, AS (Insua, San Salvador de Couzadoiro)
Os topónimos "Paredes" acostuman remitir á existencia de paredes dunha ou varias casas en ruínas, por veces ruínas castrexas. Por veces tamén aluden aos muros ou muretes que separan terreos.
Probablemente se trataría, xa que logo, dun lugar repoboado que fora antigamente abandonado. Lembremos, como exemplo xustificativo, as mortíferas pestes que ocorreron na Idade Media, que levarían ao abandono de moitas aldeas. 

PARDIÑAS (Mera de Arriba)
O nome "pardiña" (do latín parietina) refería orixinariamente a un lugar con paredes en ruínas. Máis tarde pasou a significar "devesa" ou "chousa" (cf. dicionario).
Na toponimia galega abundan as "Pardiñas", "Pardiñás", "Pardiñeira".

PARDIÑEIRA, A (Barbos)
PARDIÑEIRA, A (Mera de Abaixo)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. DdD). En portugués existe co mesmo significado, coa forma pardieiro.
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
Na toponimia galega abundan as "Pardiñeiras". Así, por exemplo, o Nomenclator de Galicia rexistra "As Pardiñeiras" en Mogor, en Riobarba (O Vicedo) e en Covas (Viveiro). Tamén "A Pardiñeira", en Celeiro (Viveiro).

PARDOS, OS (Luama)
Este topónimo alude á pertenza do lugar a unha familia de apelido Pardo.
O uo do apelido dos fundadores é  relativamente frecuente na toponimia, así nesta mesma freguesía sitúase tamén o lugar d'Os Gomes.

PAREDES, AS (Insua)
PAREDES, AS (San Salvador de Couzadoiro)
Topónimo que aludiría, de modo similar ao uso de "Pardiña" (latín parietina),  a unha "casa en ruínas, paredes en ruínas". Tamén pode remitir a un predio chousado, a unha chousa cerrada de paredes.

PAUFITO (Devesos)
Alusión a un "palu fictu" 'pau chantado', un elemento de marco territorial, con motivación semellante á das "Pedrafita" e "Parafita". De feito, no Catastro de Ensenada figuran atestados varios "Pau" correspondentes a marcos divisorios.

PAXARO, O (San Claudio)
Aínda que o significado é transparente, a motivación deste topónimo é incerta. Podemos pensar que remita ao alcume dun antigo fundador ou posesor deste núcleo de poboación.
Non é un topónimo único, así o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra máis dun cento de topónimos referidos a paxaro. Temos outro núcleo de poboación O Paxariño en Abadín, "A Paxariña" en Viveiro, etc.

PAXONETAS, AS (Os Freires)
A orixe do nome deste núcleo de poboación é un tanto escura. Debe derivar dun alcume do antigo posesor.
En efecto, aínda que os dicionarios non rexistran "paxón" nin "paxoneta", si recollen a voz "paxo" 'parado, falto de disposición', así como as derivadas paxolo, paxoco, paxote, paxoleiro, paxoliño.Tamén "apaxo" ten unha acepción de "folgazanaría".  Podemos, por tanto, pensar nun derivado de "paxo", usado como alcume, que remitiría a un antigo posesor do lugar. O sufixo -etas poidera darlle, de feito, un certo apunte despectivo, propio para un alcume.

O Nomenclator rexistra outro núcleo de poboación "Paxón" en Viveiro, así como unha Cruz de Paxón en Vieiro. O caso da Paxota, en Moeche, tamén podería tratarse doutra variante, e relacionarse coa mesma motivación de alcume.Tamén se rexistra "As Paxoas" en Bravos (Ourol), que presenta a forma plural feminina, típica formación na toponimia para adxectivar unhas terras co nome do posesor (As terras de Paxón > As Paxoas).
No caso do Apaxo (Vilalba), tamén podemos pensar nunha motivación semellante.

PAZO, O (Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro, Espasante, Insua, Loiba, Mera de Arriba)
O termo "pazo" deríva do latín palatium, e xa na Alta Idade Media a forma paaço tomou esta acepción actual de "casa señorial", edificación de residencia de familia nobre. E de notar que as referencias medievais a un pazo non deben entenderse como un pazo na actualidade, senón que remitirían simplemente á casa do señor, de boa feitura, probablemente de cantería, de dous andares e cuberta de tella ou lousa, en contraste coas demais casas que serían de planta baixa e cubertas de palla.

Nos casos destes topónimos é ben probábel esta orixe, ao tratarse de núcleos de poboación. En particular, para O Pazo de Couzadoiro é claro, ao quedar preto do lugar da Torre. Ambos os dous topónimos explícanse mutuamente.

J. J. Moralejo puxo en cuestión a etimoloxía latina, e refiriu estes topónimos a un prelatino indoeuropeo *palatio, que designaría unha especie de curro, lugar pechado onde os pastores recollían temporalmente o gado, harmonizando co sentido etimolóxico de "pastoriza" (cf. J. Moralejo, "Callaica Nomina", 2007)

PÉ DO ALTAR, O (Barbos)
Tanto o significado como a motivación son incertos. 
O termo "Pé de" tanto pode referirse á proximidade a algo (como pode acontecer con Pé do Monte, Pé do Lugar), como tamén aludir metaforicamente a un "pé", no senso de existencia dun marco ou pedrafita, tal como parece acontecer no caso de "Pé de Muller" (Suegos), que está atestado como marco no Catastro de Ensenada para Suegos (1753), ao establecer os límites coa freguesía de San Román do Val.
Tendo en conta que o lugar queda ao pé dun outeiro, ao que se chega cunha pendente significativa, e que ademais na toponimia, moitas veces "Altar" é aplicado metaforicamente a outeiro ou cantil (de feito na  zona costeira norte, o termo "altar" aplicase metaforicamente a "cantil"), é plausíbel que aluda á súa situación ao pé dun outeiro. Como exemplos destes "altares" atopamos os cantís "O Altar do Peao" e "O Altar Chao" en Portocelo ou o con "Pena do Altar" en Barreiros, o "Altarín de Maseda" en Burela, a punta costeira do Altar en Celeiro, etc.

Por outro lado, Antón Santamarina interpreta este e outros topónimos "Altar" como sinécdoque por "igrexa" (cf. A. Santamarina, 2008. "A pegada relixiosa na toponimia galega. 1. Edificios relixiosos"). É certo que neste caso queda preto da igrexa, aínda que haxa outros núcleos poboacionais nas inmediacións.

PEAGO, O (Veiga)
Os termos "peago" e "piago" indican unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. A súa identificación era importante, quer para actividade pesqueira ou para remollar o liño.
Este termo foi definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio" (cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945).
Neste caso, o lugar sitúase a pouco máis de 100m da desembocadura do río Mera, o cal confirma esta alusión.
 
PEDRE (Devesos)
De (uillam) Petri, unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval, pertencente a Petrus (Pedro).
O Nomenclator rexistra outro "Pedre" no veciño Cerdido.

PEDRIDO, O (Céltigos)
Significado transparente: os termos "pedrido" e "pedragal" designan un lugar onde abundan as pedras.

PEGUEIRO, O (Devesos)
Os dicionarios recollen para "pegueiro" as acepcións de "o que extrae dos piñeiros ou vende a pez" e tamén a de "pastor de ovellas", derivando este do baixo latín pecuariu (cf. DdD). Alude, xa que logo, á dedicación dun antigo posesor deste lugar.
Alternativamente, pode remitir a un lugar onde abundan ou aniñan as pegas, do mesmo modo que "Corveiro" alude a un lugar onde abundan ou aniñan os corvos.

PENAL, O (Cuíña)
Topónimo que remite a un rochedo, un lugar no que abundan as penas.

PENAOSEIRA, A (Cuíña)
O Catastro de Ensenada de Cuíña (1752) rexistra o sitio de "Penaoseira" ao referir os límites da freguesía, e o mesmo rexistra o dos Freires: .."a los sitios de Penaosseira y Porfalcon"..
O topónimo deriva do composto "Pena Oseira", indicando unha pena ou penedo onde que frecuentarían os osos, ou talvez cunha gorida de osos. 

PENAQUENTE (Espasante)
Este topónimo é transparente, e a motivación que levou a referir "Pena Quente" tamén semella transparente, remitindo a un lugar solleiro, situado onde dá ben o sol, debido á súa orientación e mais á falta de arboredo nas súas proximidades.
É un topónimo relativamente frecuente, así hai unha A Penaquente nas Pontes de García Rodríguez.

PENAVIDE (Devesos)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Devesos (1752) coa forma castelanizada o "sitio de Penabiz" (sic) ao referir os muíños desta parroquia.

De Pinnam Aviti (ou Pinna Vitus), unha pena pertencente a Avitus (ou Vitus).
Este nome Avitus derivou do latín avitus 'do avó ou dos devanceiros'. Está atestada unha uilla de Abitus no Tombo de Samos, nun documento do 1098 (cf. p.62 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Tamén é igualmente probable a mesma hipótese pero de Pinna Viti, sendo Vitus un nome frecuente na Idade Media.
Existe tamén un "Garavide" no Vicedo, probablemente tamén de orixe análoga.

PENEIRO, O (Insua)
A voz "peneiro" ten varias interpretacións, en xeral como variante de peneira e de aro de criba. Ao tratarse dun topónimo, "peneiro" remitirá a lugar no que abundan as penas, a un rochedo. 
Alternativamente, aínda que improbable, tamén podería ser unha forma derivada de "peneirar". Dada a relativa frecuencia deste topónimo, non semella plausible que se trate dun alcume dun antigo posesor.

PENSO, O (As Neves)
O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "sitio do Penso" ao referir os muíños da parroquia.
Este é un topónimo relativamente frecuente en Galiza;  deriva do latín pensum, participio de pendere, indicando un "terreo en pendente".

PEREIRO (O Ermo)
A orixe do topónimos "Pereiro(s)" pode estar relacionada con pirariu, a árbore que dá peros, aínda que tamén pode vir de petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'. Complexo demais para optar por unha delas sen documentación antiga.

PEROXA, A (Mera de Arriba)
Para os topónimos "Peroxa", relativamente frecuentes en Galiza, xa Sarmiento derivou do latín petrosa(m); xa que logo, o mesmo que "pedrosa". Igualmente opinan  Rivas Quintas e Cabeza Quiles (cf. E. Rivas. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"; cf. F. Cabeza. "Os nomes da terra").
Por outro lado, podemos relacionar este topónimo cunha clase de pera pequena, chamada en Asturias "perojo".

PESCO, O (Couzadoiro)
Podería aludir á ocupación pesqueira da persoa que fundou ou ocupou este lugar. Talvez máis probable que este topónimo remita á acepción recollida no dicionario Estraviz de "pesqueira" 'muro do rio que dirige a água para um portelo estreito, em que se ajusta uma rede especial para pescar'.

PETAÑOS, OS (Barbos)
Etimoloxía e significado incertos, posiblemente derivado de "peto". Considerando o sufixo -año, é probable que estemos diante dun antigo apelativo de orixe prerromana, coa controvertida raíz *pett-. Con todo, é unha hipótese, non todos os apelativos rematados en -año teñen orixe prerromana.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra un "Petaño" en Moeche.

PETEIRO, O (Mera de Abaixo)
O apelativo "peteiro" indica un elemento que sobresae no terreo, por exemplo unha zona de herba alta ou incluso unha morea de mollos. Neste sentido, tamén pode ser unha "mota" ou "motillón".
Xeralmente na toponimia observamos que se refire, nun sentido amplo, a un lugar elevado.

PICHEIRA, A (Devesos)
PICHEIRA, A (Os Freires)
O mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que os topónimos "Picheira", indican xeralmente algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (O Courel).
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é sinónimo de "pichel", xarra para sacar o líquido das cubas de viño.

PICÓN, O (Loiba)
A orixe do nome deste lugar estaría na praia homónima, que á súa vez recibiu ese nome por unha pedra mariña rematada nun gran pico, e situada nunha estrema da dita praia (cf. F. Cabeza, "Toponimia de Galicia").
Atopamos outro con chamado Picón en Ribadeo, tamén un illote, e un con en S. Miguel de Reinante (Barreiros).

PIMPÍN (Insua)
Topónimo que alude a unha fonte. A voz "pimpín" tería orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra fontes "Pimpín" en toda a comarca, así nas Ribeiras do Sor, en Mañón, nas Negradas, en Celeiro, etc,  confirmar esta hipótese. Igualmente en asturiano o termo pimpana designa unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

PIÑEIRO (Couzadoiro)
PIÑEIRO (Os Freires)
PIÑEIRO (Loiba)
PIÑEIRO (Senra)
O nome destes núcleos de poboación é transparente, indicando a existencia da árbore deste nome, que servía de referencia situacional ou como marco divisorio.
Tal como indica Gonzalo Navaza, resulta curioso o feito de ser moito máis frecuente  como topónimo a forma simple, Piñeiro, que as formas en plural, Piñeiros, ou as colectivas,. Parece ser que a explicación é que esta  árbore se estendeu tardiamente en Galiza, sobre todo desde o século XVIII, e que ata entón
soamente existían exemplares illados.

PLANTÍO, O (Espasante)
PLANTÍO, O (Mera de Arriba)
PLANTÍO, O (San Claudio)
PLANTÍO DE ABAIXO, O (San Claudio)
PLANTÍO DE ARRIBA, O (San Claudio)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Probablemente unha parte dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Por outro lado, interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada").

O Catastro de Ensenada de Espasante (1752) rexistra o sitio de "Plantío" ao referir os muíños da freguesía.

POL DE ABAIXO (Senra)
POL DE ARRIBA (Senra)
O Catastro de Ensenada de Senra (1752) rexistra o sitio de "Pol" ao referir os límites da freguesía.

O topónimo remite a unha antiga (uilla) Pauli, referindo a unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval, dun posesor chamado Paulus.

PONTELLAS (Devesos)
Diminutivo de "ponte", ponte pequena, de madeira, pedras ou laxes para cruzar un regato ou arroio.
Tanto "pontella" como "pontiga" derivan de *ponticula, ponte pequena.

PONTIGAS AS (Luía)
Diminutivo de "ponte", ponte pequena, de madeira, pedras ou laxes para cruzar un regato ou arroio.
Tanto "pontella" como "pontiga" derivan de *ponticula, ponte pequena.

PORFERO (microtopónimo de Loiba)
Aínda que neste blog soamente incluímos topónimos, este ten interese porque reafirma as interpretacións que facemos para PORMADEIRA e PORMELLOR.
Remite ao nome dun antigo posesor, deriva dun sintagma *Pero Fero. É unha síncope frecuente, así en Ourol temos Poramigo (Ourol) dun Pero Amigo e Porcao de Pero Cao, ou un Pordomínguez.
Como curiosidade, en Monterroso atopamos un San Pordinso, que debe remitir a un oriúndo de San Pedro de Incio, a uns 50km de alí. Tamén no Vicedo un Porgallal de "Pero Grallal".

PORMADEIRA (Ladrido)
Probablemente derivado de  "Pero Madeira", e sería un caso similar ao O PORMELLOR (Cuíña).
Aínda improbable, non podemos descartar derivar de "Porto Madeira", remitindo a "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" ou a unha garganta por onde se atravesa un monte.

PORMELLOR, O (Cuíña)
Deriva da cadea onomástica "Pero Mellor", o  nome dun antigo posesor. 
A filóloga Luz Méndez indica que este topónimo está atestado no século XVI nun documento que dá noticia da venda da “chousa de Pero Mellor” en Cuíña (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

PORTEIRO (Mera de Abaixo)
O Catastro de Ensenada de Mera de Abaixo (1752) rexistra o sitio "do Porteiro" ao referir os muíños da freguesía. 
Podería aludir a un porto no que se cobraba dereitos de paso, do latín portarium.Tamén pode aludir á profesión dun antigo posesor do lugar, ou ao apelido, xa rexistrado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

PORTO DE INSUA (Couzadoiro)
O Catastro de Ensenada para Couzadoiro (1752) atesta o "sitio de Porto da Ynsua" ao referir os muíños da parroquia.
Topónimo transparente, referido á existencia dun "porto" de río, para paso a unha insua.
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.
Para o termo "insua", ver "A INSUA".

PORTOBÓ (Os Freires)
O Catastro de Ensenada para Os Freires (1752) atesta o "sitio de Portobo" ao referir os muíños da parroquia.
Topónimo transparente, referido á existencia dun "porto bon", comparativamente a outro porto.
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

POUSADA (Loiba)
POUSADA (San Caudio)
Os topónimos deben aludir a unha "casa de hóspedes", na que poderían comer e durmir os viaxantes e arrieiros. 
Poderíamos interpretalo nun senso máis xenérico de " lugar no que se realizaba unha pausa  no camiño e se pousaban as cargas para descansar"; porén, tratándose de núcleos de poboación, semella encaixar mellor o sentido restrictivo indicado ao comezo.
Canto á etimoloxía, tratase do coñecido participio do verbo latino pausare ‘parar, descansar’.

O lugar de Pousada de San Caudio aparece atestado como Pousata no ano 1111:
.."  in Luama, aliam; in Sisto et in Pousata, omnem directuram; in Coinna, totam meam .." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 

POUSADOIRO, O (O Mosteiro)
POUSADOIRO DE ABAIXO(Mera de Arriba)
POUSADOIRO DE ARRIBA, O (Mera de Arriba)
O "pousadoiro" designa "sitio de descanso", "lugar do camiño, por veces un poio, onde se pára para pousar a carga transportada nas costas ou na cabeza (cf. DdD). Semella máis axeitada e concreta a definición antiga dada por Viterbo: "lugar que ficaba no fin e termo de algunha subida, onde naturalmente depón o seu peso e descarga o camiñante, o xornaleiro" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
No caso do lugar de Mera, figura xa no dicionario de Madoz (séc. XIX) como "POUSADOIRO".
É un topónimo frecuente en Galiza.

POUTA DO LOBO (Espasante)
Este curioso topónimo podería remitir á abundancia da planta chamada "pouta de lobo", de nome científico Ranunculus repens, que ten efectivamente a folla en forma dunha pouta ('gadoupa').
Igualmente pode tratarse da referencia a un penedo con esa forma.

PRADIA, A (Os Freires)
O termo "pradia" tén o mesmo significado que "pradairo", a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DdD). En efecto, Navaza recolle este topónimo, tamén existente no Valadouro, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

PRAZA, A (Ladrido)
O termo "praza", á parte do significado común de "lugar espacioso e público, destinado a paseo, mercado ou festas", tamén remite por veces, no rural, a unha "extensión grande de terra de cultivo dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos", sinónimo por tanto de "agra".

PREGUIZA, A (Ortigueira)
É interesante notar a relativa frecuencia de topónimos "Preguiza" e similares na toponimia galega. É verdade o valor na cultura tradicional galega que lle é dado ao traballo, pero aínda así debería ser un topónimo extraordinariamente raro se se tratase do sentido indicado pola voz común "preguiza".
O filólogo J. A. Palacio interpreta os topónimos como en alusión a unha terra que tarda en
dar os seus froitos' (como contraria a temperá), debido á súa má calidade (cf. J. A. Palacio, 1981. "Toponimia de Pantón").

Por outro lado, esta explicación non cobre os casos dos topónimos como Preguizal e Preguecido. Cabeza Quiles indica para o caso d"O Preguecido" da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona este topónimo estradense coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (c.f F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").
O Padre Sarmiento xa falaba desta pera:
           “Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”.
Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de
pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).

Considerando todo o anterior, é plausíbel pensar que unha parte dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza".

En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" se referirían a unha "pereira preguiza".

PREGUNTOIRO, O (Couzadoiro)
O nome deriva do latín medieval præcuntorium, sinónimo de promontorio' (cf. Du Cange).
 Os varios topónimos Preguntoiro  existentes na xeografía galega aludirían á situación do lugar nun saínte entre augas, sexa unha zona entre ríos, ou para os costeiros un promontorio. No caso que nos ocupa, corresponde claramente a un saliente, un estilo de promontorio, a punta que entra na ría, entre os rios centiño e Masma.
No caso que nos ocupa, está situado preto da confluencia do río do Foxo cuns regueiros. Ver artigo blog A Pena da Cataverna sobre "Preguntoiro" para máis detalles.
Temos non lonxe na Capela "Os Preguntoiros", preto da confluencia entre o río Teixido e o Eume.

Houbo tamén outro "Preguntoiro" na ría de Ortigueira, que debe corresponder coa actual Punta do Promontoiro en Feás (Cariño). Está atestado en 1430: "que todo ome que andare en barco, ou en dorna, ou batel, ou en algún navío que non pase nen tome frete de pasage desde Priguntorio asta Pereira albar sin licencia do dito mosteyro" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).

PRETA, A (Cuíña)
Posiblemente de "A (terra) preta", indicando terra boa, de cor negra. Aínda que na actualidade o adxectivo "preto" non conserva o significado de negro, si o tiña na Idade Media (cf. DDGM), e aínda se conserva no portugués.
Alternativamente, podemos pensar nunha orixe nun posesor apelidado ou alcumado "Preto". Este apelido, actualmente castelanizado en "Prieto", ten presenza na área mindoniense (cf. CAG).

PROMADELOS (San Claudio)
De "pomardelos", forma en plural do diminutivo antigo de "pomar", referindo a "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras".
O uso da forma diminutiva en -elo, que xa decaíu na Idade Media, dános conta da antigüidade do topónimo.

PUMARES, OS (Céltigos)
PUMARIÑO (Mera de Abaixo)
PUMARIÑO (Mera de Arriba)
O dicionario define "pumar" como "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras".
Canto a "Pumariño", trátase da forma en diminutivo.

QUEIRA, A (O Mosteiro)
O mesmo que "caeira", que ten dúas acepcións en galego: "ladeira, encosta, declive", e a de "caleira, forno de cal".
A falta de datos do lugar, calquera das dúas acepcións son posibles, aínda que a de "caleira" semelle máis atractiva toponimicamente.

QUELLE (Loiba)
O mesmo que "cale" ou "canle", tanto no sentido de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
Noutras zonas chámase "quella" (con grafía quelha en portugués), así como as correspondentes formas nas que a nasal evoluíu para "n", dando "quenlle" e "quenlla".
Tamén podería proceder do apelido dun antigo posesor. O apelido Quelle abunda na Mariña Occidental, tendo a maior frecuencia no concello de Xove.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outro Quelle en Riobarba (O Vicedo).

QUINTÁ (Luía)
QUINTÁ (O Ermo)
QUINTÁ (Veiga)
Un destes tres núcleos de poboación de nome Quintá debe ser o que aparece atestado como Quintana, nun documento do ano 1111:
.." duas serbiçialias de ecclesia sancte Mariae de Loya, cum duobus serbiçialibus integris; in Barbus, unam hereditatem, in villa Quintana, omnem meam directuram; in Cauçadoiro .." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 

Os topónimos Quintá deben facer referencia a un "casal" medieval, propiedade rústica que incluía vivenda familiar e mais o seu espazo agrícola. Tampouco é descartábel que estes topónimos xurdisen coa acepción máis antiga de "residencia señorial". Con todo, as interpretacións para os topónimos Quintá, así como para o uso medieval de Quintana é controversa.

Martínez Lema cita a W.-D. Lange (1966), para quen a voz quintana tería a orixe en sintagmas nominais como "casa quintana" ou "uilla quintana", no sentido de 'propiedade situada no terminus quintarius' e pasando a significar máis tarde 'casa señorial', 'residencia privada do señor'. Esta acepción de "casa señorial" é postulada por A. de Almeida Fernandes para o cognado portugués quintã (cf. A. de Almeida Fernandes, 1978. "A nobreza na Época Vimarano-Portugalense").
No entanto, desa acepción de "residencia señorial" pasou despois, aínda no período medieval, a un significado de "casal", "uilla altomedieval". Así, Varela Sieiro (2008:69-72) identifica na  documentación galega altomedieval tres usos principais do termo: propiedade rústica delimitada que alberga unha vivenda familiar co seu espazo agrícola, terra dedicada ao cultivo e terreo que circunda unha vivenda (cf. X. Varela, 2008. "Léxico cotián na Alta Idade Media de Galicia: a arquitectura
civil". Anexo 62 de Verba.).

De feito, moitos exemplos medievais corroboran claramente esa acepción de "casal":
".. fecit quintanas IIIes conclusas et populavit illas de quantum ibi necessarium est, cupas et cupos, lectos, kathedras, mensas.."  - Tombo de Celanova, Doc. 139 (1025)
"..  ipsa mea quintana cum suas casas et suo lagare" - 1075, Tombo de Celanova
"..  in quintana ubi abitaverunt Sisnandus Ildebreiz, et Sisnandus Argimirizi" - Tombo de Celanova, Doc. 86 (1098).
Porén, noutros casos "quintana" semella aludir a un predio pechado, posiblemente murado.

O profesor Martinez Lema resume as distintas interpretacións e consideracións para Quintá(n) na súa tese - cf. p. 281-283, "A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV).

RABO DE GATO (Cuiña)
Topónimo que debe ter a orixe nunha alusión á forma das terras nas que posteriormente se estabeleceu este lugar.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outra poboación deste nome nas Somozas, así como unhas terras chamadas O Rabo do Gato nas Grañas (Mañón).

RAMALLAL, O (O Ermo)
RAMALLEIRA, A (Veiga)
Topónimo transparente: tanto "ramallal", como "ramalleira" e "ramallosa" fan referencia a un lugar no cal abundan os ramallos.

RAMIL (O Ermo)
Topónimo que alude a unha (uilla) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamirus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Pode, alternativamente, remitir ao apelido dun antigo posesor do lugar. O apelido tería a orixe noutro topónimo Ramil, o cal xa si remitiría a unha  (uilla) Ranamiri tal como indicado.

RAMOS, OS (Loiba)
O apelativo "ramo", do latín ramu 'póla". Os numerosos topónimos galegos "Os Ramos" son recollidos por G. Navaza, que o interpreta neste contexto como "lugar frondoso", ou tamén "lugar no que se aproveita a derrama das árbores para leña" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

RANDAMIL (Couzadoiro)
Topónimo que remite a unha (uilla) Randemiri, forma en xenitivo de Randemirus, o nome do antigo posuidor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Na contorna, o Nomenclator rexistra outro Randamil en Magazos (Viveiro).

RANDE (Couzadoiro)
Derivado dunha (uilla) Randi, forma en xenitivo de Randus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica, formado a partir do xermánico *rand- 'beira de escudo' (cf. p. 385 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
O Catastro de Ensenada para Loiba (1753) atesta tamén un "sitio de Rande" en Loiba ao referir os muíños da parroquia.
O Catastro de Ensenada para S. Salvador de Couzadoiro (1752) atesta o "sitio de fraga de Rande" ao referir os límites desta parroquia coa de Loiba.

RAPOSOS, OS (Senra)
Aínda que o significado é transparente, a motivación deste topónimo é incerta.
Dada a situación do lugar, podería aludir, real ou metaforicamente á antiga presenza (cubil) de raposos neste lugar.
No entanto, dado que nesta zona o común é o apelativo "golpe" (de feito existe o lugar da Golpilleira),  este topónimo pode referirse ao alcume ou apelido do fundador ou posesor do lugar, do mesmo modo que ocorreu no caso d'Os Gomes, Os Pardos, Os Furoces, Os Netos, Os Sandes, Os Vilalbas, así como probablemente tamén sexa o caso d'Os Rubidos e de Mouriños, entre outros.
Volvendo ao caso que nos ocupa, o apelido, Raposo xa figura atestado no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). 

RAXEIRO (Mera de Arriba)
Os dicionarios de galego defínen o apelativo "raxeira" como "lugar onde dá ben o sol" e tamén como "toxeira, toxal" (cf. DdD). Calquera desas dúas acepcións valería para un topónimo. No caso que nos ocupa, o feito de ser en masculino, "raxeiro",  non variaría o resultado, do mesmo modo que hai "toxeira" e "toxeiro", e o mesmo para moitos fitotopónimos.
Cabeza Quiles inclínase pola hipótese de "toxeira" (cf. F. Cabeza, "Toponimia de Galicia"), e recolle a etimoloxía proposta polo prof. Pensado, interpretando "raxeira" como unha forma palatalizada de "raseira", terreo raso, sen vexetación.
Este topónimo figura xa dicionario de Madoz (séc. XIX) como "RAGEIRO".

REBOREDO (Devesos)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto que o sinónimo “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

REDONDA, A (Senra)
REDONDAS, AS (Mera de Arriba)
O termo "redonda", alén do seu significado obvio, Martínez Lema indica o uso adicional en galego co significado "zona ou territorio delimitado, que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros (cf. P. Martínez (2010) aquí).
E. Rivas rexistra o seu significado como"zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".
En definitiva, os termos "redondo" e "redonda", como topónimo, indicarían ben a forma do terreo ou ben a súa condición de cercado ou valado, ou constituínte dun couto.

REGA, A (Cuíña)
REGA, A (Espasante)
REGA, A (San Claudio)
REGA, A (Senra)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso".
Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego,
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", (cf. E. Bascuas, 2000. "Verba" aquí).

REGO DOS SAPOS, O (As Neves)
O Catastro de Ensenada dos Devesos (1752) rexistra este sitio "del rrego de Sapos" na freguesía, no cal se situaba un muíño.
Probablemente corresponda co significado obvio, talvez remitindo a un rego de pouco caudal. 
Este topónimo, frecuente en Galiza, hai outro "Rego dos Sapos" en Muras, outro nas Negradas, etc.

REGUEIRA, A (O Mosteiro)
REGUEIRA DE ABAIXO, A (San Salvador de Couzadoiro)
REGUEIRA DE ARRIBA, A (San Salvador de Couzadoiro)
Os dicionarios de galego definen regueira como "canle por onde baixa un rego de auga" (cf. RAG).
A Regueira do Mosteiro figura no dionario de Madoz (séc. XIX) como "REGUEIRA".

REÑALDE (Cuíña)
Alusión a unha (uilla) Ragnaldi, forma en xenitivo de Ragnaldus, que corresponde co nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.

REPARADA (Loiba)
É probable que teña unha orixe en (uilla) Reparati, forma en xenitivo de Reparatus, nome de orixe latina. Este tería sido un antigo posuidor da uilla (granxa, explotación agrícola). O nome Reparatus está atestado en Galiza e ten orixe latino-cristián (cf. J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

Canto á evolución, sería Reparati > Reparade > Reparada. O paso de -e para -a non sería estraño, estando atestado en moitos topónimos, probablemente nunha reinterpretación do -e como un -a relaxado: aparte dos Martínez Lema refire a exemplos como Comparade > Comparada, que estaría moi próximo ao do topónimo que estamos a analizar (cf. P. Martínez. "Toponomástica, documentación medieval y fenomenología lingüística: contribución para una gramática histórica de la lengua gallega", in "Actes ICOS XXIV).

REQUEIXO (Ortigueira)
REQUEIXO (San Salvador de Couzadoiro)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD) ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Estes topónimos aluden polo xeral a recunchos ou recantos no terreo, por veces xerados por ángulos do río e outras veces remitindo a pregas e entalladuras montañosas.
O "Requeixo"  de San Salvador de Couzadoiro queda claramente nun recanto que fai o río Baleo, rodeado polos couces dos montes próximos.
O "Requeixo"  de Ortigueira, apunta Xosé M. Torres, está onde o cemiterio, falándose da “punta de Requeixo”, aínda que agora a antigua península xa non exista polos recheos e pola construción do peirao.

No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz requeixo, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. F. Bello, "Lexico, literatura y tradición oral en el entorno de las Médulas").
Canto á súa etimoloxía,  E. Bascuas derívao da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo" (cf. E. Bascuas, in Verba, 2000).

RETORTA, A (Loiba)
RETORTA, A (Mera de Arriba)
O dicionario de Eladio Rodríguez define "retorta" como "volta, revolta, curva que fan os camiños e os ríos polos accidentes do terreo que percorren (cf. DdD).

RIBA, A (As Neves)
Este topónimo alude a unha ribeira, marxe do río (ou do mar nalgúns casos).

RIBADOS (San Claudio)
O Catastro de Ensenada de San Claudio (1752) rexistra o "sitio de Ribados" ao referir os muíños da freguesía.
O dicionario de Aníbal Otero define ribado como "corte ou ribazo vertical entre dúas terras de nivel desigual". Os dicionarios definen ribado similarmente, como sinónimo de ribada e de noiro "superficie de terreo moi inclinada ou case vertical nun desnivel" (cf. DdD). 

RILLEIRAS, AS (Céltigos)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. DdD.
No entanto, dada a frecuencia da presenza deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe relacionada coa raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente na hidronimia europea.

RÍO MERA
Talvez corresponda co río Mearos que menciona Ptolomeo, e que situaría entre o cabo Ortegal e o río Navia (1).
O  Vale de Mera xa está atestado con ese nome no ano 966, nun documento do bispo Sisnando (2). Este río dá nome as poboacións de Mera de Abaixo e Mera de Arriba, así como a Trambasmeras nas Pontes, situado entre este río Mera e un afluente ("Entre ambas Meras").
Trátase dun hidrónimo relativamente frecuente, así atopamos outro Mera afluente do Tambre, e xa na provincia de Lugo un afluente do Miño que nace en Santalla de Bóveda de Mera; en Pontevedra temos Barcia de Mera, e un Mera afluente do Tea. Xa en Portugal aparece outro Mera en Peso da Regua. Xa fóra do ámbito galego-portugués atopamos varios Miera en Asturias e Cantabria. Moralejo (5) menciona a antiga existencia dun río Merula, afluente do Masma.
O nome ten probablemente unha orixe hidronímica paleoeuropea, tal como indica Bascuas (3), que comenta a coñecida serie de hidrónimos peninsulares Mira, Mera, Mero, Mieres, etc. A raíz concreta indoeuropea é incerta ao haber varias posibilidades que encaixan. J. J. Moralejo (5) indica que para os hidrónimos Merae Meira podreían proprse ata seis raíces indoeuropeas *mer- que identifica Pokorny (IEW) coas cales podería corresponder. Podemos especular, por exemplo, coa raíz indoeuropea *mar- /mor- ‘auga detida’, relacionada así mesmo, entre outros, co nome de lugar Meira (< maria).
Esta é a orixe plantexada por Rosa Pedrero, que asigna esta raíz para os elementos hidronímicos prerromanos  *mir- e *mer- (4). Por outro lado, J. J. Moralejo apunta ás raíces indoeuropeas *mer- 'brillar' ou *mer- 'escuro, mancha' (5).

É interesante notar que o galego preservou o apelativo "mera" 'néboa moi húmida' (7), que probablemente teña igual orixe. Tamén Rivas Quintas recolle a acepción de "finca, parcela, terreo concreto; sorte de terreo asignada nn reparto" (8). En  Barroso (Portugal), recóllese a voz "mera" como "leiras de terreno agricultado ou arborizado; merado ‘dividido (falando de terreno)" (9).

Notas:
(1) - cf. Ptolomeo, II.6.4; identificación que realiza Schulten (cf. p. 93, "Geografía y Etnografía Antiguas de la Península Ibérica").
(2) - cf. Tombo de Sobrado.
(3) - cf. p. 123 de E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
(4) - cf. R. Pedrero,1996. "El hidrónimo prerromano Mira".
(5)  - cf. p. 67 de J. J. Moralejo, 2008. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II".
(6) - cf. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín".
(7) - Di o dicionario de Eladio Rodríguez “Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” .
(8) - cf. E. Rivas, "FRAMPAS"(DdD).
(9) - cf. F. Braga Barreiros, 1917. "Vocabulário barrosão. Revista Lusitana, XX" e  1937. "Vocabulário barrosão. Revista Lusitana, XXXV".

ROCHA, A (Ladrido)
ROCHA, A (San Claudio)
Topónimo transparente. Tanto "rocha" como "roca" son sinónimos de "penedo". É interesante ver como a toponimia testemuña o uso do apelativo "rocha", que parece ter pouco uso na fala actual da comarca.
No caso d'A Rocha de S. Claudio, figura no Dicionario de Madoz (séc. XIX) como "ROCHA".

RODELA (Devesos)
Diminutivo de "roda",  metaforicamente referíndose á forma redonda e chá dun monte.
Nicandro Ares tamén apunta a alternativa de derivar dun nome de posesor Rutella ou Rutilla (cf. p. 518 de "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011).

ROIBÁS (San Claudio)
ROIBÁS (Senra)
Plural de "Roibal", adxectivo que se refire a unha cor "tirando a roiba".  Os topónimos "Rubiás", "Roibás", "Rubás" son relativamente frecuentes, incluíndo as variantes Rubiás, Rubial, Rubela.
A orixe sería en relación ao adxectivo "roibo" (latín rubeus), aplicado á cor das terras. Así, Roibás pode ser interpretado como "(terras) roibás", "terras de cor tirando a roiba" (ruba, encarnada, vermella), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas.
Este tipo de adxectivación é común na toponimia, lembremos os Verdeás, Verdeal referidos á cor verde, ou os Albar, Albarello referidos á cor branca.

Para o topónimo Roibás, tamén o podemos interpretar en relación ao topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). Tamén en Portugal se atopa Ruivães, que non é plural de ruival senón que derivará amén dun Rubianes.

Tampouco podemos descartar que sexa orixinado en "lugar dos Roibás", pertencentes a unha familia co apelido "Roibal" ou procedente dun lugar así chamado.

Por outro lado, Joseph Piel relacionou "rubiña" co verbo "rubir" (subir), derivándoos do latín rupes "rocha". É improbable, e xa na Idade Media se relacionaban con "rubeus" e non con "rupes", de aí que figura atestado "Rubito" (ver "RUBIDO").

RÚA, A (Barbos)
RÚA, A (Cuíña)
Este topónimo  correspondería co apelativo "rúa" ‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"),  a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín", in Verba - Anexo 18).

RUBIDO (Loiba)
RUBIDOS, OS (Ladrido)
O "Rubido" de Loiba aparece atestado en 1095 transcrito como Rubito (latinización do escriba) "per terminis de Martisi et Plapa Mala et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").
Os topónimo "Rubido", "Roibal"e "Rubal" son interpretados xeralmente como "(agro) rubido, (terra) rubal", "de cor que tira a ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas. Ver ROIBAL para máis detalles.
 Deste modo, semella máis probable a interpretación tradicional de (agro) rubido, agro roibo.

En canto a "Os Rubidos", podería ter o mesmo significado ou tamén podería remitir a unha familia provinte do lugar de "Rubido", ou incluso referir a unha familia de apelido Rubido, do mesmo modo que ocorreu no caso d'Os Gomes, Os Pardos, Os Furoces, Os Netos, Os Sandes, Os Vilalbas, entre outros.

SA (Senra, Veiga)
O Catastro de Ensenada de Senra (1752) rexistra o sitio de "Sa" ao referir os muíños da freguesía. 
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. M. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", in "Historia de la lengua española". 2004).

Por outro lado, outros autores como Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. E. Roberts e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996).

SAN CLAUDIO (San Claudio)
Haxiotopónimo. O nome tradicional desta poboación foi "San Cloyo" e máis tarde "San Croio". Así, por exemplo, figura como "Santa Maria de San Croyo" no ano 1488 (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). No ano 1631, xa en castelán , aínda aparece como "San Cloyo" - realmente figura como San Eloyo, pero é erro evidente de transcrición (cf. Censo de la Sal)
Descoñecemos o momento no que se castelanizou o nome. No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "San Cláudio" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

SANDES, OS (Ladrido)
Posiblemente tería orixe nun xentilicio, referindo a unha familia provinte dun lugar de "Sande", ou un patronímico de apelido Sande, do mesmo modo que ocorreu no caso do lugar de "Os Gomes".
Canto a Sande, proviría dunha (uilla) Sandi, forma en xenitivo de Sando, nome do antigo posuidor, nome de orixe xermánica, formado a partir da raíz gótica santh 'verdadeiro' (cf. p. 334, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).
As formacións de topónimo co apelido ou alcume de posesor é frecuente neste concello, así atopamos Os Gomes, Os Pardos, Os Furoces, Os Netos, Os Vilalbas, así como probablemente tamén sexa o caso d'Os Rubidos e de Mouriños, entre outros.

SANGUIÑEDO (Cuíña)
SANGUIÑEDO (O Ermo)
Os termos "sanguiñedo" e "sanguiñal" indican un sitio onde abundan os sanguiños, o arbusto cornus sanguinea, que ao lle pelar a casca, queda con cor vermella, semellante ao sangue.
É un topónimo frecuente na zona. Temos un "O Sanguiñal" en Mañón.

SANTABALLA DE ABAIXO (Couzadoiro)
SANTABALLA DE ARRIBA (Couzadoiro)
A forma Santaballa é unha das evolucións que houbo do latín Sancta Eulalia para o
galego. En efecto, Sancta Eulalĭa pasou á toponimia galega coas formas Santa Baia, Santaballa, Santalla, Santaia e Santoalla. 
Refírese ao nome dunha mártir cristiá do final do século III. O seu culto debeu ser ben importante, pois Santa Alla é titular de 138 parroquias, a oitava máis frecuente. Como haxiotopónimo mantense na denominación parroquial en 21 casos. 

SEARA, A (Insua)
SENRA, A (Insua)
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo".  A voz "seara" designa ‘sementeira de cereal’, 'monte de rozas no que se cultiva centeo', así como o de "pedazo de terra cultivada".
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara

Ambos os dous,"Seara" como "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que na mesma parroquia de Insua conviven dous topónimos resultantes da mesma etimoloxía, o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. Temos tamén na parroquia de Ortigueira o mesmo topónimo "Senra".

No século XVIII atopamos Senra xa atestada como "Sénrra" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
O Catastro de Ensenada de Mera de Arriba (1752) rexistra un "marco da Seara" ao referir os límites da freguesía. 

SEIXIDAL (Devesos)
O mesmo significado de “seixal” e “seixido”, indicando un lugar onde abundan os seixos.

SEIXO, O (Ladrido, San Claudio, Senra)
A voz "seixo" é común no galego, derivada do latín saxu ‘pedra grande, rocha’. Ten dúas acepcións:  “pedra dura de pequeno tamaño, xeralmente lisa e arredondada” e tamén un “tipo de rocha xeralmente branca e moi dura”. 
Na toponimia, un "Seixo" en singular remite a un penedo baixo, a unha de pena de seixo, e que por veces serve de marco. Un exemplo deste uso témolo no Catastro de Ensenada (1752,1753), no cal é común para toda a zona da Mariña, Ortegal, etc ao referenciar os límites das freguesías, sendo moitos marcos o nome de "Seixo de ..". Así, no Catastro de Ensenada de Foz (1753), ao definir os límites desa freguesía: 
  ".. siguiendo por la vega de Escanlar a un Seijo blanco que en ella se halla .."

SENRA (Ortigueira)
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo". 
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara

Ambas as dúas formas,"Seara" e "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que na veciña parroquia de Insua conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 

Volvendo ao lugar da parroquia de Ortigueira, xa aparece atestado por primeira vez en 1137: 
 .."et in terra de Ortigaria uillam de Senrra et in terra de Prucios illam seruicialiam de sancto Pantaleone" (CODOLGA).
Máis tarde, en 1545 está documentado "San Giao de senrra" (cf. C. Breixo. "Pelerinaxes. Unha revisión da viaxe de Ourense a Santo André de Teixido ..." - aquí).

SEOANE (O Mosteiro)
SEOANE (Senra)
O Catastro de Ensenada do Mosteiro (1752) rexistra o "sitio de Lamas de Seoane" ao referir os límites da freguesía.
O termo Seoane é un haxiotopónimo, forma evolucionada de Sanctus Iohannes 'San Xoán'. Xa de ben antigo pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". A evolución seguíu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

SERANTES (Veiga)
Este lugar está atestado no 1488: "Pedro Ares de Galdo et Fernando de Serantes, moradores enna vila de Santa Marta dOrtigueira" (cf. Corpus Xelmírez: MSPT 49).
Este topónimo, relativamente frecuente en Galiza e Asturias, ten unha orixe prerromana, concretamente un hidrónimo de orixe antigoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo', e daí, *ser-anti 'fluínte, corrente'.

Esta orixe élle atribuída por varios autores, incluíndo o estudo de Gonzalo Hermo, no que aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- (Sarandeses, Sarandín, Sarandón e Sarandós) e Serant- (Serantellos e Serantes). Cf. aquí.

Boullón Agrelo, aínda que na mesma liña, achega a orixe na correspondente base celta *sar- 'auga', presente no nome dos ríos Sar e Sarela, ou no topónimo "Sarria"; a terminación compártea con outros topónimos como Arantes, Barbantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes. Indica ademais a posible relación con nomes étnicos prerromanos. Significaría, xa que logo, 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa' (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Tendo en conta as diferentes ocorrencias deste topónimo, como o de Serantes do Vicedo, lonxe de ríos e regatos, penso que "Serantes" remite a "poboadores oriúndos da veiga dun río Sar". Unha posibilidade sería o río Sar chamado máis frecuentemente río Esteiro, en Mogor (Mañón). Ver "Un novo Sar para interpretar Serantes, Barbantes e Ourantes" para máis detalles.

SIBIL (Devesos)
Derivado de (uilla) Severii, xenitivo de Severius. Indica, xa que logo, a existencia dunha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval pertencente a un posesor chamado Severius, nome de orixe latina (cf. J. Piel, 1950. "Os nomes dos santos tradicionais hispânicos na toponímia peninsular").
Nicandro Ares refire a existencia deste mesmo topónimo, coa grafía "Sivil", en Estraxiz (Samos), atestado no ano 978 como “villa de Severi”, no 1175 como “Sevir”, e no 1195 como "Sevil” (cf. p. 1184, N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol II).

Podería tamén vir de (uilla) Sibilii, de Sibilius, aínda que máis improbable do o caso anterior.

No entanto, e aínda que improbable, tampouco podemos descartar, a falta de documentación antiga, unha orixe nun posesor do lugar de apelido Sivil, Rivas Quintas recolle este apelido desde o século XIV (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do Noroeste hispánico").

SILVAO, O (Insua)
O Catastro de Ensenada de Insua (1752) rexistra o "Rio de Silvao" ao referir os límites da freguesía.
O topónimo remitiría a unha (uilla de) Silvanu,  unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval dun posesor chamado Silvanus, nome de orixe latina. Este nome está atestado en Galiza, no Tombo de Samos (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"), e tamén noutros lugares da Hispania (cf. J. M. Abascal, 1994. "Los nombres personales en las inscripciones latinas de Hispania").
A presenza do artigo, aínda que estraña, non sería excepcional. Podería deberse á influenza do apelativo común "silva", e interpretado como adxectivo.
Aínda que sen descartar que sexa un fitotopónimo, non semella que sexa este o caso; de feito, Navaza interprétao como nome de posesor (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

SISTO, O (San Claudio)
SISTO, O (Senra)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto.
Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.
Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que semella rexeitable.

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

Este topónimo aparece atestado xa con este nome no ano 1111:
.."  in Luama, aliam; in Sisto et in Pousata, omnem directuram; in Coinna, totam meam .." (cf. E. Cal, 1984. "El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental"). 

SOBRADO DE ABAIXO (Barbos)
SOBRADO DE ARRIBA (Barbos)
O apelativo "sobrado" refire no galego actual ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira".
Na toponimia alude á existencia dunha (casa de) sobrado, ou sexa, de dous pisos.
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, concluíndo que se refire a un tipo de construción enteira, caracterizada por posuír dous pisos, en oposición ás "casas terreas" que soamente posúen un (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

Igualmente, vemos que no norte de Portugal tiña o mesmo uso, inclusive no S. XVI, diferenciando "casas de sobrado" son diferenciadas coas "casas terreiras", dun só piso. Na documentación antiga do norte portugués atopamos textos como:
 *  "Item huma caza de sobrado telhada com sua varanda pera o poente  .."
 *  "Item huma caza de sobrado colmassa .."
 (cf. Tombo da Igrexa de S. Miguel de Lousada de 1542)

Xa J. M. Piel interpretara "sobrado" dun modo similar, aínda que coa diferencia de a ver como casa de certo lustre, "residencia máis ou menos fidalgas", pertencente á mesma categoría de "pazo" (< palatium) e sá (< sala). Cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953).
Tradicionalmente foi interpretado como derivado de superatum, ou superadditum 'engadido por riba', no sentido de 'sitio alto, eminente, que sobresae'. Así, I. Millán defíneo como "terra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987).
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de suberatum, tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

SOBORRIBAS (Cuíña)
Topónimo transparente: composto de "Sobor Ribas", sobre das ribas, sobre da ribeira.

SOLORES (Devesos)
Topónimo sen unha clara interpretación.
Dada a súa situación na faldra dun monte relativamente alto, podemos pensar nun composto *So-Lores 'ao pé de Lores', onde *Lores estaría talvez en relación á raíz prerromana *lor-, por veces interpretada en relación a rochas ou á hidronimia. Esta raíz estaría presente en topónimos como Loroño e Loroxo, así como en Lores (Meaño, Po), ou tamén unhas terras chamadas Os Lores (Parada de Sil, Ou)
Por outro lado, podería tratarse dunha derivación dun Sorores 'irmás, monxas', ben por referir a unhas monxas ou incluso talvez nun caso similar aos montes das "Tres Sorores" (Huesca), podemos pensar nunha referencia a talvez unhas penas xemelgas presentes no monte que houbese ao pé. Atopamos un Selores no norte de Portugal, e outro Solores en Cantabria, incluso o apelido Solores, mais non ten pegada en Galiza, é moi improbable que aluda a una antigo propietario de tal apelido.

SÓÑARA (San Salvador de Couzadoiro)
Topónimo de orixe prerromana, co sufixo átono -ara, xeralmente en palabras desa orixe, tales como gándara, Támara, Láncara.
J. J. Moralejo apunta para Sóñara unha orixe na raíz indoeuropea *seu- 'húmedo' ou *seu- 'dobrar, virar' (cf. J. J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008).

Na toponimia galega atopamos varios Sóñara, Sóñora, Soñar, Soñeiro e Soñariño. De feito, atopamos nun documento de 1271 un "Soniar" correspondente co actual Sóñora, preto do río do mesmo nome (cf. GMH. "Testamentum domni Johannes Marini ultimi").

SOÑÍN (Veiga)
Este topónimo tería a orixe en (uilla) Sun(n)ini, ou similar, referindo a unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval dun posesor de nome Suninus ou Sunninus. En efecto, Piel fai referencia ao topónimo portugués análogo Sonhim, e indica que podería ser derivado dun xenitivo dunha forma en -inus derivado do xermánico sunja 'verdade' (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI). Porén, a raíz da que se formou é incerta, tal vez podería ter derivado de *sona 'reparación, expiación', ou de *sunjo 'verdade'.

SORTELLA, A (Senra)
Aquí "sortella" referirá ao diminutivo de "sorte". Unha "sorte" sería unha propiedade resultante dun reparto ou fraccionamento dunha terra maior adquirida, ben de forma permanente ou ben temporal, rotando entre os veciños. Puido ter tamén en galego unha acepción derivada similar á recollida en portugués de "Faixa de terreno não murado, mas limitado por marcos. = LEIRA" .

Aínda na actualidade, montes pertencentes a unha comunidade de veciños, para usos gandeiros ou agrícolas, pode acordarse un aproveitamento temporal individual mediante a distribución  entre os veciños de lotes, sortes ou parcelas.
Igualmente, en Portugal os topónimos "Sortes" e Sortelha foron interpretados como 'divisões da propriedade rústica'. Cf. "sorte", p. 1365, J. P. Machado, 1993. "Dicionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa". Cf "Sortelha", p. 556, A. Almeida, 1999. "Toponímia portuguesa. Exame a um Dicionário").

É derivado do latín sors, sortis ‘sorte ou capital de investimento’, que pasaron ao romance cun sentido de ‘parcela de terra’. En Cataluña son tamén abundantes os topónimos Sorts, Sortanella.

SOUTO, O (Barbos, Cuíña, Mera de Abaixo, S. Salvador de Couzadoiro)
O termo souto, no galego actual e mais en portugués significa "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". Procede do latín saltum, e orixinariamente designaba un "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou a significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos".
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a preservación dos topónimos "Souto" en Galiza.

SOUTO DE POL, O (Senra)
Para "souto", ver "O SOUTO", para Pol, ver a entrada "Pol de Abaixo".

SOUTOMOR (Loiba)
Composto de "Souto Mor". Probabelmente derivado de Saltu Maiore 'souto maior'. Na Idade media era común o uso do adxectivo "mor", que posteriormente caíu en desuso polo cultismo "maior". É frecuente a conservación do adxectivo "mor" na toponimia, así tamén neste concello temos un Vilarmor, no Ermo.

Alternativamente, de Saltu Mauri, souto pertencente a unha persoa de nome Mauru(s).
É curiosa a súa deturpación como "Soutomoro", que podemos explicar como reinterpretación do topónimo.
Documentalmente, no Catastro de Ensenada (1752) aparece castelanizado como "Sottomor", no 1888 aparece igualmente como "Sotomor". E aínda no 1943 tamén figura atestado nun mapa co nome  "Sotomor", novamente castelanizado pero sen o engadido "o" final.

SOUTRANDÉ (San Claudio)
Este topónimo ten a orixe en "Souto André", que remite ao nome do antigo posesor do souto que estaría situado onde a actual poboación.
O desprazamento do -r- á sílaba anterior, por facilidade da pronuncia, non reviste maior problema. Así, por exemplo, figura atestado no ano 1495 un Juhan Lourenço de Santandré [freguesía de de Masma, Mondoñedo].

SUAPENA (Insua)
De "sub a pena", lugar situado ao pé dunha "pena".

SUARRIBA (O Ermo)
De "sub a riba", lugar situado ao pé dunha " riba". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente é referido á marxe dun río.

SUPENIDO, O (O Ermo)
De Sub-Penido, lugar situado ao pé dun penedo ou penido.

SUSAÍDO (Os Freires, Mera de Arriba)
Probablemente debamos interpretalo como "Su-Saído", lugar situado ao pé de "Saído". Nestes casos, a acepción de "saído" é afín á de "eixido" (lat. exitus), aludindo ao paso ou lugar situado á saída dunha poboación, casa ou propiedade. Os dicionarios de galego dan os significados de "Terreo adxacente a unha casa, especialmente entre labradores", así como o de "pasillo muy amplio que había en las casas antiguas" (cf. DdD).
No caso do lugar Susaído dos Freires, poidera aludir á situación na estrada á saída do lugar de Castelo, se é que este foi castelo antigamente. Para o caso do Susaído de Mera de Arriba, non acertamos coa poboación de referencia da que sería saída.

Alternativamente, podemos interpretalo como derivado do adxectivo susao, do latín sursum 'de arriba", e remitiría, por tanto, a un lugar situado nun alto, en relación a outro lugar.

TAIPA, A (Espasante)
TAIPA, A (Senra)
Este topónimo está relacionado co apelativo "taipa", presente nalgúns dicionarios de galego como sinónimo de "tapia" 'muro alto co que se delimita e pecha un terreo'.
Para Coromines, a primitiva implantación xeográfica permite derivalo dunha orixe hispano-latina *tapia, "probablemente formado con tap!, onomatopeya del apisonamiento".
A metátese tapia > taipa é un fenómeno común no galego, aínda que na toponimia soamente coñecemos estes dous casos de "Taipa", fronte ás ducias de Tapia existentes en Galiza.
No portugués, a forma estandar é precisamente "taipa" 'parede feita com grade de madeira delgada e estreita, cujos vãos se enchem de argamassa" (cf. priberam).

TALLÓN (Luía)
O dicionarios definen "tallón" como "pequena extensión de terreo destinado ao cultivo de legumes". Por outro lado, Sarmiento recollía a acepción de "cuadrado de viña".

TEIXOEIRAS, AS (San Claudio)
TEIXOEIRAS DE ABAIXO, AS (Os Freires)
Lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos". Alternativamente, é tamén un sinónimo de teixido, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata') (cf. DdD).

TELLAS (Mera de Arriba)
Aínda que o significado é transparente, a motivación que deu lugar ao topónimo é incerta. Pode aludir a un lugar onde se fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar. Tamén pode remitir a un sitio no cal había restos de edificacións, e por tanto tellas estradas.

TELLADO, O (San Salvador de Couzadoiro)
O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu. O topónimo  deriva do obvio significado de "(casa de) tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A (casa) Lousada" ou "A (casa) Pallaza".
Por outro lado, "Tellado" é interpretado na toponimia en xeral como "lugar abandonado e repoboado"; xa os romanos, chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. p. 635 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).

TELLEIRA, A (Senra)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar. A súa existenza parece que durou ata mediados do século XX.

TESOURO, O (Devesos)
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza. Por veces, as arcas en Galiza son chamadas "tesouros" ou "forno" (dos mouros), entre outros capela, casa, forno (dos mouros) (cf. J. S. Crespo, 1972. "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..." Vol. I). Como exemplo, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra A Mámoa do Tesouro (Vigo).
O Catastro de Ensenada de San Claudio (1752) rexistra o "marco do Thesouro" ao referir os límites da freguesía coa de Santiago de Mera.

TINTEIRA, A (Insua)
Posiblemente teña orixe como derivado de "tinta", do latín tincta, participio de tingere 'tinxir'.
Seguindo a interpretación que fai Navaza, a  motivación do topónimo  podería estar referido ben a uva tinta, tal como tamén indica Palacio.  Alternativamente, podería tamén aludir a outras especies botánicas, especialmente aquelas usadas para tinxir tecidos ou para obter tinta ou líquidos corantes. Indica ademais Navaza o caso recollido por Sarmiento, de chamar "tinta" á árbore Ligustrum germanicum, da cal se usaba o zume negro do froito (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

TORNO, O (Ladrido)
Os topónimos "Torna", "Torno" e "Retorno" serían, polo xeral, de orixe prerromana, hidrónimos cun significado de "chorro de auga", derivados da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog PenaDaCataverna para máis detalles.

TORNEIRO, O (Senra)
TORNEIROS, OS (Insua)
O dicionario define "torneiro" como persoa que traballa co torno. Podemos interpretar o topónimo neste sentido, sendo o lugar pertencente a unha persoa con tal oficio.
Por outro lado, tamén temos a acepción para torneiro e torneira de "lugar no que se desvía a auga dunha acequia" (cf. DdD).
O Catastro de Ensenada dos Devesos (1752) rexistra tamén o "sitio de Torneira" na freguesía, no cal se situaba un batán.

TORRE, A (Barbos, Couzadoiro, Devesos, Espasante, San Claudio, Senra)
O termo "torre" nestes topónimos non se refire estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

TRABADO, O (Couzadoiro)
Posiblemente derivado do latín tabulatu(m), "taboado", nun sentido metafórico de "terreo de superficie achaiada, terreo chan". En galego, táboa é tamén un ‘pebideiro’, un ‘tallo’ ou ‘tallón’.

Este topónimo foi tratado por varios autores, en particular por Marqués Valea, quen indica que "Trabada" está xa atestada desde o século VIII, e indica que a lingua da agricultura usaba"tabla" no sentido de ‘cadro de viña’, ‘cadro de terreo’, e que este sentido permanece nos derivados peninsulares tablada, tabuada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada").

Álvarez Maurín (1994: 317) recolle este uso metafórico do termo tablada na orografía e na hidronimia: “En Babia y Laciana tablada designa el “trozo del río que lleva agua mansa” (cf. M. P. Álvarez, 1994. "Diplomática asturleonesa. Terminología toponímica").

Fernández Morales definira a tablada como “pedazo llano y corto de terreno dispuesto para plantar o plantado de hortalizas” (cf. A. Fernández, 1861. "Ensayos poéticos en dialecto berciano").

Ebeling-Kruger incorporaran outros valores: “partes de un castañal repartidas entre los vecinos: tabladas en el concejo de Cangas de Tineo; cp. tablada ‘porción de terreno destinada al cultivo y principalmente a huerta’ en El Bierzo (García Rey), ‘cada uno de los espacios en que se divide una huerta para su riego’ en la provincia de Palencia (Dicc. Ac. Esp.). Encontramos "tabla" y sus derivados con acepciones semejantes en el Alentejo (tabuada ‘canteiro nas hortas’), en cat. taula, taulada….” (cf. W. Ebeling e F. Krüger, 1952. "La castaña en el noroeste de la Península Ibérica. Estudio etnográfico lexicológico", in "Anales del Instituto de Lingüística").

No entanto, hai dúbidas importantes, tal como comentamos para o topónimo "Trabazón", e lévannos a crer máis plausible a interpretación dada por Edelmiro Bascuas, derivando a serie "Traba", "Trabado" (e tamén o apelativo "trave") dunha forma hidronímica *traw- , a partir da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar' (cf. E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

TRABAZÓN (Insua)
Forma relacionada con "Traba" e "Trabazo(s)". Estes topónimos, frecuentes na xeografía galega, teñen interpretacións controversas.
O máis plausíbel é interpretalo como aumentativo de Trabazo, o cal remitiría a unha construción feita de trabes (troncos), igual que "vergazo" indica unha feita de varas 'virga', ou pallaza de palla. En efecto, aínda que o sufixo -azo podemos interpretalo como abundancial, neste caso ao levar o aumentativo non semella ter sentido.
Por outro lado, tampouco sería descartable o uso como sinécdoque, a partir de trabazo "viga grande", remitir a unha árbore corpulenta da que se pode obter unha boa trabe (viga).

TRESTEMIL (San Claudio)
Tamén chamado Tristimil. 
Remite a unha (uilla) Trastemiri, forma en xenitivo de Trastemirus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. O nome ten orixe xermánica, bitemático de *thrafstiz 'confort' e *merjaz 'famoso'. Trastemirus figura nun documento do ano 818,  no Tombo de Sobrado (cf. p. 435 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)")

Este lugar está atestado en 1413 como "casar de Trastemil" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).
Hai tamén un Trastemil en Vilalba, da mesma etimoloxía.

TRONQUEIRA, A (San Claudio)
Referido a un lugar onde abundan os troncos. Este topónimo figura recollido por Navaza na súa obra de fitotoponimia. Navaza interpreta tronco, na toponimia, como árbore que é aproveitable para madeira (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

VALELLA (Barbos)
VALELLA DE ABAIXO (Cuíña)
VALELLA DE ARRIBA (Cuíña)
Diminutivo de "val", co sufixo -ella. É de notar a antigüidade do topónimo, pois aquí "vale" aínda conserva o orixinario xénero femenino que tiña no latín.

O Catastro de Ensenada do Ermo (1752) rexistra a "sito de Valelle" (sic) ao referir os muíños da freguesía.

VENDA, A (Devesos)
VENDA, A (Luía)
VENDA, A (O Mosteiro)
VENDA, A (San Claudio)
O topónimo destes núcleos de poboación deriva do latín vendita, referido a unha antiga venda (pousada), as cales se situaban á beira das estradas.

VALESCURA (Cuíña)
Topónimo transparentede "vale escura". É de notar a antiguidade do topónimo, pois aquí "val" aínda conserva o orixinario xénero femenino que tiña no latín.

VILABADE (Barbos)
De Uilla abbati, "uilla (granxa, explotación agrícola) dun abade", ou tamén "uilla Abbati", con Abbati como nome personal, tal como propón J. M. Piel para outro topónimo "Vilabade". Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", Verba 11 (1984).

VILACOVA (Barbos)
Composto de "Vila Cova". Neste caso, "cova" actúa como adxectivo, nun sentido metafórico, indicando que o lugar está localizado no fondo dunha pequena valgueira. Este é o caso, por exemplo de "A Cova" en Riobarba.
O dicionario non rexistra esta acepción para "cova" (senón que a define como "caverna, cavidade natural ou artificial no terreo").
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así o Nomenclator rexistra núcleos de poboación con este nome en Santiago, Palas de Rei, Abegondo, Lousame, etc.

VILALBAS, OS (San Salvador de Couzadoiro)
Topónimo que ten a orixe no apelido dos antigos posesores do lugar. O apelido Vilalba é aínda frecuente na actualidade en Ortigueira.
As formacións de topónimo co apelido ou alcume de posesor é frecuente neste concello, así atopamos Os Gomes, Os Pardos, Os Furoces, Os Netos, Os Sandes, así como probablemente tamén sexa o caso d'Os Rubidos e de Mouriños, entre outros. 

VILAR (Mera de Arriba)
VILAR, O (Couzadoiro)
VILAR, O (Devesos)
VILAR, O (Insua)
VILAR, O (Mera de Abaixo)
VILAR, O (Mera de Arriba)
VILAR, O (S. Salvador de Couzadoiro)
VILARNOVO (O Ermo)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia (cf. p. 221 de Baliñas Pérez. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").
É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.
Viterbo interpreta as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").

Por outra banda, na actualidade os dicionarios refiren "vilar" a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito" (cf. DdD).

Finalmente, é interesante notar o feito de non existir ningún topónimo "Vilarelo" e si existiren moitos "Vilariño". Isto apunta a que o apelativo "vilar" non existía neste sentido na Alta Idade Media. Con todo, si figura atestado un "Vilariño" no 1258 (cf. DDDGM)

VILARIÑO (As Neves)
VILARIÑO (Mera de Abaixo)
VILARIÑO DE ABAIXO (Insua)
VILARIÑO DE ARRIBA (Insua)
O Catastro de Ensenada para Devesos (1752) atesta o "sitio de Vilariño" ao referir os muíños desta parroquia.
O Catastro de Ensenada de Insua (1752) rexistra o "Rio de Vilariño" ao referir os límites da freguesía.

Topónimo que deriva do diminutivo de "vilar". Viterbo interpreta as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").

É interesante notar o feito de levar o sufixo -iño e non o sufixo -elo, o cal indícanos que non ten a antigüidade que tería un termo con sufixo -elo; de feito, non atopamos ningún topónimo Vilarelo e si moitos "Vilariño". Isto apunta a que o apelativo "vilar" non existía neste sentido na Alta Idade Media. Si figura xa atestado un "Vilariño" no 1258 (cf. DdDGM)

Ver "O VILAR" para máis detalles.

VILARMOR (O Ermo)
Composto de "Vilar Mor", derivado de "Vilar Maior". Na Idade media era común o uso do adxectivo "mor" (tamén como nome de persoa), que posteriormente caíu en desuso polo cultismo "maior". O mesmo adxectivo está presente tamén en "Soutomor".
Para o termo "vilar", ver "O VILAR".
O Catastro de Ensenada de San Claudio (1752) rexistra o "sitio de Villarmor" ao referir os muíños da freguesía.

VIÑÁN (Insua)
O nome deste núcleo de poboación, segundo Joseph Piel, viría dunha (uilla) Viniani, dun posesor chamado *Vinianus (cf. J. M. Piel, 1948. “Nomes de possesores latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa”, separata de Biblos, 23).
O Nomenclator rexistra outro Viñán en Oroso (A Coruña).

VISO, O (Céltigos)
A voz "viso" remite a un sitio alto, elevado, con boas vistas (cf. DdD).

VIXILDO (Insua)
Este topónimo ten a orixe en (uilla de) Vigildu, referindo a unha uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval dun posesor de nome Vigildus . En efecto, Piel fai referencia a este topónimo concreto de Insua, derivándoo "claramente" dese nome Vigildus (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VII).

XAMBÓN (Devesos)
Topónimo que remite a un Xan Bon, sendo "Bon" o apelido ou alcume, e que correspondería co nome do posesor do lugar que daría orixe a este núcleo de poboación.

XEDRIZ (Espasante)
Topónimo que remite ao nome do posesor dunha uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que daría orixe a este núcleo de poboación. Aínda que é segura a orixe no nome do posesor dunha uilla, é complicado establecer o nome específico. 
A posibilidade máis plausíbel, penso que é a da orixe nunha (uilla) Uittirici, que faría referencia ao nome do antigo posesor da uilla, Uittiricus, de orixe xermánica. Esta hipótese, aínda que poida resultar estraña a evolución, con palatalización da consoante inicial, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
Outra hipótese sería de provir dun (uilla) Geterici, forma en xenitivo de Getericus, nome tamén de orixe xermánica.
Finalmente, tamén é posíbel que proveña dun *(uilla) Seserici, xenitivo de Sesericus. Se for este o caso, tería a mesma orixe de Xerdiz - Ourol, que figura atestado como Seserit nun documento do século XII. A evolución Xerdiz >Xedriz non sería estraña ao galego.

XESTAL, O (Insua)
XESTAL, O (San Claudio)
Topónimo transparente, referindo a un lugar onde abundan as xestas, que denomina varias especies arbustivas, xeralmente a de nome científico Cytisus scoparius.

XILFONXE (Ladrido)
Topónimo orixinado nun nome de posesor duna uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval. Aínda que é segura a orixe no nome do posesor dunha uilla , é complicado establecer un nome específico. 
A posibilidade máis plausible, penso que é a da orixe nunha (uilla) Uilifonsi, que faría referencia ao nome do antigo posesor da uilla,  Uilifonsus, nome de orixe xermánica. Tería a mesma orixe que o toponimo Guilfonxe (Amoeiro, Ou.) e Guilfonso (Alfoz, Lu). Esta hipótese, aínda que poida resultar estraña a evolución, con palatalización da consoante inicial, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
Outra alternativa sería que proveña de (uilla) Gillfonsi, forma en xenitivo de Gillfonsus, ou alternativamente de (uilla) Gildefonsi, de Gildefonsus, ambos os dous nomen tamén de orixe xermánica. Porén, o nome Gildefonsus non o atopamos na documentación medieval galega, aínda que si está documentado fóra da Península e é unha formación válida dacordo á onomástica xermánica, e derivaría de gild- (protoxermánico *geldan 'tributo, recompensa') e máis -fonsus (protoxermánico *funsaz 'ansioso, preparado') .
Este lugar estaría atestado en 1413 como "casal de Xilfonxe" (cf. S. Daviña, "Tumbo del convento dominico de Santa Marta de Ortigueira", in Nalgures, tomo V).

XILOI (Loiba)
Tamén se trata dun topónimo orixinado nun nome de posesor duna uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval. Porén, é complicado establecer un nome de posesor específico.
Podemos pensar nunha (uilla) Gilloni, xenitivo de Gillonus,  ou igualmente un (uilla) Gilloi. Son nomes tamén de orixe xermánica, aínda que nin Gillonus nin Gilloi están atestados na península.

XIROS (Couzadoiro)
Este topónimo xeralmente remite  a un lugar que queda no perímetro doutro destacado. No caso que nos ocupa, este lugar queda ao pé dos lugares d'O Pazo e  d'A Torre. Xa que logo, alude á súa localización no perímetro da antiga residencia señorial.